Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 21 de outubro de 1997 Páx. 10.216

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 293/1997, do 1 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da escala de axentes forestais.

A escala de axentes forestais, creada pola Lei 12/1992, do 9 de novembro, dentro do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D, enlaza co corpo de gardería forestal do Estado como corpo especializado na custodia dos montes e da riqueza cinexética a eles vencellada, na que ten unha longa tradición de preto de cen anos, así como da riqueza piscícola de augas continentais e a conservación da natureza, xunto coa escala de gardería do Icona. De feito, o persoal da escala de axentes forestais está composto tanto polo persoal propio desta Administración como polo transferido dos devanditos corpo e escala da Administración do Estado, na que estaban regulados por unha normativa específica por mor das peculiaridades dos servicios que ten encomendados, algúns deles considerados esenciais para a comunidade, que é preciso adaptar ó noso ámbito e enmarcar na nosa lexislación.

Así, o regulamento que se incorpora ó presente decreto establece, dentro do réxime xeral de aplicación ós funcionarios públicos da Comunidade Autónoma galega, as especificidades relativas ás funcións propias do persoal desta escala, ás especialidades e estructura, ó acceso e carreira administrativa, á xornada, horario e quendas extraordinarias e a outros dereitos e deberes, aínda que tamén contén outros preceptos nos que se remite ó devandito réxime xeral para mante-lo carácter globalizador que ten, desde a orixe, a súa normativa propia.

Por todo o exposto, no uso das facultades expresamente conferidas nos artigos 37.2º do Estatuto de autonomía para Galicia e 4.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por iniciativa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e por proposta da Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo do acordo acadado na mesa xeral de negociación e do informe favorable da comisión de persoal, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento da escala de axentes forestais que figura como anexo do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 184/1994, do 2 de xuño, sobre determinadas especificidades do

réxime da escala de axentes forestais, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no regulamento aprobado polo presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Economía e Facenda efectuará as modificacións orzamentarias que resulten necesarias para a aplicación do regulamento aprobado polo presente decreto.

Segunda.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación do regulamento aprobado polo presente decreto.

Santiago de Compostela, un de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

REGULAMENTO DA ESCALA DE AXENTES FORESTAIS

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente regulamento ten por obxecto o establecemento das disposicións específicas de aplicación ós funcionarios da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia, sen prexuízo das normas xerais de aplicación ós funcionarios públicos da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º

1. Correspóndelle ó persoal da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia o desempeño das funcións obxecto da súa profesión en relación coa tutela e xestión dos recursos naturais renovables e a conservación da natureza en todo o ámbito do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das funcións que correspondan a outros corpos e escalas de calquera Administración pública.

2. En concreto, son funcións do persoal da escala de axentes forestais:

a) Custodia, protección, vixilancia e defensa dos recursos forestais, dos montes e demais bens forestais.

b) Custodia, protección, vixilancia e defensa dos espacios naturais e da fauna e flora silvestres.

c) Control dos aproveitamentos forestais, cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

d) Vixilancia e prevención de incendios forestais, participando nas tarefas de extinción, coordinando e dirixindo o persoal e medios ó seu cargo.

e) Funcionamento ordinario de centros e instalacións relacionadas coa producción forestal, cinexética, piscícola de augas continentais, a conservación da fauna e flora, a divulgación ambiental e o uso público socio-recreativo do medio natural.

f) Informar e asesora-los cidadáns e a Administración en asuntos relacionados coa conservación da natureza e os recursos forestais, cinexéticos e piscícolas en augas continentais.

g) Dirección e control das actividades, traballos, persoal e medios encomendados.

h) Efectuar denuncias polas infraccións establecidas na lexislación forestal, cinexética, piscícola en augas continentais e de conservación da natureza.

i) Proceder á execución dos actos da Administración cando así se estableza por disposición ou resolución expresa do órgano competente.

l) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3º

1. Os funcionarios da escala de axentes forestais deberán adopta-las medidas pertinentes ante as infraccións que afecten o ámbito de actuación desta escala.

2. No exercicio das súas funcións os funcionarios da escala de axentes forestais teñen a consideración de axentes da autoridade.

3. Os feitos constatados por estes funcionarios no exercicio das súas funcións que se formalicen en documentos administrativos observando os requisitos legais pertinentes terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan sinalar ou aporta-los propios administrados.

Artigo 4º

A escala de axentes forestais depende organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública e funcionalmente está adscrita á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Capítulo II

Especialidades e estructura

Artigo 5º

1. A escala de axentes forestais ten as especialidades de:

a) Gardería forestal, coas funcións de vixilancia, custodia e policía de montes, espacios naturais, recursos cinexéticos, piscícolas de augas continentais, ambientais e defensa dos montes contra incendios forestais.

b) Auxiliares técnicos forestais, coas funcións de control e organización de obras, traballos e servicios en montes, espacios naturais, caza, pesca fluvial, loita contra incendios forestais e a custodia e xestión de centros, establecementos e instalacións cinexé

ticas, piscícolas de augas continentais, forestais, ambientais e de defensa contra incendios forestais.

