Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 10 de outubro de 1997 Páx. 9.881

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 1997 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de planta de reciclado, tratamento e elaboración de C.D.R., planta de coxeración e planta termoeléctrica para o tratamento de residuos sólidos urbanos, promovido pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama, S.A.) que se vai instalar no termo municipal de Cerceda (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente, do 31 de xullo de 1997, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de planta de reciclado, tratamento e elaboración de C.D.R., planta de coxeración e planta termoeléctrica para o tratamento de residuos sólidos urbanos, promovido pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama, S.A.), que se vai instalar no termo municipal de Cerceda (A Coruña), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 1997.

P.D. (O. 13-12-1993)

José Antonio Fernández Vázquez

Secretario xeral da Consellería de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda

Acordo do 31 de xullo de 1997, da Comisión Galega de Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental da planta de reciclado, tratamento e elaboración de C.D.R., planta de coxeración e planta termoeléctrica para o tratamento de residuos sólidos urbanos, no concello de Cerceda (A Coruña) promovido pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama, S.A.).

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental con carácter previo á resolución administrativa que deberá adoptar o órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto de referencia foi cualificado na reunión da Comisión Galega do Medio Ambiente do 13 de marzo de 1997 como suxeito a tramitación polo Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

O proxecto promovido por Sogama, S.A., que aparece resumido no anexo I, ten como finalidade dar unha saída, tecnicamente viable e ambientalmente correcta, á producción de R.S.U. xerada polo conxunto da poboación galega, de maneira que se reduza

o volume dos residuos producidos, se reciclen ou reutilicen tódolos materiais aproveitables e se valorice a enerxía contida na fracción restante, todo iso coas máximas garantías sanitarias e ambientais e o mellor servicio ós cidadáns de Galicia.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do mencionado decreto e conforme a Resolución do 11 de xuño de 1997 da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 112, do 12 de xuño de 1997, someteuse o estudio de impacto ambiental en cuestión a exposición pública para consulta dos administrados por un período de 30 días hábiles.

No devandito trámite de información pública presentáronse os escritos de alegacións que aparecen reflectidos no anexo II.

Así mesmo, e de acordo coas indicacións da Secretaría Xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente, solicitáronse informes ós seguintes organismos:

* Augas de Galicia.

* Dirección Xeral de Saúde Pública.

* Dirección Xeral de Industria.

* Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

* Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

* Diputación Provincial da Coruña.

* Concello de Cerceda.

O resumo dos informes recibidos recóllese no anexo III.

Declaración de impacto ambiental

Examinada toda a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos e a protección da saúde pública, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

1. Medidas correctoras e de protección ambiental.

Tódalas medidas correctoras que se sinalan terán o carácter de complementarias das recollidas no proxecto e no estudio de impacto ambiental e adoptaranse obrigatoriamente co fin de asegurar unha incidencia ambiental mínima do proceso, que en todo caso haberá de estar dentro do que sinalen as disposicións legais de carácter municipal, autonómico ou estatal e das directivas da Unión Europea, tanto das que están vixentes na actualidade como das que poidan promulgarse ó longo dos 25 anos que se prevén como vida útil das instalacións.

Teranse especialmente en conta:

a) En materia de contaminación atmosférica:

* Real decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

* Real decreto 1088/1992, do 11 de setembro, polo que se establece un réxime especial para previ-la contaminación atmosférica procedente das novas instalacións de incineración de residuos municipais.

* Normativa complementaria vixente.

b) En materia de residuos tóxicos e perigosos:

* Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 20/1986 básica de residuos tóxicos e perigosos.

* Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o regulamento para a execución da Lei 20/1986, aprobado polo R.D. 833/1988.

c) En materia de vertedoiros:

* Posición común (CE) nº 4/96 (96/C 59/01) relativa ó vertido de residuos.

d) En materia de vertidos a leitos públicos:

* Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas.

* Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

* Normativa complementaria vixente.

Ademais estableceranse as seguintes medidas correctoras e de protección ambiental:

1. Como fase previa ó comezo das obras.

-Realizarase un estudio da situación actual desde o punto de vista medioambiental, que se continuará durante a realización das obras e na fase de explotación. O devandito estudio permitirá establecer con precisión se os posibles impactos futuros proceden ou non da execución deste proxecto. Debe coñecerse o nivel dos principais contaminantes potenciais: dioxinas e outros organoclorados, metais pesados e capacidade de neutralización de ácidos, así como o estado actual da calidade do aire, das augas, da vexetación, da fauna, en especial a piscícola e da situación sanitaria e epidemolóxica da zona. O dito estudio do estado inicial abarcará como mínimo os seguintes puntos:

. Estudio de calidade da atmosfera, referido a inmisión dos contaminantes indicados na normativa vixente de calidade atmosférica.

. Estudio edafolóxico de calidade de solos que caracterice a súa composición química previamente á instalación do proxecto.

. Estudio de calidade de augas superficiais e subterráneas existentes na zona obxecto do proxecto e o seu contorno.

