Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 21 de outubro de 1997 Páx. 10.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Vilagarcía, S.A. (Sestiva).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Vilagarcía, S.A. (Sestiva), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-6-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 21-5-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de agosto de 1997.

F. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial de Pontevedra en funcións

Convenio colectivo da Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Vilagarcía de Arousa, S.A. (Sestiva)

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación ó porto de Vilagarcía, sempre que se realicen actividades das descritas no artigo 3, segundo o seu ámbito persoal.

Entenderase por zona portuaria a definida como tal polo órgano da Administración que teña as competencias xerais sobre as actividades do respectivo porto, de acordo co artigo 2 do Real decreto 37/1987, do 13 de maio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

2.1. O presente convenio afectará á Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de Vilagarcía (en diante Sestiva).

2.2. Como traballadores afectará ós traballadores portuarios, da sociedade de estiba ou das empresa estibadoras en réxime de relación laboral común.

2.3. Así mesmo, afectará ás entidades que se poden crear ó abeiro do previsto no artigo 1.2 do Real decreto lei 2/1986 e ós seus traballadores que realicen labores portuarios.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais entre Sestiva e os traballadores que interveñan na realización das actividades portuarias constitutivas do servicio público de estiba e desestiba de buques e complementarias que se relacionen.

Para estes efectos, terán a consideración de actividades portuarias, as seguintes:

3.1. Os labores de carga, descarga, estiba, desestiba e transbordo de mercadorías obxecto de tráfico marítimo, nos buques e dentro da zona portuaria cualificadas como servicio público polo Real decreto lei 2/1986 e Real decreto 371/1987.

3.2. Ademais das indicadas, están incluídas as seguintes:

3.2.1. A descarga, arrastre ata a lonxa e almacén, e cantos traballos se deriven da manipulación do peixe fresco, provenientes de buques de máis de 100 toneladas de rexistro bruto, agás que as ditas actividades sexan realizadas polos tripulantes do propio buque, como consecuencia do pacto colectivo.

3.2.2. As operacións de carga, descarga e transbordo para o aprovisionamento e o avituallamento do buque, a súa dotación ou pasaxe, a excepción das que se realicen por tubos e as que realice directamente a propia tripulación do buque.

3.2.3. A colocación de calzos, cabaletes, manipulación de manivelas e outros utensilios nas operacións de buques especiais (rolóns), excepto se a realizan as tripulacións dos buques.

3.2.4. O manexo de guindastres e máquinas de calquera tipo e outros aparellos ou elementos mecánicos cando se utilicen nas operacións portuarias incluídas neste convenio, excepto dos que sexan propiedade da autoridade portuaria.

3.2.5. O embarque e desembarque de camións, automóbiles e calquera outro vehículo a motor, excepto cando esas operacións sexan realizadas polos propietarios-usuarios dos vehículos ou polos conductores habituais dependentes daqueles.

3.2.6. A conducción, enganche e desenganche de cabezas tractoras que embarquen ou desembarquen remolques, excepto naqueles casos en que as ditas cabezas tractoras vaian unidas ó seu remolque como continuidade de transporte desde o exterior do recinto portuario ó buque ou viceversa e que por iso quedarán abranguidas nas excepcións do apartado anterior.

Nos casos anteriores, estará excluída a conducción de vehículos sempre que o transporte se produza desde ou ata fóra da zona portuaria sen solución de continuidade.

3.3. Sen prexuízo da capacidade dos asinantes para, en futuros convenios, ampliar, reducir ou delimita-la relación de actividades complementarias descritas no apartado anterior, todo isto dentro das facultades recoñecidas no artigo 6 do Real decreto 371/1987, é vontade deles que, durante a vixencia deste convenio, os traballadores portuarios continúen realizando as mesmas actividades que viñan realizando na data de entrada en vigor do presente convenio.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996 e estenderá a súa vixencia temporal ata o 31 de decembro de 1998, agás a composición dos equipos de traballo (mans) que perderon a súa vixencia o 31 de decembro de 1995, data a partir da cal a composición destes é competencia exclusiva das empresas estibadoras.

Calquera dos asinantes poderá denuncialo con dous meses de antelación ó seu vencemento. En todo caso, en materia de prórroga, aplicarase o que dispoña a lexislación vixente.

Artigo 5º.-Fontes das relacións laborais.

5.1. As normas do presente convenio serán de aplicación ás relacións laborais incluídas no seu ámbito de aplicación.

5.2. Así mesmo serán aplicables:

5.2.1. O Real decreto lei 2/1996, do 23 de maio e o Real decreto 371/1987, do 13 de marzo; o Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais e regulamentarias do Estado con suxeición á xerarquía normativa en canto sexan normas mínimas ou de dereito necesario absoluto.

5.2.2. O II acordo sectorial, subscrito o 18 de outubro de 1993 (BOE do 16 de novembro de 1993).

5.2.3. Os contratos de traballo, sendo o seu obxecto lícito e sen que en ningún caso poidan establecerse, en prexuízo dos traballadores incluídos no ámbito persoal, condicións menos favorables ou contrarias ás disposicións legais e ó presente convenio colectivo e aqueles expresados nos apartados anteriores.

A este respecto, o establecido nos artigos 2 e 3 do II acordo sectorial é materia reservada ó ámbito estatal.

Nos supostos de incumprimento das obrigas contraídas nos parágrafos anteriores, as partes conveñen a nulidade do pactado contra as estipulacións do II acordo sectorial e do presente convenio colectivo.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente. No suposto previsto no artigo 90.5 do Estatuto dos traballadores, aplicarase o que resolva a xurisdicción competente, de non se ter alcanzado previamente un acordo entre as partes. Quedando pendente a posibilidade de acudir a arbitraxes a través de institucións ou organismos competentes que puidesen crearse para este fin na nosa comunidade, sendo preceptivo o acordo definitivo tomado pola comisión paritaria á que se refire o seguinte artigo.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria prevista no artigo 85.2 e) do Estatuto dos traballadores, estará composta por oito (8) membros; catro (4) en representación dos traballadores, e outros catro (4) en representación da sociedade e empresas (2 representantes da sociedade estatal e 2 da asociación empresarial asinante) que serán designados polas respectivas representacións na comisión negociadora deste convenio.

Poderán asistir ás sesións da comisión paritaria, con voz pero sen voto, os asesores que as partes coiden convenientes, cun máximo de dous por cada parte.

Serán funcións xerais da comisión paritaria, ademais das que se lle asignan especificamente no texto do convenio, as seguintes:

7.1. A interpretación auténtica deste convenio.

7.2. A mediación entre as partes, intervindo con carácter preceptivo e previo, en tódolos conflictos que poidan xurdir. Para os indicados efectos, consideraranse conflictos os seguintes: o exercicio do dereito de folga, as medidas de conflicto colectivo promovidas por empresarios ou traballadores, a modificación das condicións de traballo, os despedimentos colectivos ou por circunstancias obxectivas e aqueloutros que as partes acorden no seo da comisión.

Corresponderalle á representación social ou empresarial que decida iniciar conflictos, a convocatoria da comisión paritaria, para presenta-lo conflicto e as alternativas de solución, debendo reunirse esta, como máximo, dentro das 48 horas seguintes

á convocatoria. Para estes efectos, a comisión paritaria poderá acorda-la designación dun ou tres árbitros, para a solución de calquera conflicto por vía da arbitraxe de equidade, sen prexuízo das competencias atribuídas á comisión mixta do II acordo sectorial.

A preceptiva intervención da comisión paritaria non impedirá á parte social ou empresarial a iniciación dos trámites conciliatorios ou de aviso previo que teñan carácter obrigatorio e previo ó exercicio de accións perante órganos xurisdiccionais, administrativos ou de medidas de presión, cando así sexa esixido por disposición legal.

7.3. A colaboración nos traballos asumidos pola comisión mixta do II acordo sectorial cando así o solicite esta.

7.4. Para a súa validez, os acordos da comisión paritaria deben ser adoptados pola maioría dos votos de cada unha das representacións.

Capítulo II

Contratación de traballadores portuarios polas empresas estibadoras

Artigo 8º.-Dirección e control da actividade laboral.

A organización e dirección dos traballos portuarios é competencia das empresas estibadoras, que deberán observar na súa execución, tódalas normas contidas nos regulamentos e disposicións públicas e do propio porto dictadas para o efecto.

En correspondencia con esta competencia, a dirección, o control e a responsabilidade das actividades laborais dos traballadores portuarios que interveñan nas operacións, corresponderalle á empresa estibadora que os realice, e isto con independencia de se o fai con persoal propio de relación laboral común ou con persoal da sociedade de estiba, se ben, neste último caso, tal responsabilidade quedará limitada ó tempo en que os traballadores estean destinados ás operacións para as que fosen chamados pola empresa estibadora.

Artigo 9º.-Procedemento de contratación.

De acordo co artigo 8 do II acordo sectorial, as empresas estibadoras que desexen contratar como fixos dos seus cadros de persoal a traballadores portuarios vinculados á sociedade de estiba, efectuarán unha oferta innominada, con detalle do grupo profesional, especialidade e función que se van desenvolver.

A sociedade de estiba comunicará esta oferta á representación legal dos traballadores nos que concorran as condicións da proposta. En todo caso, publicarao no taboleiro de anuncios para xeral coñecemento e por termo de seis chamamentos.

Os traballadores que voluntariamente opten ó posto de traballo ofertado, comunicáranllo á Sociedade Estatal de Estiba e esta, unha vez transcorrido o prazo previsto no parágrafo anterior, trasladaralle

á empresa solicitante as ofertas recibidas, incluíndo os datos profesionais dos traballadores e a orde de antigüidade deles. Á vista dos datos indicados, a empresa decidirá libremente.

De non existir voluntarios ou de non acepta-la empresa ningún dos presentados, aplicarase o que a normativa vixente establece ó respecto.

