Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 14 de outubro de 1997 Páx. 9.933

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 282/1997, do 1 de outubro, polo que se crea a Medalla e Placa ó Mérito Sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os esforzos que no ámbito sanitario veñen realizando determinadas entidades ou persoas físicas fan conveniente a creación e concesión dunha medalla e placa ó mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia para distinguir aquelas persoas que destaquen polo seu labor sanitario de investigación, colaboración ou apoio en temas relacionados coa saúde.

Por isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Medalla e Placa ó Mérito Sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia para distinguir, respectivamente, as persoas físicas e xurídicas que destaquen polo seu labor sanitario ou pola realización de tarefas de investigación e colaboración de especial trascedencia no ámbito da sanidade.

Artigo 2º

A Medalla e Placa ó Mérito Sanitario de Galicia poderá ser conferida nas categorías de ouro, prata e bronce.

Artigo 3º

1. As medallas e placas ó mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia serán outorgadas polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Na medalla e placa da categoría de ouro e prata deberán ser oídos os directores xerais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

2. Unicamente poderá concederse cada ano unha medalla e unha placa de ouro e cinco de prata.

Artigo 4º

1. A concesión dunha medalla ó mérito sanitario da Comunidade Autónoma levará aparellada a concesión das miniaturas -gala e ollal de lapela- correspondentes á súa categoría.

2. A medalla e placa ó Mérito Sanitario acompañarase dun diploma acreditativo da concesión.

Artigo 5º

Créase o Rexistro de Medallas e Placas ó Mérito Sanitario da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

A Medalla e Placa ó Mérito Sanitario na Comunidade Autónoma de Galicia, nas súas distintas categorías, axustaranse na súa forma e características ós modelos que figuran no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Prescricións técnicas

Medalla.

A medalla será circular, cun diámetro de 35 mm. Terá anverso e reverso; penderá dunha cinta con suxeición a unha peza representativa do escudo de Galicia.

Anverso.-(descrición).

Cruz, raiada en paralelo, como símbolo universal de axuda humanitaria, acompañada en gravado afundido polo texto ou lenda EX LABORE FRUCTUS. Fondos tratados en textura rugosa con fresa.

Reverso.-(descrición).

Franxa no plano inferior coa frase Ó Mérito Sanitario en tipografía romana e gravado fundido. Fondo sementado coa lenda Ó Mérito Sanitario en secuencia indefinida, en gravado afundido e tipografía de pao seco.

Cinta.

Será de 35 mm de largo en cor branca e cunha franxa diagonal de 11 mm de largo en cor azul.

Placa.

Nas súas tres categorías; outo, prata e bronce, serán unha reproducción da medalla con anverso, reverso e unha dimensión de 100 mm de diámetro.

Miniatura de gala.

Nas súas tres categorías; ouro, prata e bronce, será unha reproducción da medalla con anverso, reverso, cinta colgante e enganche de suxeición. O diámetro será de 10 mm.

Miniatura de ollas de lapela.

Nas súas tres categorías; ourot, prata e bronce, serán unha reproducción da medalla, con anverso e enganche de suxeición. O diámetro será de 10 mm.

7684