Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 02 de decembro de 1997 Páx. 11.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 27 de novembro de 1997 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais polo persoal funcionario, laboral e estatutario interino do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, que se levará a efectos o día 2 de decembro desde as 0 ás 24 horas, e tódolos martes, desde o día 9 de decembro, de 11.30 a 12.30 horas no hospital provincial e de 12 a 13 horas no Hospital Psiquiátrico O Rebullón.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade nece

saria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal funcionario, laboral e estatutario interino do C.H. Provincial-Rebullón que se levará a efecto o día 2 de decembro desde as 0 ás 24 horas, e tódolos martes, desde o día 9 de decembro, de 11.30 a 12.30 horas no hospital provincial e de 12 a 13 horas no Hospital Psiquiátrico O Rebullón, oído o comité de folga, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada o día 2 de decembro desde as 0 ás 24 horas, e tódolos martes, desde o día 9 de decembro, de 11.30 a 12.30 horas no hospital provincial e de 12 a 13 horas no Hospital Psiquiátrico O Rebullón, que afecta o persoal funcionario, laboral e estatutario interino do C.H. Provincial-Rebullón, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que resultan da seguinte proposta que se engade mediante anexo a esta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios, e foron consensuados co comité de folga.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Xustíficase a fixación dos mentados criterios no feito de que resulta necesario garanti-la asistencia imprescindible ós pacientes de consulta e atención urxente ós usuarios. En ámbolos dous casos, calquera omisión ou preterición traería consigo consecuencias moi negativas para os usuarios coa posible irrogación de danos e perdas.

Tamén convén sinalar que tales criterios basicamente correspóndense cos tidos en conta con motivo doutras folgas no ámbito sanitario e de acordo coas centrais sindicais.

Artigo 2º

A designación numérica e nominal que resulta da aplicación dos criterios establecidos con carácter rotatorio do persoal que deberá cubri-los distintos servicios, será determinado polo director xerente do C.H. Provincial-Rebullón.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 1997.

José Mª. Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9455