. Proxecto de integración paisaxística da planta co seu contorno

. Estudio epidemiolóxico e toxicolóxico da zona obxecto do proxecto

. Estudio de utilización de indicadores biolóxicos para determinación da calidade do contorno e das súas modificacións

-Os xacementos arqueolóxicos PU970605T01 e PU970605T02, ambos túmulos neolíticos, terán que ser protexidos e conservados in situ. Na zona, onde se localizan os devanditos xacementos, non se poderá realizar ningún tipo de obra o movemento de terras. De cara a evitar calquera tipo de afección sobre os xacementos, estes serán protexidos cun valo de madeira e sinais indicadores de que deben ser respectados.

Previamente ó comezo do funcionamento da planta, o promotor deberá presentar perante o órgano ambiental a documentación acreditativa dos seguintes puntos:

. Autorización de productor e de xestor de residuos tóxicos e perigosos.

. Autorización de vertido correspondente ós efluentes líquidos que se xeren na planta.

. Compromiso por parte de xestor autorizado para a retirada dos residuos tóxicos e perigosos producidos na instalación.

2. Durante a fase de construcción.

-Definirase a localización de entulleiras, vertedoiro de residuos de obra, instalacións auxiliares, parque de maquinaria, planta de formigonado e asfaltado e almacén de material, garantindo a non afección a cursos de auga e vexetación autóctona. Non poderán verterse materiais sobrantes da obra ou calquera outro tipo de residuos en lugares distintos ós sinalados para este fin, evitándose os vertidos por causas accidentais nos leitos estremeiros.

As entulleiras xeradas polas obras deberán ser convenientemente restauradas, realizando noiros axeitados e recubríndoos cunha capa vexetal de grosor suficiente para que poida ser repoboada coas especies autóctonas máis indicadas.

-As augas de escorrentía que se produzan na fase de construcción non se poderán verter directamente a ningunha conca de ríos, regatos, etc. Deberán canalizarse ata un depósito de depuración que permita que a súa saída ou efluente líquido cumpra cos parámetros esixidos pola lexislación vixente.

-Controlarase o nivel de ruídos na contorna habitada de modo que se garante un nivel equivalente compatible coas condicións de sosego público, establecidas pola Organización Mundial da Saúde.

-Disporase dos medios necesarios que eviten a producción de partículas e po, para o que se adoptarán as medidas protectoras precisas.

-Impermeabilizarase o vaso do vertedoiro de inertes con obxecto de impedir que os lixiviados producidos nel como consecuencia das precipitacións pluviais afecten ó terreo circundante.

-Tanto neste vertedoiro como no de RTP establecerase unha rede piezométrica que permita controlar calquera posible alteración na impermeabilización dos respectivos vasos.

3. Durante a fase de explotación.

-A sociedade xestora das intalacións deberá contar con autorización previa de productor de residuos tóxicos e perigosos, conforme o establecido no artigo 10 do Real decreto 833/1988, do 20 de xullo. Así mesmo, tódolos residuos tóxicos e perigosos que se xeren como resultado da actividade deberán ser xestionados fóra das plantas por xestores autorizados.

-En calquera caso realizarase unha análise sistemática de tódolos productos que entren e saian do proceso, con especial incidencia nos R.S.U., o combustible derivado dos residuos, as escouras, as cinzas e as augas de proceso. Os resultados destas análises así como a cantidade de cada un destes productos, figurarán nun informe que se remitirá mensualmente ó órgano ambiental.

-Tódolos vertidos líquidos haberán de contar coa autorización correspondente, que deberá ser tramitada ante o organismo autónomo Augas de Galicia, que establecerá os parámetros que haberán de acadar estes en función do leito receptor que vaia recibilos.

-Para o control da contaminación atmosférica, e no que a emisión de gases se refire, ademais de contar coa monitorización en continuo, deberase establece-la realización de medidas en cheminea, ben pola empresa ou por empresa colaboradora da Administración. Para iso, a cheminea deberá contar con puntos de toma de mostra de fácil acceso que permitan a mostraxe isocinética dos gases de saída.

-O plan de actuación para situacións meteorolóxicas que se cita nas medidas preventivas e correctoras do proxecto, deberá ser deseñado seguindo as directrices da Dirección Xeral de Industria, constituíndose nun Sistema de Predicción da Contaminación Atmosférica (SIPCA). Este sistema, integrará os datos reais de emisión e inmisión, os datos meteorolóxicos e as modificacións de proceso necesarias que aseguren que en ningún momento se superarán os niveis de emisión ou inmisión legalmente establecidos. Este SIPCA deberá estar operativo á entrada en funcionamento da planta, e conectado, en tempo real, o Centro de Proceso de Datos do Laboratorio de Medio Ambiente Industrial de Galicia, así como a todos aqueles puntos que designe no seu momento o órgano ambiental da Comunidade Autónoma.

