Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 12 de decembro de 1997 Páx. 11.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no, Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo extraestatutario ou de eficacia limitada do sector do comercio da pel.

Visto o texto do convenio colectivo extraestatutario o de eficacia limitada para o sector do comercio da pel, da provincia de Pontevedra, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-9-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Comercio da Pel da provincia de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, se ben con carácter de eficacia limitada ou extraestatutaria, ó non teren as ditas centrais a maioría da representatividade sindical do devandito sector, convenio que foi subscrito con data do 12-8-1997, de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e por aconsellalo así razóns de interese público, en orde ó xeral coñecemento do devandito convenio colectivo extraestatutario. A teor do disposto no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da

Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de outubro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para o sector do comercio da pel. Pontevedra

Artigo 1º.-Partes firmantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio da Pel, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio, sempre tendo en conta o seu carácter de eficacia limitada, regula as relacións laborais entre empresarios e traballadores, en tódalas empresas da provincia de Pontevedra, integradas ou non en asociacións empresariais legalmente constituídas e dedicadas á actividade do comercio da pel, encadradas na ordenanza laboral do comercio.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor ós dez días do seu asinamento, con independencia da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerá ó 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 4º.-Duración e prórrogas.

Terá unha duración dun ano, contados a partir do 1 de xaneiro de 1997, finalizarán os seus efectos o 31 de decembro de 1997.

Non obstante, entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cunha antelación mínima de tres meses antes da data do seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas, debendo darse traslado da denuncia ás asociacións afectadas polo presente convenio.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó establecemento do presente convenio, viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberá conservalas.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo que se realizarán segundo o horario de traballo seguinte:

a) Horario de verán: 1 de xuño a 30 de setembro.

-Mañás: de 9.45 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.30 a 20 horas.

Neste período, o presente horario de traballo realizarase de luns a sábado pola mañá, comprendendo, en consecuencia, o descanso semanal de día e medio, a tarde do sábado e o día completo do domingo, de acordo co previsto no artigo 37.1º do Estatuto dos traballadores.

Dito o anterior, cómpre sinalar que en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios os sábados pola tarde; neste caso, os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados.

b) Horario para o resto do ano:

-Mañás: de 10 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.15 a 20 horas.

No resto do ano rexerá este horario de traballo de luns a sábado pola tarde para o que en cada empresa se fixará o descanso compensatorio polo traballo nas tardes dos sábados, segundo o previsto no Real decreto 1561/1995.

Non obstante o sinalado nos parágrafos anteriores, en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns traballadores, para a modificación do horario de traballo, tanto o fixado para verán como para o resto do ano.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio, as partes asinantes del acordan a supresión das horas extraordinarias habituais.

Pola contra, acórdase a realización de horas extraordinarias que veñan esixidas por necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, e o mantemento das que resulten necesarios por períodos de maior venda, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de marzo a outubro, ámbolos dous inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada unidade de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que quen tivo preferencia de elección de quenda no ano anterior é o último á hora de elixir quenda no presente ano.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Con independencia do disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal, logo de aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais nos casos de nacemento de fillo.

c) Ata 5 días naturais nos casos de morte ou enterro do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que en cada caso concorran.

d) Ata un máximo de tres días naturais por ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días ó ano, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 5 días, polo menos, para un deles, fixándose o segundo de acordo coas necesidades da empresa.

Esta última licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 10º.-Salarios.

As retribucións salariais son, para cada un dos dous anos, as que para cada categoría se fixan nas táboas salariais anexas.

Artigo 11º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1997 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1996 superior ó 2,6% o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1998.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 1998, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1997. A cuantificación do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes ó 31 de decembro de 1997 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para 1998.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en cuadrienios na contía do 5% do salario base correspondente á categoría na que está clasificado.

O cómputo da antigüidade iniciarase desde o momento en que pasen á categoría de axudante -no que se refire á dependencia mercantil propiamente dita, respectádose como mínimo o 3% sobre o salario mínimo interprofesional vixente en todo momento.

Artigo 13º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade completa (salario convenio máis antigüidade), cada unha delas nas seguintes datas: 1 de marzo (paga de beneficios), xullo e Nadal.

Artigo 14º.-Plus de transporte.

Establécense para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio, un plus de transporte de 7.219 pesetas mensuais, que será aboado en cada un dos doce meses do ano.

Artigo 15º.-Incapacidade temporal.

Durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade ou accidente debidamente xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas ata o importe íntegro das retribucións do convenio.

Artigo 16º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas cubri-las ditas vacantes con calquera traballador inscrito como demandante en oficinas de emprego.

