Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 1997 Páx. 10.528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de aparcamentos, garaxes e parkings.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de aparcamentos, garaxes e parkings, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día

22-8-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Aparcamientos, Garajes y Parkings de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, con data do 12-8-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 27 de agosto de 1997.

F. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial en funcións de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector

de aparcamentos, garaxes e parkings da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza laboral de transportes por estrada na actividade de aparcamentos, garaxes e parkings que se radiquen na provincia de Pontevedra, e que aínda que residan fóra dela teñan establecemento dentro desta no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración dun ano, contado desde o 1 de abril de 1997 e ata o 31 de marzo de 1998. Entrará en vigor ós dez días do asinamento, se ben os efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 1997.

Entenderase prorrogado de ano en ano, coa excepción de denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan fun

ción técnica como manual, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase pola táboa salarial anexa.

Artigo 6º.-Quebranto da moeda.

Ó persoal que preste servicios na caixa e ó que se lle esixa responsabilidade respecto do arqueo da caixa, aboaráselle en concepto de quebranto de moeda as cantidades previstas na ordenanza laboral ou as superiores que por este concepto viñesen percibindo, salvo no caso de vendedores de billetes e gardas.

Os vendedores de billetes percibirán, en concepto de quebranto de moeda, a cantidade de 120 pesetas por día efectivo de traballo, e os gardas terán dereito por este concepto ó 0,20% dos cobramentos realizados por estacionamento por horas ou por servicios prestados ó cliente dentro do garaxe; os cobramentos exteriores quedarán excluídos.

Artigo 7º.-Plus de transporte.

A partir da entrada en vigor do presente convenio tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a un plus de transporte, que consistirá na contía de 80 pesetas por día efectivo de traballo.

Artigo 8º.-Antigüidade.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa, consistente, como máximo, en dous bienios ó 5% cada un e cinco quinquenios ó 10%, calculados sobre os salarios base do convenio, e coas limitacións establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios, e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais, convíndose a súa división en dous períodos de 15 días, un dos cales deberá desfrutarse entre os meses de maio a setembro, ambos inclusive, e o outro período no resto do ano sendo ámbolos períodos rotativos. Todo iso sen prexuízo doutro acordo entre empresario e traballador.

Artigo 11º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguintes:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispón no tocante á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo, debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 12º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada, como mínimo, nun 25% sobre o salario base. Exclúese do cobramento do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para esta clase de traballo.

Artigo 13º.-Xeira de traballo.

A xeira laboral ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias estructurais: considéraranse horas extraordinarias estructurais tódalas que veñan esixidas pola necesidade de repara-los sinistros e outros danos extraordinarios, urxentes, así como no caso de riscos de perda de materias primas ou derivadas de circunstancias de períodos punta de producción, ausencias imprevistas ou cambios de quenda.

Artigo 15º.-Contrato de traballo.

Os contratos de traballo formalizaranse por escrito naqueles casos que así determine a lexislación vixente.

Artigo 16º.-Baixas por accidente de traballo.

Nos casos de incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo acaecido dentro das horas de traballo, a empresa estará obrigada a completa-las prestacións económicas correspondentes da Seguridade Social ata o 100% do salario mensual, durante un prazo máximo de 90 días.

Artigo 17º.-Seguro de accidente de traballo.

As empresas contratarán totalmente pola súa conta un seguro de accidente a favor dos seus traballadores que cubra a indemnización de dous millóns de pesetas no caso de morte e dous millóns de pesetas no caso de invalidez permanente, derivadas de accidente de traballo, incluído o accidente de traballo in itinere.

Artigo 18º.-Premio de xubilación.

O persoal que con 15 anos de antigüidade na empresa se xubile no prazo de tres meses, contados desde o cumprimento da idade de 65 anos, terá dereito ó aboamento dunha gratificación especial na contía de 100.000 pesetas. Igual dereito terán os xubilados antes da dita idade e que cumpran os quince anos de antigüidade na empresa.

Artigo 19º.-Días 24 e 31 de decembro.

Nos días 24 e 31 de decembro e co obxecto de celebra-las tradicionais festas de Noiteboa e Ano Vello, a xeira de traballo rematará ás 14 horas para o persoal de servicios de lavado, engraxe e pneumáticos, e ás 21 horas para o de servicios de parkings e aparcamentos.

Artigo 20º.-Roupas de traballo.

Ós traballadores que teñan que presta-lo seu traballo en medios húmidos, a empresa facilitaralles calzado adecuado. A duración desta roupa será de seis meses a un ano, segundo os casos, sen prexuízo do establecido no artigo 146º da ordenanza vixente.

Artigo 21º.-Recoñecementos médicos.

As partes asinantes do convenio recoméndanlles ás empresas que lles faciliten un recoñecemento médico anual ós seus traballadores, a través de mutuas patronais de accidentes de traballo, ou por outros medios que a empresa considere máis oportunos.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e en xeral para entender cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais signatarias do convenio, a razón dun membro por cada central.

Artigo 23º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade.

Artigo 24º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto na lexislación laboral vixente.

Artigo 25º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores: as centrais sindicais CIG, UGT e CC.OO.

En representación dos empresarios: a Asociación Provincial de Empresarios de Aparcamientos, Garajes y Parkings de Pontevedra.

Disposición adicional

As partes comprométense a constituí-la mesa negociadora durante a primeira quincena do mes de marzo de 1998 para negocia-lo convenio colectivo que terá que rexer, se é o caso, a partir do 1 de abril de 1998.

Vigo, 12 de agosto de 1997.

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-1997 ó 31-3-1998)

Pesetas

Persoal administrativo.

Oficial de 1ª84.423 mes

Oficial de 2ª81.109 mes

Auxiliar administrativo77.531 mes

Aspirante 16-17 anosSalario mínimo

segundo idade

Persoal de garaxes e lavados.

Encargado xeral92.509 mes

Encargado almacén75.768 mes

Engraxador e lavacoches75.768 mes

Garda de día75.768 mes

Garda nocturno75.768 mes

Vendedor de billetes77.531 mes

Mozo de garaxe75.768 mes

Especialista pneumáticos75.768 mes

Aprendiz de 16-17 anosSalario mínimo

segundo idade

Limpadora75.768 mes

8168