-En canto á inmisión de gases, a instalación deberá contar cunha rede de control da calidade do aire que se integrará na Rede de Calidade do Aire de Galicia. A situación e número de monitores desta estará avalado por un estudio específico de contaminación atmosférica. Esta rede específica contará con monitores automáticos de control da inmisión, e estarán conectados, a tempo real co Centro de Proceso de Datos do Laboratorio de Medio Ambiente Industrial de Galicia, así como a todos aqueles puntos que designe no seu momento o órgano ambiental da Comunidade Autónoma.

A rede de control da calidade do aire deberá estar operativa á entrada en funcionamento da planta.

2. Plan de Control e Vixilancia Ambiental.

1.-Antes do comezo das obras o titular deberá remitirlle ó órgano ambiental un programa de vixilancia e control ambiental destinado tanto a controlar, como a garanti-lo cumprimento do acordado nesta declaración, no referente á fase previa e á de execución das obras, así como a aplicación e a eficacia das medidas protectoras e correctoras que se establecen.

2.-Antes do comezo da fase de explotación, e cunha antelación mínima de seis meses, o xestor deberá remitirlle ó órgano ambiental un programa de vixilancia e control ambiental destinado tanto a controlar, como a garanti-lo cumprimento do acordado nesta declaración durante o período de explotación, así como á aplicación e á eficacia das medidas protectoras e correctoras que se establecen.

3.-Así mesmo, o titular deberá dispoñer dun departamento de medio ambiente dotado dos medios humanos e técnicos necesarios ou os que no seu momento poida dispo-lo órgano ambiental.

Como mínimo deberán incluí-los seguintes puntos:

. Plan de seguimento e control de calidade dos vertidos producidos pola planta e a súa adecuación ós valores definidos na correspondente autorización de vertido.

. Plan de seguimento e control da contaminación atmosférica para o cumprimento dos límites dispostos no Real decreto 1088/1992, xunto cos límites que o órgano ambiental definirá no seu momento.

. Plan de seguimento e control das augas subterráneas que existan na zona. Este plan deberá indica-las medidas a tomar para o caso de que se producise algunha alteración da súa calidade.

. Plan de seguimento e control das actuacións que se realizarán durante a fase de construcción. Este plan deberá incluí-los aspectos de protección do patrimonio arqueolóxico polo que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O documento do programa de vixilancia ambiental deberá conter, polo menos, as seguintes especificacións, tanto na fase de construcción como na de explotación:

a) Situación dos puntos de mostraxe.

b) Técnicas analíticas utilizadas.

c) Garantías de calidade: controis que se deben establecer co obxecto de asegura-la protección ambiental, organización, procedementos, xestións, informes e revisións entre outras.

d) Actividades que requiren unha vixilancia especial.

Cunha antelación de 6 meses como mínimo á data prevista para a explotación da planta industrial, o xestor deberá remitirlle ó órgano ambiental un documento específico de redes de control e vixilancia ambiental, no que se detallen as súas características

técnicas. Este documento deberá autorizalo o órgano ambiental, conforme a normativa vixente.

En función dos avances tecnolóxicos e da mellor tecnoloxía dispoñible, o órgano ambiental poderá esixirlle ó promotor a reducción dos valores de emisión da planta, así como fixa-los criterios sobre os límites permitidos de inmisión, durante a vida útil da planta, seguindo as directrices emanadas da Directiva 96/61/CE relativa á prevención e ó control integrado da contaminación.

3. Condicións adicionais.

3.1. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental, son de obrigado cumprimento.

3.2. Se logo de emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o medio ambiente e sobre a saúde pública, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

3.3. O órgano substantivo asumirá a responsabilidade da correcta execución do proxecto definitivamente aprobado. O devandito órgano será aquel da Comunidade Autónoma que teña encomendado, en cada momento, o planeamento, a supervisión e, se é o caso, a execución do Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia. Neste momento este órgano é a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

3.4. O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes, no caso de observarse anomalías ou incorrecta execución das obras, o que lle comunicará ó órgano substantivo para a súa corrección.

3.5. O presente acordo non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade proxectada.

3.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1997.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

Resumo de proxecto

A planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible derivado dos residuos (PRTE), a de coxeración (PC) e a termoeléctrica (PTE) localízanse no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña.

A súa situación respecto do centro urbano de Cerceda vila é de 3,200 km.

Os RSU procedentes da recollida domiciliaria serán transportados nos mesmos camións de recollida ata as estacións de transferencia onde se procede ó seu trasvase a contedores de grande capacidade.

Posteriormente, estes contedores transpórtanse, fundamentalmente por ferrocarril, ata a planta de reciclaxe, tratamento e elaboración (PRTE) de combustible derivado de residuos (CDR). Esta PRTE constitúe o primeiro paso do proceso. Nela procédese, por unha banda, á recuperación de diversos productos que posteriormente serán reutilizados como papel, cartón, plástico, vidro, chatarra, metais, e por outro, á elaboración de combustible derivado de residuos (CDR). A PTR terá unha capacidade de tratamento de 80 toneladas de RSU por hora.

