Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 20 de outubro de 1997 Páx. 10.196

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 1997, da Xefatura Provincial de Estradas da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras N.AC.90.4.2 modificado da variante no p.k. 128+820 (estrada: A Coruña-Razo), autoestrada A Coruña-Carballo, tramo Laracha-Carballo, termo municipal de Carballo.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu apartado 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 23 de xullo de 1991 o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o correspondente proxecto de trazado.

Polo Decreto 270/1991, do 30 de xullo, declárase a utilidade pública das mencionadas obras e, así mesmo, urxente a ocupación dos bens afectados por estas para efectos do prevido no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa.

Con data do 5 de setembro aprobouse o proxecto modificado da variante no p.k. 128+820 (estrada: A Coruña-Razo). Autoestrada A Coruña-Carballo. Treito: Laracha-Carballo.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, esta xefatura, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convoca-los titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Carballo, para que comparezan nos lugares, datas e horas que se citan para proceder ó levantamento das actas previas á ocupación nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladen ó lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Carballo.

Local: Casa do Concello de Carballo.

-Día 4 de novembro de 1997, ás 10.30 horas.

Ó dito acto deberán acudi-los titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, podendo facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do Regulamento da Ley de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo

de 15 días naturais, contados a partir do seguinte da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado ou ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante esta Xefatura Provincial de Estradas da Xunta de Galicia na Coruña, praza Luís Seoane, s/n, 8ª planta, as alegacións que coiden pertinentes con obxecto de emendar posibles erros padecidos ó relaciona-los bens afectados pola ausente ocupación.

A Coruña, 3 de outubro de 1997.

José Luis Rodríguez Alonso

Enxeñeiro xefe da Xefatura Provincial de Estradas da Coruña

7934