Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 03 de decembro de 1997 Páx. 11.681

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Bamipal, S.L., no concello de Vilagarcía de Arousa, provincia de Pontevedra. (Expediente 96/394-4).

Visto o escrito presentado pola empresa Bamipal, S.L., con enderezo para efectos de notificacións en polígono industrial Bamio nº 54, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 14 de outubro de 1997, a referida empresa, titular dunha planta de fabricación de derivados da madeira, solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especia1 de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na súa factoría do Concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Xúntalle a dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos alcanzables e de aforro de enerxía que se conseguirán coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado Real decreto 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Dous grupos motor-xerador de 500 kVA cada un.

-Sistemas auxiliares de recuperación de calor e almacenamento de combustible con dous depósitos de 30.000 litros cada un.

-lnstalacións de baixa tensión, regulación, control e interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora.

Segundo.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra dictou Resolución do 27 de xaneiro de 1997 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 7-3-1997 e no BOP de Pontevedra do 19-3-1997, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Terceiro.-Por Resolución do 13 de decembro de 1996, a Dirección Xeral de Industria recoñeceulle á dita planta de coxeración a condición de instalación acollida ó rexime especial do R.D. 2366/1994, incluíndoa no grupo d) do artigo 2 de dito real decreto.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da antedita delegación provincial.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Bamipal, S.L., que se vai situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa notificación ou publicación.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria