Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 25 de novembro de 1997 Páx. 11.283

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Arteixo.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Arteixo que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-7-1997, subscrito en representación da parte económica pola representación municipal e, da parte social polo comité de empresa

o día 3-7-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 8 de agosto de 1997.

Carlos Martul Álvarez de Neyra

Delegado provincial Acctal. da Coruña

Convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Arteixo

Preámbulo

O Concello de Arteixo ten dentro dos seus obxectivos reordena-las distintas áreas de funcionamento do persoal laboral, cun criterio final tendente a consegui-la funcionarización, en canto sexa posible.

Para chegar a ese obxectivo, é preciso previamente fixa-los criterios de homologación, tanto na estructura dos distintos postos de traballo como nos aspectos económicos.

Este proceso realizarase ó longo dos próximos tres anos de vixencia, período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1997 e o 1 de xaneiro do ano 2000, no que se iniciará o camiño da equiparación retributiva anual entre o persoal laboral fixo e o funcionario do concello, segundo a equivalencia do grupo, categorías e características especiais que para cada posto de traballo se establece en relación cos postos de traballo do persoal laboral fixo aprobada polo Pleno.

Determinación das partes que o concertan.

O presente convenio subscríbese dunha parte polos representantes das organizacións sindicais (FSP-UGT) con representación no concello e da outra polos representantes da corporación municipal, e ten por obxecto regula-las condicións de traballo do persoal laboral.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Os acordos que se recollen no presente documento serán de aplicación a todo o persoal laboral que preste servicios no Concello de Arteixo.

Artigo 2º.-Ámbito de vixencia temporal.

1. A vixencia das normas contidas no vixente acordo, coas excepcións que nel se conteñen, estenderanse desde o 1 de xaneiro de 1997 e 31 de decembro de 1999, retrotraendo tódolos seus efectos ó 1º de xaneiro de 1997.

2. O texto do presente acordo considerarase denunciado automaticamente ó 31 de decembro de 1999.

3. Non obstante o establecido anteriormente prorrogaranse automaticamente as condicións contidas no presente acordo en tanto non se proceda á súa modificación total ou parcial.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

En caso de existir normativa de rango superior ou igual (Xunta, Admón. do Estado, etc.) a condición máis beneficiosa será a de aplicación ó traballador, cando estea por riba do establecido polo convenio.

Artigo 4º.-Órganos de control e seguimento.

1. Como órgano de control e seguimento do presente acordo, establécese unha comisión paritaria integrada por tres membros da corporación e tres membros dos representantes do persoal que se constituirá no prazo dun mes a partir da publicación do convenio.

A comisión reunirase por petición de calquera das partes e os seus membros poderán ser asistidos nas reunións por un asesor técnico con voz e sen voto.

2. As decisións adoptadas pola comisión paritaria serán reflectidas en actas. Os ditos acordos formarán parte do convenio.

3. As partes asinantes deste acordo comprométense a esgota-la vía do diálogo e negociación antes de adoptar medidas disciplinarias ou actividades de conflicto laboral.

4. Serán funcións da comisión paritaria:

a) Interpretación das cláusulas e articulado do convenio.

b) A vixilancia do pactado.

c) A conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 5º.-A organización do traballo.

A organización do traballo e a súa aplicación práctica é facultade da Administración, que, en todo caso, respectará os principios de racionalidade, economía e eficacia.

Serán dereitos e obras dos representantes do persoal laboral:

-Participar nos termos pactados, nos órganos paritarios, no estudio e proposta das condicións de traballo nas distintas unidades administrativas.

-Traslada-las suxestións que, en tal sentido, lles comuniquen os seus representados.

Quedan excluídos da obriga de consulta-las decisións do concello que afecten ó exercicio dos dereitos dos cidadáns diante da Administración e ó procedemento de formación dos actos e disposicións administrativas.

Artigo 6º.-Racionalización do traballo.

A racionalización do traballo terá, entre outras, as seguintes finalidades:

a) A mellora das prestacións do servicio ó cidadán.

b) A simplificación do traballo, mellora de métodos e procesos.

c) A descrición, clasificación e valoración clara e obxectiva da relación de postos de traballo determinando, de igual xeito, as funcións ou tarefas que se vaian desempeñar en cada posto.

Artigo 7º.-Funcións e tarefas dos traballadores.

Para a mellora da dignidade persoal e profesional dos traballadores, non se lle poderá asignar nin obrigar a realizar funcións ou tarefas que non garden relación co posto de traballo que desempeñan.

Ademais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de categoría superior ou inferior responderá á necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

De ser posible, comunicaráselle ó traballador, por escrito, con 48 horas de antelación e, en todo caso, con anterioridade ó inicio do cambio de posto de traballo.

2. A ocupación dun posto de traballo en réxime de desempeño de funcións de categoría superior non poderá exceder de seis meses durante un ano ou oito durante dous anos, e se iso ocorre, recoñeceráselle a categoría superior ó traballador.

3. A realización de funcións de categoría superior requirirá autorización expresa da comisión paritaria.

4. O/A traballador/a só poderá realizar traballos da categoría inmediatamente inferior a súa durante un só período non superior a trinta días consecutivos, sen prexuízo do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

Transcorrido o período citado, o/a traballador/a non poderá volver ocupar un posto de categoría inferior ata que transcorra un ano.

As concellerías afectadas comunicaranlle ó comité de empresa ou delegado de persoal tódalas modificacións que se produzan recollidas en cada un dos apartados anteriores.

Capítulo III

Vacacións, licencias e permisos

Artigo 8º.-Vacacións.

1. As vacacións anuais deberán solicitarse con dous meses de antelación. Terán a duración dun mes, sen

prexuízo de que o mes teña 30 ou 31 días, podendo os traballadores fraccionalas en períodos de 15 días.

Deberán desfrutarse entre o 1º de xuño e o 30 de setembro, sen prexuízo de que o traballador poida solicitar calquera dos outros meses.

Cando por necesidades da empresa tiveran que desfrutarse fóra do período anteriormente establecido, desfrutaranse 30 días naturais.

2. De producirse baixa médica durante o desfrute do período de vacacións, este quedará suspendido e fixarase unha nova data consensuada entre o concello e o traballador. No suposto de que a devandita baixa médica acontecera con anterioridade ó inicio das vacacións e subsistira no día sinalado para o comezo delas, non comezarán a computarse como tales, sempre que a alta se producira antes do 31 de decembro do ano en que correspondera o seu desfrute.

3. Tódolos traballadores teñen dereito a desfrutar, ademais das súas vacacións anuais regulamentarias, e á marxe do calendario de festas establecido no artigo 70.3º da Lei da función pública galega de nove días ó ano, retribuíbles e non recuperables.

A petición para desfrute destes días laborais farase sempre por escrito e serán concedidos sempre que as necesidades do servicio non o impidan. En ningún caso, o servicio quedará desatendido e a súa negativa reiterada non suporá perda do seu dereito, en todo caso, poderán desfrutarse na primeira quincena do mes de xaneiro do seguinte ano.

Artigo 9º.-Licencias.

1. Seguirase o disposto na lexislación vixente sobre a materia.

2.Concederase licencia retribuída por asistencia a cursos, seminarios, etc., relacionados directamente coa función pública para a formación, perfeccionamento, reciclaxe e promoción profesional, convocados por institucións ou polas administracións públicas. O tempo de duración deles, sempre que sexa compatible co desempeño das súas funcións no centro de traballo.

Artigo 10º.-Licencias especiais e condicións de traballo nos supostos de maternidade e paternidade.

1. A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o embarazo, un posto de traballo e/ou quenda distinto dos seus, sempre que exista tal posto e quenda alternativos e sempre que, segundo prescrición dun facultativo do sistema da sanidade pública, o seu posto ou quenda resulten nocivos para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría, nin mingua dos seus dereitos económicos.

Finalizada a causa que motivou o cambio de posto de traballo, procederase á reincorporación ó seu destino orixinal.

2. A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

3. O traballador/a cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo.

Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituílo por unha reducción da xornada dunha hora.

No non previsto neste apartado, rexerá o regulado na Lei de maternidade, adopción e paternidade.

Artigo 11º.-Permisos retribuídos.

a) Por casamento propio: 15 días, que poden ser acumulables ás vacacións.

b) Por casamento dos avós, pais, fillos, irmáns e netos: o día da cerimonia.

c) Polo nacemento dun fillo: 2 días (4 se é en localidade distinta).

d) Por falecemento ou enfermidade grave de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade:

-2 días se é na provincia.

-4 días se é fora da provincia.

(A maiores poderán concederse dous días, sempre xustificados, para fóra da provincia, por enfermidade ou causa moi grave).

e) Por traslado de domicilio habitual:

-1 día se é no municipio.

-2 días se é fóra do termo municipal.

f) Por exames:

-Os días de celebración deles. A súa participación será sempre xustificada.

Artigo 12º.-Excedencias.

1. Para o coidado de fillos/as: desde a data do seu nacemento ata os tres anos.

Tódolos traballadores fixos terán dereito a unha excedencia por tempo non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, contados desde a data de nacemento deste/a. Os fillos sucesivos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñese desfrutando.

Non será preciso que o traballador esgote o tempo de excedencia para reincorporarse cando, por motivos persoais acreditados, así o solicite cunha antelación mínima de trinta días.

Concederáselle este mesmo dereito ó traballador verbo dos/as fillos/as adoptivos/as.

Durante o desfrute da excedencia para o coidado de fillos por natureza e durante o primeiro ano para os adoptados ó traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñera desempeñando con carácter definitivo.

Ó persoal que se atope nesta situación computaráselle, para efectos de antigüidade, o primeiro ano de desfrute dela para os fillos adoptivos e a duración dela para os naturais.

2. Voluntaria.

a) Os traballadores fixos, cunha antigüidade mínima de dous anos no concello, poderán solicitar, cunha antelación mímina de corenta e cinco días, excedencia

voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano nin superior a dez anos.

Unha vez solicitada, resolverase o procedente e notificaráselle ó interesado con quince días de antelación á data do inicio proposta pola persoa interesada.

Durante o desfrute da excedencia voluntaria, o traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñera desempeñando, cando a excedencia non supere os cinco anos.

Se o interesado non solicita o reingreso ou un novo período de excedencia, que non supere en total dez anos, polo menos quince días antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

3. Forzosa.

A excedencia forzosa ó persoal laboral fixo, que dará dereito a conserva-lo posto de traballo, quenda e centro, e a que se compute a antigüidade durante a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no cargo. Para estes efectos, entenderase por cargo público a elección para deputado ou senador no Parlamento español, deputado de asembleas autonómicas, concelleiro ou o nomeamento para un cargo de carácter político dentro da Administración pública. Se non solicitan o reingreso no prazo citado, serán declaradas, de oficio en excedencia voluntaria por interese particular.

A reincorporación producirase na mesma categoría profesional e quenda que tiña o traballador/a ó se inicia-la devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento no que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

Capítulo IV

Calendario, xornada e horarios laborais

Artigo 13º.-Calendario.

1. O calendario laboral que rexerá para o persoal ó servicio do Concello de Arteixo será o establecido con carácter xeral polos organismos competentes da Administración central, autonómica e local.

2. Independentemente do que os organismos competentes sinalen, serán festas propias do persoal do concello con carácter non recuperable e retribuídas, as festividades de carácter local e o día de Santa Rita, patrona dos funcionarios.

Artigo 14º.-Xornada.

1. Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal, de día e medio ininterrompido que como regra xeral o abranguerá a tarde do sábado ou, se é o caso, a mañá do luns e o día completo do domingo.

A duración do descanso semanal dos menores de dezaoito anos será, como mínimo, de dous días ininterrompidos.

2. O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable.

3. Dadas as peculiaridades dalgún servicio, respectarase a capacidade organizadora do concello, garantindo, se é necesario, a presencia e a dotación de persoal que permita o normal funcionamento dos centros durante a xornada do sábado. A rotación do persoal negociarase cos representantes dos traballadores.

4. Horario normal anual. Como regra xeral, a xornada máxima de presencia e traballo efectivo será de 37 horas e 30 minutos semanais de luns a venres.

A comisión paritaria traballará para chegar ás 35 horas semanais.

5. Aqueles traballadores que realicen cursos de formación poderán adapta-lo seu horario de traballo para a asistencia a estes, sempre que sexa compatible co horario de traballo dos compañeiros.

6. Durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro (ámbolos dous inclusive), o total de horas semanais reducirase a unha hora diaria.

Artigo 16º.-Horario.

1. Xeral: de luns a venres de 8 a 15 horas, e sábados de 9.30 a 13.30 horas, para atención ó Rexistro de Entrada mediante quendas do persoal.

2. Verán: desde o 15 de xuño ó 15 de setembro. De luns a venres de 8 a 14 horas, e sábados de 9.30 a 13.30 horas, para atención ó Rexistro de Entrada, mediante quendas do persoal.

3. Os horarios específicos serán obxecto de negociación, e reflectiranse como anexo unha vez aprobado este acordo, nun prazo non superior a seis meses.

4. O persoal terá dereito ó desfrute dun descanso de trinta minutos durante a súa xornada, que se computará, para tódolos efectos, como tempo de traballo efectivo.

5. Todo o persoal vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servicio, non se puidesen desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compensación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

Capítulo V

Dereitos sociais

Artigo 17º.-Normas xerais de aplicación.

O concello asignará anualmente nos orzamentos municipais unha cantidade global en contía suficiente, para sufraga-los gastos dos traballadores e beneficiarios deles, destinada a axudas de carácter social e sanitario que non estean cubertas pola Seguridade Social.

1. Introducción:

Elaboranse as presentes normas co obxecto de regula-las bolsas de axudas que no Concello de Arteixo

rexerán durante a vixencia do convenio colectivo, partindo dunha consignación inicial de 5.000.000 de ptas. para:

-Axudas sociais.

-Axudas sanitarias.

-Fondo cursos de formación.

2. Beneficiarios:

Son beneficiarios das ditas axudas:

-Tódolos traballadores deste concello, calquera que sexa a modalidade de contrato, que polo menos, leven traballando 6 meses ou con contrato indefinido.

-Os fillos menores de idade, e os cónxuxes e fillos maiores de idade que convivan e dependan economicamente do traballador do concello (formen parte da unidade familiar) establecendo o límite ata os 28 anos de idade.

A perda da condición de traballador do concello, implicará tamén a perda de tódolos beneficios, desestimándose calquera solicitude de acordo con estas axudas, presentadas con posterioridade á data do seu cesamento, aínda que o gasto fose realizado con anterioridade. Nembargantes, terán dereito a percibi-lo importe das axudas solicitadas con anterioridade ó seu cesamento, se os informes de tales peticións foran favorables.

3. Documentación:

Ás solicitudes deberán unirse:

1. Factura ou xustificación do gasto.

2. Declaración da renda e certificado da historia laboral.

4. Tipos de axuda:

1. Sociais:

a) Garderías ou xardíns de infancia.

b) Estudios.

2. Servicios sanitarios especiais:

a) Odontoloxía.

b) Oftalmoloxía.

c) Outros.

a) Garderías e xardíns de infancia.

Fíxase a cantidade de 50.000 ptas. por fillo e ano.

Cláusula.-Para todo tipo de axudas estase na obriga de presentar unha declaración xurada de que non se percibe outra subvención de idéntico carácter doutra Administración pública, e tamén certificado de estar matriculado no curso correspondente.

Tamén se está na obriga de presentar recibo ou factura oficial para solicita-la axuda, se é o caso.

b) Estudios. Para cada membro da unidade familiar e ano:

-Educación infantil, primaria e centros de formación permanente de adultos: 15.000 ptas.

-ESO, ESPO e formación profesional e asimilados: 25.000 ptas.

-Escolas e facultades universitarias, escolas técnicas superiores. Para desprazados fóra da mancomunidade de: 90.000 ptas.

-Escolas e facultades universitarias, escolas técnicas superiores. Para non desprazados e UNED: 45.000 ptas.

Cláusulas:

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda municipal para esta finalidade.

2. Estas axudas por estudios poderanse demandar por curso e un de repetición.

-Educación especial: logo da solicitude o importe da axuda fixarase de acordo cos ingresos da unidade familiar e o custo do curso ou tratamento cunha xustificación de ata o 50%.

2. Servicios sanitarios especiais:

a) Odontoloxía. Aboarase o 50% da factura cunha axuda máxima de 45.000 ptas. por cada membro da unidade familiar.

b) Oftalmoloxía. Aboarase o 50% da factura cunha axuda máxima de 40.000 ptas. para montura e cristais durante dous anos.

Reposicións. Para a reposición de cristais ou lentes de contacto por prescrición facultativa percibirase unha axuda do 50% da factura cun tope máximo de 5.000 ptas. (cun máximo de 5.000 ptas./cristal). Prazo: 1 ano para menores de 14 anos.

Lentes de contacto. Para a adquisición de lentes de contacto percibirase unha axuda máxima de 25.000 ptas. Renovación: máximo 2 anos.

c) Outros. Tanto para audífonos como para calzado e sobreplantas ortopédicas, aboarase o 50% en ámbolos dous casos, con 15.000 para os audífonos e 5.000 para as sobreplantas, cantidades máximas, respectivamente.

5. Política de axuda a diminuídos físicos e psíquicos:

Haberá que aterse ó estudio específico para cada caso.

6. Tramitación:

Xustificación. Para poder percibi-la subvención, o traballador/a deberá presentar factura acreditativa, e deberá cumpri-los seguintes requisitos:

-Nº de factura.

-Nome e apelidos ou denominación social.

-Nome e apelidos do destinatario (traballador/a ou membro da unidade familiar).

-Lugar e data da emisión.

A presentación das correspondentes facturas farase no rexistro municipal, explicando de forma clara, tódolos antecedentes e fundamentos da operación médica. Se do exame da factura se detectase que esta ten defectos, comunicaráselle ó interesado para que no prazo

de 30 días emende os defectos. Se transcorrido o citado prazo, non se xustificara debidamente, o expediente arquivarase sen máis, perdendo o interesado a subvención. Tan só por causas excepcionais, debidamente acreditadas, poderase ampliar a un prazo maior. Esta excepcionalidade será atendida polo responsable do departamento correspondente, un representante do goberno municipal e o delegado sindical. Tódalas facturas dos facultativos correspondentes serán incluídas na relación que o concello faga diante da Delegación de Facenda. Así mesmo, se do exame das facturas se vira que o traballador/a, incorrera en falsidade, engano, etc., este deberá reintegrar todo o percibido, e incorrerá, así, nunha falta grave, que será sancionada de acordo co establecido pola lei.

Procedemento:

-Comeza pola solicitude-petición que formule o particular no Rexistro Municipal de Documentos, axustándose ó modelo que se xunta.

-A petición, unha vez rexistrada pasará ó departamento de persoal, ou se é o caso, á Secretaría Xeral que, despois de emiti-lo correspondente informe, así como á intervención, será sometido a dictame da comisión paritaria.

-O dictame que emita a comisión paritaria será elevado á Comisión de Goberno, que será o órgano que decidirá finalmente.

Artigo 18º.-Baixa laboral.

Cando se produza a baixa laboral por enfermidade ou accidente, o traballador percibirá os seus emolumentos periódicos de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 19º.-Seguro de accidentes e responsabilidade civil.

O concello subscribirá unha póliza de accidentes de traballo, asegurandos a tódolos/as traballadores/as do cadro de persoal municipal en situación de servicio activo. As condicións desta póliza serán idénticas ás que figuren e se subscriban para os concelleiros municipais, segundo consta xa en acordo adoptado polo Concello Pleno ó respecto.

O concello comprométese a contratar un seguro de responsabilidade civil para tódolos traballadores/as do concello, tendo en conta a especificidade do traballo de cada un, atendendo os casos particulares do persoal que elabore informes técnicos, xurídicos, económicos, propostas de acordos ou resolucións; direccións de obras e todas aquelas específicas das competencias do arquitecto e aparellador municipais.

Artigo 20º.-Asistencia xurídica.

A corporación obrígase a prestar asistencia xurídica ós seus traballadores/as nos supostos de conflictos xurídicos con terceiros, como consecuencia da prestación dos seus servicios, salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

O concello asumirá os gastos da defensa do traballador/a, logo da solicitude do interesado, na que se fará consta-lo letrado elixido. Para estes efectos, o concello poderá asinar un concerto con letrados para

o asesoramento do persoal laboral en número e especialidade necesarias.

Artigo 21º.-Anticipos reintegrables.

1. Por petición do interesado o concello concederá ós traballadores/as anticipos sobre o soldo total líquido da súa nómina e a devolución efectuarase mediante deduccións mensuais e sen que xeren ningún tipo de xuro.

2. A contía dos citados anticipos poderá ser dunha, dúas, tres e catro mensualidades.

A devolución efectuarase nos seguintes prazos:

a) Dez meses para os anticipos dunha soa mensualidade.

b) Vinte meses para os anticipos de dúas mensualidades.

c) Trinta ou corenta meses, segundo sexan os casos, para os anticipos concedidos de tres ou catro mensualidades.

Cláusula. Os anticipos de tres ou catro mensualidades como se citou no apartado c) que antecede, serán concedidos, sempre con estudio previo, exclusivamente para as seguintes finalidades:

-Gastos sanitarios.

-Compra, reforma ou reparación da primeira vivenda.

-Adquisición de mobiliario.

* O traballador que non cancelase un anticipo anteriormente concedido non poderá ser preceptor dun anticipo novo.

Artigo 22º.-Axudas de custos e quilometraxe.

Estarase o que se dispón na lexislación vixente (R.D. 236/1988, do 4 de marzo).

Artigo 23º.-Gratificacións por servicios especiais e extraordinarios.

1. Os empregados que traballen entre as 22 e as 6 horas recibirán un suplemento por traballo de nocturnidade agás que fosen contratados para realizaren a súa xornada de traballo no devandito horario.

2. As horas extraordinarias serán retribuídas en xornada diurna e nocturna. Enténdense coma horas nocturnas as comprendidas entre as 22 e as 6 horas (así como aquelas que se realicen por necesidade do servicio en prolongación da xornada nocturna).

3. Importes:

-Hora extraordinaria. Terá un aumento do 75% do salario con respecto a unha hora normal.

-Plus de nocturnidade. Aplicarase a seguinte fórmula: soldo mes por número de pagas dividido polas horas anuais aplicando o 25%, polo que o resultado será o importe/hora/nocturna.

-Plus de quendas. Enténdese para o persoal que teña a quenda rotativa de mañá ou tarde: 400 ptas./día/traballado.

Ós traballadores con xornada reducida, aplicaráselles a parte proporcional ás horas traballadas.

-Plus xornada partida. 350 ptas./xornada.

-Plus de traballos especiais. Fixa-la cantidade que se vai percibir por este concepto retributivo para o devandito persoal en 12.000 ptas. mensuais.

Queda integrado polo seguinte persoal:

a) Persoal de recollida do lixo (agás os conductores).

b) Persoal de axuda a domicilio.

Artigo 24º.-Integración dos minusválidos.

Nas convocatorias para postos ou prazas da oferta de emprego público do concello non se establecerán exclusións por eivas físicas ou psíquicas, salvo nos casos en que estas sexan incompatibles co normal desempeño das tarefas e funcións propias do posto de traballo obxecto da convocatoria.

O concello velará polo estricto cumprimento da Lei 13/1982, de integración social de minusválidos, e especificamente do artigo 5, apartados 1 e 2 do R.D. 152/1985, sobre a oferta de emprego público.

Nas probas selectivas estableceranse, para persoas minusválidas que así o soliciten, adaptación de tempo e medios para a súa realización, de tal xeito que gocen de igualdade de oportunidades respecto dos demais participantes.

Artigo 25º.-Asistencia médica.

Os traballadores do Concello de Arteixo terán a asistencia médica de acordo coas condicións sinaladas no R.D. 480/1993, de integración dos funcionarios da Administración local do réxime xeral da Seguridade Social.

Capítulo VI

Condicións económicas

Artigo 26º.-Estructura do salario.

As retribucións do persoal acollido ó presente convenio, estarán constituídas polo salario base e os complementos salariais que a continuación se definen:

a) Salario base: o actual do anexo I a) para cada categoría e mailas subas que se pacten.

b) Pagas extraordinarias: dunha mensualidade completa no mes de xullo e outra no mes de decembro.

c) Complementos salariais ó posto de traballo:

1. Antigüidade: o complemento de antigüidade será o 3% do salario que resulte da aplicación do reparto da masa salarial bruta dos traballadores laborais.

A remuneración por trienios dos traballadores a tempo parcial será proporcional á establecida para os traballadores á xornada completa. O cómputo do tempo para a consolidación dos trienios determinarase como se fose contratado a tempo completo.

A cantidade en concepto de antigüidade será revisada segundo o IPC anual.

Capítulo VII

Seguridade e hixiene

Artigo 27º.-Seguridade e hixiene.

1. Adaptarase á última normativa actualmente en vixencia.

Artigo 28º.-Roupa de traballo.

1. Será entregada ós traballadores dos seguintes servicios:

a) Persoal de obras, servicios e mantemento.

-2 traxes de faena ou fundas.

-2 pares de botas (1 de goma e 1 de seguridade).

-2 pares de zapatos.

-1 traxe de augas.

-2 toallas.

-2 camisas (1 de inverno e 1 de verán).

-1 xersei.

-Luvas, segundo as necesidades.

b) Limpeza e axuda a domicilio.

-2 batas.

-2 pares de zocos.

-2 pares de zapatillas.

c) Arquivo.

-2 batas ó ingreso no traballo.

-1 bata nos anos sucesivos.

d) Conxerserías.

-Confeccionarase un traxe de gala para os traballadores dedicados ás conxerserías ou que veñan desenvolvendo o cargo de vixilancia e mantemento de edificios municipais, para efectos de actos, recepcións de persoeiros ou calquera outra actividade de carácter oficial.

Capítulo VIII

Dereitos sindicais

Artigo 29º.-Delegado de persoal e comité de empresa.

Os delegados de persoal e os membros do comité de empresa, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos, en xeral, recoñecidos polas disposicións legais, terán os seguintes dereitos específicos:

1. Os membros do comité de empresa e os delegados/as de persoal disporán, avisando previamente, con 24 horas á dirección do centro de traballo, de tempo retribuído para realizaren xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse en 20 para cada un dos seus membros.

2. Os membros do comité de empresa e os delegados/as de persoal poderán ser substituídos durante as súas horas sindicais, mediante aviso previo con 24

horas de antelación, se ten carácter ordinario, e sen aviso previo, se ten carácter de urxencia.

3. Coñecer e consulta-lo rexistro de accidentes de traballo e as súas causas. Terán acceso ó cadro horario, do que recibirán unha copia. Tamén accederán ós modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións á Seguridade Social, ó calendario laboral e ós orzamentos dos centros.

4. Poñerase á súa disposición un local adecuado, provisto de teléfono e do correspondente mobiliario, para que poidan desenvolve-las súas actividades sindicais, deliberar entre si e comunicarse cos seus representados/as, facilitándolles o material de oficina preciso.

5. Poderán utilizar fotocopiadoras, multicopistas e demais aparellos de reprografía para uso da súa administración interna.

6. Facilitaránselle-los taboleiros de anuncios necesarios para que, baixo a súa responsabilidade, dispoñan de tódolos avisos e comunicacións que deban efectuarse e consideren pertinentes, sen máis limitacións cás expresamente sinaladas pola lei. Os citados taboleiros instalaranse en lugares visibles para permitir que a información chegue ó persoal.

7. O comité de empresa e os delegados/as de persoal poderán acorda-la acumulación das horas sindicais dos seus membros, nun ou en varios deles, de acordo co seguinte réxime:

-A petición da acumulación deberá facerse por escrito, con autorización tanto do cedente coma do concesionario, comunicándolla á dirección do centro respectivo.

-Non se poderán acumular nin suma-las horas non utilizadas dun mes para outro mes.

-O crédito horario é de carácter persoal, retribuído, mensual e para o exercicio exclusivo de funcións de representación, por escrito e xustificado.

8. Os membros do comité de empresa e os delegados/as de persoal terán, ademais das garantías recollidas no presente convenio, as establecidas nos apartados a), b), c) e d) do artigo 68 do Estatuto dos traballadores, desde o momento da súa proclamación como candidatos e ata dous anos despois do cesamento no seu cargo.

9. Realización de asembleas:

a) Poderán convocar asembleas de acordo co que se dispón no artigo 77 e seguintes do Estatuto dos traballadores, sen prexuízo de buscar un horario que sexa axeitado ó maior número de traballadores sen que sexan afectados e o servicio non se distorsione.

b) Cando en determinados casos, pola existencia de varias quendas de traballo, non se poida reunir simultaneamente a totalidade do cadro de persoal, as asembleas parciais das diferentes quendas, considéranse, para estes efectos, como unha asemblea. Poderanse, así mesmo, celebrar asembleas convocadas polo 20% do cadro de persoal do centro.

c) As asembleas celebraranse en locais facilitados polo Concello de Arteixo para tal fin.

10. Dereitos do comité de empresa:

No exercicio dos dereitos que recolla a lexislación vixente, o Concello de Arteixo recoñece ó comité de empresa como órgano representativo dos seus traballadores con capacidade xurídica e de obrar para a defensa dos intereses dos traballadores e dos seus propios, de conformidade co establecido na lei.

