Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 1997 Páx. 11.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 329/1997, do 30 de outubro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 1.000 m situado no polígono de Coia (Vigo), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro destinado á terceira idade.

O Pleno da Corporación municipal de Vigo, en sesións do día 17 de novembro de 1989 e do día 24 de setembro de 1990, acordou a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia de dúas parcelas de 500 m cada unha no polígono de Coia (Vigo) para a construcción dun centro da terceira idade.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Vigo acordou a cesión e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 1.000 m resultante da cesión por parte do Concello de Vigo de dúas parcelas de 500 m cada unha, situado no polígono de Coia (Vigo) que linda ó norte, coa parcela dos bloques 9 e 10 da rúa Marín; leste, coa parcela dos bloques 3, 5 e 7 da mesma rúa; sur, parcela de pavillón polideportivo; e oeste, con aparcamento e vía pública que conecta a rúa Cangas coa rúa Marín.

O inmoble descrito segregarase do predio matriz inscrito no Rexistro da Propiedade nº 3 de Vigo, no folio 121 v. do libro 496, predio número 27513 N, inscrición 5ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro destinado á terceira idade.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9177