Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 04 de novembro de 1997 Páx. 10.635

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 306/1997, do 23 de outubro, polo que se establecen as normas de seguridade en parques infantís.

A Constitución española no artigo 39 relativo á familia e ós nenos, sinala no seu apartado 4 que «os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos».

Neste sentido, a Convención dos Dereitos dos Nenos, do 20 de novembro de 1989, ratificada por España o 30 de novembro de 1990, dispón no seu artigo 30.1 que «os estados partes recoñecen o dereito do neno ó descanso e ó esparexemento, ó xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade e a participar libremente na vida cultural e nas artes».

Pola súa parte, a resolución do Parlamento Europeo sobre a Carta Europea dos Dereitos do Neno de 1992, refírese ó «dereito de todo neno ó ocio, ó xogo e á participación voluntaria en actividades deportivas. Deberá, así mesmo, poder desfrutar de actividades sociais, culturais e artísticas».

A Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, establece no artigo 3 que «os menores gozarán dos dereitos que lles recoñece a Constitución e os tratados internacionais dos que España sexa parte, especialmente a Convención dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas e os demais dereitos garantidos polo ordenamento xurídico...», e no artigo 11 ó referirse ós principios rectores da acción administrativa en relación cos menores de idade, sinala que as admi

nistracións públicas deberán ter en conta as necesidades do menor ó exerce-las súas competencias, especialmente en materia de control, entre outros, sobre os espacios libres nas cidades, e terán particularmente en conta a adecuada regulación e supervisión daqueles espacios nos que permanecen habitualmente nenos e nenas, no que se refire as súas condicións físico-ambientais, hixiénico-sanitarias e demais condicións que contribúan a asegura-los seus dereitos.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, aprobada polo Parlamento de Galicia en exercicio da competencia exclusiva que en materia de asistencia social lle atribúe o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu artigo 7 que «tódolos membros da familia gozarán da tutela xurídica dos dereitos individuais e colectivos recoñecidos pola Constitución e os pactos e acordos internacionais ratificados polo Estado español e demais recoñecidos polo resto do ordenamento xurídico. En particular, a infancia e a adolescencia desfrutarán dos que proclama a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno de 1989 sen discriminación ningunha por circunstancias persoais, familiares ou sociais».

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica e competencias da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúelle a esta consellería a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia a infancia e menores.

Por outra parte, o defensor do pobo, en colaboración co Comité Español do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), realizou recentemente unha investigación de carácter xeral sobre as condicións nas que se desenvolve o xogo dos menores nas áreas recreativas de carácter público destinadas a eles, e de modo específico das condicións de seguridade e prevención de accidentes. Nas conclusións desa investigación destácase a existencia dunha lagoa normativa en canto ás medidas de seguridade que as áreas de xogos infantís terían que reunir, así como a falta de criterios uniformes ó respecto.

Por iso, consonte as normas referidas, faise preciso establece-las condicións mínimas de seguridade que, en todo caso, deben reunir esas áreas de xogo infantís especificamente destinadas ó esparexemento dos menores, tendo en conta especialmente as recomendacións do defensor do pobo.

Por todo isto e por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, en virtude das competencias que lle atribúe o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por obxecto a regulamentación das condicións mínimas de seguridade

e prevención de accidentes que deben reuni-los parques infantís e áreas de xogo para a infancia, así como os seus equipamentos e elementos de xogo.

2. As disposicións do presente decreto serán de aplicación tanto ás instalacións de titularidade pública como ás de titularidade privada, sempre que, neste último caso, estean destinadas ó uso público ou comunitario.

Artigo 2º.-Normas xerais.

Os parques infantís e áreas de xogo para a infancia deberán cumpri-las seguintes normas xerais de seguridade:

1. As áreas de xogo infantís estarán protexidas do tráfico rodado mediante valados ou sebes.

2. O chan deberá ser de materiais brandos, preferentemente de caucho ou area.

As zonas de xogo con area deberán vixiarse especialmente, evitando a súa contaminación. Ademais terán como mínimo un espesor de vintecinco centímetros e será removida e renovada periodicamente.

3. Disporán de espacios diferenciados para uso infantil e de adolescentes, con carteis indicadores de uso e con recomendación de idade, segundo os xogos e áreas do parque.

4. De acordo coa Lei 8/1997, do 8 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, procederase á eliminación de barreiras facilitándolle-lo acceso ós menores discapacitados.

5. Estará prohibida a entrada de bicicletas e patíns nas áreas de xogo infantil, deberanse adecuar circuítos independentes para estas actividades noutras áreas.

Artigo 3º.-Bambáns. Normas de seguridade.

Os bambáns deberán axeitarse, en canto á súa composición e instalación, ás seguintes normas de seguridade:

1. Os asentos serán de material brando, nunca de madeira ou ferro. Estarán suxeitos con material ríxido ó traveseiro superior e non con cadeas ou cordas.

2. A zona onde estean instalados os bambáns estará rodeada con valados para que non se acheguen outros nenos cando estean en movemento.

3. Como máximo instalaranse dous bambáns xuntos para evitar colisións.

4. Os bambáns baleiros deberán ser inmobilizados cun peche de seguridade para impedi-los movementos impulsados polo vento.

