Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 14 de outubro de 1997 Páx. 9.982

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 1997 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de catro prazas de titulado superior en análise instrumental, vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Coa finalidade de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 en relación co artigo 3.e) da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir catro prazas de titulado superior en análise instrumental, vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

BASES DA CONVOCATORIA

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo catro prazas de titulado superior en análise instrumental, incluídas no grupo I do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), dúas polo sistema de promoción interna e dúas polo de acceso xeral libre.

1.2. De non cubrirse as prazas reservadas a promoción interna ofertaranse para a súa provisión polo sistema de acceso xeral libre.

1.3. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.4. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre o resto de aspirantes para cubriren os postos que se ofertan.

1.5. O proceso selectivo constará das seguintes fases: oposición e concurso, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.6. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida, sumadas ámbalas dúas fases.

1.7. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

2. Requisitos de admisión.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por sentencia firme. No caso de nacionais dun estado estranxeiro, non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu estado o acceso á función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á prazas convocadas na presente convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun estado membro da Unión Europea. Ademais, acreditaranse os méritos alegados da seguinte forma:

3.1.1. Os servicios prestados en calquera das universidades públicas de Galicia acreditaranse mediante certificación da xerencia correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. Os cursos alegados acreditaranse mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes, copia compulsada ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente unidade de persoal da entidade ou empresa onde prestase servicios.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude non solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha destas normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 9.180 ptas. e ingresaranse na conta corrente número 2080-0000-74-0040225994, Universidade de Vigo. Outros ingresos (Caixavigo, O.P. de Vigo). Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a simple presentación da solicitude e o pagamento da entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante ó órgano expresado na base 3.2.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 2 destinado a sistema de provisión, os aspirantes que participen polo sistema de promoción interna sinalarán a letra P. Os aspirantes que participen polo sistema xeral de acceso libre sinalarán a letra L.

b) Os aspirantes con minusvalidez solicitarán no recadro nº 8 as adaptacións de tempos e medios que, para a realización das probas, consideren necesarias.

3.6. Os erros de feito que puidesen advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido esta prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

5. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivasen a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, publicada no rectorado, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio. Contra esta resolución, logo de comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

4.4. Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubrisen os datos bancarios necesarios para face-las devolución.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores ó da publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incur

sos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioríados seus membros titulares ou suplentes. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicarse ó rector da Universidade de Vigo e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para realizaren os exercicios có resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempos e medios.

5.8. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos aprobados pola orde do Ministerio da Presidencia, do 18 de febreiro de 1985 (BOE do 22), ou calquera outros. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-las súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal, nº 46, teléfono 81 36 36.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.11. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de

puntuación acadadas nas probas, cos aspirantes que non as superasen coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da seguinte convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra H, de conformidade coa resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 5 de maio de 1997 (DOG do 16).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agas nos casos de forma maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, ó da data sinalada para o seu inicio.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-las súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as enexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa celebración e o rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superasen, o tribunal fará publica a puntuación obtida na fase de concurso, que en ningún caso poderá sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso.

No caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate, dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación no segundo exercicio da primeira parte da fase de oposición.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os

opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal presentaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados, segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, xunto coa proposta de contratación a prol dos candidatos que superasen o devandito proceso, que se publicará no taboleiro de anuncios do rectorado.

7.4. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de seis meses, de conformidade co previsto no artigo 14 do R.D.L. 1/1995 (BOE do 29 de marzo).

8. presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título de doutor, licenciado ou arquitecto.

b) Os aspirantes que accedan polo sistema de acceso xeral libre, declaración xurada ou promesa de non ter sido separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, non estar inhabilitado para o exercicio da función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública galega estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición, de non tela presentado con anterioridade.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, de se-lo caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 4 de setembro de 1997.

José Antonio Rodríguez Vázquez

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

Primeira parte: a primeira parte do proceso selectivo desenvolverase en dous exercicios, obrigatorios e eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da primeira parte do programa (que se relaciona no anexo II).

O tempo máximo da realización deste exercicio será de 180 minutos.

Cualificarase de 0 a 130 puntos. Para superalo será necesario obter 65 puntos e acadar máis do 40% da puntuación asignada ós bloques I e II da primeira parte do programa.

Cada resposta errónea descontará sobre o valor da resposta acertada:

-Un 33% no primeiro 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

-Un 50% no segundo 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

-Un 67% nas restantes respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

Segundo exercicio: consistirá na resolución dunha serie de supostos prácticos baseados no contido da primeira parte do programa.