A contratación efectuarase mediante o modelo de contrato que se establece no anexo I do presente convenio. Os contratos reflectirán, nas súas cláusulas, o respecto, como mínimo, ás condicións de traballo e retributivas que teñan en Sestiva os traballadores do mesmo grupo profesional.

As ofertas correspondentes ós grupos I, II e III, serán cubertas por traballadores de R.L.C. ou R.L.E. prioritariamente, e en función da súa dispoñibilidade. Ningún buque poderá traballar no porto, sen persoal da sociedade estatal, a non ser que esta certifique a imposibilidade de adscrición.

Artigo 10º.-Efectos da contratación.

Os traballadores de Sestiva, contratados polas empresas estibadoras quedarán vinculados a elas por relación laboral común, como fixos do cadro de persoal, ou con calquera outra modalidade contractual prevista na lexislación vixente.

A contratación por unha empresa estibadora dun traballador portuario vinculado á sociedade de estiba, producirá a suspensión da relación laboral especial que os unía, a cal quedará restablecida no suposto de que se producise a extinción do seu contrato coa empresa polas causas previstas no Estatuto dos traballadores coas excepcións que se establecen no parágrafo segundo do artigo 10 do Real decreto lei 2/1986 e no artigo 10.1.3 do II acordo sectorial, respecto á igualdade de oportunidades de tódolos traballadores portuarios para acceder ás promocións e ascensos que se produzan.

En tódolos supostos indicados, tanto a empresa contratante, como a sociedade de estiba, ó reanuda-la relación suspendida, deberán recoñece-la antigüidade que persoalmente acreditase o traballador portuario.

Cando o traballador portuario reanude a relación coa sociedade estatal, seranlle de aplicación as condicións de traballo e os dereitos económicos dos traballadores do seu mesmo grupo profesinal.

Artigo 11º.-Condicións particulares dos traballadores fixos de empresa.

Os traballadores fixos de empresa de relación laboral común estarán suxeitos ó presente convenio colectivo e ás condicións de traballo particulares que se estipulan a seguir:

1. Cada empresa deberá acordar cos seus traballadores de relación laboral común e os seus representantes no prazo máximo de dous meses a partir do asinamento do presente convenio, o sistema de adscrición ás quendas de traballo. O acordo e, se

é o caso, as modificacións serán comunicadas á comisión paritaria.

2. As empresas procederán a sinalar para os traballadores de relación laboral común, polo menos cunha antelación semanal, o descanso de dous días, quedando fixado o número máximo de quendas en 22 mensuais respectando o descanso semanal. Tódolos luns pola mañá as empresas notificarán, tanto ó traballador como á sociedade de estiba, o descanso de dous días (dos cales 1 e medio, polo menos, serán consecutivos) correspondentes á semana seguinte.

Os descansos semanais computaranse a partir do inicio da primeira ou segunda xornada (8.30 ou 14.30 horas).

Artigo 12º.-Contratación de fixos do cadro de persoal.

Durante a vixencia deste convenio as empresas estibadoras ocuparán globalmente, como fixos dos seus cadros, unha cota de traballadores portuarios equivalente ós necesarios para atender, como mínimo, o 25% do total de quendas traballadas no porto en labores portuarios de servicio público.

A cota global distribuirase de mutuo acordo entre elas, se ben deberá crearse en cada empresa unha estructura mínima dun traballador portuario, todo isto de acordo coas disposicións de aplicación.

Artigo 13º.-Control e seguimento dos acordos anteriores.

A comisión paritaria será o órgano competente para o control do exacto cumprimento do disposto nos artigos anteriores sobre fixos de empresa e a súa adecuación ás variacións da actividade portuaria.

Artigo 14º.-Chamamentos e nomeamentos. Procedemento.

As empresas estibadoras solicitarán da sociedade de estiba os traballadores portuarios que precisen para a realización das súas actividades e esta deberá proporcionarllos, organizando diariamente a distribución e adscrición dos seus traballadores mediante o sistema de rotación.

As empresas estibadoras formularán a solicitude por escrito ou por calquera sistema informático que se implante con determinación do número de traballadores e especificación das acreditacións profesionais interesadas e con mención das particularidades seguintes, ademais das que fixe o impreso ou os programas informáticos existentes para o efecto:

a) Identificación do lugar de prestación dos servicios.

b) Natureza dos servicios que se van prestar.

c) Tipo de medio de transporte empregado.

d) Natureza das mercadorías que se van manipular.

e) Tipo e características da unidade de carga.

f) Medios mecánicos que se van empregar.

g) Modalidade da xornada que se vai realizar.

A sociedade de estiba, como máxima responsable, será a directamente encargada da contratación e vixilancia do cumprimento das presentes normas.

Para o persoal do censo da quenda de rotación (R.L.E.) os horarios da comunicación da súa non presencia, así como as peticións de persoal por parte das empresas estibadoras serán:

A) Para facilitar que os traballos poidan comezar á hora fixada como inicio da xornada e admisión das peticións escritas de persoal das empresas para as dúas contratacións diarias fíxase:

Nos días laborables, de luns a venres incluído, efectuaranse dous chamamentos en presencia de, polo menos, un representante dos traballadores: o primeiro, ás 8.15 horas, para a primeira quenda e, o segudo, ás 13.45 horas, para a segunda, terceira e cuarta quenda. Manterase a excepcionalidade dun terceiro chamamento ás 17 horas (avisando no segundo), sen compromiso por parte das empresas estibadoras e, só en función da imposibilidade de determinar positivamente a necesidade anterior de facer ou non o chamamento. Se nun mesmo ano, unha mesma empresa estibadora utilizara este procedemento ou aviso excepcional máis dunha vez e non traballase efectivamente, pagará, se é o caso, 2.000 ptas. a cada estibador de R.L.E. que se vise obrigado a asistir a el.

O nomeamento para traballar na primeira quenda do sábado efectuarase o dito día ás 8.15 horas. Igualmente, se existise oferta de emprego, efectuaranse os nomeamentos correspondentes á quenda segunda e primeira dos domingos.

O chamamento para os reenganches efectuarase ás 13.45 horas de luns a venres, en presencia de, polo menos, un representante dos traballadores. A sociedade de estiba adoptará as medidas necesarias para comunicarlles ós traballadores nomeados que estivesen traballando a operación que lles correspondeu no reenganche, sen necesidade do seu desprazamento á sala de nomeamentos.

B) O nomeamento para a quenda dos festivos realizarase sempre ás 13.45 horas do último día laborable.

C) Queda prohibida a permanencia dentro das oficinas de contratación, tanto de traballadores como de contratadores das empresas, agás a requirimento expreso do persoal da sociedade de estiba.

D) As empresas estibadoras presentarán os pedidos ata quince minutos antes do nomeamento e coas formalidades, contido e requisitos seguintes:

-Indicación da operativa ou, se é o caso, operativas que se van realizar; a súa localización no porto; natureza da mercadoría que se vai manipular; tipo e características da unidade de carga e demais características necesarias para identifica-la man de traballo que corresponde nomear.

-Traballadores de R.L.E. pedidos, con indicación do grupo profesional e especialidade e, se é o caso, posto de traballo para os que son requiridos.

-Traballadores de R.L.C. que se integrarán na man con indicación do grupo profesional e, se é o caso, especialidade que desempeñarán.

Non se nomeará o persoal cando a empresa estibadora incumpra o disposto no parágrafo anterior.

E) Os traballadores deberán acudir ós chamamentos na sede da sociedade de estiba, agás causa xustificada.

A asignación do traballo na sociedade de estiba farase por rigorosa orde rotativa dos distintos grupos profesionais e especialidade.

As empresas estibadoras e a sociedade de estiba elaborarán anualmente o calendario laboral dos traballadores portuarios debendo comunicarllo, previamente, á comisión paritaria que emitirá o informe que coide pertinente.

F) Os capataces seguindo as instruccións das empresas, distribuirán o persoal para desenvolve-las distintas operativas. As ordes efectuadas polos capataces deberán ser respectadas polos traballadores, cumprindo en todo momento as normas establecidas neste convenio.

Capítulo III

Tempo de traballo

Artigo 15º.-Xornada e horario de traballo.

A) Xornada semanal: a duración da xornada completa acórdase en 40 horas semanais. A xornada intensiva será considerada, para tódolos efectos, como xornada completa.

O sábado a xornada terá un incremento que vén recollido nas táboas salariais do presente convenio.

B) O tipo de xornada de traballo é a intensiva ou partida e o horario de traballo distribuirase de luns a venres, coas seguintes modalidades.

1) Xornada intensiva diurna:

Primeira quenda: das 8.30 ás 14.30 horas.

Segunda quenda: das 14.30 ás 20.00 horas.

Terceira quenda: das 14.30 ás 20.30 horas.

2) Xornada intensiva nocturna.

Cuarta quenda: das 18 ás 24 horas.

Quinta quenda: das 20.30 ás 2.30 horas.

Sexta quenda: das 2.30 ás 8.30 horas.

3) Xornada partida.

Xornada partida: das 8.30 ás 12.30 e das 14 ás 18 horas.

A xornada intensiva de tarde poderá comezar, extraordinariamente, ás 15 ou 16 horas en caso necesario, e aboarase a diferencia de horas, como nocturnas, as que excedan das 20 horas.

A xornada do domingo e festivo comezará ás 8 horas. Excepcionalmente, poderanse realizar de tarde horas extras, cun incremento do 100%, con respecto ó valor das horas da xornada de mañá.

O traballo en domingos e festivos, debido ó carácter de servicio público das operacións de estiba e desestiba, será voluntario sempre e cando asista suficiente persoal, en caso contrario, o nomeamento será obrigatorio.

A xornada iniciarase á hora convida; o traballador deberá estar presente no lugar de realización da operación.