Os residuos chegan á PRTE e logo dunha primeira escolla pasan a un tromel onde se dividen en dúas liñas de tratamento. A liña de grosos (residuos maiores 120 mm) e a liña de finos (residuos menores 120 mm). Os grosos sofren unha escolla e unha separación magnética para logo pasaren a formar parte do CDR (combustible derivado de residuos).

O proceso divídese en 8 etapas:

-Recepción de R.S.U. e tratamento de voluminosos.

-Apertura de bolsas, pasteurización, adición de cal e clasificación por tamaño.

-Reciclaxe e separación de metais.

-Trituración da fracción grosa e fina. Separación densimétrica.

-Secado da fracción fina.

-Separación de inertes na liña de grosos.

-Separación de inertes na liña de finos.

-Almacenamento de CDR.

Na preparación do CDR obterase un combustible de tamaño de partícula de 30 mm, co 10% de humidade, estabilizado por activación de hidróxido cálcico (1%) e pasteurizado a 65ºC durante 20 minutos, co fin de facilita-la súa manipulación sen riscos. O CDR obtido conducirase ata un almacenamento desde o que se transportará ata a planta termoeléctrica para o seu aproveitamento enerxético.

Os residuos finos conteñen unha porcentaxe de auga moi elevada que fai necesaria a súa evaporación mediante un proceso de secado.

Para realiza-lo secado é necesario achegar gases quentes. Como solución máis axeitada propúxose a instalación dunha planta de coxeneración (PC). A devandita planta estará formada por catro motores de gas natural, encargados de transformar cun óptimo rendemento a enerxía contida no combustible (gas natural) en enerxía mecánica, necesaria para o accionamento do alternador, e enerxía térmica recuperable nos gases de escape. Os alternadores pola súa parte transforman a enerxía mecánica en enerxía eléctrica que será consumida pola planta e os exe

cedentes serán exportados á rede da compañía eléctrica.

A planta está preparada para traballar de modo continuo 6.300 horas ó ano en paralelo coa rede eléctrica e a PRTE.

A planta de coxeración constará de catro motores de gas. Cada motor terá unha cheminea de by-pass á atmosfera cun silenciador, por onde se poderán expulsa-los gases de escape en caso de emerxencia. En operación normal estes gases van ó secado.

A PTE constitúe o último paso do tratamento dos residuos. Dentro do proxecto integral de tratamento de residuos sólidos urbanos, a planta termoeléctrica (PTE) constitúe un dos piares fundamentais. Nela recíbese o combustible derivado de residuos, procedente da planta de reciclado, tratamento e elaboración, e lévase a cabo a destrucción deste residuo mediante unha tecnoloxía de incineración limpa e eficiente. A calor desprendida utilízase para producir enerxía eléctrica por medio dunha turbina de vapor. A enerxía utilízase en parte para abastece-las demandas propias da totalidade da planta, sendo os excedentes vertidos á rede pública. O sistema complétase cun tratamento dos gases efluentes do proceso para a súa depuración e vertido á atmosfera, exentos de carga contaminante e en condicións de total inocuidade para a saúde pública e o medio ambiente.

A tecnoloxía de combustión elixida, de leito fluidizado, básease en mante-lo combustible suspendido no aire a través dunha corrente de gas, en contraposición co sistema convencional que implica o descanso deste material sobre unha grella. O sistema caracterízase por un excelente control da temperatura do forno entre 850 e 880 º C e unha recirculación que garante un tempo de permanencia de tódalas partículas e gases superior ós 2 minutos. No proceso non se acadan temperaturas superiores a 900 º C.

Ademais, o sistema elixido engade dolomías no forno, o que ten o efecto de facilita-la homoxeneización da temperatura en toda a caldeira e leito fluidizado e, xunto co hidróxido cálcico engadido na preparación do CDR, diminúe a cantidade de gases ácidos libres (HCl, SO e NO).

Todas estas medidas tecnolóxicas permiten obter un gas de caldeira moi pobre en compoñentes tóxicos xa que as dioxinas, furanos e compostos similares son maioritariamente destruídos ó estaren máis de 2 minutos a unha temperatura superior a 850 º C e, por outra banda, ó haber menos HCl no gas da caldeira a súa formación na fase de enfriamento do gas será moito menor. Os gases ácidos son en gran parte neutralizados e absorbidos sobre as escouras sólidas alcalinas. Os NO de orixe térmica serán moi escasos ó non subi-la temperatura de 900 º C e os metais pesados que non se eliminasen na preparación do CDR serán fundamentalmente absorbidos nas escouras alcalinas. Estas medidas levan consigo unha menor necesidade de reactivos para a limpeza dos gases.

