Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 1997 Páx. 11.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 330/1997, do 13 de novembro, polo que se cambia a denominación do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

O consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 11 de febreiro de 1993, aprobou o Decreto 25/1993, polo que se crea o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e se regula o seu funcionamento (DOG do 19 de febreiro).

Este centro de investigación encárgase de promover e desenvolver proxectos e programas galegos de estudios lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos e da súa difusión, segundo determina o artigo 1 da citada disposición.

En cumprimento desta finalidade, o centro Ramón Piñeiro vén levando a cabo unha pluralidade de proxectos de investigación en tódolos campos do coñecemento que figuran como funcións propias no artigo 2 do decreto da súa creación.

Por iso, considérase conveniente cambia-lo nome deste centro polo de investigación en humanidades, por ser este concepto máis xenérico e axeitado á realidade do amplo labor que desenvolve.

En consecuencia, por iniciativa da comisión rectora do devandito centro en acordos do 17 de xaneiro e do 5 de xuño de 1997, elabórase este decreto

polo que se cambia a súa actual denominación pola de Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-O Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, creado polo Decreto 25/1993, pasa a denominarse Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9000