Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 04 de decembro de 1997 Páx. 11.705

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de novembro de 1997 pola que se clasifica como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Negreira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Negreira con domicilio en Negreira.

Supostos de feito.

1. José Blanco Pazos, na súa calidade de representante da fundación, en escrito de 16 de outubro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Negreira, o día 6 de outubro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Manuel María Romero Neira, co número mil catrocentos cincuenta e un do seu protocolo, por María Dolores Gesto Luances e José Blanco Pazos. Interveñen: a primeira, en representación, como presidenta da xunta directiva, da Asociación de Pais Discapacitados Psíquicos da comarca de Negreira e o segundo, en representación, como alcalde presidente do Concello de Negreira.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, o obxecto da fundación é proporcionar asistencia social para discapacitados psíquicos en idade laboral cunha minusvalidez temporal ou permanente que lles impida a súa integración nunha empresa ou nun centro especial de emprego, prestando funcións tutelares, asistenciais, ocupacionais e en xeral calquera tipo de actividades formativas ou educacionais tendentes a mellora-la calidade de vida dos seus beneficiarios.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Blanco Pazos, Óscar Manuel Suárez Romarís, María Paz Pérez Asorey, Rosa Ana Prada Queipo, María Dolores Gesto Luaces e Victoria Andújar Pose.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Negreira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de novembro de 1997.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Negreira e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9181