Cualificarase de 0 a 130 puntos, sendo necesario obter 65 puntos para superalo.

Segunda parte:

a) Quenda de promoción interna:

Exercicio único: consistirá na traducción dun texto do castelán ó galego. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

b) Acceso xeral libre:

Primeiro exercicio: consistirá en dar forma e traducir ó inglés un texto de castelán facilitado polo tribunal nas condicións que se determinen mediante un procesador de textos (Word 6.0., Word 7.0. ou Wordperfect 6.x.) a elección do candidato. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na traducción para o galego do mesmo texto do exercicio anterior. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá en responder por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da segunda parte do programa. Cada resposta errónea descontará de acordo coas regras establecidas para o primeiro exercicio da primeira parte. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

B) Fase de concurso: cualificarase ata un máximo de 80 puntos. A valoración da fase de concurso realizarase do seguinte xeito:

Quenda de promoción interna:

1. Antigüidade en postos de categoría distinta ós convocados, en calquera das universidades públicas de Galicia, a razón de 1 punto por mes traballado, ata un máximo de 40 puntos.

2. Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 2 puntos e os de aptitude con 5 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

3. Entrevista. Valorarase ata un máximo de 20 puntos.

Quenda de acceso xeral libre:

1. Experiencia en postos de traballo da mesma categoría ou equivalente. Valorarase a razón de 1 punto por mes traballado ata un máximo de 40 puntos.

2. Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros ou organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 2 puntos e os de aptitude con 5 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

3. Entrevista. Valorarase ata un máximo de 20 puntos.

ANEXO II

Programa

Primeira parte

Bloque I:

I.1. Espectroscopia de absorción atómica.

1. Fundamentos da absorción atómica.

2. Compoñentes do espectrómetro de absorción atómica e as súas funcións: fontes de radicación, atomizadores, sistemas ópticos, detectores, etc.

3. Técnicas de calibración.

4. Interferencias: matriz, químicas, espectrais, corrección do fondo, efecto Zeeman.

5. A técnica da chama: mecanismo de atomización, interferencias.

6. A técnica da cámara de grafito: mecanismo de atomización, interferencias.

7. A técnica do xerador de hidruros: interferencias.

8. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de absorción atómica.

9. Seguridade e protección no traballo.

10. Preparación de mostras.

I.2. Difracción de raios X.

1. Orixe dos raios X.

2. Compoñentes do espectrómetro de difracción de raios X e as súas funcións: fontes dos raios X, monocromadores de raios X, detectores de raios X, etc.

3. Principios fundamentais da difracción.

4. Método de Debye-Sherer.

5. Difractómetros de raios X.

6. Análise cualitativa e cuantitativa de pos cristalinos.

7. Determinación de orientacións preferencias e texturas.

8. Determinación de estrés.

9. Análise de recubrimentos e películas delgadas.

10. Técnicas de calibración.

11. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de difracción de raios X.

12. Seguridade e protección no traballo.

13. Preparación de mostras.

I.3. Fluorescencia de raios X.

1. Orixe dos raios X.

2. Compoñentes do espectrómetro de difracción de raios X e as súas funcións: fontes dos raios X, monocromadores de raios X, detectores de raios X, etc.

3. O fenómeno da fluorescencia: fluorescencia primaria, secundaria, terciaria.

4. Excitación monocromática.

5. Excitación policromática.

6. Análise cualitativa e cuantitativa (métodos).

7. Técnicas de calibración.

8. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de fluorecencia de raios X.

9. Seguridade e protección no traballo.

10. Preparación de mostras: metais, pos, perlas.

Bloque II:

II.1. Espectrometría de masas.

1. Fundamentos da espectrometía de masas.

2. Compoñentes do espectrómetro de masas e as súas funcións: sistemas de baleiro, detectores, etc.

3. Sistemas de ionización: impacto electrónico, ionización química, bombardeo con ións ou átomos pesados (FAB), ionización por láser (MALDI).

4. Analizadores: magnéticos, cuadrupolares, tempo de voo, trampa de ións, resonancia ciclotrónica.

5. Calibración, resolución, sensibilidade, medida exacta de masas.

6. Sistemas Ms/Ms.

7. Sistemas híbridos.

8. Fundamentos da cromatografía de gases-espectrometría de masas: técnicas de varrido e de monitorización selectiva de ións.

