Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 27 de novembro de 1997 Páx. 11.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 20 de novembro de 1997 pola que se establece unha axuda complementaria polo sacrificio de animais das especies ovina e cabrúa na campaña de saneamento gandeiro de 1997.

O desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa instruméntanse na Comunidade Autónoma de Galicia a través da orde desta Consellería do 4 de abril de 1997, e o mantemento do elevado nivel sanitario das explotacións galegas obriga ó sacrificio dos animais positivos ás distintas probas sanitarias a partir das mostras obtidas e utilizando as técnicas oficialmente aprobadas.

Respecto do gando ovino e cabrún, os animais sacrifícanse na propia explotación ou transpórtanse fóra de Galicia, xa que tradicionalmente a súa canal non é utilizada polo gandeiro para o consumo directo nin polas industrias transformadoras da Comunidade Autónoma.

As ditas circunstancias supoñen un incremento dos custos e unha perda do valor do gando ovino e cabrún que non se prevé no actual baremo de indemnizacións que perciben os gandeiros polo sacrificio obrigatorio dos animais na campaña de saneamento.

As axudas complementarias que se prevén na presente orde teñen a finalidade de compensar ó gandeiro a perda de valor, polas razóns expostas, do animal ovino ou cabrún que ten que sacrificar dentro dos programas de erradicación das enfermidades.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1993, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os gandeiros que tiveran que sacrificar dentro do programa de erradicación de enfermidades de 1997 animais das especies ovina ou cabrúa maiores de 12 meses e menores de 8 anos, poderán percibir en concepto de sacrificio e enterramento hixiénico ou por traslado a un matadoiro unha axuda complementaria que vén establecida no anexo da presente orde.

Artigo 2ª

Para ter dereito á axuda complementaria non debe darse ningunha das circunstancias previstas no artigo 22 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 4 de abril de 1997. (DOG nº 73, del 17 de abril).

Artigo 3º

A axuda complementaria será tramitada de oficio pola delegación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, con base nas certificacións de sacrificio dos animais, elevando proposta á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para o seu pagamento.

Artigo 4º

A presente orde será de aplicación ós animais que foran sacrificados segundo a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 4 de abril, e desde a súa entrada en vigor, ata transcorridos 30 días despois da finalización da presente campaña.

Disposición adicional

As axudas que se deriven da aplicación da presente orde, financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 09.03.613.A.770. Programas sanitarios especiais dotado con 15.000.000 de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para o desenvolvemento e mellor cumprimento do establecido na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO

Aptitude leiteAptitude carne

Cabrún2.000 ptas.1.000 ptas.

Ovino2.500 ptas.1.000 ptas.

8981