Debe salientarse polo tanto que non se trata dun sistema de incineración en bruto, senón dun proxecto

complexo que inclúe unha reparación previa de tódolos materiais reciclables, unha axeitada preparación da fracción restante como combustible e unha incineración controlada do devandito combustible. Cabe destaca-la boa separación de metais pesados (favorecida ademais polo relativamente baixo nivel destes nos RSU de Galicia), acadada gracias a unha serie de técnicas de separación manual, magnética e densimétrica, a aditivación de hidróxido cálcico e a incorporación de dolomías no forno. Esta incorporación diminúe a formación de gases acidificantes no forno e, polo tanto, a formación de organoclorados. As condicións de temperatura por riba dos 850ºC garanten a destrucción de dioxinas, o rápido arrefriamento posterior dos gases a temperaturas inferiores a 140ºC limita a súa síntese nesta fase e, finalmente, o tratamento dos gases reduce a contaminación de substancias indesexables ós límites máis estrictos vixentes en Europa.

O sistema de depuración de gases é de tipo semihúmido con filtros de mangas e tratamento físico químico dos gases. O sistema inclúe a adición á corrente de gases, de po de cal hidratado, hidróxido cálcico líquido e carbón activo.

ANEXO II

Resultado da información pública

Resumo das alegacións presentadas.

-Xavier Pastor Gracía, en nome de Greenpeace España, presenta as seguintes alegacións:

1. O estudio de impacto ambiental non contén o correspondente capítulo de resumo.

2. A planta de reciclaxe, transferencia e elaboración de combustible ten como obxectivo prepara-lo material combustible para a incineradora e non o reciclaxe do papel, cartón e plásticos contidos nos residuos.

3. A incineración é unha dilapidación de recursos naturais.

4. Tódalas incineradoras son fontes de contaminación ambiental ó emitiren á atmosfera, ou ó medio en xeral, substancias de elevada toxicidade.

5. O investimento necesario para a construcción dunha incineradora coa máis moderna tecnoloxía é moi superior ó investimento necesario para a elaboración de programas de reciclaxe integral.

6. O número de postos de traballo que xeran os programas de reciclaxe integral é superior ó xerado pola incineración.

7. A incineración produce un 30% en peso de cinzas e escouras tóxicas.

8. A incineración é contraria e incompatible coa prevención en orixe e a reducción da xeración dos residuos. Estes principios só se establecen cando o plan se basea nunha reciclaxe integral.

Como documentación adicional presenta os seguintes anexos:

-Anexo I. Incineración de basuras: razones para un No. Greenpeace, 1997.

-Anexo II. Comunicado de prensa do IARC en relación ó poder canceríxeno da 2, 3, 7, 8-TCDD.

-Anexo III. Comunicados de prensa da USEPA sobre o estudio de avaliación da toxicidade das dioxinas. Setembro 1994.

-Anexo IV. USEPA and SAB report: a second look at dioxin. Setembro 1995.

-Anexo V. FARLAND, W. (1995). Testimonio en relación al estudio de evaluación de dioxinas, de la USEPA.

-Anexo VI. De Vito M.J., et al. (1995). Comparisons of estimated human body burdens of dioxinlike chemicals and TCDD body burdens in experimentally exposed animals. Environ. Health Perspectives, 103 (9) 820-831.

-Anexo VII. Cost -benefit analysis of the different municipal solid waste management systems: objectives and instruments for the year 2000. (1996). Informe elaborado por Coopers & Lybrand para a DGXI da Comisión Europea.

-Anexo VIII. Concentración de sustancias en las cenizas de fondo y volantes de las incineradoras de residuos sólidos urbanos. WASTE NOT, nº 316, marzo 1995.

-Anexo IX. Santillo, D. y Stephenson A. (1995). Análisis de cenizas de una incineradora de residuos sólidos urbanos y contaminación del suelo y de las aguas subterráneas por metales pesados y compuestos orgánicos en las proximidades del lugar de su vertido, Vilaseca (Tarragona). Greenpeace Exeter Research Laboratory, University of Exeter, Reino Unido.

-Anexo X. Angela Stephenson (1996). Heavy Metal analysis of municipal solid waste incinerator ash and slag, Palma de Mallorca. Greenpeace Research Laboratory, University of Exeter, UK.

-Anexo XI. Dioxin fallout in the Great Lakes. Where to comes fron; how to prevent it; at what cost. (1996). Center for the Biology of Natural Systems. Queens College, Cuny Flushig, New York.

-Anexo XII. Plan de recilcaje para Mallorca. Una alternativa a la incineradora de Son Reus. 1995. Greenpeace.

-1.372 escritos idénticos realizados a partir de fotocopias dun mesmo texto, encabezados por Marcos López Rúa, Carlos García Guardon, Cristina López Rodríguez, que presentan as seguintes alegacións:

1. Que ningún dos estudios de impacto ambiental contén o capítulo de resumo.

2. Que a planta de reciclado, tratamento e elaboración de CDR, é, en realidade unha planta de preparación de combustible da incineradora. De feito, a cantidade de residuos a tratar nesta planta coincide coa capacidade da incineradora, aproximadamente 500.000 T/ano.