Sen prexuízo da capacidade de representación que lle asista ós delegados de persoal en defensa dos intereses do colectivo, recoñécese tamén a citada capacidade e de acordo coa lexislación vixente ós sindicatos, seccións sindicais e, en xeral, organizacións legalmente establecidas e creadas para a defensa dos intereses dos traballadores ás que poderán, a través dos seus órganos acreditados ante o concello realizar todo tipo de acción sindical das previstas nas normas correspondentes.

Artigo 30º.-Competencias.

1. O comité de empresa terá as seguintes competencias:

a) Recibir información dos asuntos que afectan ás materias de persoal.

b) Ter coñecemento dos expedientes que se refiran a materia de persoal, así como das disposicións referentes a premios e sancións, réxime de prestación de servicios e en xeral, a cantas disposicións con trascendencia para a organización xeral e réxime de prestación de servicios municipais vaian adoptarse; para tales efectos, estarán os devanditos asuntos á disposición dos membros do comité con antelación suficiente.

c) Solicita-la designación dun representante dos traballadores nos tribunais de oposicións ou concursos para a contratación, selección ou promoción do persoal.

d) Presentar e negociar diante dos órganos correspondentes ás materias que afectan ás condicións de seguridade e hixiene no traballo, réxime de asistencia e seguridade e prevención no que sexa competencia da corporación.

e) Coñece-los modelos de contrato de traballo escrito que se empreguen no concello, así como os documentos relativos ó remate da relación laboral.

f) Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas moi graves.

g) Coñecer, trimestralmente polo menos, as estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistrabilidade, os estudios periódicos ou especiais do medio ambiente laboral e os mecanismos de prevención que se empregan.

2. O comité de empresa poderá emitir informe sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuración do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais del.

b) Reduccións de xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Plans de formación profesional da empresa.

d) Implantación ou revisión dos sistemas de organización e control do traballo.

e) Estudio de tempos, establecemento de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

3. O comité de empresa poderá exercer un labor de vixilancia nos seguintes casos:

a) De vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral, de Seguridade Social e emprego, así coma no resto dos pactos, condicións e usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas diante do concello e os organismos ou tribunais competentes.

b) De vixiancia e control das condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo no concello, coas particularidades previstas nesta orde polo artigo 19 do Estatuto dos traballadores.

4. O comité de empresa poderá participar, como se determine por convenio colectivo, na xestión das obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores ou dos sus familiares.

5. Colaborará coa dirección da empresa para consegui-lo establecemento de cantas medidas procuren no mantemento da productividade, de acordo co pactado nos convenios colectivos.

6. Informar ós seus representados en tódolos temas en cuestións en canto directa ou indirectamente teñan ou poidan ter repercusións nas relacións laborais.

Artigo 31º.-Dereitos sindicais.

1. Garántese o dereito á libre sindicación e organización dos traballadores, así como á folga coas limitacións impostas pola lei, e a non discriminación, prexuízo nin sancións, por razóns de afiliación e exercicio dos dereitos sindicais.

2. A comisión de control e seguimento, ou en calquera caso, a Concellería de Persoal, de acordo cos delegados de persoal, elaborará, nun prazo máximo de tres meses, a partir da entrada en vigor deste acordo, unha proposta de servicios mínimos para o caso de folga, ós que haberán de prestarse con carácter inexcusable.

Artigo 32º.-Garantías sindicais.

1. Os membros do comité de empresa non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó do seu cesamento como consecuencia da súa actividade laboral.

2. Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional, en razón precisamente do desempeño da súa representación.

Artigo 33º.-Local de reunións.

O Concello de Arteixo comprométese a facilitar un local para a celebración de asembleas fóra do horario normal de traballo.

ANEXO I a)

CANTIDADES QUE SE VAN PERCIBIR DESPOIS DE CONFECCIONA-LO CORRESPONDENTE CATÁLOGO DE POSTOS DE TRABALLO

-Os importes que se van percibir para o presente ano serán os seguintes:

Coordinador: 260.000 ptas.

Grupo 1º (licenciados): 235.000 ptas.

Grupo 2º (diplomados): 205.000 ptas.

Grupo 3º (bacherelato superior ou equivalente): 180.000 ptas.

Grupo 4º (graduado escolar, FP1 ou equivalente): 155.000 ptas.

Grupo 5º (operarios mantementos edificios e colexios, oficiais de 1ª, operarios de servicios, conductores): 130.000 ptas.

Grupo 6º (peóns, limpadores e persoal de axuda a domicilio): 110.000 ptas.

Para os grupos 5º e 6º haberá un incremento de 5.000 ptas. para o ano 1998 e 5.000 ptas. máis para o ano 1999, sin prexuízo doutros aumentos que afecten ó resto do cadro de persoal.

-Os grupos englobarán os seguintes postos de traballo:

Grupo 1º: coordinador, psicólogo, sociólogo, técnico superior de deportes, técnico superior de cultura e director da radio municipal.

Grupo 2º: asistente social, animador social, educador de familia, bibliotecario-arquiveiro.

Grupo 3º: director do CFO, bibliotecario-arquiveiro (para extinguir en caso de que promocione ó grupo 2º).

Grupo 4º: auxiliar de deportes, auxiliar de augas, contramestres, técnicos electricistas, fontaneiros, cobrador da auga, auxiliares de arquivo e biblioteca.

Grupo 5º: operarios de mantemento de edificios, colexios e servicos e conductores (oficiais de 1ª).

Grupo 6º: peóns, limpadores, persoal de axuda a domicilio.

* Fíxase un plus de 25.000 ptas. mensuais para aqueles traballadores/as polo retén que realizen (gardas localizadas).

* Déixase sen efecto o cobramento de horas extraordinarias para días festivos e domingos e substitúese por un plus de 8.000 ptas. acompañado dun día libre por cada festivo ou domingo traballado.

ANEXO I b)

CATÁLOGO DE POSTOS DE TRABALLO PARA O DISTINTO PERSOAL LABORAL

Funcións

-Técnicos electricistas:

Responsables do mantemento e funcionamento do servicio eléctrico.

Realizarán as tarefas que lles asigne o alcalde e/ou o delegado dentro do servicio eléctrico municipal.

Conducción e mantemento dos vehículos do servicio eléctrico municipal.

-Electricistas:

Pequenas reparacións e instalacións.

Tarefas encomendadas baixo a supervisión dos técnicos electricistas.

-Contramestre:

Dirixi-las cuadrillas de traballadores segundo as necesidades das obras municipais.

Seguimento e control dos traballos dos operarios municipais (oficiais e peóns) e dos materiais fóra do almacén, sempre baixo o control dos técnicos municipais.

-Operario de taller:

Apertura, peche, reparación e mantemento dos traballos propios do taller.

-Oficial 1º albanel:

Reparación e mantemento dos traballos relacionados ca albanelería.

-Operario conductor:

Conducción de vehículos varios.

Control e mantemento dos vehículos.

Substitucións por baixas ou ausencias doutros conductores.

-Funcións do auxiliar administrativo do servicio de aguas e rede de sumidoiros:

Confección de listados.

Confección de recibos.

Liquidación de recibos.

Tramitación de documentación relacionada co servicio de augas.

Notificación de acordos da corporación respecto do servicio de augas.

Tramitación de expedientes de conexión, alta, baixa, cambio de nome.

Escritos de particulares e solicitudes de Aquagest.

A atención ó público.

-Fontaneiros:

Revisión e mantemento da rede de augas e rede de sumidoiros municipal.

Reparación da traída de augas.

-Operarios de mantemento de edificios municipais:

Encargado de abrir e pecha-lo centro, sempre que non exceda o cómputo do horario establecido.

Revisa-la calefacción, auga potable e corrente eléctrica e restantes instalacións xerais.

Pequenas reparacións de carpintería, fontanería, electricidade, albanelería e outras necesidades de mantemento ou deficiencias no propio centro de destino.

Servicios sociais

-Coordinador:

Coordinar programas e proxectos específicos.

Relacións institucionais de trámite puramente administrativo que sexan ocasionadas polos cargos e funcións propias da súa área.

Información interna.

Organización interna do departamento.

-Psicólogo:

Orientación e asesoramento en casos individuais/familiares.

Detección e diagnóstico en centros escolares e domicilios.

Programa de apoio.

Atención directa.

Potenciar cambios de actitude.

Relacións coas institucións de carácter administrativos e de puro trámite.

Derivacións.

-Animador social:

Relacións, informacións, asesoramento e dinamizacións de grupos.

Execución, difusión, seguimento e coordinación de actividades.

Intermediación entre o equipo e a Comunidade.

-Asistente social:

Asesoramento e derivacións.

Seguimento dos casos.

Tramitación de documentación.

Atención individualizada.

Tramitación dos expedientes administrativos para axudas económicas.

-Educador de familia:

Prevencións coas familias.

Derivacións.

Resolucións de problemáticas a través de contacto coas familias.

Integracións familiares e sociais.

Apoio e coordinación da axuda a domicilio.

Elaboración e execución do traballo e planificación de intervención familiar.

-Sociólogo:

Responsable técnico de programa integral de xuventude (incluíndo servicio información e orientación xuvenil; terapia de grupo e individual no Programa de inter

vención en menores marxinais e toda intervención preventiva ou socio-cultural relacionada coa mocidade.

Coordinación e formación do voluntariado social.

Dirección e realización de estudios sociolóxicos, tanto no ámbito dos servicios sociais como de emprego, saúde, cultura, urbanismo, desenvolvemento local, etc.

Relacións coas universidades e outras institucións.

Obxección de conciencia.

Departamento de cultura

-Técnico en cultura:

Programación de actividades culturais municipais: realización, seguimento e xestión.

Asesoramento, coordinación e apoio ás asociacións locais.

Información cultural: boletín informativo e radio.

-Radio municipal:

-Director-locutor de radio:

Dirixi-la radio municipal: responsable de toda a programación e funcionamento.

-Biblioteca e arquivo municipal:

-Bibliotecario-arquiveiro:

Atención ó público.

Dirección e responsable das bibliotecas.

Formular propostas de adquisición de fondos.

Catalogación de fondos.

Organización das bibliotecas conforme as directrices dos responsables da área.

Organización e descrición do arquivo municipal, baixo a supervisión do secretario xeral do concello.

Organización de actividades de animación á lectura.

-Auxiliares de arquivo e bilioteca:

Copias de fichas.

Atención ó público.

Traballos administrativos en xeral.

Colocación de libros nos andeis, seguimento e ordenación deles.

Rexistro de libros, rotulación e numeración de libros, papeis de préstamo e selos.

* Arquivo e biblioteca: idénticas funcións cá anterior e mailas de auxiliar do arquivo (fichas e apoio ó máis sinxelo).

Departamento de deportes

-Coordinador de deportes:

Organización de actividades deportivas, baixo a supervisión do técnico responsable de deportes.

Traballos administrativos.

Escolas deportivas, xogos deportivos escolares.

Ligas de fútbol-sala e outras competicións.

Campañas deportivas de iniciativa municipal e colaboración con outras institucións.

Centro de formación ocupacional

-Director-coordinador do C.F.O.:

Programación dos cursos e outras actividades relacionadas coa formación ocupacional.

Desenvolvemento, seguimento e control dos cursos de formación ocupacional.

Coordinación cos docentes que os imparten.

Tramitación da documentación que xeren os cursos.

Xestións coas empresas e institucións para a posible colocación dos alumnos.

Coordinación de formación teórica dos contratos de aprendizaxes.

Formular propostas de subministración de material preciso para o funcionamento de cursos e seguimento e control deles.

-Profesor-apoio (graduado social):

Impartición de clases sobre técnicas de busca de emprego ós alumnos que asistan ós cursos de formación ocupacional e desempregados que o desexen.

Impartición de clases teóricas ós traballadores con contrato de aprendizaxe.

Asesoramento a empresarios e traballadores sobre asuntos laborais.

Elaboración de proxectos para creación de novas empresas.

Manexo de datos informáticos no tocante a rexistro de empresas situadas no concello, así como alumnos do centro de formación ocupacional e desempregados.

Manexo de programa Igatel.

Apoio nas funcións administrativas.

ANEXO II

OUTRAS PROPOSTAS RELACIONADAS COS POSTOS DE TRABALLO

1º) Acceso ás prazas vacantes. O concello comprométese a convoca-las prazas vacantes no cadro do persoal laboral segundo o establecido na lexislación vixente.

2º) Funcionarización progresiva do persoal laboral. O concello comprométese a negociar, de forma progresiva, unha vez aprobado o convenio colectivo do persoal laboral a funcionarización deste persoal.

3º) Persoal de limpeza. Solicítase aumento das horas para o persoal de limpeza a tempo parcial de xeito que, cando se dea o caso de ampliación de servicios sexan completados con estes traballadores.

4º) Novos postos de traballo solicitados:

-Xefe de grupo en persoal de limpeza que se convocará de forma interna entre os traballadores do concello.

-Auxiliar para a radio municipal.

-Auxiliar de biblioteca a tempo parcial, para a axencia de lectura de Galán-Oseiro.

ANEXO III

ACORDO FEMP-SINDICATOS SOBRE CONDICIÓNS DE TRABALLO NA FUNCIÓN PÚBLICA LOCAL PARA O PERÍODO 1995-1997

-Dun lado a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

-E por outra banda, as organizacións sindicais, CC.OO., CSIF e CIG.

Manifestan:

I. O pasado 15 de setembro do 1994 subscribiuse un acordo administración-sindicatos para o período 1995-1997 sobre condicións de traballo na función pública. O dito acordo aborda cuestións de carácter xeral que afectan ó réxime común dos funcionarios públicos e dos traballadores a aspectos particulares directamente vinculados ás características diferenciais da Administración do Estado.

O 6 de outubro, a FEMP asinou un protocolo de adhesión a ese acordo. No protocolo, a FEMP e os sindicatos asinantes, xunto co Ministerio para as Administracións Públicas comprometéronse a iniciar un proceso de negociación para adapta-lo mencionado acordo para a súa aplicación no ámbito local. Este é obxectivo do presente acordo.

Por outra banda, o proceso negociador Administración-sindicatos está dividido en dúas fases. O acordo do 15 de setembro de 1994 é o resultado da primeira fase.

Na segunda fase, trataranse temas nucleares da función pública e as súas conclusións servirán de base á elaboración dun proxecto de estatuto. A FEMP e os sindicatos asinantes manifestan a súa vontade de participar activamente nesa segunda fase, e os seus resultados terán unha importante repercusión no ámbito da Administración local.

II. A primeira cuestión que se debe ter en conta ó proceder á adaptación antes mencionada é o feito de que o acordo cumpre no ámbito da Administración central o papel dun convenio sobre condicións de traballo, mentres que no ámbito da Administración local existe unha dinámica de negociación colectiva que non pode ser descoñecida.

Por isto, o acordo estatal debe operar como un marco de referencia que permita unha marxe suficiente para a negociación en cada unha das administracións locais. Neste sentido, distínguese no presente acordo entre unhas materias que serán de aplicación directa, mentres que outras, as máis directamente vinculadas ós aspectos organizativos concretos en cada corporación, quedan expresamente remitidas ós pactos e acordos que se negocien en cada unha das administracións locais.

III. Nunha segunda orde de cousas, débese ter en conta que, así como a situación de partida é relativamente homoxénea no ámbito da Administración do

Estado, non acontece o mesmo no ámbito local, onde a regulación das condicións de traballo son dispares.

A esta dificultade engádese a inaplicabilidade material dalgunhas previsións nun ámbito organizativamente moi diferente, como é o das administracións locais. Este é o caso das disposicións sobre descentralización da xestión do persoal, ou a maior dependencia do marco legal que non se dá no caso da Administración do Estado, que pode modifica-lo dito marco con certa facilidade.

IV. Unha última cuestión que se ten que ter en conta é o feito de que as administracións locais son autónomas. Isto presenta o problema da vinculación xurídica de cada unha das corporacións locais a un convenio subscrito pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que non pode representar senón os intereses xenéricos das administracións locais.

Por isto, prevese que o presente acordo sexa asumido e interiorizado en cada unha das corporacións afectadas mediante un acordo explícito adoptado entre a representación sindical e a propia corporación.

Por todo isto, ámbalas dúas partes, acordan:

I. Aproba-lo acordo anexo e recomendarlles ás administracións locais españolas e ás súas respectivas representacións sindicais que consideren a súa incorporación como acordo propio a través do correspondente acordo laboral.

II. Co fin de reforza-la estructura da negociación e garantir procedementos máis axeitados, créase, derivada da mesa xeral prevista no acordo subscrito entre o MAP e os sindicatos, unha mesa de Administración local composta pola FEMP e os sindicatos asinantes.

III. Na citada mesa de Administración local, negociaranse as seguintes materias:

a) Os criterios ós que deberán axustarse os plans de emprego citados nos capítulos X e XI do acordo anexo, en especial ó que se refire á aplicación de políticas de desenvolvemento de recursos humanos e o tratamento dos procesos de mobilidade, incluídos naqueles que puideran derivarse de convenios inter-administrativos.

b) Os procedementos de provisión de postos de traballo e, en especial, o sistema de concursos, procurando unha maior homoxeneidade no tratamento das cuestións comúns e, ó mesmo tempo, unha maior adecuación ás distintas áreas de actividade e funcionais.

c) Os criterios xerais ós que deberán adecuarse as ofertas de emprego público e os aspectos delas que repercutan sobre as condicións de traballo dos empregados públicos das corporacións locais.

d) O impulso das ofertas oportunas para que se leven a cabo as modificacións legais necesarias para a aplicación do acordo anexo, procurando que entren en vigor xa no ano 1995.

e) Intervir diante das institucións de formación e diante das administracións en xeral, co fin de que poñan en marcha iniciativas de formación dos fun

cionarios locais, en xeral, particularmente no relativo á promoción.

Neste sentido, procurarán que o INAP e, dentro dos seus respectivos ámbitos, o resto de institutos de formación ademais de xestiona-la formación xeral que teñan encomendada, deberán ser órganos de atención e apoio ás accións que conteñan os plans de formación locais, incluídas aquelas que deban financiarse en virtude do Acordo nacional de formación continua.

Os asinantes negociarán co MAP e o INAP a actualización anual das partidas para subvencións das accións formativas.

De igual xeito, as partes asinantes comprométense a potenciar e axudar a elaborar plans de formación continua que afecten a máis dunha corporación local, no ánimo de que a formación se estenda a tódalas corporacións, independentemente do seu tamaño.

f) O estudio do réxime de protección social dos empregados públicos co fin de melloralo.

g) A adaptación ó ámbito local dos procesos que se deriven do desenvolvemento do Acordo Administración-sindicatos, do 15 de setembro de 1994.

IV. A FEMP e os sindicatos asinantes coinciden na necesidade de que a Administración local exista un corpo de xestión encadado na escala de Administración xeral.

Para tales efectos, as expresadas partes acordan instarlle ó Ministerio para as Administracións Públicas para que leve a cabo as actuacións precisas en orde á creación do mencionado corpo de xestión.

V. A FEM e os sindicatos asinantes deste acordo, partindo do recoñecemento da autonomía das corporacións locais, consideran desexable unha ordenación da negociación colectiva que permita dar pasos na homoxeneización das condicións de traballo dos empregados locais.

VI. A mesa de Administración local realizará o desenvolvemento e seguimento deste acordo mediante reunións ordinarias trimestrais convocadas para tales efectos polo presidente da Comisión da Función Pública da FEMP.

Madrid, ... de... de 1994.

Acordo tipo

TÍTULO I

Ámbito de aplicación

I. O presente acordo será de aplicación ó persoal da corporación e das súas entidades e organismos dependentes unha vez subscrito o acordo de incorporación entre a representación sindical e a corporación afectada.

