Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 04 de novembro de 1997 Páx. 10.632

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 305/1997, do 23 de outubro, polo que se regula a hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo Real decreto 1945/1985, do 9 de outubro, regúlase a hemodoazón e os bancos de sangue, dado o interese público, sanitario e social que as súas actividades comportan. Neste sentido, o seu artigo 2º establece que a obtención, preparación e conservación, almacenamento, distribución, tráfico e subministración do sangue humano e os seus compoñentes están suxeitos ó control e dirección das administracións públicas.

Por iso, dadas as competencias atribuídas no ámbito sanitario á Comunidade Autónoma polo artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e considerando que a utilización terapéutica do sangue como ben escaso debe ser tutelada polos poderes públicos, dictouse o Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regula a hemodoazón-hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia. Neste decreto establecíase a organización funcional da hemoterapia na Comunidade Autónoma, a cal se apoiaba nos seguintes niveis: centros de transfusión, bancos de sangue do sector hemoterápico e bancos ou depósitos de sangue hospitalarios.

As crecentes necesidades de sangue e hemoderivados en Galicia reflectiron que as estructuras establecidas eran insuficientes para satisfacer esas nece

sidades, o que esixiu da Administración pública a adopción de medidas capaces de lograr unha organización hemoterápica máis eficiente que permitise a promoción da doazón altruísta do sangue para consegui-lo autoabastecemento de Galicia. Constituíuse así a Fundación Centro de Transfusión de Galicia como marco no que se desenvolvese a organización funcional da hemodoazón e hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia. Transcorrido un tempo prudencial desde a dita constitución é necesario realiza-las modificacións normativas precisas para adapta-la organización funcional da hemoterapia ás novas necesidades e ó novo marco establecido.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Organización da hemoterapia.

A organización funcional da hemoterapia na Comunidade Autónoma de Galicia apóiase na seguinte estructura:

a) Centro de Transfusión de Galicia.

b) Bancos de sangue hospitalarios.

c) Depósitos de sangue hospitalarios.

Artigo 2º.-Funcións do Centro de Transfusión de Galicia.

1. O Centro de Transfusión de Galicia é o marco funcional no que se desenvolverá a obtención, preparación, conservación, almacenamento, distribución e control da aplicación do sangue humano e os seus derivados, así como a formación e investigación no campo da hemoterapia, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Son funcións do Centro de Transfusión de Galicia as seguintes:

a) Promoción da hemodoazón e plasmaférese voluntarias.

b) Programación e execución de tódolas extraccións extrahospitalarias por medio de equipos móbiles.

c) Procesamento de tódalas unidades do sangue recollidas de forma extra e intrahospitalaria.

d) Abastecemento do sangue e derivados a tódolos hospitais e centros sanitarios públicos e ós privados que o demanden da Comunidade Autónoma de Galicia conforme as súas necesidades.

e) Fraccionamento do sangue para a producción dos compoñentes sanguíneos precisos para darlles cobertura ós requirimentos transfusionais dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma. Potenciarase a obtención de novos derivados para cumprir como obxectivo final o abastecemento no tratamento das coagulopatías.

f) Realización das determinacións analíticas que estean dentro das competencias do centro e que sexan solicitadas polos hospitais.

g) Abastecemento de reactivos tanto ó propio centro como ós hospitais da comunidade.

h) Control de calidade dos reactivos utilizados e a tecnoloxía referente á transfusión.

i) Centro de referencia dos problemas derivados da inmunohematoloxía e hemoterapia.

l) Centro de referencia da tipaxe HLA.

ll) Supervisa-lo cumprimento da normativa básica de avaliación da calidade dos bancos de sangue.

m) Dispoñer dun inventario actualizado referente a doadores, recursos humanos e materiais e actividades dos diferentes bancos de sangue e das necesidades do sangue, plasma e hemoderivados.

n) Promove-lo desenvolvemento da investigación tendente á obtención de novos derivados do sangue para usos terapéuticos.