3. A incineración é un sistema altamente contaminante e un risco para a saúde pública pola emisión de substancias de elevada toxicidade, persistencia e carácter acumulativo. Segundo o EIA da incineradora, o tipo de forno, a temperatura de combustión

e as condicións de preparación do CDR permitirán acada-lo nivel de emisión de dioxinas e outros parámetros de toxicidade aceptados en Alemaña. Sen embargo, estas tres condicións non inflúen na formación e emisión de dioxinas, como está amplamente referenciado na literatura ciéntífica.

4. A incineración é, ademais dunha fonte importante de contaminación ambiental, unha dilapidación de recursos naturais e de enerxía. O aforro de enerxía obtida da reciclaxe dos RSU de Galicia é catro veces superior á xerada pola súa incineración.

5. A incineración xera novos residuos tóxicos, que deben depositarse en vertedoiros de seguridade. Polo tanto, esta tecnoloxía non elimina a necesidade de vertedoiros. Respecto as dioxinas e furanos, é importante subliñar que tan só o 11% se emiten á atmosfera, quedando o resto nos sistemas de filtrado e, en consecuencia nas cinzas.

6. A incineración é incompatible coa recollida selectiva, compostaxe e reciclaxe, pois ámbolos dous sistemas compiten en diñeiro e en combustible. No caso do proxecto Sogama, o orzamento destinado á preparación do combustible e incineración é 11 veces superior ó destinado a reciclaxe.

-68 escritos idénticos ós citados no parágrafo anterior encabezados por Guillermo Fernández-Obanza García.

-19 escritos idénticos ós citados nos dous parágrafos anteriores suscritos por: Isabel Flores Seijas, Xoán X. Piñeiro Rodríguez, Iain Colquhoun, Lois Soaxe Piñeiro, Amy Colquhoun, David Middleton, Estrella González Fernández, Amparo Ibarra Murillo, Xurxo García Avendaño, Cándido Martínez Rodríguez, Manuel Ríos González, Ricardo Sánchez González, Mercedes Malvado Pereira, Francisco Xosé Bernárdez Solla, Mª. Isabel Pazos Silva, Benito Boullosa Moure, Maximino Rouco Costas, Christian Pena Rodríguez e Anahí Pena Rodríguez.

-Jorge De Vivero Pérez, en nome dos Verdes de Galicia presenta as seguintes alegacións:

1. Que ningún dos EIA das plantas enriba indicadas, contén o capítulo de resumo, que é obrigatorio neste tipo de estudios. En consecuencia o labor cidadán de análise, co obxecto de presentar alegacións, queda dificultado, supoñendo unha clara indefensión nese sentido.

2. Que a planta de reciclado, tratamento e elaboración de CDR, é, en realidade unha planta de preparación de combustible da incineradora. Só se poden recuperar materiais para a súa reciclaxe se existiu previamente unha recollida selectiva domiciliaria. Esta condición non se cumpre no proxecto de Sogama. De feito, a cantidade de residuos que se van tratar nesta planta coincide sospeitosamente coa capacidade da incineradora de aproximadamente 500.000 T/ano.

3. A incineración é un sistema altamente contaminante, e un risco para a saúde pública, pola emisión de substancias de elevada toxicidade, persistencia e carácter acumulativo, entre as que destacan

as dioxinas e metais pesados. A incineración transforma o lixo que recibe en cinzas e gases altamente tóxicos que van dar ó aire, o medio ambiente e, ó final, inciden na saúde das persoas. Segundo o EIA da incineradora, o tipo de forno, a temperatura de combustión e as condicións de preparación do CDR (combustible), permitirán acada-lo nivel de emisión de dioxinas e outros parámetros de toxicidade aceptados en Alemaña. Sen embargo, estas tres condicións non inflúen na formación e emisión de dioxinas, como está amplamente referenciado na literatura científica.

4. A incineración é ademais dunha fonte importante de contaminación ambiental, unha dilapidación de recursos naturais e de enerxía. O aforro de enerxía obtida da reciclaxe dos RSU de Galicia, é catro veces superior á xerada pola súa incineración.

5. A incineración xera novos residuos tóxicos, que son as cinzas, e que deben depositarse en vertedoiros de seguridade. Polo tanto, esta tecnoloxía non elimina a necesidade de vertedoiros. Respecto ás dioxinas e furanos, é importante subliñar que tan só o 11% se emiten á atmosfera, quedando o resto nos sistemas de filtrado e, en consecuencia, nas cinzas.

6. A incineración é incompatible e constitúe o máximo atranco para impulsa-la reducción e a recuperación do lixo en orixe, é dicir, é incompatible coa recollida selectiva, compostaxe e reciclaxe, pois o que para a xestión medioambiental dos RSU son materiais recuperables, para a incineración é combustible. No caso do proxecto Sogama, o orzamento destinado á preparación do combustible e incineración é 11 veces superior ó destinado á reciclaxe.

7. O plan de RSU de Sogama ademais de ser todo o contrario a unha solución medioambiental á problemática dos RSU, nos aspectos económicos constitúe unha dilapidación da actividade comercial e industrial no aproveitamento dos materiais dos RSU, e prima o beneficio dunha empresa a custa dos concellos, e polo tanto, a custa da totalidade da cidadanía.

