Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 19 de novembro de 1997 Páx. 11.135

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 327/1997, do 6 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo sito no lugar do Cornuval, termo municipal do Carballiño (Ourense), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción do centro de exposicións permanente dos recursos comarcais do Carballiño.

O Pleno da Corporación municipal do Carballiño (Ourense), en sesión celebrada o 14 de maio de 1996, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo para a construcción do centro de exposicións permanente dos recursos comarcais do Carballiño.

Conforme os artigos 17.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo,

os artigos 23.1 da mesma lei e 38.1 do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello do Carballiño (Ourense) acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do terreo, pertencente ó Concello do Carballiño (Ourense), sito no lugar do Cornuval, termo municipal do Carballiño, duns 17.046 m de extensión superficial que linda: fronte, avenida de Pontevedra; dereita entrando, asilo de anciáns; esquerda entrando, camiño público; e fondo, camiño público.

O inmoble descrito constitúe unha porción que se deberá segregar doutro que se atopa inscrito no Rexistro da Propiedade do Carballiño, no tomo 355 do arquivo, libro 65 do Concello do Carballiño, folio 229, predio nº 8.474, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción do centro de exposicións permanente dos recursos comarcais do Carballiño.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

8700