5. Non se poderán instalar bambáns multitudinarios nin barras de movemento horizontal.

Artigo 4º.-Tobogáns. Normas de seguridade.

Os tobogáns cumprirán as seguintes normas de seguridade:

1. A altura será acorde coa idade dos nenos, nunca superior a tres metros.

2. A plataforma de espera estará protexida para evitar caídas. Os laterais da rampla deberán ser altos. O tramo final será recto, deberá chegar ó chan sen desniveis e as cubetas de recepción deben estar cheas de area.

3. A rampla descendente estará confeccionada dunha soa peza e con materiais que non formen estelas.

Artigo 5º.-Balancíns. Normas de seguridade.

Os balancíns reunirán as seguintes normas de seguridade:

1. Contarán con sistemas de amortecemento que impidan o rebote no chan.

2. Non serán metálicos, nin longos en exceso, o centro estará non demasiado alto.

Artigo 6º.-Estructuras multixogos. Normas de seguridade.

As estructuras multixogos suxeitaranse ás seguintes normas de seguridade:

1. Só se incluirán xogos estáticos.

2. As barras de protección terán só elementos verticais. Coidarase o tamaño dos buratos que queden entre plataformas para evitar posibles caídas.

3. Poñeranse obstáculos para que os nenos só poidan subir ás zonas máis altas polos tramos deseñados para isto.

Artigo 7º.-Zona mínima de uso.

Respectaranse as seguintes zonas mínimas de uso:

1. Nos tobogáns e demais aparellos estáticos, será de dous metros ó seu redor.

2. Diante e detrás dos bambáns, será de cinco metros.

3. Arredor dos balancíns e demais aparellos móbiles, será de dous metros e cincuenta centímetros.

Artigo 8º.-Materiais.

Os materiais das estructuras de xogo serán preferentemente de madeira tratada ou plástico, evitándose os metais.

Vixiarase especialmente que non existan xogos con bordos cortantes nas unións ou soldaduras, nin que teñan estelas.

Artigo 9º.-Instrucción de uso e revisións periódicas.

1. Tódolos aparellos montados sobre soportes irán acompañados das instruccións de uso e porán de relevo a obriga de efectuar controis e revisións periódicas das partes máis importantes: suspensións, suxeitadores, fixación no chan.

2. Os titulares e responsables dos parques infantís ou áreas recreativas deberán expoñer en lugar visible e preferente unha relación de recomendacións para o uso idóneo e seguro dos aparellos e elementos de xogo, que, como mínimo, conterá as expresadas no anexo do presente decreto.

Artigo 10º.-Mantemento e limpeza.

Nos parques infantís e zonas de lecer de titularidade municipal, serán os concellos os responsables do mantemento e limpeza deles.

Disposición transitoria

Os concellos disporán dun prazo de cinco anos para adapta-los seus parques infantís ó disposto no presente decreto. A Xunta de Galicia, coa finalidade de impulsa-la creación de zonas de lecer para a infancia nos parques públicos así como para facilita-la adaptación das existentes ás normas contidas neste decreto establecerá, dentro dos límites orzamentarios unha liña de axudas ós concellos nos respectivos orzamentos anuais da Comunidade Autónoma, no marco das subvencións para a realización de obras e equipamentos locais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os parques infantís e zonas de ocio de nova creación deberán axustarse, en todo caso, ás normas establecidas no presente decreto.

Segunda.-Facúltase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO

RECOMENDACIÓNS DE USO DOS APARELLOS DE XOGO

1. Bambáns.

A) Non se permitirá que outros nenos ou adultos se acheguen demasiado ás partes anterior e posterior do bambán cando este se atope en movemento.

B) Nunca sentará no bambán máis dun neno e tampouco adultos tendo a nenos no colo.

C) O neno sentará no centro da plataforma do asento, nunca de pé ou de xeonllos.

2. Tobogáns.

A) Entre neno e neno gardarase unha distancia na suba de polo menos un metro.

B) Esvararase sentado cos pés por diante e nunca en postura transversal ou de cabeza. Nunca esvararán dous nenos xuntos e sempre gardarán quenda.

C) O neno agarrarase coas dúas mans ás marxes da escaleira cando suba ó tobogán, nunca subirá pola rampla de esvaramento e despois de botarse retirarase inmediatamente dela.

D) Evitarase que os nenos xoguen en tobogáns de estructura metálica expostos ó sol ou ó frío moi intenso.

3. Balancíns.

A) Os dous nenos sentarán fronte a fronte agarrándose coas dúas mans á vez.

B) Non se permitirá que os nenos xoguen no traveseiro nin corran sobre o mesmo.

C) Ó descender coidarase de que non poñan os pés debaixo do traveseiro.

4. Estructuras multixogos.

A) Os nenos desprazaranse seguindo unha orde e unha dirección, manténdose unha distancia prudencial entre nenos.

B) Non se permitirán competicións de velocidade e risco.

Colabore no mantemento destas instalacións. se detecta calquera deficiencia ou desperfecto póñao en coñecemento de..., especialmente se afecta á seguridade dos usuarios.

8379