Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 01 de decembro de 1997 Páx. 11.471

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 7 de novembro de 1997 pola que se desenvolven determinados aspectos do Decreto 282/1997, do 1 de outubro, polo que se crea a medalla e placa ó mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na data do 14 de outubro de 1997 publicouse no DOG o Decreto 282/1997, do 1 de outubro, polo que se crea a medalla e placa ó mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o rexistro das ditas medallas e placas.

O obxecto deste decreto era distinguir aquelas persoas destacadas polo seu labor de investigación, colaboración ou apoio en temas relacionados coa saúde, a través da concesión de medallas e placas ó mérito sanitario.

Así mesmo, neste decreto indicábanse características e categorías das ditas medallas e placas e das miniaturas correspondentes.

Reguladas as características e condicións do seu outorgamento, cómpre determina-los colectivos que poidan propoñer candidatos, e a adscrición do rexistro de medallas e placas ó mérito sanitario á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Por todo isto, en uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As candidaturas para distingui-las persoas físicas e xurídicas destacadas polo seu labor sanitario ou pola realización de tarefas de investigación e colaboración de especial transcendencia no ámbito da saúde, sen prexuízo do que establece o decreto, poderán ser presentadas e propostas polos seguintes colectivos:

-Os colexios profesionais vinculados ó ámbito da saúde.

-As asociacións e fundacións que desenvovan as súas actividades no eido da sanidade.

-As organizacións sindicais e empresariais.

-Os decanos das facultades e directores das escolas universitarias nas que se imparten disciplinas relacionadas coas ciencias da saúde.

Artigo 2º

Rexistro de Medallas e Placas ó Mérito Sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia adscríbese á

Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9394