Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 02 de decembro de 1997 Páx. 11.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 18 de novembro de 1997 pola que se regula a fixación dos horarios do persoal da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia e se establecen as compensacións por razón da actividade extraordinaria desenvolvida.

O regulamento da escala de axentes forestais, aprobado polo Decreto 293/1997, do 1 de outubro de 1997, remite a unha orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para o establecemento do marco para a fixación dos horarios do persoal da escala (artigo 16) e para a determinación, dentro do marco retributivo dos funcionarios, das compensacións por razón da actividade extraordinaria desenvolvida (artigo 20).

En cumprimento da devandita remisión e en uso da facultade conferida na disposición derradeira segunda do dito decreto, e logo do acordo acadado na mesa xeral de negociación e do informe favorable da Comisión de Persoal,

DISPOÑO:

Capítulo I

Horarios

Artigo 1º

1. O persoal da escala realizará o seu traballo entre as 00 e as 24 horas, en función dos horarios que sexan fixados polos delegados provinciais, por proposta dos xefes de servicio respectivos, nos que se determinarán os efectivos necesarios para atende-los servicios en sábados, domingos e festivos.

En calquera caso, o devandito persoal desfrutará dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

2. Os cadros horarios serán confeccionados con carácter trimestral e postos en coñecemento do persoal afectado cunha antelación mínima de 1 mes, salvo nos supostos excepcionais que non o permitan.

Artigo 2º

Na fixación dos horarios das xornadas ou quendas ordinarias terase en conta o seguinte:

a) O cómputo anual establecido no artigo 15 do regulamento da escala.

b) A duración da xornada diaria ou quenda será de 7 horas de outubro a marzo e de 8 horas de abril a setembro. Esta xornada ou quenda, se se realiza pola mañá, terá que rematar antes das 15 horas e, se se realiza pola tarde non, poderá iniciarse antes das 14 horas. Todo o anterior sen prexuízo do previsto no artigo 18 do regulamento da escala. No caso de quendas procurarase a rotación do persoal.

c) Considerarase horario diúrno o que se realice entre as 8 e as 21 horas de outubro a marzo e entre as 7 e as 22 horas de abril a setembro.

d) Considerarase horario nocturno o que se realice entre as 21 e as 8 horas de outubro a marzo e entre as 22 e as 7 horas de abril a setembro.

e) No suposto de que unha xornada ou quenda se prolongue por necesidade da continuidade do servicio ou deba realizarse durante máis de 2 horas en horario nocturno, entenderase realizada integramente no devandito horario nocturno.

f) Consideraranse xornadas ou quendas de fin de semana ou festivo as que se realicen entre as 21 horas do venres ou día anterior ó festivo e as 8 horas do luns ou día seguinte ó festivo de outubro a marzo, e entre as 22 e as 7 horas, respectivamente, de abril a setembro.

g) No caso de xornadas ou quendas que se realicen en horario nocturno ou en fin de semana ou festivo, procurarase a rotación do persoal de xeito que, como máximo, cada axente non realice ó mes máis de 5 en horario nocturno nin máis de 4 en fin de semana nun máximo de 2 fins de semana, así como un máximo de 1 en festivo cun máximo anual de 3 festivos.

h) No caso da prolongación de xornada á que fai referencia o artigo 18 do regulamento da escala, por cada hora prolongada respecto á xornada fixada diminuirase en 1.25 horas, se se realiza en horario diúrno, ou en 1.50 horas se se realiza en horario nocturno ou en fin de semana ou festivo, a duración doutra ou doutras xornadas ordinarias nos dous meses seguintes, tendo en conta a petición do interesado e as necesidades do servicio.

Artigo 3º

Na fixación das xornadas extraordinarias ou gardas previstas no artigo 17 do regulamento da escala terase en contra o seguinte:

a) Procurarase a rotación do persoal de xeito que como máximo cada axente non realice ó mes máis de 16 destas gardas.

b) A súa duración máxima será de 12 horas cun descanso posterior de 36 horas, salvo que as necesidades derivadas da rotación do persoal non o permitan, e sen prexuízo do establecido no artigo 18 do regulamento da escala.

Capítulo II

Compensacións económicas

Artigo 4º

O persoal da escala percibirá as seguintes compensacións económicas en concepto de complemento de productividade de acordo co disposto no artigo 64.3 c) da Lei 4/1988, da función pública de Galicia:

1.1. Pola adaptación do seu horario ás necesidades do servicio, ata 6.250 ptas./mensuais.

1.2. Cando a adaptación do seu horario ás necesidades do servicio implique realizar xornadas ordinarias en fin de semana ou festivo ou en horario nocturno, ata 10.000 ptas./mensuais.

1.3. Cando a adaptación do seu horario ás necesidades do servicio implique realizar xornadas extraordinarias de garda de presencia física de 12 horas, ata 15.000 ptas./mensuais.

As compensacións económicas establecidas neste apartado 1 son incompatibles entre si.

2.1. Por cada xornada ordinaria realizada en fin de semana ou festivo en horario diúrno ou o resto dos días en horario nocturno ou, nestes últimos días, nos supostos previstos no apartado e) do artigo 2, 4.000 ptas.

2.2. Por cada xornada ordinaria realizada en fin de semana ou festivo en horario nocturno ou, nestes días, nos supostos previstos no apartado e) do artigo 2, 5.000 ptas.

2.3. Por cada xornada extraordinaria de garda de presencia física de 12 horas realizadas en máis dun 50% en sábado, domingo ou festivo, 9.000 ptas., e 6.000 ptas. o resto dos días.

A compensación económica establecida no punto 3 deste apartado 2 é incompatible coas establecidas nos seus puntos 1 e 2.

Artigo 5º

1. A percepción das compensacións establecidas no artigo anterior estará suxeita a que se dean as condicións sinaladas no apartado 1 e á efectiva prestación dos servicios previstos no apartado 2.

2. En calquera caso, a aplicación orzamentaria do complemento de productividade establecido por razón da actividade extraordinaria que regula esta orde quedará limitada ás dotacións orzamentarias que anualmente se establezan para a consellería,

tendo sempre en conta o disposto ó respecto na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada ano.

3. No presente exercicio de 1997, a dotación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes é de trescentos millóns de pesetas.

Disposición adicional

Dentro do marco establecido no artigo 21 do regulamento da escala procurarase que, durante os meses de xullo, agosto e setembro, alomenos un axente por comarca desfrute dunha quincena de vacacións.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9587