A FEMP e os sindicatos asinantes estudiarán a extensión da negociación e articulación deste acordo nas corporacións onde non exista representación sindical.

II. As materias que son obxecto de acordo, e como tal, asumidas pola Administración e a súa respectiva

representación sindical, non serán obxecto de negociación durante a vixencia do presente acordo, agás no que se refire á concreción e aplicación do pactado.

III. O presente acordo entrará en vigor ó día seguinte ó do seu asinamento, constituíndo desde ese mesmo momento, unha recomendación que a FEMP tramitará ás administracións locais de todo o territorio estatal, e deberán face-lo propio as centrais sindicais asinantes coas súas respectivas organizacións territoriais.

IV. O presente acordo ten unha duración de 3 anos, desde o 1 de xaneiro do 1995 ata o 31 de decembro de 1997.

TÍTULO II

Retribucións

Capítulo II

Incremento de retribucións para 1995

I. Tendo en conta o acordo subscrito entre a Administración do Estado e os sindicatos, o incremento de retribucións durante o ano 1995 será igual ó incremento do IPC previsto na Lei de orzamentos xerais do Estado para o dito exercicio.

II. Este incremento aplicaráselle ó persoal funcionario e laboral de cada corporación local, no xeito que se estableza mediante negociación, en función das súas propias peculiaridades, e sen prexuízo da lexislación vixente.

Capítulo III

Fondo para o mantemento do poder adquisitivo

I. Xerarase un fondo específico para o mantemento do poder adquisitivo. Se o 31 de decembro de 1995, o crecemento do IPC resultase superior ó perevisto nesa data e á masa salarial do persoal da Corporación incluído no ámbito deste acordo, en termos homoxéneos de efectivos, crecese por debaixo do dito índice durante 1995, e isto en consonancia co que se dispoña para o persoal ó servicio da Administración do Estado.

II. Os criterios de aplicación do dito fondo acordaranse, sen prexuízo das orientacións que se establezan na Mesa de Administración local, entre a Administración local respectiva e a súa correspondente representación sindical. Os seus efectos económicos serán do 1 de xaneiro de 1996 e terán carácter consolidable.

III. O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ó do seu asinamento, constituíndo desde ese mesmo momento unha recomendación que a FEMP transmitirá ás administracións locais de todo o territorio nacional, debendo face-lo propio as centrais sindicais asinantes coas súas respectivas organizacións territoriais.

IV. O presente acordo ten unha duración de 3 anos, desde o 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1997.

Capítulo IV

Negociación das condicións retributivas

I. A Corporación negociará coa representación sindical as modificacións de complemento de destino e

complementos específicos asignados ós diferentes postos de traballo, tendo en conta as modificacións legais que poidan producirse e, se é o caso, os acordos que se alcancen na mesa de Administración local.

II. A mesa de Administración local prevista no presente acordo, efectuará o seguimento do disposto neste apartado.

III. O previsto neste apartado sobre modificacións retributivas e aplicación de incentivos ó rendemento, non se lles aplicará ós postos de traballo que teñan asignado un complemento de destino superior ó 26 nin ó persoal que o desempeñe. (Nos termos do acordo Administración-sindicatos do 16 de novembro de 1991).

Nos concellos de poboación menor de cen mil habitantes, quedan excluídas dos aspectos organizativos e económicos deste acordo, as persoas que desempeñen postos de persoal directivo e de libre designación. Enténdese por persoal directivo aquel que non ten como superior xerárquico nada máis que o alcalde, tenente de alcalde ou concelleiro delegado de servicio.

Capítulo V

Programas para 1995 sobre ordenación de retribucións

I. Durante 1995 levarase a cabo un estudio sobre as retribucións complementarias, por se fose conveniente a súa reordenación co fin de conseguir unha axeitada distribución de contías retributivas entre os distintos conceptos.

II. Especificamente neste programa incluirase o estudio dos postos de niveis mínimos de determinados colectivos que presenten desequilibros retributivos respecto doutros postos da área correspondente.

III. Así mesmo, abordarase o estudio da estructura retributiva dos postos de traballo, especialmente de niveis superiores, con obxecto de reforza-lo compoñente de grao persoal e facilita-la implantación dun novo modelo de carreira administrativa.

Capítulo VI

Incremento de retribucións para 1996-1997

I. As retribucións dos empregados públicos locais para 1996-1997, experimentarán un incremento segundo o previsto no acordo Administración-sindicatos, do 15 de setembro de 1994.

II. A aplicación dos incrementos retributivos, sen prexuízo das orientacións que se establezan na mesa de Administración local, será obxecto de negociación entre a corporación e a representación sindical respectiva.

III. Para cada exercicio prevese a constitución dun fondo para o mantemento do poder adquisitivo coas características previstas no capítulo III deste acordo.

Capítulo VII

Programa de aumento de productividade

I. Co fin de determina-lo incremento anual de retribucións para 1996 e 1997 e a súa diferente aplicación,

teranse en conta os proxectos ou programas que se elaboren na corporación local para aumenta-la calidade dos servicios públicos que presten, ou as iniciativas que se desenvolvan para aumenta-la eficiencia e, especialmente, para lograr un mellor emprego e cualificación dos recursos humanos a través de plans de emprego.

II. Os proxectos e programas ós que se refire o apartado anterior concretarán os obxectivos que persigan e establecerán parámetros ou índices que permitan avalia-lo seu grao de cumprimento.

Para 1995, estudiaranse iniciativas como as seguintes:

-Posta en funcionamento dun sistema de planificación e xestión de recursos humanos a través dos plans de emprego que desenvolverá a Corporación.

-Aumento dos esforzos en formación derivados do incremento de horas lectivas e configuración dun plan de formación, sen que isto deba dar lugar a un aumento de efectivos.

-Racionalización da estructura dos recursos humanos e do cadro de persoal a través dunha oferta de emprego público selectiva por categorías e grupos profesionais.

Capítulo VIII

Incremento global de retribucións para o período 1995-1997, relacionado con programas de aumento da productividade

I. Tendo en conta que para o período 1995-1997 se prevé un cambio de tendencia con crecementos sostidos do PIB, débese considera-la participación dos empregados públicos nas melloras xerais que se derivan desta nova situación, en función da mellora de productividade no emprego público, de acordo coas previsións que en cada caso, se fagan nas sucesivas leis de orzamentos.

II. Neste sentido procederase á revisión global dos incrementos retributivos dos empregados públicos ó final do período 1995-1997.

O cálculo da dita revisiónfarase considerando, por unha banda, a masa salarial do conxunto dos empregados públicos da corporación incluídos no ámbito do presente acordo o 31 de decembro de 1994 actualizada coa evolución acumulada do IPC real ó 31 de decembro de 1997, e pola outra, a masa salarial real do dito colectivo a esta última data.

A diferencia resultante aplicarase nos termos previstos para o fondo para o mantemento do poder adquisitivo.

III. Tendo en conta que entre os obxectivos deste acordo e en función dos criterios previstos neste título se persegue que non se produza perda de poder adquisitivo ó remate do período, formularase na corporación a situación específica daqueles colectivos respecto dos que non se alcance esta previsión.

TÍTULO III

Emprego público

Capítulo IX

Criterios aplicables ás políticas de emprego público durante o período 1995-1997

I. As políticas de emprego público durante este período estarán presididas polos seguintes criterios:

-Verificación da racionalidade da distribución do emprego na corporación co obxecto de optimiza-la estructura ocupacional en cada servicio, e co obxecto, tamén de responder mellor ás expectativas dos empregados públicos incrementando as súas oportunidades de promoción.

-Consolidación do emprego temporal converténdoo en fixo na medida en que os postos de traballo atendan necesidades ou cometidos de carácter permanente e non ocasional.

-Racionalización do emprego a través da oferta de emprego público, e co seu efecto, a entrada de novos empregados terá carácter selectivo e concentrarase principalmente en sectores e categorías que se consideren prioritarios, e tenderá a ser globalmente inferior á taxa de reposición de efectivos.

Capítulo X

Planificación integral de recursos humanos. Plans de emprego

I. A planificación integral dos recursos humanos e do emprego da entidade desenvolverase, se é o caso, a través de plans de emprego.

A planificación de recursos humanos e de emprego estará vinculada á planificación de actividades e tarefas do ámbito ó que se refiran.

II. Os plans de emprego, como instrumentos de planificación integral, conterán, polo menos, as seguintes previsións e medidas:

-Dimensión e estructura do cadro de persoal que se considere adecuada para o sector ou área de que se trate.

-Medidas de carácter cuantitativo e, especialmente, cualitativo que se precisen para adaptar e axusta-lo cadro de persoal inicial ó prevista no plan.

-Políticas de persoal e plans parciais de xestión ou operativos derivados destas previsións e medidas.

-Medidas e procesos de xestión que deban levarse a cabo en materia de formación, promoción, mobilidade, ingreso e modificación ou distribución de postos de traballo.

III. O acordo Administración-sindicatos prevé que o Ministerio para as Administracións Públicas poida establece-lo marco xeral: a sistemática á que deberán axustarse os plans de emprego e os procedementos para seguimento e avaliación da súa execución.

A FEMP e os sindicatos asinantes acordan que o dito marco xeral sirva de referencia ás administracións

locais, sendo adaptado, se é o caso, na mesa de Administración local.

Capítulo XI

Políticas de desenvolvemento de recursos humanos

I. Na planificación de recursos humanos abordaranse de forma especial os aspectos cualitativos e as políticas de desenvolvemento deles.

II. Os plans de emprego terán como fin primordial aumenta-la capacidade de traballo e as oportunidades profesionais dos empregados públicos, fundamentalmente, asignarlles un traballo efectivo e adecuado.

III. Nos plans de emprego integraranse os plans de formación e as previsións e medidas de promoción que se precisen.

-Os plans de emprego incluirán, se é o caso, as previsións e medidas necesarias para transformar emprego temporal en fixo, así como a ordenación de procesos de xestión para que o persoal afectado poida acceder á situación de fixo.

-Poderán incluír, así mesmo, a previsión e os procesos de funcionarización que procedan.

IV. Os plans de emprego tratarán as medidas de mobilidade que se precisen, desde unha perspectiva positiva, como instrumento necesario para asignar traballo adecuado. Primarán e incentivarán a mobilidade voluntaria e procurarán que a xestión deste proceso se leve a cabo de forma personalizada e con acompañamento das accións de formación necesarias.

V. A negociación dos plans de emprego cos sindicatos levarase a cabo en cada corporación local afectada. Para os efectos do seu seguimento en xeral, unha vez aprobados daráselle conta deles á mesa de Administración local.

Os sindicatos asinantes terán coñecemento de toda a información relacionada cos plans de emprego público e, sen prexuízo das facultades de autorganización que corresponde á Administración, negociarán tódalas repercusións que en materia de persoal poidan te-las medidas recollida no plan de emprego.

Capítulo XII

Procesos de xestión de persoal

I. En consonancia coa implantación de sistemas integrais de planificación de recursos humanos e de emprego, debe desenvolverse un sistema de xestión de persoal máis operativo e acorde cos principios que implica a planificación.

II. En particular, procurarase:

-Asignarlles metas claras e non burocráticas ós distintos procesos de xestión de persoal.

-Utilizar medios máis áxiles e flexibles na xestión de persoal, tanto no referente ás persoas coma ós postos de traballo.

-Poñer en primeiro plano a preocupación pola implantación de políticas activas en materia de desenvolvemento, formación e promoción do persoal.

Capítulo XIII

Oferta de emprego público

I. Durante o período 1995-1997, a oferta de emprego público terá carácter selectivo e concentrarase principalmente naqueles sectores funcionais e categorías profesionais que se consideren prioritarios.

II. A oferta de emprego público incluirá, además da definición das necesidades de persoal que cubrir no correspondente exercicio por persoal externo, as políticas que se prevexan desenvolver durante o exercicio en materia de emprego público.

As necesidades e as previsións que conteñan os correspondentes plans de emprego servirán, se é o caso, de base para elabora-la oferta de emprego público relativa ós exercicios de 1996 e 1997.

III. Nas ofertas de emprego público daráselle cumprimento ó disposto na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, en relación coa integración laboral das persoas con discapacidades.

A corporación, xunto cos representantes sindicais, determinará os sectores e as áreas funcionais nas que resulte máis factible aplica-la reserva de prazas para este colectivo.

Capítulo XIV

Conversión de prazas temporais en fixas

I. Durante o período 1995-1997 desenvolverase un programa de conversión de emprego de carácter temporal en fixo, naqueles casos nos que as tarefas teñan carácter permanente e non ocasional, co obxecto de impulsar de forma decisiva a solución deste problema durante o referido período.

II. A transformación de prazas de carácter temporal en fixas poderase levar a cabo mediante a creación de prazas de carácter laboral naqueles sectores ou áreas funcionais nos que esta medida poida resultar adecuada. Estas prazas poderán crearse co carácter para extinguir.

Para proceder á transformación de prazas de carácter temporal en fixas, deberá presentarse un proxecto no que se analice globalmente o emprego na corporación. Este proxecto deberá formar parte do plan da oferta de emprego correspondente.

III. Os contratos para cubrir necesidades estacionais finalizarán utomáticamente ó vence-lo seu prazo temporal.

IV. O persoal de carácter temporal e o funcionariado interino poderán continuar prestando servicios durante este período de tres anos agás que, tendo en conta as cargas de traballo da unidade correspondente, deixen de ser necesarios os seus servicios ou puidesen ser substituídos por persoal fixo ou de novo ingreso.

Para dar efectividade á continuidade poderanse emprega-las figuras xurídicas que procedan en cada caso.

V. A adquisición de fixeza efectuarase a través dos sistemas previstos na lexislación e nos termos nos que se prevexa, se é o caso, nos correspondentes convenios colectivos.

TÍTULO IV

Carreira e promoción

Capítulo XV

Criterios sobre a carreira administrativa

I. O novo modelo de función pública deberase caracterizar por unha ordenación dos grupos máis acorde co novo modelo de organización que a Administración precisa e pola definición dun sistema moderno de carreira.

A estructura profesional deste novo modelo debe posibilitar maior flexibilidade no desempeño de postos e un maior grao de adecuación ás expectativas profesionais dos empregados públicos.

II. As accións en materia de carreira dirixiranse fundamentalmente cara a estes obxectivos:

-Reforza-lo grao como posición profesional.

-Definir áreas de actividade e ámbitos funcionais que delimiten a carreira profesional.

-Lograr unha maior conexión entre os grupos profesionais establecendo mecanismos máis áxiles e prácticos que posibiliten a promoción.

Capítulo XVI

Promoción

I. A promoción profesional constituirá un instrumento indispensable nun modelo avanzado de carreira, especialmente no ámbito dunha Administración desenvolvida na súa dimensión e nas súas áreas funcionais.

Limitados os procesos selectivos de novo ingreso, a adaptación da estructura profesional da función pública deberá efectuarse, en boa medida, a través dos mecanismos e procesos de promoción.

II. Como criterios xerais en materia de promoción teranse en conta os seguintes:

-A promoción deberá ser instrumento para incrementa-la capacidade de traballo dos empregados públicos e, en definitiva, os seus niveis de motivación e integración.

-A promoción deberá basearse no esforzo profesional, no historial profesional na carreira, e na formación e cualificación adquiridas, debendo ser tamén obxecto de consideración a antigüidade.

III. De acordo con estes criterios, a partir da entrada en vigor deste acordo, efectuaranse procesos de promoción, separados dos de ingreso, que se desenvolverán en convocatorias independentes, salvo que, trala negociación cos representantes do persoal, se inclúan en convocatorias de oferta de emprego, dentro das cotas legais de reserva para a promoción interna.

IV. Dentro das previsións dun plan de emprego, e no marco da legalidade vixente, poderán autorizarse procesos específicos de promoción no contexto da ordenación global dos seus efectivos e dos seus postos de traballo, con independencia dos procesos de promoción que se leven a cabo con carácter xeral.

Capítulo XVII

Criterios de carreira aplicables ó grupo E

I. Promoveranse medidas que intensifiquen os procesos de promoción interna do funcionariado do grupo E ó grupo D nas correspondentes áreas funcionais.

II. A convocatoria de promoción do grupo E ó D efectuarase mediante concurso-oposición, nos termos da legalidade vixente en cada momento.

Na fase de concurso valoraranse méritos relacionados cos postos de traballo desempeñados, con nivel de formación e coa antigüidade.

Na fase de oposición esixiranse fundamentalmente coñecementos especializados na área ou áreas ás que pertenzan as prazas.

Capítulo XVIII

Criterios de carreira aplicables ó grupo D

I. As convocatorias de acceso ós corpos ou escalas do grupo D esixirán os coñecementos e capacidade adecuados a este nivel profesional e á área de actividade ou funcional á que correspondan as prazas convocadas.

Procurarase unha maior cualificación e especialización deste grupo.

II. O acceso a corpos e escalas do grupo C levarase a cabo prioritariamente a través da promoción desde o grupo D da correspondente área de actividade ou funcional.

Cando a legalidade o permita, o funcionario do grupo D, que careza de título de bacharelato ou equivalente, poderá participar nas convocatorias de promoción ó grupo C, sempre que teña unha antigüidade de dez anos no grupo D, ou de cinco anos nel e maila superación dun curso específico de formación. O acceso a este curso basearase en criterios obxectivos.

III. A convocatoria de promoción do grupo D ó C efectuarase polo sistema de concurso-oposición, nos termos da legalidade vixente en cada caso.

Na fase de concurso valoraranse méritos relacionados coa carreira e postos desempeñados, co nivel de formación e tamén coa antigüidade.

Na fase de oposición esixiranse fundamentalmente coñecementos especializados da área ou áreas ás que pertenzan as prazas.

Capítulo XIX

Criterios de carreira aplicables ó grupo C

I. Nunha nova estructura profesional, o funcionariado do grupo C deberá constituír un sector cualificado da área profesional executiva.

A política de persoal potenciará as accións de formación para este grupo, limitándose paulatinamente ós solapamentos profesionais, en cometidos e desempeño de postos, co funcionariado do grupo D.

Nos concursos nos que o funcionarado do grupo C compita con outros do grupo D, primarase a pertenza ó grupo superior.

II. No contexto dun novo modelo de función pública, considerarase a posibilidade de que, na participación do funcionariado do grupo C nas convocatorias de acceso ou promoción a corpos e escalas do grupo B, se supla a carencia do nivel de titulación correspondente pola superación de cursos específicos impartidos ou programados por institutos ou centros de formación da Administración pública.

Esta previsión non será de aplicación para o acceso a corpos ou escalas nos que se precise un título académico para o exercicio profesional ou que pertenzan a áreas funcionais nas que esta previsión non resulte axeitada.

Capítulo XX

Criterios de carreira aplicables ó grupo B

I. O funcionariado do grupo B, nunha nova estructura profesional, deberá constituír un sector da área profesional técnica e executiva.

Definirán vías de promoción para acceder ó sector superior dentro desta área.

II. En cada corporación, e en consonancia co punto anterior, desenvolveranse durante 1995 as seguintes accións:

-Analizaranse os postos desempeñados por funcionariado do grupo B ós que poidan acceder en concorrencia co grupo A, para determinar aqueles que deban adscribirse en exclusiva ó grupo B.

-Trataranse de analiza-los impostos desempeñados por funcionarios do grupo B en áreas especializadas para proceder a un tratamento máis idóneo da súa carreira.

-Limitaranse progresivamente os solapamentos profesionais con grupo C, tanto en cometidos coma no desempeño de postos.

Nos casos de concorrencia de funcionariado do grupo B co do grupo C para a ocupación de postos, primará o funcionariado do grupo superior.