Na distribución de quendas e duración das xornadas salvagardaranse os descansos legais entre xornadas e o semanal. A empresa poderá cambia-la xornada de normal a intensiva, sempre que se realice o cambio antes das 11.30 horas, e que sexa para o remate do buque ou para solicitar unha nova xornada intensiva, non se poderá traballar xornada normal e a seguir xornada intensiva.

Considerarase cumprida a xornada de traballo efectiva en calquera dos seguintes supostos:

1. Cando o traballador, unha vez nomeado, remate a operación antes das seis ou oito horas. En todo caso, as empresas estibadoras poderán ocupar con traballo efectivo ós traballadores, tanto de relación laboral común como especial, durante toda a xornada de traballo na realización de actividades portuarias, do servicio público, sempre que o inicio da nova operativa supuña o remate da anterior, total ou parcialmente (bodega, equipo de traballo, etc.).

2. Cando, unha vez iniciada, remate a operación ou operacións por causas alleas á vontade do traballador.

3. Cando no transcurso das seis ou oito horas da quenda para a que foi nomeado non se iniciase o traballo por causas alleas á vontade do traballador.

4. Polo transcurso das seis ou oito horas de traballo efectivo.

5. Se por circunstancias alleas ás empresa, as operativas non poden comezar ou se paralizan, aboarase o total de dúas horas extras, percibíndose en todo caso como mínimo, a contía do salario garantido do día.

6. As licencias retribuídas e os permisos sindicais.

C) Descanso semanal.

Os traballadores de R.L.E. desfrutarán de día e medio consecutivos de descanso semanal. Os días de descanso distribuiranse rotativamente entre os traballadores co fin de procura-lo descanso en diferentes días da semana.

Dada a dispoñibilidade pactada do persoal vinculado por relación laboral especial, en supostos de necesidade por falta de persoal para atende-lo servicio público, a sociedade de estiba poderá nomea-los traballadores con descanso semanal sinalado en número necesario e por orde de rotación,

os que deberán atende-lo nomeamento de forma obrigatoria. En compensación, o persoal afectado no seu descanso semanal deberá desfrutar durante a semana seguinte do día ou días correspondentes de descanso.

D) Xornada mensual.

É obxectivo do presente convenio colectivo a máxima ocupación dos traballadores portuarios de RLC e R.L.E. sen afectar á productividade. Para tal efecto considérase como ocupación adecuada a determinada polo II acordo sectorial.

A consecución do obxectivo antes indicado leva aparellada a distribución do traballo entre o conxunto de traballadores. Para tal efecto disponse o seguinte:

1. As empresa estibadoras e a sociedade de estiba procederán ó nomeamento de traballadores para atende-lo traballo diario conforme as estipulacións reguladas no artigo 14.

2. Os traballadores de relación laboral común non poderán exceder vintedúas (22) quendas mensuais, agás que concorra o suposto previsto no apartado 3) seguinte.

Para o cómputo das quendas efectuadas contabilizaranse as efectivamente traballados polos grupos profesionais e especialidades, sen se ter en conta as xornadas de inactividade.

3. Cando os traballadores de relación laboral especial excedan as vintedúas quendas mensuais segundo grupos profesionais e especialidade, poderán tamén excedelos os de relación laboral común dos respectivos grupos profesionais e especialidade, se ben se distribuirá o traballo que exceda de 22 quendas de forma que ningún dos traballadores de R.L.C. e R.L.E. realicen máis quendas cós outros do seu mesmo grupo profesional e especialidade.

Unha vez equiparados en quendas mensuais, continuarase o nomeamento do traballador de relación laboral común, alternando o nomeamento con preferencia dos traballadores de R.L.E.

4. Para tales efectos, tanto para os traballadores de relación laboral común como os de relación laboral especial, as vintedúas quendas computaranse a nivel individual, independentemente do grupo profesional con que, en aplicación da polivalencia e a mobilidade funcional, serán realizadas as quendas de traballo.

5. Dado que o incumprimento nos nomeamentos produce un prexuízo no custo para o conxunto das empresas estibadoras e afecta ó nivel de emprego dos traballadores, considerarase infracción de normas laborais.

6. A sociedade de estiba efectuará o control do número de quendas efectuadas polos traballadores de relación laboral especial. Tamén controlorá o número de quendas efectuadas polos traballadores de relación laboral común, para o cal as empresas estibadoras cubrirán correctamente os pedidos de

persoal que para quenda deberán presentar á sociedade de estiba ou, se é o caso, notificaranlle a esta as realizadas polos traballadores de R.L.C., debendo indica-lo número e identificación dos traballadores de relación laboral común que por grupo profesional e labor que van desempeñar comporán o equipo ou equipos de traballo que vaian operar.

Para tal efecto, a sociedade de estiba disporá dos medios de inspección necesarios e as empresas estibadoras autorizaranlle ós seus representantes e á representación legal dos traballadores o acceso inmediato ó lugar das operacións portuarias. A sociedade de estiba facilitaralle á representación legal dos traballadores a solicitude de persoal, o parte de operacións e a liquidación correspondente a cada operación.

E) Xornada de inactividade.

Considerarase cumprida a obriga legal da xornada diaria cando o traballador acuda ós chamamentos obrigatorios diarios e non sexa nomeado para realizar tarefa efectiva ou para a asistencia ós cursos obrigatorios de formación profesional acordados pola comisión tripartita de formación.

F) Control do número de quendas diarias.

Prohíbese, con carácter xeral, que un mesmo traballador realice dúas quendas no mesmo día cando exista outro traballador de R.L.E. que podendo efectuar tal actividade non tivese ocupación efectiva no día, a non ser que fose o de descanso regulamentario.

Artigo 16º.-Festas anuais.

As festas que cada ano desfrutarán os traballadores serán as que estableza a autoridade laboral no calendario correspondente da localidade respectiva. Sen prexuízo de que nas ditas festividades poidan realizarse actividades portuarias, cando sexa necesario, e de acordo co réxime de voluntariedade (establecido no art. 15 apartado B, punto 3º) de servicios e sempre que se compense o traballo co mesmo número de días de descanso durante a semana seguinte ó festivo.

A festividade do Carme (16 de xullo) terá a mesma consideración cós festivos ós que fai referencia o apartado anterior.

Nas vésperas dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro, as contratacións das intensivas nocturnas serán de carácter voluntario.

Artigo 17º.-Vacacións.

Os traballadores portuarios, tanto vinculados por relación laboral común como por relación laboral especial, desfrutarán de trinta días naturais de vacacións anuais, retribuídas na forma na que se indica no capítulo económico do presente convenio.

As vacacións do persoal desfrutaranse preferentemente durante os meses de xuño a setembro, ámbolos dous incluídos, correspondendo desfrutalas obrigatoriamente ó cadro de persoal da sociedade de estiba en cada un dos ditos meses.

Dentro dos tres primeiros meses do ano natural, a comisión paritaria do convenio confeccionará e publicará un plan de desfrute de vacacións, coas diversas quendas por grupos profesionais, ás que poderán optar tódolos traballadores afectados por este convenio.

As partes conveñen que a sociedade de estiba reciba as propostas das empresas estibadoras sobre a organización das vacacións dos traballadores de relación laboral común e, en virtude da consideración de colectivo único dos traballadores ó servicio da operativa portuaria, establecerá o cadro anual de vacacións da totalidade dos traballadores portuarios.

A preferencia para elixi-las quendas efectuarase, en cada grupo profesional, por rotación anual entre os traballadores que o integren.

Os traballadores en situación de I.T. ou A.T. durante o ano natural, desfrutarán da parte proporcional das vacacións; deduciranse en cómputo anual os días de I.T. ou A.T.

A relación das vacacións asignadas publicarase no taboleiro de anuncios da sociedade de estiba e nos de tódalas empresas estibadoras, para xeral coñecemento dos traballadores.

Os traballadores e os seus representantes poderán facer, durante un período de 15 días, as reclamacións que coiden pertinentes e, se é o caso, propoñe-lo intercambio de vacacións con outros traballadores do mesmo grupo profesional.

O desfrute das vacacións en calquera outra época do ano, fóra das quendas programadas, quedará supeditada ó acordo individual do traballador coa súa empresa.

Nos supostos de disconformidade co calendario de vacacións, os traballadores e, se é o caso, a súa representación legal, poderán formula-la correspondente reclamación.

As vacacións desfrutaranse dunha soa vez continuadamente ou en dous períodos, e iniciaranse os días un e quince do mes correspondente.

Artigo 18º.-Remate de buques.

Para remata-la operación do buque, as empresas estibadoras disporán dunha prolongación dunha hora (remate), se a xornada é intensiva, ou de dúas horas (remate) se fose xornada partida, que se retribuirá de acordo coa regulación no capítulo económico deste convenio e segundo a natureza da dita hora/s (diurna, nocturna ou festiva) e de acordo coas seguintes condicións:

a) Ó remata-la primeira quenda en xornada intensiva (unha hora). Partida (dúas horas).

b) Para os efectos previstos no presente artigo, entenderase por remate de buque a realización das operacións necesarias para remata-la carga-descarga ou transbordo previstas ó inicio da quenda. Tal estimación realizarase sobre a hipótese de obter un rendemento igual á media do realizado desde o inicio da quenda en condicións normais.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

En materia de horas extraordinarias rexerán as seguintes disposicións:

a) Cando polas seguintes causas imprevistas de forza maior, lume a bordo, naufraxio ou perigo inminente para as persoas físicas, as operacións do buque paralizasen totalmente, a empresa poderá requirir dos traballadores a realización dun número de horas extras igual ó tempo que as operacións estiveron paralizadas, cun máximo de tres horas, independentemente das horas extras de remate. En todo caso, se excedese de catro o total de horas extras realizadas aplicarase, en canto ó cómputo de quenda, o establecido no apartado b) seguinte.

b) As quendas realizables en domingos e festivos poderán ampliarse mediante a realización de horas extraordinarias ata un máximo de seis horas, se excepcionalmente fixese falta traballar algunha hora máis, aboaranse as horas traballadas de máis e a xornada intensiva completa correspondente ó día seguinte laborable, co fin de posibilita-la saída do buque o antes posible. Cando as ditas horas excedan de catro, as horas realizadas ata un máximo de seis computaranse como unha quenda realizada.

c) As horas extraordinarias pactadas anteriormente, cando a súa realización sexa requirida pola empresa e concorran os requisitos previstos, serán obrigatorias para a totalidade dos traballadores integrantes dos equipos de traballo.

