Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 17 de outubro de 1997 Páx. 10.141

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 287/1997, do 9 de outubro, sobre asunción de funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo profesional e de ensino profesional náutico-pesqueiro, polos reais decretos 1377/1997 e 1378/1997, respectivamente, e a súa asignación á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Polos reais decretos 1377/1997 e 1378/1997, do 29 de agosto, traspásanse funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materias de mergullo profesional e ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Parece, pois, conveniente asumir de forma expresa tales funcións e servicios, nos termos e condicións especificadas no acordo da Comisión Mixta de Transferencias e asignalas ós órganos correspondentes da Administración galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan asumidas as funcións e servicios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude dos reais decretos 1377/1997 e 1378/1997, do 29 de agosto, en materia de mergullo profesional e ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras, respectivamente, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias publicado como anexo ós ditos reais decretos.

Artigo 2º

1. Asígnanselle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura as funcións e servicios asumidos de conformidade co artigo anterior.

2. Os órganos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura exercerán as atribucións que lles correspondan conforme as normas que regulen a súa estructura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do previsto no presente decreto e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións e servicios traspasados.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor a mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7838