9. Fundamentos da cromatografía de líquidos-espectrometría de masas: ionización a presión atmosférica (ApCI), electrosprai, FAB dinámico.

10. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de espectrometría de masas.

11. Seguridade e protección no traballo.

12. Preparación de mostras.

II.2. Cromatografía de gases e líquidos.

1. Fundamentos de cromatografía.

2. Compoñentes do cromatógrafo de gases e as súas funcións: inxectores, forno, columna cromatográfica, detectores, etc.

3. Sistemas especiais: espacio de cabeza, purga e trampa.

4. Análise cualitativa e cuantitativa.

5. Compoñentes do cromatógrafo de líquidos e as súas funcións: sistemas de inxección, sistemas de bombeo, sistemas de xeración de gradientes, columnas (materiais de recheo e modos de HPLC), detectores.

6. HPLC analítico preparativo.

7. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de cromatografía.

8. Seguridade e protección no traballo.

9. Preparación de mostras.

II.3. Espectroscopia de resonancia magnética nuclear.

1. Fundamentos da resonancia magnética nuclear.

2. RMN de pulsos.

3. Compoñentes do espectrómetro de RMN: imán, sonda shims, etc.

4. Transformada de Fourier: resolución dixital, tempo de adquisición.

5. Métodos experimentais básicos: manexo das mostras, resolución, sensibilidade.

6. Calibración de pulsos.

7. Desprazamento químico, constantes de acoplamento.

8. Efecto nuclear Oberhauser.

9. RMN monodimensional heteronuclear.

10. Transferencias de polarización.

11. Experimentos bidimensionais: correlación homonuclear, correlación heteronuclear.

12. Gradientes de campo.

13. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de espectrocopia de RMN.

14. Seguridade e protección no traballo.

Bloque III:

II.1. Espectroscopia FT-IR e UV-VIS.

1. Fundamentos da espectroscopia IR: vibracións moleculares.

2. Compoñentes do espectrómetro de IR e as súas funcións: fontes de radiación, selección de lonxitudes de onda, detectores, etc.

3. Espectroscopia de reflexión interna (ATR).

4. Aplicacións cualitativas e cuantitativas da espectroscopia IR.

5. Espectroscopia de IR por transformada de Fourier: interferómetro de Michelson.

6. Microscopia IR.

7. Fundamentos da espectroscopia UV-VIS.

8. Compoñentes do espectrómetro de UV-VIS e as súas funcións: fontes de radiación, filtros, monocromadores, detectores, etc.

9. Aplicacións cualitativas e cuantitativas da espectroscopia UV-VIS.

10. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de espectroscopia IR e UV-VIS.

11. Seguridade e protección no traballo.

12. Preparación de mostras.

II.2. Análise elemental.

1. Fundamentos da técnica.

2. Compoñentes dun analizador elemental e as súas funcións.

3. Determinacións de CHN e CHNS.

4. Determinación de O.

5. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de análise elemental.

6. Seguridade e protección no traballo.

7. Preparación de mostras.

III.3. Técnicas radioquímicas.

1. Fundamentos da medida de radioactividade beta e gamma.

2. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos.

3. Seguridade e protección no traballo.

Segunda parte.

1. Réxime xurídico da Universidade de Vigo: Lei de reforma universitaria e estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e órganos da Universidade de Vigo.

2. Réxime xurídico do persoal laboral ó servicio da Universidade de Vigo: o III convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

ANEXO III

Tribunal

Titular:

Presidente: Andrés Ramón Trillo García, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

José Tojo Suárez, Vicerrector de Investigación da Universidade de Vigo.

Betty León Fong, catedrática da Universidade de Vigo.

Cándido Pérez Betanzos, en representación do comité de empresa.

Carlos Román Lago, en representación do comité de empresa.

Secretaria: Mª del Carmen Pérez Martínez, xefa do Negociado de Prazas PAS e Cursos de Formación, que actuará con voz e sen voto.

Suplente:

Presidente: Juan Manuel López-Chaves Meléndez, xefe do Servicio Xurídico da Universidade de Vigo.

Vocais:

Francisco Javier Rodríguez Berrocal, vicerrector de Profesorado da Universidade de Vigo.

José Mª Fernández Álvarez, profesor titular da Universidade de Vigo.

Luis Pérez Gómez, en representación do comité de empresa.

Pablo Cabral Pedreira, en representación do comité de empresa.

Secretario: Fernando Cuadrado Rodríguez, xefe do Negociado de Retribucións e Seguridade Social, que actuará con voz e sen voto.

7560