Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 13 de outubro de 1997 Páx. 9.897

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 23 de setembro de 1997 pola que se convocan bolsas para cursar estudios de capacitación agraria durante o curso 1997-1998.

Co fin de posibilita-lo acceso e continuidade nos estudios non obrigatorios ós que, demostrando aptitudes carecen de medios económicos para cubri-los gastos derivados das ensinanzas, establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas, que trata de paliar, na medida do posible, a desigualdade de oportunidades existentes entre os xoves que desexan continuar ensinanzas de capataces agrícolas ou forestais, facendo posible desta forma que as per

soas máis desfavorecidas economicamente teñan acceso a estas mediante o principio de unidade de criterios e igualdade de oportunidades en toda a Comunidade Autónoma galega.

O obxectivo das axudas é o de compensa-las familias de rendas máis baixas, das desvantaxes económicas que comporta a dedicación dun dos seus membros ó estudio para adquiri-la capacitación profesional necesaria para a súa instalación no sector como: empresario cultivador directo e persoal, obreiro agrícola cualificado, especialista en industrias agroalimentarias do sector, etc.

Polo exposto, en virtude das atribucións que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse 76 bolsas dunha contía igual a 150.000 ptas. cada unha, destinadas a cubrir, na medida do posible, os gastos derivados da participación presencial dos xoves nas ensinanzas de formación agraria.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

As bolsas reguladas por esta orde poderán ser solicitadas por tódolos alumnos que sigan cursos de ensinanzas de capacitación agraria non obrigatorios e posteriores á educación secundaria obrigatoria en centros da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 3º.-Requisitos esixidos.

a) Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

b) Carecer de título académico que habilite para actividades profesionais agrarias, a menos que o dito título académico supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que se pretendan realizar ou que estes estudios constitúan unha especialización dos xa realizados.

c) Contar cunha renda familiar que non supere os máximos sinalados a continuación:

Limiares de renda segundo os compoñentes familiares:

* Para 1 membro: 940.000 ptas.

* Para 2 membros: 1.537.000 ptas.

* Para 3 membros: 2.018.000 ptas.

* Para 4 membros: 2.392.000 ptas.

* Para 5 membros: 2.658.000 ptas.

* Para 6 membros: 2.919.000 ptas.

* Para 7 membros: 3.175.000 ptas.

* Para 8 membros: 3.430.000 ptas.

No caso de superar este número imputaranse 255.000 ptas. por cada un.

d) Reuni-los requisitos establecidos para acceder ó segundo curso, tendo un máximo de dúas materias pendentes.

e) Obter unha puntuación que o sitúe dentro das limitacións que supoñen os créditos globais consignados para esta finalidade, á que se chegará aplicando os criterios sinalados no anexo I.

f) Que o solicitante curse os seus estudios con carácter de interno nunha escola de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou habite noutra residencia por circunstancias persoais xustificadas que demostren a necesidade de establece-la residencia fóra do centro.

Terán preferencia para a adxudicación de bolsas os solicitantes que cursen os sus estudios con carácter de internado.

g) Que o solicitante se vexa obrigado a desprazarse desde o seu domicilio habitual ata o centro onde cursa os estudios por peche deste as fins de semana.

h) Non desfrutar de bolsa para os mesmos fins outorgada por outro organismo público.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Acreditar documentalmente que reúnen os requisitos esixidos para a concesión e desfrute da bolsa.

b) Destina-la bolsa á finalidade para a que se lle conceda.

No caso de que un alumno ó que se lle adxudicou unha bolsa abandone o internado ou os seus estudios, deberá devolve-la contía total desta, cando non exista un motivo xustificado, e a parte proporcional ó tempo transcorrido cando sexa por causa xustificada.

c) Permiti-las comprobacións que a Administración teña a ben realizar sobre os datos achegados á solicitude.

Artigo 5º.-Formalización das solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes irán dirixidas ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, acompañadas da documentación complementaria xustificativa dos requisitos.

2. A solicitude das axudas, para o curso 1997-98, realizarase no modelo de impreso que como anexo II se une á presente orde. Presentarase preferentemente nas escolas de capacitación onde os alumnos cursen os seus estudios, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes a partir da entrada en vigor desta orde.

Rematado o prazo indicado, as solicitudes serán remitidas por cada centro á Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para a súa resolución polo director xeral.

