Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 06 de novembro de 1997 Páx. 10.713

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Harinas del Atlántico, S.A., no concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña), e se inclúe no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994. (Expediente 55/1997).

Visto o escrito presentado pola empresa Harinas del Atlántico, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Ribeiriña s/n, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 24 de xaneiro de 1997, a referida empresa, dedicada á producción de fariña de peixe, solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na

súa factoría do concello da Pobra do Caramiñal (A Coruña). Acompaña á dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos alcanzables e de aforro de enerxía que se conseguirán coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado Real decreto 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Dous motores de combustión interna alternativos alimentados por gasóleo, de 1.330 kW cada un; dous xeradores síncronos trifásicos de 1.500 kVA c/u, tensión de xeración 0,38 kV; un centro de transformación r/t 10/0,38, con dous transformadores de 1,75 MVA de potencia c/u, montado en interior, instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento calor e de protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Segundo.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, o 20 de febreiro de 1997 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña resolveu someter a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia. A mencionada resolución publicouse no DOG do 4-4-1997 e no BOP da Coruña 22-3-1997, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación algunha.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da dita delegación provincial.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctrica e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Harinas del Atlántico, S.A. que se vai situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten na Pobra do Caramiñal (A Coruña).

Segundo.-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 do dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994, e presenta-la documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa aplicación.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

7787