2. Nas relacións de postos de traballo correspondentes á estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes detallaranse os postos pertencentes a cada unha destas especialidades.

Artigo 6º

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, o persoal desta escala poderá ser adscrito temporalmente con carácter funcional, durante as datas e períodos de cada ano que sinale a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en función das necesidades existentes, a outra especialidade ou servicio, dentro do ámbito de actuación da escala, distinto daquel no que se encadre o seu posto de traballo, por un período continuo máximo de 4 meses.

Artigo 7º

1. Cada unha das especialidades da escala de axentes forestais organízase e estructúrase de forma xerarquizada nas seguintes categorías:

-Axente territorial.

-Axente zonal.

-Axente.

Por outra parte, dentro da especialidade de auxiliares técnicos forestais existirán as categorías de:

-Axente auxiliar técnico de instalacións.

-Axente auxiliar técnico de espacios naturais protexidos.

2. O persoal da escala de axentes forestais desempeñará as súas funcións no ámbito territorial que lle corresponda, sen prexuízo de que se lle poida encomenda-lo desempeño de actividades de carácter especial.

3. Para estes efectos, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes determinará o ámbito e o número de demarcacións territoriais, instalacións e espacios naturais protexidos.

Artigo 8º

Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñe postos de traballo de axentes, ademais das sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa correspondente especialidade no seu ámbito funcional e territorial, as seguintes:

a) Elaborar con carácter mensual un resumo-balance da actividade desenvolvida.

b) Presentar, se é o caso, con carácter mensual un plan de previsións para o mes seguinte.

c) Dispoñer dun libro-rexistro de incidencias.

d) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 9º

Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñe postos de traballo de axentes zonais, ademais das sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa correspondente especialidade no seu ámbito funcional e territorial, as seguintes:

a) Coordinar, dirixir e inspecciona-las actuacións dos funcionarios da escala que desempeñen postos de traballo situados na súa zona, así como transmitir a aqueles as directrices que emanen dos seus superiores.

b) Propoñer ós axentes territoriais correspondentes os servicios da súa zona e as suplencias do persoal da escala adscritos á súa demarcación.

c) Tramita-los informes emitidos polos funcionarios da escala adscritos á súa zona, así como a realización daqueles que considere oportuno ou lle sexan encomendados.

d) Elaborar con carácter mensual un resumo-balance da actividade desenvolvida.

e) Elaborar con carácter mensual un plan de previsións para o mes seguinte.

f) Dispoñer dun libro-rexistro de incidencias.

g) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 10º

Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñe postos de traballo de axentes territoriais, ademais das sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa correspondente especialidade no seu ámbito funcional e territorial, as seguintes:

a) Coordinar, dirixir e inspecciona-los servicios que teñan que realiza-los funcionarios da escala no ámbito do seu territorio.

b) Transmitirlle ó resto dos funcionarios da escala as instruccións e ordes de servicios que emanen dos seus superiores.

c) Elaborar cantos informes e propostas considere oportunos ou se lle encomenden, así como transmitilas ó servicio territorial correspondente, coa finalidade de mellora-los servicios.

d) Propoñe-las suplencias e os cuadrantes de servicios dos funcionarios adscritos a postos de axentes zonais asinados á súa demarcación.

e) Elaborar con carácter mensual un resumo-balance da actividade desenvolvida.

f) Elaborar con carácter mensual un plan de previsións para o mes seguinte.

g) Dispoñer dun libro-rexistro de incidencias.

h) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 11º

Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñen postos de traballo de axentes auxiliares técnicos de instalacións as sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa especialidade no ámbito do establecemento no que presten os seus servicios e segundo a súa categoría en relación co persoal da instalación.

Artigo 12º

Son funcións do persoal da escala de axentes forestais que desempeñen postos de traballo de axentes auxiliares técnicos de espacios naturais protexidos as sinaladas nos artigos anteriores como propias da escala e da súa especialidade no ámbito do espacio natural protexido no que presten os seus servicios e segundo a súa categoría en relación co persoal del.

Capítulo III

Acceso e carreira administrativa

Artigo 13º

Para o ingreso na escala de axentes forestais será necesario cumprir, ademais das condicións xerais de acceso á Función Pública da Xunta de Galicia, os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión da titulación de capataz forestal ou titulación forestal equivalente que a substitúa.

b) Posuí-lo permiso de conducción de vehículos das clases A2 e B1.

c) Reuni-las condicións precisas para a obtención do permiso de uso de armas de fogo conforme a lexislación vixente.

d) Supera-lo recoñecemento médico e as probas selectivas teóricas e prácticas, así como os cursos e o período de prácticas que, de se-lo caso, se determinen nas correspondentes convocatorias.

Artigo 14º

1. Para a provisión con carácter definitivo dos postos de axente zonal ou postos de igual nivel de complemento de destino, esixirase un mínimo de dous anos de servicios efectivos na escala como axente.

2. Para a provisión con carácter definitivo dos postos de axente territorial, esixirase un mínimo de catro anos de servicios efectivos na escala como axente zonal ou en postos de igual nivel de complemento de destino ou oito anos de servicios efectivos na escala como axente.