As horas extraordinarias retribuiranse de acordo co regulado no capítulo económico deste convenio e segundo a natureza da dita hora (diurna, nocturna ou festiva).

Se nun buque, por operatividade, se superasen as horas de remate pactadas no presente convenio, a empresa quedará obrigada a aboarlle, por cada hora de máis, un salario dun traballador (grupo I) á sociedade de estiba.

Artigo 20º.-Normas comúns ó remate de buques e ás horas extraordinarias.

a) Para realiza-las horas extraordinarias a que se refiren os apartados anteriores, será requirida a totalidade dos compoñentes do equipo de traballo.

b) A hora de remate de buques executada serán aboada ó equipo de traballo ou equipos que participasen na operación.

c) Cando se estea efectuando o remate nun buque de bodega corrida no que estea traballando máis dun equipo de traballo, non poderá retirarse do traballo a ningún equipo, agás que por causa de seguridade e hixiene ou as condicións de traballo non permitise seguir realizando a operación conxuntamente, como se viña realizando, se así fose, reducirase o equipo ou equipos que fosen necesarios, e cada equipo cobrará a totalidade das horas que realizasen efectivamente.

Artigo 21º.-Repetición de quendas por necesidades do servicio público (dobraxe).

Co obxecto de imprimi-la maior profesionalidade posible ós labores portuarios incluídos no ámbito

do presente convenio e en atención ó cadro de persoal existente, as empresas estibadoras comprométense e obríganse a realiza-la totalidade destas sen recorrer á contratación ou utilización doutro persoal. Pola súa parte, os traballadores atenderán o exceso ou acumulación de traballo producido pola irregularidade do tráfico mediante a repetición de quendas. Non estará obrigado a dobra-lo traballador inscrito nun curso de formación dos previstos no artigo 32.

Para tales efectos, a repetición de quenda (dobraxe) efectuarase respectando as seguintes condicións:

1. Os traballadores portuarios atenderán as dobraxes que ofrezan as empresas estibadoras. Para tal obxecto, a dobraxe non poderá exceder dunha dobraxe ó día, agás que o traballador aceptase voluntariamente outros nomeamentos.

2. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, a representación legal dos traballadores poderá acordar non atender colectivamente os pedidos de dobraxes das empresas. En tal caso, deberá poñelo en coñecemento da sociedade de estiba cun aviso previo mínimo de 72 horas, sen prexuízo da competencia propia da comisión paritaria.

3. As operacións portuarias con traballadores reenganchados poderanse iniciar de maneira efectiva, a partir do inicio do horario prefixado para cada xornada de traballo, sempre que tecnicamente sexa posible o desenvolvemento do traballo encomendado en condicións de seguridade e hixiene.

4. Só se poderán repetir quendas cando se esgotase o persoal de relación especial aplicando a polivalencia pactada.

5. As quendas que se realicen por repetición computaranse tanto para os traballadores de relación laboral especial como de relación laboral común, para os efectos das 22 quendas mensuais previstas no presente convenio.

6. Os traballadores de relación laboral común non poderán dobrar nos seguintes supostos:

a) Cando a totalidade dos traballadores de R.L.E. do seu grupo profesional ou especialidade non fosen nomeados nese día.

b) Cando realizasen 22 quendas no mes, neste caso aplicarase o regulado no artigo 15, D), 3 deste convenio.

7. Ningún traballador poderá realizar dúas quendas no mesmo día mentres exista outro de R.L.E. que podendo efectuar tal actividade, non tivese ocupación efectiva no día, agás que coincidise en día de descanso.

8. A maior regularidade na distribución do traballo dos traballadores vinculados por relación laboral común conduce, conforme o estipulado no artigo 6.c), parágrafo 2º do II acordo sectorial, á preferencia do traballador de relación laboral especial cualificado para a realización das dobraxes.

9. Os traballadores que teñan que repetir quenda para calquera empresa estibadora serán solicitados á sociedade de estiba mediante o oportuno e habitual impreso no que ademais figurarán os vinculados por relación laboral comun que formarán parte do equipo de traballo.

10. Os equipos de traballo que se utilizarán nas dobraxes serán os que correspondan a cada tipo de operación.

11. A dobraxe efectuarase cos seguintes dereitos:

11.1. Se se produce ó comeza-la segunda quenda o persoal terá dereito a unha hora para comer.

Na terceira e cuarta quenda, a hora para comer contarase desde o remate da quenda anterior traballada polo persoal afecto á dobraxe. Para que o cómputo anterior se poida producir na segunda quenda, a sociedade de estiba deberá comunicarlle ó traballador a dobraxe antes das 14 horas.

11.2. O traballador de R.L.E. que dobre terá dereito ó aboamento, en concepto de axuda de custo de locomoción, de 2.000 ptas.

12. A aplicación das anteriores estipulacións non poderá vulnera-lo disposto no II acordo sectorial e sen prexuízo do disposto no artigo 12 do Real decreto lei 2/1986.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a solicitar e obter licencias retribuídas na contía prevista no capítulo económico nos seguintes supostos:

1. Matrimonio propio: 20 días naturais. En caso de matrimonio de pais ou fillos de 1 día ou 3 días, se fose necesario desprazamento fóra da provincia.

2. Nacemento de fillos: 2 días naturais, que se poderán incrementar ata 4 en caso de desprazamento fóra da provincia ou en supostos de intervención cirúrxica.

3. Enfermidade grave do cónxuxe: 3 días naturais.

4. Enfermidade grave de ascendentes ou descendentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: de 3 a 5 días naturais se fose necesario desprazamento fóra da provincia.

5. Falecemento do cónxuxe: 3 días naturais e 5 se fose necesario desprazamento fóra da provincia.

6. Falecemento de ascendentes ou descendentes ata segundo grao ou colaterais: de 3 a 5 días se fose necesario desprazamento.

Capítulo IV

Clasificación profesional

Artigo 23º.-Grupos profesionais.

En canto ós grupos profesionais será de xeral aplicación a clasificación profesional aprobada pola comisión mixta do II acordo sectorial o 14 de decembro de 1994, en cumprimento do disposto no seu artigo 10.

Artigo 24º.-Mobilidade funcional e polivalencia.

As partes comprométense a facilita-la mobilidade funcional e a plena polivalencia establecida na clasificación profesional aprobada.

1. Co obxecto de consegui-lo maior nivel de ocupación efectiva do cadro de persoal do porto, a mobilidade funcional realizarase de acordo co regulado na clasificación profesional e no non regulado nela atenderanse as seguintes estipulacións:

a) Os grupos profesionais III e IV de relación laboral especial serán complementarios entre si e polo tanto seralles de aplicación a mobilidade funcional, de tal xeito que, cando as circunstancias impostas pola propia irregularidade e características do traballo o determinen, uns e outros poidan ser nomeados para que realicen labores destes e viceversa.

A adscrición dos traballadores dos grupos mencionados farase sempre nomeando en primeiro lugar o grupo correspondente.

Nestes supostos, os traballadores que realicen funcións do grupo profesional superior, percibirán a retribución correspondente a este.

b) As distintas funcións que integran o grupo profesional de oficios manipulantes serán complementarias entre si e, polo tanto, polivalentes, sen outras limitacións cás impostas pola capacitación/formación dos traballadores portuarios encadrados neste grupo profesional.

c) O grupo profesional I, estibador, realizará tódolos labores do seu grupo profesional. Se algún traballador acreditase, de maneira fidedigna, imposibilidade física ou psíquica para realizar algunha das actividades correspondentes a el, pero puidese realizar outras, será relevado de tales actividades e nomeado exclusivamente para o resto.

d) A mobilidade funcional, aplicarase cando non existan na empresa afectada traballadores de relación laboral común de grupos profesionais e especialidades sen ocupación.

2. Tamén poderán realiza-la mobilidade funcional os grupos profesionais III e IV nos termos previstos no apartado 1.a) anterior, os traballadores de R.L.C. dunha empresa estibadora cando non haxa traballadores de R.L.E. dispoñibles do grupo profesional requirido, aplicando, para tal efecto, a mobilidade funcional.

3. O nomeamento de traballadores de relación laboral especial para a realización de funcións correspondentes a un grupo profesional distinto ó que teñan recoñecido, só poderá realizarse sempre que concorran e se cumpran as seguintes condicións:

3.1. Que non existan traballadores dispoñibles para a realización de funcións dunha especialidade demandada polas empresas estibadoras correspondente ó grupo profesional e especialidade solicitada.

3.2. Que o traballo, non tendo sido nomeado para realizar funcións correspondentes ó seu grupo profesional, teña acreditada a especialidade solicitada.

3.3. Que se lle aboe a maior das retribucións, a correspondente ó seu grupo profesional ou ó do solicitante.

3.4. Que o nomeamento se efectúe por rotación. En todo caso, procederase con preferencia ó nomeamento do mesmo grupo profesional.

4. A sociedade de estiba coordinará a organización dos cursos de formación profesional precisos para a cualificación dos traballadores.

Revisarase, no prazo de dous meses desde o asinamento do presente convenio colectivo, a cualificación profesional de tódolos traballadores e, se é o caso, proporáselle á comisión paritaria a aprobación da reclasificación profesional.

Artigo 25º.-Promocións e ascensos.

De acordo co previsto no artigo 10.1.2/3 do II acordo sectorial, as partes conveñen os seguintes criterios ós que se deberá axusta-lo sistema:

-Deberá afectar á totalidade dos traballadores portuarios independentemente do grupo profesional.

