Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 06 de novembro de 1997 Páx. 10.714

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Maderas Mendaña, S.A., no concello de Pontedeume (A Coruña), e se inclúe no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994. (Expediente 809/1996).

Visto o escrito presentado pola empresa Maderas Mendaña, S.A., con enderezo para efectos de noti

ficacións en Campolongo, s/n, Pontedeume (A Coruña), esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 21 de outubro de 1997, a referida empresa, dedicada a serradoiro de madeira, solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na súa factoría do Concello de Pontedeume (A Coruña). Xúntalle á dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos alcanzables e de aforro de enerxía que se conseguirán coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado Real decreto 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Un motor de combustión interna alternativo alimentado por fuel ou gas natural, de 2.400 kW no caso de utilizar fuel ou de 2.080 kW no caso de utilizar gas; un xerador síncrono trifásico de 2.500 kVA, tensión de xeración 6 kV; un centro de transformación r/t 20/6, cun transformador de 3 MVA de potencia, montado en interior, instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Segundo.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, o 20 de febreiro de 1997 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña resolveu someter a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 22-11-1996 e no BOP da Coruña do 23-11-1996, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola dita delegación provincial.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995,

do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctrica e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado R.D. 2366/1994.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Maderas Mendaña, S.A. que se vai situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Pontedeume (A Coruña).

Segundo.-Recoñecer á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 de dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial a dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do R.D. 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa aplicación.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

7786