8. A incineración é unha tecnoloxía das chamadas duras e porcas, en contraposición coa xestión medioambiental dos RSU, máis axeitada ás economías locais. A reutilización, o reciclado e a elaboración do compost xeran o dobre de postos de traballo que a incineración e máis que o vertido.

-Manuel Soto Castiñeira, en representación de ADEGA presenta as seguintes alegacións:

1. Os proxectos presentados á declaración de impacto ambiental forman parte do plan de xestión de RSU de Sogama, que é claramente contrario ós principios de reducción, reutilización e reciclaxe.

2. O proxecto de instalacións non recolle as achegas e suxestións realizadas polo Consello Galego de Medio Ambiente, que puxo de manifesto a insuficiencia dos medios de recollida selectiva e recomendou a recollida en orixe da fracción orgánica e a súa compostaxe.

Tampouco considera o cumprimento dos límites de emisión propostos polo Consello Galego do Medio Ambiente, xa que este solicitou que as emisións da planta de elaboración de combustible se suxeitaran a criterios estrictos de emisións (lexislación alemana).

3. Nas diferentes instalacións de plantas sometidas a EIA xéranse augas residuais de proceso cunha grave contaminación, para a que se di que serán sometidas a un tratamento nunha depuradora de última tecnoloxía.

4. O mesmo proxecto recoñece que as cinzas volantes e sólidos de depuración dos gases son residuos tóxicos e perigosos que deben ir a un vertedoiro de seguridade, deseñado segundo a directiva CEE/7745/94.

En todo caso, a contrucción prevista dun vertedoiro de RTPs debe contar cun estudio de impacto ambiental e a correspondente declaración de impacto ambiental separada do presente proceso de avaliación de impacto ambiental do sistema de eliminación de RSU.

5. A valoración do impacto ambiental dos gases e outros contaminantes procedentes da planta PRTEC de elaboración de combustible é claramente insuficiente, xa que non teñen en contra os principais contaminantes, incluíndo o elevado risco de xeración de dioxinas, xa que se poñen en contacto gases de combustión con residuos sólidos urbanos e vapores destes a temperaturas que poden acadar ata os 330ºC, entrando polo tanto dentro do rango de formación de dioxinas e furanos.

6. Na avaliación do impacto ambiental dos gases da incineradora esquécese por completo o grave problema da bioacumulación e as consecuencias que as emisións de contaminantes tales como dioxinas, furanos e metais pesados poden ter para a vexetación agrícola e os animais domésticos, e polo tanto para a saúde das poboacións que se alimentan de productos da zona, sexan hortalizas de folla larga ou alimentos graxos (leite, queixo, carne).

7. O programa de seguimento dos efectos ambientais e de medida das emisións resulta totalmente insuficiente para determinar con obxectividade o alcance do impacto ambiental e das consecuencias para a saúde. O proxecto de incineradora prevé determinar unicamente partículas, HCl e CO, non existindo ningunha medida de control sobre a contaminación por metais pesados nin por dioxinas e furanos.

8. O feito de que se propoña como principal medida correctora a intensificación da recollida selectiva de pilas para reduci-las emisións de metais pesados indícano-la desorientación e a falta de coñecemento dos autores da problemática real dos RSU, xa que as fontes de metais pesados no lixo son máis numerosas e van moito máis alá das eléctricas afectando a vernices e pinturas, papeis pintados, plásticos, recubrimentos, etc.

9. Se ben nas memorias presentadas a exposición pública se menciona a colaboración de diferentes especialistas, maiormente da Universidade de San

tiago, o estudio detallado do EIA indícanos que tales achegas foron tratadas como compartimentos estancos, sen que en realidade existise un traballo multidisciplinar, e sen extrae-las consecuencias que dunha achega se derivarían para os outros campos, imprescindible cando se pretende a minimización do impacto ambiental. Algunhas das colaboracións son meros engadidos ó estudio.

Como documentación adicional presenta os seguintes apéndices:

-Apéndice I. Valoración de ADEGA sobre o Plan de RSU da Xunta e resolución da Xunta de Portavoces da FEGAMP.

-Apéndice II. Informe sobre diversos aspectos do Plan de RSU da Xunta:

. Valoración do impacto ambiental das estacións de transferencia.

. Valoración impacto ambiental PTREC.

. Valoración impacto ambiental da planta termoeléctrica.

. Sistema de tratamento de gases de combustión.

. Inertización de cinzas voantes e estulleira para refugallos sólidos.

. Necesidade de auga e gasóleo.

Así mesmo, tódolos alegantes solicitan que se declare negativa a avaliación do estudio de impacto ambiental da planta de reciclado, tratamento e elaboración de CDR, planta de coxeración e planta termoeléctrica para o tratamento de residuos sólidos urbanos, no concello de Cerceda, promovido pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama, S.A.).