Capítulo IV

Xornada, horario e quendas extraordinarias

Artigo 15º

A xornada de traballo do persoal da escala será a establecida con carácter xeral en cómputo anual para tódolos funcionarios da Xunta de Galicia, sen prexuízo das especialidades derivadas da natureza e necesidades do servicio.

Artigo 16º

1. O persoal da escala realizará o seu traballo entre as 00 e as 24 horas, en función dos horarios que fixe a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nos que se determinarán os efectivos necesarios para atende-los servicios en sábados, domingos e festivos, no marco da correspondente orde dictada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. A tal fin e con carácter periódico, confeccionaranse os oportunos calendarios que se poñerán en coñecemento da xunta de persoal correspondente.

3. En calquera caso, o devandito persoal desfrutará dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

Artigo 17º

1. No caso de alto risco de incendios ou doutras circunstancias que así o requiran, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá establecer xornadas extraordinarias.

2. Nestes supostos o exceso na prestación de servicios non se terá en conta para efectos do cómputo anual previsto no artigo 15º.

Artigo 18º

Cando por necesidade da continuidade do servicio que se estea prestando sexa preciso seguir ata rematalo, prolongarase a xornada de traballo o tempo necesario ata un máximo de 4 horas.

Artigo 19º

Nos casos de emerxencia e, en xeral, naqueles en que unha situación excepcional o requira, todo o persoal estará obrigado á prestación dos servicios necesarios dentro das funcións que corresponden á escala ata que cesen os motivos de emerxencia ou necesidade, nos termos establecidos nos artigos anteriores.

Artigo 20º

O persoal da escala afectado polas peculiaridades establecidas no presente capítulo terá dereito ás compensacións que, por razón da actividade extraordinaria desenvolvida, se determinen dentro do marco retributivo dos funcionarios na correspondente orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Capítulo V

Licencias, permisos e vacacións

Artigo 21º

As vacacións, licencias e permisos serán as establecidas con carácter xeral para os funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa concesión estará condicionada polas necesidades do servicio.

Capítulo VI

Outros dereitos e deberes e incompatibilidades

Artigo 22º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes porá ó dispor do persoal da escala o material, os medios e a documentación que lles facilite o cumprimento das súas obrigas funcionais.

Artigo 23º

A Xunta de Galicia organizará anualmente cursos de formación e perfeccionamento sobre aspectos relacionados coa actividade profesional do persoal da escala. A asistencia a aqueles cursos que se consideren imprescindibles para o bo funcionamento dos servicios será obrigatoria para o persoal da escala a que vaian dirixidos.

Artigo 24º

Os membros da escala de axentes forestais terán especialmente os deberes de:

a) Cumprir con dilixencia as ordes dos seus superiores.

b) Colaborar cos outros axentes da escala, así como co resto do persoal con funcións similares ou relacionadas co servicio encomendado.

c) Levar un libro onde se anotarán tódalas notificacións e expedientes recibidos e emitidos, e conserva-las comunicacións.

d) Cubrir as actas de entrega de material e os partes do seu uso, así como confeccionar resumos mensuais dos traballos e actividades realizadas.

e) Respecta-la disciplina establecida para as trasmisións radioeléctricas.

f) Conservar en bo estado os materiais e outros bens do servicio que se atopen ó seu cargo.

Artigo 25º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes dotará a todo o persoal da escala da credencial acreditativa da súa condición, que deberá ser amosada nos actos de servicio a iniciativa propia ou cando lle sexa requirida polos interesados.

Artigo 26º

1. O uniforme e distintivos do persoal da escala serán os determinados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Será obrigatorio o uso deste uniforme nos actos de servicio, aínda que poidan autorizarse servicios en que non sexa preciso.

Artigo 27º

1. O persoal da escala conducirá os vehículos do servicio para o cumprimento exclusivo das súas funcións e coidará da súa conservación conforme o establecido na normativa autonómica sobre os servicios de automobilismo.

2. A conducción dos devanditos vehículos realizarase con cumprimento estricto da normativa aplicable, sendo responsable das infraccións que puideran cometer contra ela.

Artigo 28º

1. O persoal da escala que desenvolva funcións de vixilancia poderá ser dotado de armamento co obxecto de que unicamente en determinados servicios porte armas en garantía da súa lexítima defensa con respecto estricto da normativa de uso existente.

2. No que se refire ó resto do armamento preciso para o desempeño doutras funcións observarase o disposto na normativa vixente na materia.

Artigo 29º

A dedicación dos axentes forestais ás funcións propias da escala non é compatible co exercicio de ningún cargo, profesión ou actividade que impida, dificulte ou comprometa a estricta observancia dos seus deberes, de acordo coa normativa vixente en materia de incompatibilidades.

Artigo 30º

Cando o persoal da escala de axentes forestais se vexa incurso nun proceso xudicial en virtude de actos ou omisións no exercicio do seu cargo nos que se suxeitase ás disposicións legais vixentes na materia ou cumprise orde de autoridade competente, será defendido pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, de acordo cos trámites e de conformidade coas disposicións que regulan a defensa dos funcionarios da Xunta de Galicia polos letrados dela.

7840