Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 13 de outubro de 1997 Páx. 9.896

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 281/1997, do 9 de outubro, polo que se regula o procedemento de contratación da xestión indirecta do servicio de radiodifusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia en determinadas localidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1388/1997, do 5 de setembro, polo que se aproba un incremento de frecuencias para a xestión indirecta de emisoras, dentro do Plan Técnico Nacional de Radiodifusión Sonora en Ondas Métricas con Modulación de Frecuencia, procedeu en virtude do seu artigo 2.2 a atribuírlle a xestión de determinadas frecuencias e potencias á Comunidade Autónoma de Galicia.

Feita tal dispoñibilidade do espacio radioeléctrico para o servicio de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das facultades que constitucional e estatutariamente ten atribuídas (artigos 149.1.27 da C.E e artigo 34 do E.A. de Galicia), e de conformidade co que dispón a Lei 31/1987, de ordenación das telecomunicacións e ulteriores modificacións así como no previsto no Decreto 156/1989, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento de concesión de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, modificado polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro, corréspondelle regula-lo procedemento para a xestión indirecta mediante concesión administrativa do servicio público de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de outubro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase o inicio do expediente polo que se regula o procedemento para o outorgamento da concesión do servicio de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia nas localidades que figuran no anexo deste decreto.

Artigo 2º

Apróbase o prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas, os cales quedan á disposición dos licitadores nas oficinas da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 3º

Convócase a contratación da xestión indirecta do servicio de radiofusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia nas localidades da Comunidade Autónoma que figuran no anexo deste decreto.

Entidade adxudicadora: Xunta de Galicia.

Dependencia que tramita o expediente: Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Obxecto: contratación da xestión indirecta do servicio de radiofusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Procedemento: aberto.

Forma de adxudicación: concurso.

Fianza provisional: a prevista no prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas.

Fianza definitiva: a prevista no prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas.

Lugar de presentación das propostas: o previsto no prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas.

Prazo de presentación: 30 días naturais a partir da publicación do presente decreto no DOG.

Documentación: a prevista no prego-tipo de bases administrativas e de condicións tecnicas.

Modelo de proposición: o que figura como anexo II no prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas.

Apertura de proposicións: na sala de xuntas da Consellería de Cultura e Comunicación Social na data e hora sinaladas no prego-tipo de bases administrativas e de condicións técnicas.

Disposición adicional

En todo o non previsto no presente decreto observarase o disposto na Lei 31/1987, de ordenación das telecomunicacións e ulteriores modificacións, o Decreto 156/1989, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, modificado polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro, a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, e normativa concordante, o Real decreto 1388/1997, do 5 de setembro, polo que se aproba un incremento de frecuencias para a xestión indirecta de emisoras, dentro do Plan Técnico Nacional de Radiofusión Sonora en Ondas Métricas con Modulación de Frecuencia e os pregos de bases administrativas e de condicións técnicas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura e Comunicación Social para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

7601