Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 18 de novembro de 1997 Páx. 11.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 326/1997, do 6 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Boqueixón (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura dun camiño en Loureda.

O Concello de Boqueixón (A Coruña), en sesión celebrada o día 13 de marzo de 1997, aprobou o proxecto de apertura dun camiño en Loureda e na sesión do día 29 de xullo de 1997 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 23 de setembro de 1997 baixo o número 13186.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22 de outubro de 1997 baixo o número 15143.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata dunha importante vía de comunicación nexo de unión entre dous concellos (Touro-Boqueixón) e acceso ó núcleo de poboación; a estreiteza da vía no punto que se pretende expropiar, xunto co feito de coincidir cun trazado en curva, dificulta enormemente o tránsito de vehículo lixeiros, impedindo o paso de vehículos pesados e en concreto do transporte escolar.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Boqueixón (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura dun camiño en Loureda.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

97-9060