Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 24 de outubro de 1997 Páx. 10.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 1997 pola que se autoriza o carácter retribuído da prestación do servicio hemoterápico denominado Pool de Plaquetas Buffy Coat Adulto (5 unidades) polo Centro de Transfusión de Galicia.

No Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regulan a hemodoazón, hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia (DOG nº 197, do 5 de outubro de 1990), establécese, sen prexuízo da observancia do principio de gratuidade do sangue e os seus compoñentes, que os gastos imputables á extracción, procesamento e conservación do sangue o os seus derivados serán facturados polos centros de transfusión de Galicia e os bancos de sangue, en todo caso, e incluso ós hospitais ós que estean adscritos.

Neste sentido, por resolución da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 5 de abril de 1994, autorizábase o carácter retribuído da prestación de servicios hemoterápicos polo Centro de Transfusión de Galicia (DOG nº 75, do 20 de abril de 1994), establecendo por primeira vez na nosa Comunidade Autónoma tarifas por prestación de servicios hemoterápicos.

Na reunión do Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia, do 27 de xuño de 1997 acordouse por unanimidade a aprobación da tarifa polo servicio hemoterápico Pool de plaquetas Buffy Coat adulto (5 unidades) cunha tarifa de 25.000 pesetas.

Dentro das funcións de tutela e garantía, de acordo co artigo 21.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego (DOG nº 161, do 19 de agosto de 1992), correspóndelle ó protectorado concederlles autorización ás fundacións para a realización de actividades ou prestación de servicios retribuídos ós seus beneficiarios, sempre que tales actividades ou servicios sexan de interese xeral para a comunidade e as cantidades que a fundación perciba por eles non excedan do custo real do servicio ou actividade prestados.

Por todo o anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, vista a memoria xustificativa presentada pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, en exercicio das atribucións previstas no artigo 21 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-lo carácter retribuído da prestación pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, do servicio hemoterápico que se determina no anexo de acordo co importe que tamén se establece nel.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Importe que percibirá a Fundación Centro de Transfusión de Galicia pola prestación do servicio hemoterápico Pool de plaquetas Buffy Coat adulto (5 unidades): 25.000 ptas.

6596