ñ) Promove-la formación dos profesionais en materia de hemoterapia.

o) Manter unha estreita vinculación cos centros transfusionais e bancos de sangue da rede nacional.

p) Desenvolve-la infraestructura necesaria para a criopreservación do sangue e dos seus derivados así como da medula ósea.

q) Calquera outra actividade tendente á planificación, coordinación e mellora da actividade relacionada coa captación de doadores, extracción, tratamento e distribución do sangue e dos seus derivados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

r) Responsabilizarse do intercambio de plasma que se realice entre os bancos de sangue dependentes del e a industria fraccionadora.

3. O envío de plasma á industria productora de plasmaderivados realizarase preferentemente desde o Centro de Transfusión de Galicia. Naqueles casos nos que razóns de eficacia así o requiran, outros bancos da Comunidade Autónoma poderán enviarlle directamente plasma obtido á industria fraccionadora, pero sempre baixo autorización e supervisión do Centro de Transfusión de Galicia.

4. O Centro de Transfusión de Galicia contará cunha dirección técnica, e á súa fronte estará un médico especialista en hematoloxía-hemoterapia.

Artigo 3º.-Comisión Consultiva do Centro de Transfusión de Galicia.

1. Como órgano de asesoramento e consulta do centro créase a Comisión Consultiva do Centro de Transfusión de Galicia.

2. A dita comisión terá a seguinte composición:

Presidente: o director técnico do Centro de Transfusión de Galicia.

Vocais:

-Un representante da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Un representante do Servicio Galego de Saúde.

-Dous directores de bancos de sangue hospitalarios de titularidade pública designados polo Servicio Galego de Saúde, un deles en representación das provincias da Coruña e Lugo e o outro representante de Pontevedra e Ourense.

-Un director de bancos ou depósitos de sangue hospitalarios de titularidade privada.

-Un representante das asociacións de doadores que actúan no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un director dos bancos de sangue do Ministerio de Defensa.

-Un representante das universidades galegas.

-Dúas persoas designadas polo director do Centro de Transfusión de Galicia.

-Un representante da Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.

3. A Comisión Consultiva do Centro de Transfusión de Galicia terá as seguintes funcións:

a) Asesora-lo director técnico do Centro de Transfusión no desempeño das súas funcións.

b) Estimular e impulsa-lo cumprimento das funcións do Centro de Transfusión de Galicia fixados no artigo 2.3, especialmente no referente á promoción das doazóns e á utilización correcta do sangue e os seus derivados.

c) Procura-la adecuada coordinación entre os diferentes bancos e depósitos hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A comisión, que se reunirá polo menos unha vez ó semestre e cando a convoque o seu presidente, deberá elabora-lo seu regulamento de réxime interno.

Ás reunións da comisión poderán asistir, invitados polo seu presidente, os técnicos que considere oportunos por razón dos asuntos que se van tratar.

Artigo 4º.-Bancos de sangue hospitalarios.

1. Os bancos de sangue hospitalarios, baixo a dependencia do Centro de Transfusión de Galicia no seu ámbito funcional, responsabilizaranse da execución da política hemoterápica no seu especifíco eido de actuación.

2. Desenvolverán as seguintes funcións:

a) Promoción da doazón do sangue no seu ámbito de actuación.

b) Extracción do sangue intrahospitalario de acordo coa planificación do Centro de Transfusión de Galicia.

c) Planificar e realiza-la hemoterapia do hospital.

d) Participar nos programas de formación do persoal sanitario vinculado á hemoterapia.

e) Desenvolver tarefas de investigación das funcións encargadas.

f) Desenvolver calquera outra función que por razóns de eficacia lle sexa encomendada polo Centro de Transfusión de Galicia.

3 Á fronte de cada banco de sangue hospitalario figurará un médico especialista en hematoloxía-hemoterapia, dedicado exclusivamente á realización das tarefas asignadas ó banco de sangue e que asumirá a dirección técnica deste.

Artigo 5º.-Comité de transfusión.

