Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 24 de outubro de 1997 Páx. 10.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo estraestatutario do sector de almacenistas de madeira.

Visto o expediente do convenio colectivo extraestatutario para o sector de almacenistas de madeira desta provincia, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 18-7-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios da Madeira (Asema), e da parte social, pola central sindical CIG, en data do 3-7-1997. De conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por canto a súa publicación o aconsellan razóns de interese público, para o seu xeral coñecemento. E ó teor do disposto no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de agosto de 1997.

F. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial de Pontevedra en funcións

Convenio colectivo de traballo extraestatutario para o sector de almacenistas de madeira da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son en representación dos traballadores a central sindical CIG e en representación dos empresarios, a Asociación Provincial de Empresarios da Madeira de Pontevedra (Asema).

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación obrigatoria en toda a provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O convenio obriga a tódolos almacéns e cooperativas de compravenda de madeiras, ben polo miúdo ou ó por xunto e de importación e exportación.

Cando a empresa, ademais de dedicarse a algunha das actividades antes citadas, explote industrias de elaboración ou transformación dos artigos propios do seu comercio de compravenda, xa sexa no mercado nacional ou como importador-exportador, respectará para o persoal a actividade ou clase de traballo do cal figura especificado neste convenio, as condicións máis favorables non sendo de aplicación a este persoal as de outros convenios que lles fosen menos vantaxosas.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O presente convenio extraestatutario afectará a tódolos afiliados á central sindical asinante, que presten servicios en calquera das empresas de almacenistas de madeira, así como a todos aqueles que, expresa ou tacitamente, acepten o contido do presente convenio.

Artigo 5º.-Efectos económicos.

Independentemente da entrada en vigor do presente convenio, os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 6º.-Duración.

O presente convenio rematará a súa vixencia o día 31 de decembro de 1997.

Artigo 7º.-Garantías persoais.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pacto entre patronal e traballadores, serán respectadas individualmente.

Artigo 8º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá desde o 1 de xaneiro de 1997, as retribucións consignadas nos anexos deste convenio, acrecentadas, se é o caso, co premio de antigüidade.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC), establecido polo INE rexistrase ó 31 de decembro de 1997 respecto ó 31 de decembro de 1996, un incremento superior ó 3%, efectuarase unha revisión da táboa salarial, tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso sobre a indicada cifra. A dita revisión efectuarase con efectos de do 1º de xaneiro de 1997, servindo así mesmo de base de cálculo para o incremento salarial de 1998. A revisión salarial pagarase dunha soa vez durante o primeiro trimestre de 1998.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto, os traballadores percibirán trinta días do salario establecido neste convenio, maila antigüidade á que tivera dereito, en cada unha das extras de 24 de xullo e Nadal. Así mesmo, todo o persoal afectado polo presente convenio, percibirá 29 días de paga extra, fixados na ordenanza laboral da madeira, que se pagará o día 19 de marzo de cada ano.

Artigo 11º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio, desfrutará por este concepto de 30 días naturais, dos cales 22, como mínimo serán laborables.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade será calculado sobre o salario pactado neste convenio, a razón do 5% por cada quinquenio.

Artigo 13º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán a todo o persoal dúas pezas de roupa de traballo, que determina a ordenanza laboral e dous pares de guantes ó ano. O incumprimento desta obriga dará lugar ó pagamento de 6.600 pesetas para a roupa e de 1.580 pesetas para os guantes.

Artigo 14º.-Compensacións.

Como complemento por enfermidade, as empresas o cuarto día de baixa por enfermidade, pagarán ós seus productores a diferencia, ata o total do salario, incluídas as melloras obtidas por este convenio, durante o período que o productor reciba asistencia polo seguro obrigatorio de enfermidade.

No suposto de baixas producidas por accidente de traballo, as empresas completarán ata a totalidade do salario do convenio a correspondente prestación económica da Seguridade Social a partir do primeiro día da baixa.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

Tódolos traballadores que por necesidade da empresa e por orde do empresario teñan que efectuar viaxe ou desprazamento que lle impidan realizar comidas ou pasa-la noite no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo:

-Axuda de custo completa: 3.350 ptas.

-Media axuda de custo: 1.400 ptas.

Se por circunstancias especiais os gastos orixinados excedan o importe das axudas de custo, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo de coñecemento dela e posterior xustificación do traballador.