-Deberá respecta-la plena igualdade de oportunidades, sen prexuízo de gradua-las preferencias para o acceso a un grupo superior.

-Deberá axustarse ás necesidades reais de ocupación, co fin de non crear expectativas de promoción inviables.

-Deberá recolle-la situación dos traballadores portuarios vinculados por relación laboral común e os vinculados por relación laboral de carácter especial.

-Deberá recolle-la intervención do órgano cualificador da profesionalidade, que será único e contará cos representantes dos traballadores e das empresas estibadoras presidido por un representante da sociedade estatal.

Mentres non se acorde o sistema de promoción e ascensos, manteranse as actuacións cualificacións profesionais.

Capítulo V

Dereitos sindicais e réxime disciplinario

Artigo 26º.-Dereitos de reunión e información.

Sen prexuízo dos dereitos sindicais recoñecidos e declarados na lexislación vixente, os traballadores portuarios afectados polo presente convenio teñen os seguintes dereitos:

1. A representación dos traballadores poderá convocar asembleas nos locais da sociedade de estiba, ás que poderán asisti-los traballadores fóra das horas de traballo, sen máis requisitos que non interrompe-los chamamentos diarios.

2. Para iso, terán dereito ó uso dos salóns de nomeamento da sociedade de estiba, ou de calquera outro que esta poña ó seu dispor.

3. A recibir información a través dos seus representantes.

4. A que lles sexan facilitados, a título individual, os datos mecanizados polas empresas e a sociedade de estiba nos que conste información relativa á súa persoa.

Artigo 27º.-Dereitos da representación dos traballadores.

En igual sentido que o indicado no artigo anterior, o representante legal dos traballadores ten os seguintes dereitos:

1. Uso de 15 horas mensuais retribuídas a razón de 1.600 ptas./hora, para a xestión sindical, e en todo caso, só se computarán as correspondentes ás quendas nas que lle correspondese traballar efectivamente.

2. Non se computará dentro do crédito de horas o exceso que poida producirse con motivo da designación do delegado de persoal como compoñente da comisión negociadora do convenio colectivo que afecte ós seus representados e para asistir á celebración de sesións oficiais a través das que transcorran tales negociacións.

As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores afiliados a un sindicato a que celebren reunións, a recadar cotas e distribuír información sindical sen perturba-la actividade laboral delas.

As empresas non poderán subordina-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco a despedir a un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

Serán de aplicación os restantes acordos alcanzados no artigo 14 do II acordo sectorial, en relación cos dereitos que se regulan no presente artigo e nos dous anteriores. Sempre de acordo coas características específicas de Sestiva.

Artigo 29º.-Representación para a negociación do convenio.

De conformidade co disposto no artigo 13 do II acordo sectorial, para os efectos de defini-la lexitimación para negocia-lo convenio ó referido acordo sectorial, atribúeselle ós representantes dos traballadores de relación laboral especial e común incluídos no seu ámbito de aplicación, á sociedade de estiba e á Asociación de Empresas Estibadoras ou as empresas estibadoras do porto de Vilagarcía, por parte empresarial.

Debido á interrelación dos traballos realizados nos portos polos traballadores de relación laboral común e especial, e á consideración de colectivo único dispoñible para o servicio público de estiba e desestiba e os labores complementarios descritos no artigo 3 deste convenio, as partes conveñen en sinalar como unidade mínima de negociación a establecida no presente convenio sen que poida modificarse polas partes.

Para estes únicos efectos e para os de representación dos traballadores, as actividades que realicen as empresas estibadoras como concesionarias do servicio público ou complementarios de estiba e desestiba que se describen no artigo 3, constituirán unha unidade independente das demais actividades dela á que quedarán adscritos unicamente os estibadores portuarios de cada empresa contratados para a realización destes traballos, por relación laboral común.

Capítulo VI

Prestacións sociais e asistenciais

Artigo 30º.-Seguridade e hixiene.

As partes conveñen que mentres non se desenvolva o estipulado no artigo 12 do II acordo sectorial sobre as medidas que se deben adoptar para a mellor protección dos riscos de seguridade e hixiene, aplicaranse co máximo rigor as normas contidas na lexislación xeral sobre a materia e, en especial, as do Regulamento de seguridade, hixiene e benestar dos estibadores portuarios, aprobado pola orde ministerial do 6 de febreiro de 1971, así como todos aqueles convenios que afectan ó dito regulamento, subscrito polo Estado español dos organismos internacionais.

A comisión paritaria do convenio elevará un informe á comisión mixta do II acordo sectorial, coas medidas que coide necesarias para mellora-la protección.

Sen prexuízo do disposto pola lexislación xeral sobre constitución e competencias dos comités de seguridade e hixiene nas empresas, e dadas as especificidades do traballo portuario no que realizan labores conxuntamente traballadores vinculados a diversas empresas, constituirase un comité de seguridade e hixiene coas mesmas funcións e competencias que as previstas na lexislación laboral básica sobre a materia e co mesmo ámbito funcional e persoal do presente convenio. As partes designarán os seus representantes no prazo de 15 días a partir do asinamento do convenio.

Artigo 31º.-Formación profesional.

As partes conveñen na necesidade prioritaria de establecer uns plans permanentes de formación profesional dos traballadores portuarios en concordancia co que establece o artigo 11 do II acordo sectorial, asumindo o contido íntegro do Acordo nacional de formación continua do 16 de decembro de 1992.

A sociedade de estiba, por iniciativa propia, ou por proposta da comisión tripartita de formación do convenio, asume a responsabilidade de impulsar e coordina-las accións formativas, en colaboración coas empresas estibadoras, os traballadores portuarios e a Administración do Estado.

Para este fin, as empresas porán en coñecemento da comisión tripartita de formación, creada ó abeiro da resolución da comisión mixta do II acordo sectorial, calquera proxecto de implantación de novas tecnoloxías, maquinaria ou instalacións que requiran

a formación de profesionais de especialidades non existentes na actualidade. A dita comunicación realizarase coa antelación suficiente para que se poidan organiza-las accións formativas de forma que as empresas poidan dispoñer de persoal capacitado antes de iniciarse a implantación da innovación.

Tódalas accións formativas deberán garanti-la igualdade de oportunidades a tódolos traballadores portuarios.

A comisión tripartita de formación virá obrigada a velar polo cumprimento das institucións, normas ou resolucións que sexan establecidas pola comisión tripartita de formación da comisión mixta do II acordo sectorial.

Os traballadores están obrigados a asistir ós cursos de formación que aprobe a comisión tripartita da comisión mixta do II acordo sectorial, por proposta da comisión tripartita da sociedade de estiba, en desenvolvemento do plan de formación aprobado pola Fundación para a Formación Continua para 1994/95 e os que anualmente se establezan.

A asistencia obrigatoria ós cursos dálle dereito ó traballador asistente, no suposto de que perdese a súa quenda de traballo, a ser nomeado, con preferencia no seguinte chamamento.

Os cursos de formación impartiranse, preferentemente e sempre que sexa posible, fóra da xornada de traballo. A falta de asistencia ós cursos establecidos pola comisión sen causa xustificada, seralle notificada á comisión mixta do II acordo sectorial.

As empresa estibadoras quedan obrigadas a participar na realización dos cursos de formación na forma establecida ou que puidese establece-la comisión tripartita da comisión mixta do II acordo sectorial.

Artigo 32º.-Fondo social portuario.

Poderá crearse un fondo social portuario (FSP) constituído polos traballadores portuarios no porto de Vilagarcía de Arousa, que se regulará polos seus propios estatutos, regulamentos e orixe dos seus recursos.

A sociedade de estiba efectuará a recadación das achegas económicas dos traballadores e ingresarao na conta corrente que, para o efecto, sinalenos administradores do fondo.

A administración e xestión deste fondo correspóndelle á representación dos traballadores.

En todo caso, a representación dos traballadores ou a institución que se cree, deberá informar anualmente á sociedade de estiba e á asociación empresarial do destino e aplicación dos fondos.

Artigo 33º.-Roupa de traballo .

A sociedade estatal comprométese a entregarlles ós traballadores de R.L.E. os seguintes medios de protección e seguridade:

2 traxes de faena ó ano.

1 par de botas de seguridade ó ano.

1 par de botas de frío ó ano.

6 pares de guantes ó ano.

1 traxe de augas cada dous anos.

1 traxe de frío cada dous anos.

Cando as operacións así o requiran, entregaráselle a cada traballaor.

Máscaras de celulosa.

Tódolos demais medios sinalados na ordenanza de seguridade e hixiene.

O traballador no caso de que presente a roupa deteriorada e logo de presentación desta, dotaráselle de novo material.

Artigo 34º.-Responsable xeral e controlador da mercadoría.

1. Cada empresa estibadora, agás as que operen exclusivamente operacións de graneis con chupona, incorporarán ó seu cadro de persoal, cando o consideren necesario, un responsable xeral que asuma, respecto ó conxunto, a responsabilidade da coordinación dos labores que se realicen nun ou varios buques ou nunha área determinada da zona de servicio do porto, polo que non poderá realiza-las funcións propias de capataz nin de ningún outro grupo profesional.

En todo caso, entenderase que o responsable xeral, no caso de que a empresa estibadora considere necesaria a súa designación, deberá ser nomeado de entre o persoal portuario do grupo profesional IV capataces.

2. A sociedade de estiba disporá dun número suficiente de capataces cualificados para realiza-las funcións de responsable xeral co fin de atende-las solicitudes das empresas estibadoras, orixinadas por necesidades de persoal que non poidan atenderse con persoal de relación laboral común.

Para tal efecto, os traballadores realizarán os cursos de formación necesarios para obte-la cualificación profesional requirida para o desenvolvemento das funcións específicas.

3. A organización e dirección dos traballadores portuarios é competencia das empresas estibadoras, que deberán observar na súa execución, tódalas normas contidas neste convenio e demais normas de obrigado cumprimento.