1. Nos centros ou complexos hospitalarios onde exista banco de sangue crearase, con carácter consultivo, un comité de transfusión para contribuír á seguridade do sangue e os productos sanguíneos.

2. O comité de transfusión terá como mínimo a seguinte composición:

Presidente: o director médico ou asistencial do hospital ou complexo hospitalario.

Vicepresidente: o responsable técnico do banco de sangue.

Vocais:

-Un representante da área cirúrxica do hospital.

-Un representante da área médica.

-Un representante do servicio de anestesia.

-Un representante do servicio de pediatría.

-Un representante do servicio de xinecoloxía e obstetricia.

-Un representante do servicio de farmacia hospitalaria.

-Un representante do Centro de Transfusión de Galicia, que será nato en tódolos comités hospitalarios da Comunidade Autónoma.

3. Os comités de transfusión terán as seguintes funcións:

a) Establecer normas para a transfusión do sangue e de productos sanguíneos.

b) Realizar inspeccións da práctica transfusional.

c) Investiga-la orixe dos efectos adversos da dita práctica e, chegado o caso, adopta-las oportunas medidas correctivas.

d) Promove-la formación continua do persoal en medicina transfusional.

4. Os comités de transfusión hospitalario reuniranse polo menos dúas veces ó ano.

5. Os informes que emita o comité de transfusión deberanse facer constar na acta da reunión.

6. Unha vez constituído, o comité deberá elabora-lo seu regulamento de réxime interno así como seu plan de actuación.

Artigo 6º.-Depósitos de sangue hospitalarios.

1. Os depósitos de sangue hospitalarios, sitos nos establecementos desta natureza e integrados nos seus servicios ou unidades de hematoloxía e hemoterapia,

estructuraranse baixo a dirección técnica dun médico especialista en hematoloxía-hemoterapia, que poderá compatibiliza-las súas funcións con outras tarefas dentro dos mencionados servicios ou unidades.

2. Os depósitos de sangue hospitalarios desenvolverán as seguintes funcións:

a) Planificar e realiza-la hemoterapia do hospital onde estean situados.

b) Participar nos programas de formación do persoal sanitario vinculado á hemoterapia.

Artigo 7º.-Rede de bancos de sangue de Galicia.

1. Tódolos bancos de sangue e depósitos de sangue autorizados ou que se autoricen, que se atopen situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, quedan integrados, en virtude da súa respectiva autorización de creación ou legalización, na rede de bancos de sangue de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 18 do Real decreto 1945/1985, do 9 de outubro.

2. Os bancos ou depósitos de sangue que integran a rede de bancos de Galicia quedan vinculados solidariamamente no cumprimento dos seus fins comúns, coordinándose e complementándose dentro do marco xeral da planificación que estableza a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 8º.-Gratuidade do sangue.

Co fin de que se poida controla-la observancia do principio de gratuidade do sangue e os seus compoñentes doados, o Centro de Transfusión de Galicia e os bancos de sangue levarán a cabo unha compatibilidade separada e compresiva de tódolos seus ingresos e gastos.

O Centro de Transfusión de Galicia facturaralles ós hospitais os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue e os seus derivados.

Os ingresos derivados das actividades propias do Centro de Transfusión de Galicia estarán exclusivamente vinculados á satisfacción dos seus custos e ó cumprimento dos seus fins.

Disposición transitoria

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor do presente decreto, as entidades sanitarias públicas ou privadas ás que se lles concedese autorización dun banco ou depósito de sangue deberán solicitarlle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para poder continuar con tales actividades, a renovación da dita autorización.

En todo caso a autorización só se lles poderá renovar cando, cumprindo os requisitos establecidos no Real decreto 1945/1985, axusten a súa actuación, respecto das funcións que van ser executadas e dos programas que van ser desenvolvidos polo banco ou depósito de sangue, á planificación a que se refire o artigo 2º deste decreto; poderá ser revogada a autorización se se incumprisen as condicións da súa renovación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regulan a hemodoazón-hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

8361