Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 15 de outubro de 1997 Páx. 10.013

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 25 de setembro de 1997 pola que se regulan indemnizacións por participación nas tarefas de busca, auxilio, salvamento e rescate no mar.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura establece indemnizacións por participación nas tarefas de busca, auxilio, salvamento e rescate no mar, co fin de contribuír a palia-los gastos e o lucro cesante daqueles profesionales do mar que, co espírito solidario que sempre os animou, colaboren nas devanditas tarefas baixo a dirección das autoridades competentes e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Considerando o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense e regúlanse pola presente orde as indemnizacións por participación nas tarefas de busca, auxilio, salvamento e rescate no mar co fin de palia-los gastos e o lucro cesante dos profesionais do mar que colaboren nas devanditas tarefas, coa condición inescusable de que realicen a actividade baixo a dirección das autoridades competentes, autonómicas ou da Administración del Estado, e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas indemnizacións aboaranse con cargo á partida orzamentaria que determine a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano e condicionadas, en todo caso, á existencia de crédito adecuado e suficiente.

No presente exercicio de 1997 outorgaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.612.B.470.0 -indemnizacións por participación en tarefas de rescate-.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas indemnizacións os titulares das embarcacións da flota pesqueira artesanal e artesanal polivalente así como os auxiliares de acuicultura cun arqueo de ata 20 T.R.B., e incluídos no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia os seus tripulantes e os mergulladores debidamente acreditados.

Artigo 3º.-Indemnizacións.

As indemnizacións terán os seguintes topes por día de participación:

a) Para o titular da embarcación: 2.500 pesetas por tonelada de rexistro bruto.

b) Para os tripulantes: 5.000 pesetas; se ben poderán acada-las 7.500 pesetas para o patrón e o motorista ou piloto.

c) Para os mergulladores, enrolados ou autorizados a saír nunha embarcación que participe na tarefa pola autoridade de Mariña, 7.500 pesetas.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formularanse no modelo que figura como anexo I desta orde e presentaranse nas dele

gacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou en calquera dos lugares a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, de 26 de novembro.

Á solicitude que inclúe a petición en conxunto das indemnizacións por embarcación, tripulantes e mergulladores enrolados ou autorizados nela acompañarase a seguinte documentación:

a) Copia da folla de asento actualizada do buque.

b) Relación de tripulantes da embarcación, coas súas categorías, e mergulladores enrolados ou autorizados nela, e que teñan participado nas tarefas de auxilio.

c) Copia dos documentos de identidade e NIF do titular da embarcación e dos tripulantes e mergulladores.

d) Certificación da autoridade de mariña relativa a:

-Días de participación nas tarefas de salvamento.

-Datos básicos da embarcación e do seu titular, e relación de tripulantes e mergulladores intervenientes nas operacións de salvamento.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes de indemnización serán de dous meses contados a partir do día seguinte ó fin da participación nas tarefas.

Artigo 6º.-Procedemento e resolución.

Se unha vez presentada a documentación á que se refire o artigo 4º da presente orde, esta non reúne os requisitos esixidos, as delegacións territoriais requirirán do interesado a emenda do defecto con a presentación da documentación preceptiva.

A documentación que reúna os requisitos establecidos será remitida pola delegación territorial á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras que elevará proposta de resolución.

A solicitude será resolta polo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

A non resolución expresa no prazo de tres meses, contados dende a presentación da solicitude, determinará a súa denegación presunta quedando aberta a vía contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Cobramento de indemnización.

Para o cobramento da indemnización, o titular do buque deberán aporta-la seguinte documentación:

a) Acreditación de ter comunicada a resolución do conselleiro mediante a entrega dunha copia, a todos e cada un dos tripulantes e mergulladores participantes no salvamento.

b) Certificación de que o titular do buque se encontra ó corrente nas súas obrigas tributarias, sociais e coa Comunidade Autónoma.

c) Certificación da entidade bancaria, acreditativa da titularidade da conta na que se domicilia a axuda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura