Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 17 de outubro de 1997 Páx. 10.149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 1997 pola que se convoca un curso sobre tráfico e seguridade vial.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre tráfico e seguridade vial, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos: a) Coñece-las normas fundamentais sobre seguridade vial. b) Coñecer con exactitude as funcións da policía local en materia de seguridade vial. c) Clarifica-la actuación da policía local neste tema.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da Unidade do

C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e membros da policía local de Asturias, e no caso de quedar prazas vacantes ós membros do corpo nacional de policía e garda civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan para este curso é de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta con máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de outubro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será isto requisito

indispensable para ser admitido nos cursos e o seu incumprimento suporá a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataránse, entre outros, os seguintes temas: a) Ideas xerais sobre tráfico e seguridade vial. b) A Lei 18/1989, do 25 de xullo, de bases sobre tráfico. c) Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo. d) Regulamento xeral de circulación, Real decreto 13/1992, do 17 de xaneiro. e) Normas de comportamento no tráfico.

Datas.

O curso celebrarase do 3 ó 7 de novembro de 1997.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 29 de outubro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Foz, quedando por concreta-lo seu lugar de realización, que se comunicará xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, implicará a non expedición do certificado.

Modificación.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

7806