III. As partes asinantes terán en consideración os resultados da negociación entre a Administración do Estado e os sindicatos sobre a promoción do grupo B ó A. Se é o caso, poderá formularse a reserva dunha cota de prazas para a promoción pola vía separada, particularmente naqueles casos nos que un curso selectivo forme parte do proceso.

Capítulo XXI

Criterios de carreira aplicables ó grupo A

I. No ámbito profesional do grupo A ponse de manifesto a insuficiencia do actual modelo de carreira.

Neste sentido, aínda cando resulte complexo aplicar modificacións parciais fóra dun novo marco da función pública, as accións que se desenvolvan no futuro neste ámbito estarán orientadas a reforza-las posicións profesionais definidas polo grao persoal e a ordena-las retribucións de acordo con este criterio.

II. A Administración e a representación sindical coinciden na conveniencia e oportunidade de estructurar un sector de persoal directivo e unha carreira directiva dentro da función pública.

Con esta medida, preténdese aumenta-lo grao de profesionalización da área directiva da Administración pública e con isto os niveis de eficacia no seu funcionamento.

Capítulo XXII

Promoción do persoal laboral fixo

I. Os criterios que sobre promoción se conteñen no presente acordo, inspirarán as previsións que sobre promoción profesional se establezan para o persoal laboral nos convenios colectivos.

II. Cando existan categorías de persoal laboral que desempeñen funcións afins ás de corpos ou escalas de funcionariado, o ingreso nestes corpos ou escalas poderá efectuarse mediante o sistema de concurso-oposición, e valoraranse na fase de concurso a experiencia e o historial profesional destes candidatos.

A estes efectos, o persoal laboral que teña funcións que sexan afíns ás desempeñadas por funcinariado do grupo E, terá o mesmo tratamento ca este para o acceso ó grupo D, segundo o previsto no capítulo XVIII do presente acordo.

Capítulo XXIII

Funcionarización

I. A corporación, trala negociación coa representación sindical, definirá todos aqueles postos de traballo que deban ser desempeñados por persoal funcionario.

II. Ós procesos de funcionarización, que puidesen establecerse aplicaránselles, como mínimo, os seguintes criterios:

-As probas serán axeitadas ó nivel profesional do corpo ou escala correspondente.

-Coma norma xeral, as convocatorias faranse de forma sectorializada e esixiranse coñecementos relacionados coas tarefas que se desenvolvan na área de actividade correspondente.

-Procurarase facilitarlles ós candidatos a formación necesaria para presentarse ás probas en condicións idóneas.

III. Os plans de emprego poderán establecerse criterios específicos sobre a funcionarización, en especial sobre as oportunidades dos candidatos e as probas selectivas.

TÍTULO V

Formación

Capítulo XXIV

Obxecto e finalidade das políticas de formación

I. A función pública debe abordar, cada vez de xeito máis acusado, problemas de tipo cualitativo, derivados da necesidade de adaptarse ás novas demandas da sociedade.

Precísanse coñecementos renovados e a adaptación de valores e actitudes profesionais.

Neste contexto, a formación debe ser considerada como unha necesidade e unha obriga profesional.

II. A formación constitúe un elemento esencial na estratexia de cambio da Administración pública, un factor básico para incrementa-la motivación e a integración dos empregados públicos e un mecanismo eficaz e indispensable para articula-la mobilidade e a promoción.

En consecuencia, a formación pasará a un primeiro plano na preocupacióin da corporación, polo que esta, conxuntamente coa FEMP e as escolas de formación funcionarial, se comprometen a incrementar substancialmente a oferta de formación e a vinculala ó desenvolvemento da carreira administrativa e á promoción.

III. Por outra banda, coa sinatura do Acordo nacional de formación continua e do acordo tripartito en materia de formación continua dos traballadores ocupados, o 16 de decembro de 1992, así como o acordo da comisión tripartita do 15 de xullo de 1994, para amplia-la aplicación destes acordos ó persoal das administracións públicas, ábrense novas posibilidades de actuación para as políticas de formación neste ámbito, en especial no que respecta á participación dos sindicatos no seu desenvolvemento.

Administración e representación sindical coinciden en manifestar que a coparticipación de tódolos axentes administrativos e sociais, incluídos os correspondentes ó ámbito local, na planificación, xestión e impartición da formación continua nas administracións públicas, aportará un clima de colaboración e de implicación dos empregados públicos no desenvolvemento deste programa, de xeito que influirá moi positivamente no cumprimento satisfactorio dos seus obxectivos.

Capítulo XXV

Plans de formación

I. A formación, que será abordada de xeito sistemático e non ocasional, debe constituír un proceso constante, dinámico e actualizado, orientado á consecución de resultados, integrándose e complementándose co resto de políticas de persoal; por isto debe ser obxecto de plans específicos.

II. Cada corporación elaborará anualmente, durante o período de vixencia deste acordo, un plan de formación anual que estará vinculado, á planificación integral de recursos humanos. O dito plan integrará as iniciativas de formación actualmente vixentes.

III.-Con independencia deles, manteranse vixentes os acordos de formación continua subscritos nos distintos ámbitos.

Capítulo XXVI

Financiamento dos plans de formación

I. Os plans de formación que elabore a corporación poderán financiarse, ademais, coas partidas orzamentarias existentes nos orzamentos da Administración, a través dos fondos para a formación continua provenientes da cotización por formación profesional, no xeito que se determine na Comisión Xeral para a Formación Continua.

Capítulo XXVII

Oferta formativa e tempos para formación

I. A Administración local, conxuntamente coa FEMP e os sindicatos, comprométense a ampliar substancialmente durante o período 1995-1997 as accións formativas para logra-los obxectivos previstos no presente acordo.

Durante este período empregaranse, ademais dos créditos que figuren nos orzamentos das corporacións locais para financiar accións formativas, fondos para a formación continua procedentes da cotización por formación profesional.

Ó longo do período de vixencia deste acordo, a Corporación e a representación sindical poderán negocia-lo incremento do número de horas lectivas para a formación.

II. Nos cursos que programe a Administración para a capacitación profesional ou para a adaptación dun novo posto de traballo, o tempo de asistencia considerarase tempo de traballo para tódolos efectos.

III. Para facilita-la formación profesional, a Administración, no marco do convenio 140 da OIT, comprométese a adopta-las seguintes medidas concretas:

-Concesión de permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional.

-Concesión de corenta horas ó ano, como máximo para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, cando o curso se realice fóra da Administración e o contido del estea directamente relacionado co posto de traballo ou coa súa carreira profesional na Administración, sempre que a organización do servicio o permita.

Nas corporacións nas que exista un plan de formación, negociado cos representantes sindicais, a concesión destas corenta horas enmarcarase nas accións previstas no dito plan.

-Concesión de permiso non retribuído, dunha duración máxima de tres meses, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, sempre que a xestión do servicio e a organización do traballo o permitan.

Capítulo XXVIII

Xestión da formación continua

I. No relativo á xestión dos plans de formación continua, a súa presentación, aprobación e requisitos, regularase polo que se determine na Comisión Xeral para a Formación Continua.

TÍTULO VI

Outras materias

Capítulo XXIX

Saúde laboral e acción social

I. Considerando que os empregados públicos locais teñen dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a súa saúde no traballo, e que a Administración ten o deber de promover, formular e aplicar unha adecuada política de prevención de riscos, as partes asinantes comprométense a colaborar estreitamente para eleva-los niveis de saúde e seguridade no traballo e nas corporacións locais.

II. Para tales efectos, tomaranse en consideración as recomendacións e acordos da Comisión Paritaria de Saúde Laboral e Acción Social previstas no acordo Administración-sindicatos, do 15 de setembro de 1994, unha vez adaptados por parte da Mesa de Administración local prevista neste convenio.

III. Co fin de mellora-lo benestar social dos empregados públicos locais, aquelas corporacións locais que na actualidade non destinen fondos para estes efectos, durante a vixencia do presente acordo procurarán destinar unha cantidade equivalente ó 0,8% da masa salarial de todo o seu persoal, incluído o dos seus organismos autónomos para financiar accións e programas de carácter social.

Capítulo XXX

Calendario laboral

I. A distribución da xornada e a fixación dos horarios de traballo realizaranse mediante o calendario laboral. A corporación aprobará cada ano un calendario laboral.

-A aprobación do calendario laboral, farase trala negociación coa representación sindical asinante.

-O calendario laboral determinarase en función do número de horas anuais, sen que a súa distribución e aplicación poida modifica-lo número de días de vacacións.

Capítulo XXXI

Absentismo

I. A Administración local e a representación sindical coinciden na necesidade de poñer en práctica medidas contra o absentismo.

II. En colaboración coa representación sindical asinante deste acordo, efectuaranse os estudios necesarios sobre as causas e extensión do absentismo, así como as medidas sistemáticas que poidan aplicarse de acordo coa súa gradual eliminación.

III. A Administración local, trala negociación coa representación sindical, e á vista das conclusións que se deriven deste estudio, impulsará accións homoxéneas para desenvolver nas distintas unidades.

Capítulo XXXII

Recursos en vía administrativa en materia de persoal

I. Sindicatos e Administración coinciden na insuficiencia do actual sistema de recurso en materia de persoal, non só para os interesados senón tamén para a Administración.

Parece, polo tanto, conveniente a busca de novas solucións que preserven as garantías dos empregados públicos, incrementando a axilidade na solución dos recursos.

II. Ámbalas dúas partes coinciden en que sería beneficioso, tanto para a Administración coma para os interesados, facilita-la rápida resolución dos recursos e a homoxeneización dos criterios en materia de xestión de persoal.

III. Ámbalas partes están de acordo na conveniencia de estudia-la aplicación das novas fórmulas que se estudian no ámbito da Administración do Estado, entre as que podería ter cabida a configuración dunha instancia interna para a resolución dos recursos administrativos de carácter especializado, profesionalizada, non suxeita ó principio de xerarquía nas súas resolucións e que estas puxesen fin á vía administrativa.

Sinaturas:

Polo concello,Pola parte sindical,

9237