4. As ausencias regulamentarias do responsable xeral (IT, vacacións e licencias) supliranse mediante algún dos seguintes procedementos:

a) Empregando un traballador portuario cualificado do grupo profesional IV procedente da sociedade de estiba con contrato de traballo de relación laboral común baixo a modalidade de interinidade.

b) Empregando un traballador portuario de relación laboral especial cualificado do grupo profesional IV baixo a modalidade de libre designación mentres dure a ausencia prevista.

c) Empregando un traballador portuario do grupo profesional de capataces da mesma empresa estibadora en funcións de responsable xeral.

En calquera das anteriores modalidades, o traballador substituto terá o réxime de traballo do responsable xeral substituído.

En correspondencia co anterior, a transmisión das ordes das empresas estibadoras ós traballadores portuarios, efectuarase obrigatoriamente a través dos mandos dos propios traballadores portuarios, segundo os seus grupos profesionais, agás casos de emerxencia ou en situacións de risco por razóns de seguridade ou salubridade.

Artigo 35º.-Medidas para garanti-la profesionalidade nos labores portuarios e control do intrusismo.

A comisión paritaria deste convenio instará á autoridade portuaria para o estricto cumprimento das medidas acordadas no II acordo sectorial para a eliminación do intrusismo, sen prexuízo da responsabilidade laboral por vulneración do disposto nas normas sectoriais.

Capítulo VIII

Regulación económica

Artigo 36º.-Estructura retributiva.

A estructura retributiva queda estructurada nos seguintes conceptos:

A) Retribucións directas por unidade de tempo:

1) Salario base.

2. Salario garantido.

3) Complementos salariais.

4) Horas extraordinarias.

5) Horas sindicais.

B) Retribucións diferidas:

1) Pagas extraordinarias.

2) Vacacións anuais.

3) Antigüidade.

C) Percepcións de carácter non salarial:

1) Axuda de custo de locomoción.

Artigo 37º.-Retribucións directas por unidade de tempo.

37.1. Salario base:

É o que reflicte o anexo II. Sempre que en cómputo mensual se superen as 22 xornadas, entenderase a non obrigatoriedade de aboa-lo salario garantido.

37.2. Salario garantido:

É a retribución salarial mínima garantida que os traballadores de R.L.C. e R.L.E. incluídos no presente convenio deben percibir por cada mes do ano, agás o correspondente ó desfrute das vacacións anuais.

O salario mensual reducirase proporcionalmente ós períodos de suspensión do contrato de traballo non retribuídos e por faltas inxustificadas ó traballo.

O importe dos salarios mensuais garantidos será o mesmo para tódolos grupos profesionais que, en función das 22 xornadas mensuais, será de 134.550 pesetas absorbendo as dobraxes xornais de inactividade.

As cantidades indicadas anteriormente, inclúe a retribución do descanso semanal, agás a reducción que corresponda polos supostos de suspensión non retribuída e por falta inxustificada ó traballo.

37.3. Complementos salariais:

Son os que figuran no anexo II.

37.4. Horas extraordinarias:

O valor das horas extraordinarias é o que figura no anexo III.

Artigo 38º.-Retribucións diferidas.

38.1. Pagas extraordinarias:

Son aquelas retribucións que con carácter de devengo superior ó mes se aboan o día 15 dos meses de xuño e decembro de cada ano, a cada un dos traballadores portuarios de R.L.E.

O importe por este concepto, en cada unha das pagas extraordinarias é de cento cincuenta e cinco mil duascentas cincuenta pesetas (155.250 ptas.).

38.2. Vacacións:

O descanso anual de cada un dos traballadores de R.L.E. afectados polo presente convenio colectivo retribúese a razón de cento cincuenta e cinco mil duascentas cincuenta pesetas (155.250 ptas.) e maila antigüidade que corresponda a cada traballador.

38.3. Antigüidade:

Tódolos traballadores portuarios (R.L.E.) en función da antigüidade que teñan, percibirán un complemento persoal con carácter mensual agrupado en quinquenios, da contía correspondente ó reparto do fondo mensual que por este concepto se recade das empresas estibadoras (10% dos salarios íntegros, ós que se refire o anexo I). Computando un punto por cada quinquenio acumulado por cada traballador.

Artigo 39º.-Percepcións de carácter non salarial.

Axuda de custo de locomoción, á que se refire o artigo 21.11.2. nos termos que nel se especifican.

Artigo 40º.-Momento e lugar do pagamento.

Os traballadores afectados polo presente convenio colectivo percibirán as súas retribucións mediante o sistema de transferencia bancaria ás contas correntes ou de aforro que libremente comunique cada un deles á sociedade ou empresa.

A determinación, liquidación e pagamento do salario e os seus complementos farase dentro dos dez días seguintes ó remate do mes devengado.

A sociedade entregará mensualmente ós traballadores afectados polo presente convenio, folla de salario na que se detallarán, ademais dos datos esixidos

pola lexislación xeral, os indicados no apartado anterior e, en particular, os seguintes:

-Nome e apelidos do traballador; grupo profesional; número de censo; nº de Seguridade Social do traballador e nº patronal; grupo de cotización á Seguridade Social; data de ingreso ou antigüidade recoñecida, período liquidado; nº de faltas ó traballo.

-Ademais, para identifica-las operacións realizadas, indicarase a data de cada operación; tipo de xornada; a empresa estibadora na que se prestou cada servicio; nome do buque; salario, prima e pluses liquidados en cada operación; o total bruto e a cantidade ingresada por conta corrente ou aboada no prazo convido. Así mesmo, indicaranse os días sen ocupación efectiva, o salario mensual, a antigüidade e os descontos efectuados en concepto de retención por IRPF (con indicación da porcentaxe de retención), cota obreira á Seguridade Social, cota sindical ou anticipos percibidos a conta. Por último, indicarase o total líquido e a cantidade neta que se percibirá.

-Igualmente, detallaranse os datos de cotización á Seguridade Social mensual, indicando as bases de cotización por continxencias comúns e accidentes de traballo e do IRPF.

-Dado que as partes pretenden facilita-la máxima información ós traballadores que posibilite o adecuado control das súas percepcións salariais e extrasalariais, adoptaranse as medidas complementarias para alcanza-lo obxectivo antes indicado.

No anexo IV, xúntase un modelo de folla de salario, sen prexuízo das adaptacións que procedan pola mecanización xeral dela.

Artigo 41º.-Réxime disciplinario.

As partes acordan que nesta materia aplicarase o disposto no acordo da comisión mixta do 26 de marzo de 1996. Xúntase o texto a este convenio, formando parte del para tódolos efectos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Regras sobre o ámbito funcional.

O ámbito funcional do presente convenio colectivo deberá ser interpretado en atención ás seguintes regras:

1. É labor portuario a descarga, arrastre, ata a lonxa e almacén, de cantos traballos se deriven da manipulación do peixe fresco proveniente de buques de máis de 100 toneladas de rexistro bruto, agás que, como consecuencia de pacto colectivo, os ditos labores sexan realizados polos tripulantes do buque.

2. En relación co establecido no apartado 3.2.6 do artigo terceiro do presente convenio, entenderase que hai solución de continuidade nos seguintes supostos:

A) Cando a mercadoría sexa transportada dunha a outra zona do porto, ou sexa transbordada dun a outro buque, aínda cando para iso saia por unha

porta e directamente entre por outra do recinto portuario.

B) Cando un ou varios conductores, mentres van ó exterior do porto buscar outra cabeza tractora, soa ou con remolque, deixen no interior do porto, pendente de embarcar, outra cabeza tractora, soa ou con remolque.

C) Cando un ou varios conductores, mentres van ó interior do barco buscar outra cabeza tractora, soa ou con remolque, deixen no interior do recinto portuario unha ou varias cabezas tractoras, soas ou con remolques, que anteriormente desembarcaran do mesmo barco.

D) Consideraranse incluídas no ámbito deste convenio as tarefas relacionadas coa remoción da carga e descarga dos buques transportadores de mercadorías a granel, excluíndo cando se realicen mediante instalacións especiais fixas de descarga. Para tal efecto, considérase remoción da carga as tarefas de paleado e varrido (agás desperdicios que non vaian ser descargados) e a operativa de sacos que conteñen gran que, xunto coa mercadoría a granel, transporte o barco por esixencias da operación, así como a remoción do producto para que poida ser succionado polas tuberías que efectúen a descarga.

Segunda.-Revisión salarial.

A comisión negociadora revisará cada ano, de acordo co que se dispoñan legalmente e durante a vixencia deste convenio, as retribucións económicas.

Terceira.-Normas específicas de clasificación profesional.

As funcións de sinalización de operacións son realizadas polos traballadores do grupo profesional II.

Cuarta.-Intrusismo.

Os representantes legais dos traballadores ou as empresas estibadoras, cando aprecien a existencia real de labores portuarios, sexan do servicio público ou complementarias das que se especifican no presente convenio, realizadas por non estibadores, dirixiranse á autoridade portuaria e esta, comprobada a infracción, suspenderá o traballo dos intrusos.

De persisti-la situación, a autoridade portuaria, mediante resolución fundada, suspenderá as actividades no barco ou zona de traballo, impoñendo as sancións que procedan. A autoridade portuaria comunicaralles ás empresas e representantes dos traballadores os responsables da función inspectora a que se refire o apartado anterior, que deberá cubrir toda a xornada operativa do porto.

Quinta.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria á que fai referencia o artigo 7 do presente convenio queda formada polas seguintes persoas:

Pola sociedade estatal: Jesús Paz Arias e José Antonio Rodríguez Pérez.

Polas empresas estibadoras: Juan Manuel Patiño Guillén e Julio Carrasco Valdés.

Polos traballadores: Joaquín Rodríguez Rama, Ramiro Otero Rodríguez, Vicente Castro Bogo e Manuel Lago Diz.

