Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 30 de outubro de 1997 Páx. 10.486

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de outubro de 1997 pola que se convocan bolsas para estudio e investigación sobre materias turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que por parte das administracións públicas se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia

a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral para o Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de concederlles axudas, mediante a figura de bolsa, para estudios e investigacións sobre materias turísticas ós titulados superiores universitarios ou na de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Por todo isto convócanse unha serie de bolsas de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas os titulados superiores universitarios ou na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1990.

Segunda.-Obxecto.

O obxecto das bolsas convocadas é a realización polos beneficiarios de tarefas de estudio e investigación sobre as seguintes materias turísticas, referidas ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

A) Ordenación do territorio e desenvolvemento turístico.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: usos turísticos do solo e capacidade de carga do territorio, infraestructuras territoriais, distribución territorial de dotacións e instalacións, protección de determinadas áreas.

B) O turismo galego como sector económico.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: xeración de emprego, gasto turístico, análise estatística, tecido empresarial, novas medidas de fomento.

C) Turismo e medio ambiente.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: os recursos turísticos naturais e medioambientais, o impacto medioambiental do turismo, a contaminación acústica, a situación do litoral. Calidade das augas marítimas e fluviais, a montaña como recurso turístico, os residuos sólidos e o turismo.

D) A aplicación das novas tecnoloxías ó turismo galego.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: informatización da xestión e comercialización das empresas turísticas, Internet na empresa turística, marketing informático, integración dos sistemas informáticos das empresas nos sistemas de información públicos.

E) Análise da calidade no servicio e dos niveis de profesionalización do turismo galego.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: diagnose da satisfacción da demanda, proposta de estándares de calidade nos diferentes subsectores, artellamento de sistemas voluntarios de calidade, análise do nivel formativo dos recursos humanos e vías de perfeccionamento e reciclaxe

F) Posibilidade de novos productos turísticos en Galicia e factores de diversificación da oferta turística galega.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: termalismo, talasoterapia, turismo activo e de natureza, turismo urbano, estacións marítimas, turismo relixioso.

G) Historia do turismo en Galicia.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: historia económica do turismo en Galicia, estudios históricos das vilas turísticas de Galicia, visión histórica da hotelería e da balneoterapia en Galicia, evolución histórica do litoral galego.

Terceira.-Determinacións orzamentarias.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia concederá estas bolsas con cargo á aplicación 04.05.651A.480.0 dos seus créditos orzamentarios. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, créditos que ascenden a 11.245.000 ptas. para 1997 e a 2.811.250 para 1998.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

A) Ser titulado superior universitario ou técnico de empresas e actividades turísticas.

B) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.

Quinta.-Dotación das bolsas.

1. A dotación das bolsas será de ata un máximo de 1.000.000 (un millón) de pesetas. O importe será proposto polo tribunal sinalado na base oitava en función da complexidade, interese e calidade do estudio e investigación proposto.

Sexta.-Natureza xurídica da relación.

A condición de beneficiario da bolsa obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de calquera tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

Sétima.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas á Secretaría Xeral para o Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común, no prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e cubriranse do seguinte xeito:

-Solicitude segundo o anexo I.

-Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

-Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa, se é o caso.

-Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas.

-Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida no apartado B) da base cuarta, sempre que estes documentos non se refiran ós estudios da titulación esixida.

-Memoria descritiva, explicando os obxectivos concretos do proxecto de investigación. Esta memoria deberase de recoller nunha extensión mínima de 5 folios e máxima de 10.

2. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Secretaría Xeral para o Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

3. Os solicitantes emendarán, por requirimento da Secretaría Xeral para o Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes que se necesiten, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e procederase ó arquivo sen máis trámite, daquelas que non se cubrisen en tempo e forma.

Oitava.-Selección das solicitudes e resolución.

1. A selección das solicitudes realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico, ata 3 puntos.

b) Currículum vitae, ata 3 puntos.

c) Formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria, ata 2 puntos.

d) Coñecementos da lingua galega, ata 1 punto.

e) Memoria, ata 5 puntos

Para a valoración das solicitudes constituirase un tribunal que estará formado polos funcionarios da Secretaría Xeral para o Turismo seguintes:

Presidente:

O subdirector xeral de Fomento e Cooperación Institucional.

Vocais:

* A xefa do Servicio de Ordenación.

* O xefe do Servicio de Formación, Cooperación e Documentación.

Secretario:

O xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

O tribunal realizará una preselección que se considerará superada polos aspirantes que obteñan unha puntuación de 7 ou máis puntos, segundo o baremo.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes preseleccionados sobre os seus méritos curriculares e a memoria por tempo máximo de 15 minutos.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicialmente asignada nun máximo do 25% da que lle correspondese por aplicación do baremo.

Os acordos do tribunal faranse públicos mediante a inserción de anuncios no taboleiro da Secretaría Xeral para o Turismo.

2.1. No caso de que dous ou máis solicitantes acadasen a mesma puntuación e non fose posible conceder máis por mor das limitacións orzamentarias, proporáselle a súa adxudicación ó solicitante de maior idade.

2.2. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas xurdisen renuncias, adxudicaráselle esta ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O secretario xeral para o Turismo, vistos os acordos e proposta do tribunal e logo da fiscalización, resolverá a concesión de conformidade co establecido na presente orde no prazo dun mes desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, agás as consideradas no punto 2.2 anterior, que as resolverá segundo as circunstancias. Na resolución de concesión, o secretario xeral para o Turismo poderá establecer, para o proxecto, o apoio dun profesor-titor que será designado polo beneficiario entre profesores de recoñecido prestixio na materia de estudio e investigación.

Novena.-Obrigas dos bolseiros.

Os aspirantes seleccionados farán entrega do proxecto de investigación, que será conforme coa memoria presentada e coas condicións sinaladas na resolución de concesión e, se é o caso, coa aceptación do profesor-titor, ós quince días da aceptación da

bolsa. Esta aceptación farase no anexo II a esta orde no prazo de seis días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

Os beneficiarios realizarán o seu proxecto baixo as indicacións do xefe do Servicio de Fomento e Promoción e o prazo de presentación deste será ata o 15 de xuño de 1998. O dito prazo poderase prorrogar por un mes máis por petición do beneficiario e cando exista causa fundada para isto.

O traballo realizado seralle entregado á Secretaría Xeral para o Turismo en triplicado exemplar e o seu soporte será en copia impresa e en soporte magnético (disquete, en formato Word).

Os traballos realizados, do que alomenos un exemplar nos dous soportes esixidos será en galego, quedarán en propiedade da Secretaría Xeral para o Turismo, que os poderá publicar cando o considere conveniente coa única condición de indicación do autor.

Décima.-Aboamento das axudas.

A Secretaría Xeral para o Turismo, consonte o artigo 40.dous.A) da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 e trala presentación do proxecto de investigación así como a súa aceptación pola Secretaría Xeral para o Turismo, aboaralles ós beneficiarios un anticipo de pagamento do 80% da bolsa concedida. O 20% restante expedirase cando o beneficiario presente o proxecto realizado.

Décimo primeira.-Incumprimento das obrigas.

A Secretaría Xeral para o Turismo, logo do trámite de audiencia ó interesado, poderá, por proposta do xefe do Servicio de Fomento e Promoción, anula-la bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

A solicitude destas bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Disposición derradeira

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde observarase o disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

8227