Artigo 6º

Para o estudio e proposta de concesión das bolsas obxecto da presente orde, constitúese unha comisión de valoración nomeada polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, composto por:

Presidente: o subdirector xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

Vicepresidente: o xefe do Servicio de Extensión Agraria, que poderá substituír ó presidente por decisión deste.

Vocales: dous funcionarios, con nivel de xefe de servicio, propostos polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Secretario: un funcionario da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, con nivel de xefe de sección, proposto polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 7º.-Valoración das solicitudes e proposta de resolución.

A comisión de valoración aplicaralles ás solicitudes presentadas en tempo e forma o baremo establecido no anexo I desta orde e proporalle ó director

xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural a concesión de bolsas, en favor dos solicitantes que, non estando excluídos do dereito a percibila por calquera das causas sinaladas, obtivesen a puntuación necesaria sen exceder da dotación orzamentaria dispoñible para o efecto.

A comisión de valoración poderá solicita-los documentos que considere necesarios para un máis exacto coñecemento das circunstancias determinantes da concesión ou denegación da bolsa. Tralo seu estudio e aplicación do baremo elaborará proposta de concesión ou denegación ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 8º.-Resolución da concesión da bolsa.

1. O director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural resolverá no prazo máximo de 15 días desde a elevación da proposta.

2. A resolución do procedemento publicarase no taboleiro de anunción dos centros onde cursen os seus estudios os peticionarios e contra ela poderase interpo-lo recurso ordinario perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no prazo dun mes.

Artigo 9º.-Prazo máximo de resolución do procedemento.

O prazo máximo para resolve-lo procedemento será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase que foi desestimada da concesión da bolsa, en virtude do artigo 43.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Pagamento da bolsa.

O aboamento das bolsas realizarase mediante transferencia bancaria a nome de cada un dos beneficiarios, logo da proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

Artigo 11º.-Reintegro da cantidade percibida.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora nos casos previstos no artigo 78.6º, da lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Financiamento.

Esta convocatoria financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322-S.480.0, da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, por un importe máximo de 11.400.000 ptas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar, no ámbito das súas atribucións, as resolucións necesarias para a adecuada aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

Puntuación económica.

Entenderase por renda per cápita a renda familiar dividida polo número de membros da unidade familiar. Cando se trate de alumnos maiores de idade e independizados economicamente, a renda de traballo dividirase por dous.

Exclusións.

Non terán dereito á bolsa:

1. Quen supere os limiares de renda expostos no punto c, artigo 3º, por membro computable.

2. Quen posúa explotacións agrícolas ou pecuarias que o valor patrimonial (valores catastrais, predios rústicos e urbanos, gando, maquinaria, valores e títulos e saldos de contas correntes) exceda de dez millóns de pesetas por membro computable.

Preferencias.

Estableceranse preferencias valoradas en puntos para as seguintes circunstancias:

-Minusvalidez:

* Por membro familiar con minusvalidez 3 puntos.

-Profesión do cabeza de familia:

* Obreiro agrícola 4 puntos.

* Agricultor 3 puntos.

* Pensionista agrario 3 puntos.

-Situación laboral do cabeza de familia:

* Acollido ó programa de xubilación anticipada, xunto con incorporación de xove 2 puntos.

* Parado 1 punto.

-Por atoparse a localidade de residencia en zona desfavorecida, de acordo coa delimitación da U.E.:

* Zona desfavorecida 1 punto.

* Zona de montaña 2 puntos.

-Por expediente académico do último curso (nota media):

* Suficiente 1 punto.

* Ben 2 puntos.

* Notable 3 puntos.

* Sobresaliente 4 puntos.

-Distancia do domicilio familiar ó centro:

* Entre 10 e 30 km 1 punto.

* Entre 30 e 50 km 2 puntos.

* Entre 50 e 75 km 3 puntos.

* Máis de 75 km 5 puntos.

Para poder informatiza-los baremos propostos no anexo I, utilizarase a fórmula seguinte:

R

D= K -

U/10

Na cal,

D= coeficiente de prelación do solicitante.

K= suma dos puntos obtidos nas preferencias sinaladas máis 10.

R= renda familiar per cápita do solicitante.

U= umbral máximo de renda familiar per cápita, establecido nesta convocatoria.

97-7643