ANEXO III

1. Resultado das consultas realizadas.

Relación de consultasResposta recibida

-Augas de GaliciaX

-Dirección Xeral de Saúde PúblicaX

-Dirección Xeral de IndustriaX

-Dirección Xeral de Montes e Medio

Ambiente NaturalX

-Dirección Xeral do Patrimonio CulturalX

-Deputación Provincial da Coruña--

-Concello de Cerceda--

2. Resumo dos escritos da contestación.

2.1. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural:

Manifesta a súa conformidade coa realización das obras proxectadas coas seguintes condicións:

-Que se realice un estudio o máis exacto posible da situación actual da contaminación da área (situación cero).

-Que se execute correctamente o Plan de Vixilancia e Control Ambiental.

-Que se lle remita o estudio de situación cero e unha memoria do seguimento anual do Plan de Vixilancia e Control Ambiental.

2.2. O organismo autónomo Augas de Galicia:

Non formula obxeccións ó documento remitido, aínda que formula as seguintes observacións:

-O proceso establecido para o tratamento das augas residuais asimilables a urbanas e as augas de proceso pode non se-lo máis axeitado a teor da carga contaminante previsible.

Así mesmo, os rendementos da depuración, establecidos en porcentaxe de reducción de DBO e SS, poden resultar insuficientes.

-En calquera caso, estes aspectos concretos deberán ser obxecto da autorización de vertido que deberá ser tramitada ante Augas de Galicia, establecéndose os límites de vertido en función dos obxectivos de calidade a manter no leito receptor que se trate.

-Polo que respecta ós caudais de auga detraídos do encoro de San Cosmade, será necesario que Sogama realice a oportuna tramitación da concesión conforme o establecido na Lei de augas e regulamento de desenvolvemento.

2.3. A Dirección Xeral de Saúde Pública:

Emite informe favorable coas seguintes puntualizacións:

-Debe realizarse un rigoroso control de tódolos parámetros que se indican na declaración de impacto ambiental, debendo extremarse as precaucións no caso de que se produzan vertidos ós ríos ou regatos que se utilicen como fonte de abastecemento de auga destinada ó consumo público.

-Así mesmo, deberá promoverse un programa de vixilancia epidemiolóxica medioambiental que permita controla-las potenciais patoloxías, que puideran presentarse como consecuencia da posta en marcha da devandita instalación.

2.4. A Dirección Xeral de Industria:

Non presenta alegacións ó proxecto, se ben puntualiza o seguinte:

En relación coa contaminación atmosférica.

Emisión.

-Ademais de contar coa monitorización en continuo, o plan de vixilancia ambiental deberá establece-la realización de medidas en cheminea, que deberá contar con puntos de toma de mostra de fácil acceso que permitan a mostraxe isocinética dos gases de saída.

-O plan de actuación para situacións meteorolóxicas que se referencia no proxecto de medidas preventivas e correctoras, deberá ser deseñado seguindo as directrices da Dirección Xeral de Industria, constituíndose nun Sistema de Predicción da Contaminación Atmosférica (SIPCA).

Inmisión.

-A instalación deberá contar cunha rede de control da calidade do aire que se integrará na Rede de Calidade do Aire de Galicia.

-Aínda que a priori non parece inadecuada a utilización das estacións de seguimento da central térmica de Meirema, a sociedade xestora da planta deberá preve-lo deseño dunha rede específica en caso de non existi-lo acordo que se menciona no Plan de Seguimento e Control. De calquera maneira a rede de control da calidade do aire deberá estar operativa á entrada en funcionamento da planta.

En relación cos residuos tóxicos e perigosos.

-Tódolos residuos tóxicos e perigosos que se produzan como resultado da actividade das plantas deberán ser xestionados por xestores autorizados de residuos tóxicos e perigosos.

-A sociedade xestora das instalacións deberá contar con autorización previa de productor de residuos tóxicos e perigosos.

-No deseño do vertedoiro de residuos tóxicos e perigosos, obsevarase, polo menos, o disposto na Posición Común (CE) nº 4/96 (96/C 59/01) relativa ó vertido de residuos.

Achégase o proxecto do real decreto sobre incineración de residuos perigosos e de modificación do Real decreto 1088/1992, do 11 de setembro, relativo ás instalacións de incineración de residuos municipais que xa conta con informe do Consello de Estado. Este texto foi distribuído na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada en Madrid o pasado 16 de xullo, e será aprobado, con probabilidade, inminentemente.

2.5. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:

Informa favorablemente cos seguintes condicionantes:

1. Os xacementos arqueolóxicos PU970605T01 e PU970605T02, ambos túmulos neolíticos, terán que ser protexidos e conservados in situ.

2. Na zona, onde se localizan os devanditos xacementos, non se poderá realizar ningún tipo de obra o movemento de terras, segundo o plano adxunto.

3. De cara a evitar calquera tipo de afección sobre os xacementos, estes serán protexidos cun valo de madeira e sinais indicadores de que deben ser respectados.

7705