Artigo 17º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a un ano, contado desde a terminación do descanso de maternidade a que se refire o nº 3 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a el, unha vez finalizada a excedencia, sempre que soliciten o reingreso cun mes de antelación ó termo desta.

Artigo 18º.-Axuda por xubilación.

Ó producirse a xubilación dun traballador con máis de vinte anos de servicio na empresa, recibirá dela o importe íntegro dunha mensualidade incrementado con tódolos emolumentos inherentes a esta, respectándose as superiores axudas que por este concepto veñan realizando as empresas.

Artigo 19º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento do traballador, cun ano polo menos pertencendo á empresa, esta queda obrigada a

lles satisfacer ós seus dereitohabentes o importe de dúas mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Artigo 20º.-Desconto en compras.

O desconto en compras que o persoal realice nas súas empresas será, como mínimo, do 15%, respectándose as situacións máis favorables que se viñesen dando ata a data. O dito desconto non será efectivo nos artigos en rebaixas ou en saldo.

Artigo 21º.-Contratación.

Contrato eventual.- A teor do disposto no artigo 15 b) do texto refunfido do ET e R.D. lei 8/1997, do 16 de maio, ambos vixentes, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato. Formalizarase por escrito, consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancias que o motiven, e rexistrándose no INEM.

Duración e prórroga.-A duración destes contratos non poderá ser inferior a 30 días, nin superior a 13 meses, dentro dun período de 18, contados a partir do momento do contrato inicial. Limitarase a dous o número de contratos que se lle realizarán, na súa duración máxima, a unha mesma persoa.

No caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós trece meses, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. As prórrogas terán unha duración mínima de 15 días. A duración do contrato e das súas prórrogas axustarase ó disposto anteriormente, salvo que exista pacto en contrario.

Nos contratos superiores ós seis meses, se ó remate do período inicial ou de calquera das súas prórrogas, no houbese unha comunicación previa de dez días de antelación ó seu remate, o contrato considerarase prorrogado automaticamente ata a súa duración máxima. Se ó remate da súa duración máxima non houbese denuncia expresa con dez días de antelación e se continuase prestando servicios, o contrato considerarase por tempo indefinido, salvo proba en contrario que acredite a natureza temporal da prestación.

Formación.-A súa duración mínima será de seis meses, ata un máximo de 30 meses, prorrogables de seis en seis meses. A retribución que se aboará será do 85 % do salario fixado en convenio para a categoría na que se vai forma-lo traballador.

Os contratos regulados no presente artigo serán de aplicación durante os anos 1997 e 1998, período durante o cal se poderán concertar este tipo de contratos, aceptándose a vixencia destes ata a súa finalización.

Artigo 22º.-Contraprestación.

En compensación ás melloras pactadas neste convenio os productores obríganse a presta-los seus servicios co maior interese e productividade.

Artigo 23º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que aterse ó que dispoñen as normas legais vixentes de aplicación.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e para atender a cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, que estará integrada por tres representantes de cada unha das partes que negocian o convenio.

Disposición adicional

As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará configurada polos mesmos membros que o fosen da comisión negociadora do presente convenio, para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio do ano 1998, das directrices do acordo marco de comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

Vigo, 7 de xullo de 1997.

Táboa salarial anexa para o ano 1997

CategoríasSalario mensual

GRUPO I
Enxeñeiros e licenciados105.573
Axudantes técnicos 89.366
Practicantes 79.467

GRUPO II
Xefe de persoal100.175
Xefe de vendas100.175
Xefe de compras100.175
Encargado xeral100.175
Xefe de almacén 89.366
Xefe de sucursal 89.366
Xefe de grupo 89.366
Xefe de sección 79.685
Encargado de establecemento, vendedor, comprador 79.140
Viaxante 79.685
Corredor de praza 75.076
Dependente 79.358
Dependente maior 87.294
Axudante 73.499
Traballadores en formación: 85% do salario da categoría para a que se vai formar (Art. 21º.-Contratación)

GRUPO III
Xefe administrativo 92.812
Xefe de sección 86.097
Contable, caixeiro, taquimecanógrafo 79.140
Oficial administrativo 94.775
Auxiliar de caixa 79.140
Auxiliar administrativo 79.140

GRUPO IV
Debuxante 89.653
Escaparatista 79.140
Rotulista 79.140
Cortador 79.140
Axudante de cortador 79.140

GRUPO V
Persoal de limpeza: a razón de539 ptas./hora

Profesionais de oficio: nas demais categorías non previstas nesta táboa, faranse as asimilacións que correspondan.

97-9761