Calquera cambio na representación das partes debe ser posto en coñecemento da comisión, con 72 horas, como mínimo, de antelación á súa convocatoria.

Disposicións transitorias

Primeira.-Capataces.

Os capataces desenvolverán as súas funcións con carácter rotativo, agás en operacións de estiba de carga xeral e conxelado especiais onde a planificación e desenvolvemento das operativas aconselle que sexa un mesmo capataz o que as inicie e remate. Procurando en cómputo anual que tódolos capataces teña o mesmo número de quendas efectivamente traballados. Neste sentido e tendo en conta as características da sociedade, actualmente determínase que o número de capataces debe establecerse en catro (4), tendo en conta a superación dos cursos de formación que en tal sentido realizaron os traballadores.

Segunda.-Funcionalidade.

Acórdase que o salario que se aboará ós estibadores de R.L.E. por xornada realizada, será o da función efectivamente realizada, independentemente do seu grupo profesional.

Terceira.-Remate de bodega.

Existe a posibilidade de rematar unha bodega, nas condicións dos artigos 18 e 20 do presente convenio, cando se trate dunha mercadoría distinta ou dun cliente distintos ó do resto da mercadoría del.

ANEXO I

CONTRATO DE TRABALLO

En.........., ... de...... de...

REUNIDOS

Dunha parte................ e como empregador, Don/a......................., na súa calidade de............. con documento nacional de identidade nº........., en nome e representación da Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del puerto de Vilagarcía de Arousa, S.A., con domicilio social en...............................

E doutra, como traballador.

Don/a................................. con documento nacional de identidade nº............ e domicilio en.................... incluído no censo da Organización de Trabajos Portuarios (OTP) na data de constitución da sociedade, co número....... desde o día..... de........ de...... e....

Recoñecéndose a capacidade legal e necesaria para este acto,

Acordan outorga-lo presente contrato de traballo que regulará a relación laboral especial de estibador portuario, con suxeición ás seguintes,

CLÁUSULAS

Primeira.-O contrato de traballo concértase por tempo indefinido.

Segunda.-O traballador é contratado como grupo profesional de..............

Terceira.-O traballador deberá realiza-los traballos de carácter temporal que lle sexan asignados en calquera das empresas estibadoras e cumprindo as ordes impartidas por estas, sen prexuízo de permanecer vinculado laboralmente á sociedade estatal, debendo presentarse, en todo caso, ós chamamentos que se efectuarán na sede daquela.

Cuarta.-A retribución estará constituída por un salario base e polos complementos salariais e salario garantido que en cada momento estableza o convenio colectivo de aplicación.

A retribución do período de vacacións consistirá na media do efectivamente percibido, como mínimo nos últimos seis meses.

Quinta.-A xornada de traballo, vacacións, descansos e demais condicións laborais rexeranse polo disposto no convenio colectivo aplicable en vigor, ou, subsidiariamente, polas normas de xeral aplicación.

Sexta.-Durante o tempo que o traballador desenvolva tarefas no ámbito dunha empresa estibadora corresponderá a ela o exercicio das facultades de dirección e control da súa actividade laboral.

Sétima.-O presente contrato suspenderase cando o traballador subscriba contrato laboral cunha empresa estibadora, tendo opción a reanudar esta relación especial cando se extinga o contrato coa empresa estibadora, agás que a dita extinción se produza por mutuo acordo das partes, por demisión do traballador ou por despedimento disciplinario declarado procedente.

Oitava.-En todo o non regulado no presente contrato as partes sométense expresamente ó previsto no Real decreto lei 2/1986, do 23 de maio, e as súas normas de desenvolvemento, ó convenio colectivo vixente en cada momento e, subsidiariamente, ó Estatuto dos traballadores e demais normas de xeral aplicación.

Cláusulas adicionais

I) A data de integración nos censos da O.T.P. especificada no encabezado do presente contrato é, para tódolos efectos, a antigüidade do traballador na sociedade estatal.

II) A entrada en vigor do presente contrato será o día.... de....... de...

III) Como complemento da cláusula oitava, e atendido o acordo para a regulación das relacións laborais no sector portuario, subscrito en....... de......... de......, decláranse de preferente aplicación as normas contidas no dito acordo.

IV) A sociedade estatal e o traballador que subscriben o presente contrato subróganse nas condicións

de traballo, dereitos e obrigas existentes, sen prexuízo da suxeición ás normas que tivesen o carácter de dereito necesario previstas no Real decreto lei 2/1986 e normas de desenvolvemento, así como no Estatuto dos traballadores.

V) Como complemento do previsto na cláusula cuarta aplicarase a estructura salarial prevista no artigo 9.3 do acordo para a regulación das relacións laborais do sector portuario e convenio de aplicación. O salario garantido nos días en que o traballador non teña ocupación efectiva, será de.......... ptas.

VI) O previsto na cláusula cuarta, sobre retribución do período de vacacións, enténdese sen prexuízo do convido no acordo sobre materias concretas e no convenio colectivo de aplicación.

VII) Os chamamentos a que se refire a cláusula terceira, serán os pactados nos convenios colectivos de aplicación.

O presente contrato redáctase por triplicado e será rexistrado na oficina de emprego correspondente, asinando as partes no lugar e data arriba indicados.

O traballadorO representante da sociedade estatal

ANEXO II

Táboa salarial

(Importes íntegros por categorías)

Tipo de xornadaGrupo profesionalPesetas

Normal e intensiva de carga xeralEspecialista (G I)5.966
"Oficial (G II)6.562
"Servicios Aux. (G III)7.157
"Capataz (G IV)7.757
Normal e intensiva de graneisEspecialista (G I)6.502
"Oficial (G II)7.151
"Servicios Aux. (G III)7.801
"Capataz (G IV)8.452
Normal de conxeladoEspecialista (G I)8.392
"Oficial (G II)9.230
"Servicios Aux. (G III)10.071
"Capataz (G IV)10.910
Intensiva de conxeladoEspecialista (G I)6.713
"Oficial (G II)7.383
"Servicios Aux. (G III)8.056
"Capataz (G IV)8.727
Intensiva sábado A.M. carga xeralEspecialista (G I)8.281
"Oficial (G II)9.108
"Servicios Aux. (G III)9.938
"Capataz (G IV)10.765
Nocturna de carga xeral e

sabado A.M. conxelado

Especialista (G I)8.815
"Oficial (G II)9.696
"Servicios Aux. (G III)10.577
"Capataz (G IV)11.460
Sábado P.M. domingo

e festivo xeral

Especialista (G I )10.198
"Oficial (G II)11.217
"Servicios Aux. (G III)12.239
"Capataz (G IV)13.257

Tipo de xornadaGrupo profesionalPesetas

Sábado P.M. domingo/festivo

conxelado

Especialista (G I)10.731
"Oficial (G II)11.805
"Servicios Aux. (G III)12.877
"Capataz (G IV)13.954
Especial nocturna de conxeladoEspecialista (G I)11.641
"Oficial (G II)12.804
"Servicios Aux. (G III)13.969
"Capataz (G IV)15.133
Nocturna de graneisEspecialista (G I)9.348
"Oficial (G II)10.284
"Servicios Aux. (G III)11.217
"Capataz (G IV)12.153
Sábado A.M. de graneisEspecialista (G I)8.527
"Oficial (G II)9.380
"Servicios Aux. (G III)10.232
"Capataz ( GP IV)11.085
Sábado P.M. domingo

/festivo graneis

Especialista (G I)10.490
"Oficial (G II)11.539
"Servicios Aux. (G III)12.166
"Capataz (G IV)13.637

ANEXO III

Horas extraordinarias

(Importes íntegros por categorías)

Tipo de xornadaCategoríaPesetas

Normal de carga xeralEspecialista1.430
"Oficial1.573
"Servicios Aux.1.719
"Capataz1.860
Intensiva de carga xeralEspecialista1.573
"Oficial1.731
"Servicios Aux.1.888
"Capataz2.046
Normal de graneisEspecialista1.560
"Oficial1.716
"Servicios Aux.1.871
"Capataz2.028
Normal de conxeladoEspecialista1.747
"Oficial1.922
"Servicios Aux.2.096
"Capataz2.271
Intensiva de conxeladoEspecialista1.860
"Oficial2.046
"Servicios Aux.2.231
"Capataz2.418
Nocturna de carga xeral

e sábado A.M.

Especialista1.860
"Oficial2.046
"Servicios Aux.2.231
"Capataz2.418
Sábado P.M. carga xeralEspecialista2.718
"Oficial2.981
"Servicios Aux.3.240
"Capataz3.501

ANEXO V

Réxime disciplinario

Ministerio de Traballo e Seguridade Social

Resolución do 10 de abril de 1996, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación do acordo sobre réxime disciplinario do sector de estiba.

Visto o contido do acordo sobre réxime disciplinario do sector de estiba, subscrito con data do 26 de marzo de 1996 polas organizacións integrantes da comisión mixta das relacións laborais no sector portuario, isto é, dunha parte, por Portos do Estado e ANESCO, e doutra parte, por coordinadora e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 83.3, en relación co 90, apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Traballo acorda:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado acordo no correspondente rexistro deste centro directivo.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Madrid, 10 de abril de 1996.

Soledad Córdova Garrido

Directora xeral

Réxime disciplinario do sector de estiba

Procedemento

A potestade disciplinaria para a avaliación e imposición de sancións por incumprimentos contractuais dos traballadores vinculados ás empresas estibadoras por relación laboral común corresponde exclusivamente a estas.

A potestade disciplinaria para a avaliación e imposición de sancións por incumprimentos contractuais dos traballadores vinculados por relación laboral especial coa sociedade de estiba corresponde exclusivamente a esta, se ben cando unha empresa estibadora considere que un traballador portuario do cadro de persoal da sociedade de estiba posto a disposición incorrese nun incumprimento contractual comunicarallo inmediatamente por escrito á sociedade de estiba para que esta adopte as medidas cautelares e disciplinarias que coide conveniente no ámbito da súa competencia, sen prexuízo de que a sociedade de estiba poida acorda-las ditas medidas por propia iniciativa, de ter coñecemento da infracción.

