Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 31 de outubro de 1997 Páx. 10.559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 300/1997, do 9 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 20 kV ó Faro Punta Nariga, no termo municipal de Malpica de Bergantiños, provincia da Coruña. (Expediente 33/96).

O organismo autoridad portuaria da Coruña, con enderezo para efectos de notificacións na r/ Avenida da Mariña nº 3, 15001 A Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea-subterránea a 20 kV, de 1.146 m de lonxitude, con conductores LA-56 e R.H.V., con orixe na liña que alimenta o C.T. porto de Barizo e final no C.T. que se vai instalar no novo faro de Punta Nariga, afectando no seu percorrido ó termo municipal de Malpica de Bergantiños (A Coruña). (Expediente 33/96).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública, e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 5-11-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 29-11-1996, no BOP da Coruña do 28-11-1996, e no BOE do 26-11-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 6-3-1997, no BOP da Coruña do 8-3-1997, no xornal La Voz de Galicia do 6-3-1997, no taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Malpica de Bergantiños e no da delegación provincial; ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública recibíronse os seguintes escritos:

1) Antonio T. Canosa Rodríguez, titular do predio nº 4, solicita que se lle identifique exactamente o predio e se lle informe in situ da localización do apoio.

2) Domingo Sande Vázquez, apoderado da entidade mercantil Camping Barizo, S.L., en referencia ó predio nº 35, afirma que a entidade á que representa lle comprou o predio a Manuel Martelo Lema que consta como titular na relación de afectados, solicitando ademais o cambio de cualificación do predio, proposto como monte baixo.

3) Manuel Cotelo Pose, en referencia ó predio nº 38, expón que el é o titular, por herdanza, do citado predio chamada Caniceiras, que consta na relación de afectados a nome da súa avoa, Dolores Pose Ordóñez, falecida.

4) Domingo Sande Vázquez, apoderado da entidade mercantil Rocas Ornamentales Torres de Mens, S.L., en referencia ó predio nº 39, afirma que a entidade á que representa lle comprou ó predio a Luis Ordóñez Gómez, que consta como titular na relación de afectados e solicita ademais o cambio de cualificación do predio, proposto como monte baixo; tamén fai constar que cando autorizaron e deron gratuitamente o terreo para face-la estrada era así mesmo para instalar tódolos servicios, nos cales estaba a instalación eléctrica.

5) Santiago Franco Parguiña, en nome e representación de Alicia Blanco Ordóñez, expón en referencia ó predio nº 40 que esta é o titular, por herdanza, do citado predio, que consta na relación de afectados a nome do seu pai José Blanco Pose; tamén afirma por outra banda que o mencionado predio xa foi ocupado para a instalación do faro ó que se pretende leva-la enerxía eléctrica, ocupación que, afirma, foi realizada sen procedemento de ningún tipo nin autorización da propietaria, sendo por este motivo polo que mostra a súa desconformidade coa declaración de urxente ocupación do predio.

Os escritos fóronlle remitidos á empresa beneficiaria para a súa contestación.

A vista das alegacións e da resposta da empresa beneficiaria dedúcese que:

1) A entidade beneficiaria celebrou unha entrevista con Antonio Tomás Canosa Rodríguez, titular do predio nº 4, informándoo do trazado da liña, non existindo inconveniente para levar a cabo un recoñecemento in situ do lugar de localización do apoio que se situará no predio.

2) A entidade beneficiaria toma conta dos cambios de titularidade dos predios nº 35, 38, e 39. Respecto á cualificación dos predios, toda posible rectificación será contrastada no momento do levantamento de actas previas.

3) Respecto á instalación do servicio eléctrico ó predio nº 39, ó non se-la autoridad portuaria da Coruña empresa distribuidora de enerxía, non pode legalmente facilita-la dita subministración; ademais, a liña de subministración ó faro é de 20 kV de tensión, o que obrigaría, para tomar enerxía da mesma, á instalación na derivación dun centro de transformación.

4) Respecto á alegación de Santiago Franco Parguiña sobre a ocupación do predio nº 40, a beneficiaria afirma ser allea a esta, por producirse con anterioridade á adscrición a esta dos sinais marítimos en virtude do disposto na Lei 27/1992. Non obstante, como consecuencia dos contactos entre as partes, achega documento de conformidade coa venda dunha porción de 3.000 m do referido predio.

Unha vez practicada por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos ou limitativos previstos nos artigos 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, e 25 e 26 do Decreto 2619/1966.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola entidade Autoridad Portuaria de A Coruña. xa que con esta liña se pretende pór en servicio as instalacións do Faro de Punta Nariga, co obxecto de contribuir a mellora-las condicións de seguridade da navegación na denominada Costa da Morte.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico, e no regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 55 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Autoridad Portuaria de A Coruña, da liña eléctrica aérea-subterránea que une o C.T. porto de Barizo e o C.T. que se vai instalar no novo faro de Punta Nariga.

Os bens e dereitos ós que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Malpica de Bergantiños (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, nove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

8236