Artigo 16º.-Denuncia.

De acordo coa lexislación vixente, o presente convenio terá que ser denunciado con tres meses de antelación á data de remate do mesmo, que é o 31 de decembro de 1997.

Artigo 17º.-Xornada.

A xornada ordinaria anual de vixencia para o presente convenio, polo período 1 de xaneiro 1997 ó 31 de decembro de 1997, será de 1.792 horas.

Establécese o horario de inverno en corenta horas semanais, segundo establece a Lei 4/1983 descansando os sábados. Non obstante, para o período deste convenio e sen que sirva de precedente para outros, establécese o horario de 9 a 13 horas, pola mañá e de 15 a 19 horas pola tarde.

Durante o verán, o horario que se establece, de 15 de xuño, a 31 de agosto, é o seguinte: de 7 a 15 horas, cada día laborable, descansando igualmente os sábados.

Artigo 18º.-Xornadas non laborables.

Para a vixencia do presente convenio terán a consideración de festivos e aboables para tódolos efectos

os seguintes días: 14 de agosto, 24, 26 e 31 de decembro de 1997.

No caso de que algún concello da provincia sinale como festivo local algún dos días anteriormente referidos, establécese como festivo na súa substitución, o día laborable inmediatamente seguinte.

Nos concellos de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Baiona e Mondariz, onde unha das dúas festividades de carácter local coincide con día inhábil para o sector de almacenistas de madeira, pasarase ó día 31 de outubro.

Artigo 19º.-Licencias.

1. O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis de vinte por cento das horas laborais nun período de tres meses, a empresa poderá pasar ó traballador afectado a situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o seu importe da mesma do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

2. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou pai no caso de que ambos traballen.

Este artigo de licencias terá vixencia mentres sexa de aplicación o artigo 37.3º e 4º do Estatuto dos traballadores na redacción dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 22 de marzo.

Artigo 20º.-Revisión médica.

As empresas estarán obrigadas a xestiona-la realización dunha revisión médica anual para todo o

persoal do cadro, sendo o tempo para esta retribuído, a través dos seus propios medios ou dunha entidade aseguradora.

Artigo 21º.-Taboleiro de anuncios.

Toda empresa estará obrigada a poñer no taboleiro de anuncios todo o relacionado con:

-Horarios.

-Lista de vacacións.

-Boletíns de cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria integrada por tres representantes, un de cada central, e tres representantes da parte empresarial.

Artigo 23º.-Seguro colectivo.

As empresas concertarán seguros colectivos de accidentes, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

-Accidente laboral con resultado de morte: 1.400.000 pesetas;

-Accidente laboral con resultado de invalidez permanente, total, absoluta ou grande invalidez: 1.800.000 pesetas.

Estas indemnizacións entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 1997, e terán vixencia ata o 31 de decembro 1997.

Artigo 24º.-Mesa negociadora.

Acórdase que nos primeiros dez días do mes de xaneiro de 1998, se constitúa a mesa negociadora do próximo convenio a vixencia do cal será do 1-1-1998 ó 31-12-1998.

Artigo 25º.-Idioma.

O presente convenio publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26º.-Adhesión e extensión.

Poderán adherirse ó presente convenio extraestatutario todos aqueles traballadores que prestando servicio, nas empresas de ámbito funcional recollido no artigo 3º do presente convenio, voluntaria ou tacitamente, acepten o seu contido íntegro.

Táboa salarial do convenio

de almacenistas de madeiras

CategoríasSalario/mes

Persoal administrativo.
Xefe administrativo140.781 ptas.
Oficial de primeira123.682 ptas.
Oficial de segunda115.835 ptas.
Auxiliar, telefonista e mecanógrafo/a102.667 ptas.

Viaxantes
Viaxantes corredores de praza115.835 ptas.

Persoal en xeral
Dependentes104.800 ptas.
Encargado120.465 ptas.
Carreteiro mozo103.726 ptas.
Peón especialista104.800 ptas.
Peón101.175 ptas.
Serrador de primeira115.835 ptas.
Serrador de segunda107.150 ptas.
Serrador de serra circular106.581 ptas.

Nota: os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de oficiais de primeira ou segunda, de acordo co seu carné de conducir.

7998