As sancións que se lles impoñan ós traballadores portuarios, ben sexan de relación laboral especial ou de relación laboral común, efectuaranse sempre por escrito, calquera que sexa o grao da infracción, debéndose indica-los feitos que a motivan, a avaliación da falta segundo a súa gravidade, a sanción que se impón e a data na que se fará efectiva a sanción.

Tódalas sancións poderán ser recorribles directamente perante a xurisdicción laboral, nos termos da Lei de procedemento laboral.

Isto non obstante, os traballadores sancionados poderán, facultativamente, presentar un escrito de descargos contra a sanción no que non poderán esixirlle á empresa a práctica de probas, pero ó que non poderán xuntar aquelas de que dispoñan ou que consideren conveniente presentar. O escrito de descargos deberá presentarse dentro dos tres días hábiles seguintes á notificación da sanción, e deberá ser resolto pola empresa que sancionase, dentro dos tres días seguintes á recepción do escrito de descarga.

Se a empresa non contesta expresamente no prazo de tres días entenderase tacitamente confirmada a sanción. Se se contesta o escrito de descargos no sentido de modifica-lo acordo sancionador, quedará sen efecto a primeira cualificación da falta e a sanción e, contra a segunda, quedará aberta a vía do recurso xurisdiccional.

A presentación do escrito de descarga implicará a suspensión da sanción e, consecuentemente, interromperá os prazos de prescrición da falta e das accións para recorrela, desde o momento da presentación do escrito de descargos e ata a data da resolución -expresa ou tácita- da empresa. No suposto de non presentarse escrito de descargos quedará imposta a sanción.

Das sancións que se impoñan por faltas graves e moi graves darase conta ós traballadores legais e sindicais dos traballadores.

Así mesmo, cando o traballador sexa representante legal dos traballadores ou delegado sindical establecerase, sen prexuízo do disposto no Estatuto dos traballadores, con carácter previo á imposición da sanción por faltas graves e moi graves, un prazo de tres días hábiles co fin de dar audiencia a este e ós restantes membros da representación a que o traballador pertencese, así como ós delegados sindicais no suposto de que o traballador sancionado estivese afiliado a un sindicato e así constase na empresa.

Entenderase que o procedemento arriba indicado servirá, para tódolos efectos, de expediente contradictorio para os representantes legais e sindicais.

Para estes efectos, non se computarán como días hábiles os sábados.

Prescrición

Das faltas:

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves, ós vinte días, e as moi graves, ós sesenta días, a partir da data na que a empresa que teña a potestade sancionadora tivese coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se ter cometido.

Das sancións:

As sancións firmes impostas por faltas moi graves prescribirán ós noventa días, por faltas graves ós sesenta días e as impostas por faltas leves ós trinta días.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza o acordo polo que se impón a sanción.

Extinción da responsabilidade disciplinaria

A responsabilidade disciplinaria extínguese pola prescrición da falta, prescrición da sanción, cumprimento da sanción ou falecemento do traballador.

Clasificación das faltas

Faltas leves:

1. Faltar á lista de chamamento dous días consecutivos ou máis de dous alternos ó mes sen xustificación ou non facelo no prazo dos tres días seguintes á falta. Considérase falta á lista de chamamento a inobservacia das normas de control da asistencia establecidas no porto.

2. Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo (máis de dez minutos de atraso); sen a debida xustificación durante o período dun mes.

3. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

4. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo durante a xornada. Se tales discusións produciran escándalo notorio poderán ser consideradas como falta grave.

5. Incorrer en pequenos descoidos na conservación dos materiais e útiles ou efectos que o traballador teña ó seu cargo.

Faltas graves:

1. Faltar á lista de chamamento tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes, sen xustifica-la súa causa dentro dos tres días seguintes a cada falta.

2. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas durante o período dun mes. Cando tivese que relevar a un compañeiro abondará unha soa falta de puntualidade para que esta considere como falta grave.

3. A falta de asistencia ó traballo despois de ter sido contratado ou facelo cun atraso superior a unha hora por causa imputable ó traballador, abandonar este antes do remate das operacións ou negarse a realiza-lo que corresponda segundo a quenda de rotación. Se como consecuencia do anterior se causase prexuízo de consideración ou fose causa de accidente, esta falta será considerada como moi grave.

4. Simula-la presencia dun traballador durante a lista de chamamento ou a súa substitución no traballo por outro traballador, ou permutar para a realización de determinadas faenas sen coñecemento ou anuencia da empresa.

5. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha deste, a diminución voluntaria do rendemento ou atrasa-lo cumprimento das ordes recibidas dos seus superiores sen causa que habilite para iso.

6. Non comunicarlles ás empresas, coa puntualidade debida, os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social e que cause prexuízo á empresa. A falta maliciosa destes datos considerarase como falta moi grave.

7. A asistencia á lista de chamamento, ó traballo, así como a permanencia dentro da zona portuaria en estado de embriaguez ou derivado do consumo de dro

gas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, cando non sexa habitual.

8. A negativa a someterse ós controis de alcoholemia, a requirimento da sociedade de estiba.

9. Ofender ou faltarlle ó respecto ós compañeiros de traballo. Se implicase quebranto na disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para as empresas ou compañeiros de traballo considerarase como falta moi grave.

10. Neglixencia na observación e cumprimento das normas ou instruccións sobre seguridade e hixiene ou das medidas que sobre a materia se deban observar. Se da dita neglixencia se derivase accidente, esta falta poderá ser considerada como moi grave.

11. A negativa por parte do traballador a utilizar medios de protección persoal ou a deterioración maliciosa deles.

12. Negativa a realizar traballos en horas extraordinarias ou de remate nos termos pactados en convenio colectivo.

13. Mal uso dos medios auxiliares de carga e descarga e instalacións dos peiraos que orixinen rotura ou maior desgaste do que normalmente produce o seu uso.

14. A imprudencia grave en acto de servicio. Se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións poderán ser considerada como falta moi grave.

15. A negativa por parte do traballador a realizar labores en polivalencia ou mobilidade funcional, nos termos pactados en convenio colectivo e/ou acordos sectoriais.

16. A non comunicación polos capataces das infraccións realizadas polos traballadores que se encontren baixo as súas ordes. Se existise connivencia por parte do capataz, esta considerarase como moi grave.

17. Esixi-lo pagamento de gratificacións, primas ou outras remuneracións non previstas no convenio de aplicación pola práctica de determinadas faenas.

Faltas moi graves:

1. Faltar ás listas de chamamentos durante catro veces consecutivas ou 10 alternas no mes, sen xustificación ou non facelo dentro dos tres días seguintes a cada falta.

2. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas nun período de seis meses.

3. As faltas inxustificadas ó traballo máis de tres días nun período dun mes.

4. A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas tóxicas, estupefacientes ou susbtancias psicotrópicas durante o traballo, sempre que fose habitual.

5. Orixinar rifas e pendencias cos seus compañeiros, e/ou participar activamente nelas.

6. Permiti-los encargados ou capataces o traballo de persoal para a realización de labores incluídos no ámbito funcional do convenio colectivo de aplicación, incumprindo as normas legais ou o pactado nel.

7. Facer desaparecer, inutilizar, destrozar ou causar avarías en utensilios e ferramentas, máquinas, aparellos, instalacións, edificios, e documentos, de forma voluntaria.

8. Causar accidentes por neglixencia ou imprudencia inescusable.

9. A simulación de enfermidade ou accidente.

10. A fraude, a deslealdade, o abuso de confianza, a transgresión da boa fe contractual e, en xeral, os actos que produzan prexuízo grave e desprestixio á empresa.

11. Revelar a elementos estraños ás empresas datos de reserva obrigada.

12. Proporcionar ou usar información, declaracións ou documentos falsos, adulterados ou adrede defectuosos para obter determinados beneficios económicos ou doutra índole.

13. Os malos tratos de palabra ou obra e a falta de respecto e consideración ós empresarios, encargados, capataces, así como ós compañeiros de traballo ou subordinados.

14. A desobediencia, considerándose como tal a negativa a efectua-lo traballo, ordenado, infrinxíndose o disposto sobre obrigas dos traballadores.

15. O abuso de autoridade por parte dos encargados ou capataces respecto do presoal que lle estea subordinado, así como esixir deste ou admitir del regalos, obsequios ou favores de calquera natureza.

16. A estafa, roubo ou furto, tanto ós seus compañeiros de traballo como de mercadorías.

17. Causar desperfectos intencionadamente ou prolongar, por algún procedemento de fraude, a normal curación das lesións consecutivas ó accidente.

19. O contrabando de mercadorías e/ou divisas, con ocasión do traballo.

20. O rexeitamento por parte do traballador de dúas ofertas de emprego adecuadas ó seu grupo profesional e especialidade provenientes de empresas estibadoras que desexan establecer con el unha relación laboral común, de acordo co disposto na lexislación vixente.

21. A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado convencionalmente, ou induci-los compañeiros para tal fin.

22. A participación en folga ilegal ou en calquera outra forma de alteración colectiva ilegal no réxime normal de traballo.

23. A negativa durante unha folga á prestación dos servicios mínimos.

Sancións:

Por faltas leves:

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo dunha a tres quendas, ou igual número de días.

Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de catro a quince quendas, ou igual número de días.

Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a noventa quendas, ou igual número de días.

Despedimento.

Entenderase cumprida a sanción de suspensión de emprego e soldo regulada no presente apartado, cando se cumprisen as quendas ou transcorresen igual número de días que as quendas sancionadas.

O presente acordo anula e substitúe ós que regulen esta materia no ámbito de cada porto.

Madrid, 26 de marzo de 1996

7868