Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 10 de outubro de 1997 Páx. 9.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

INSTRUCCIÓN do 16 de setembro de 1997, da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, sobre o procedemento administrativo de esixencia de responsabilidade patrimonial da Administración por danos derivados da asistencia sanitaria.

O artigo 106 da Constitución consagra no noso dereito o principio de responsabilidade patrimonial das administracións públicas, materia atribuída á competencia exclusiva do Estado polo artigo 149.1.18. En desenvolvemento deste precepto, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, refírese no seu título X á responsabilidade das administracións públicas e das autoridades e persoal ó seu servicio, remitindo á vía regulamentaria a regulación dos procedementos que permitan facer efectiva a dita responsabilidade, isto sen prexuízo das especialidades procedementais que deriven da organización propia de cada Comunidade Autónoma.

A aprobación do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, que na súa disposición adicional primeira determina para as reclamacións de responsabilidade patrimonial os danos e perdas causados por ou con ocasión da asistencia sanitaria pública a tramitación administrativa e contencioso-administrativa prevista na Lei 30/1992 e no propio real decreto, obriga a esta Administración a adapta-lo referido procedemento ás peculiaridades que presenta a reclamación de responsabilidade patrimonial no ámbito sanitario, o que permitirá unha maior axilidade na tramitacións dos expedientes.

Por isto, en exercicio das facultades conferidas polo Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, díctanse as seguintes instruccións:

1. Iniciación do procedemento.

1.1. As solicitudes de iniciación do procedemento de responsabilidade patrimonial poderán presentarse nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde, nas xerencias dos complexos hospitalarios e nas xerencias dos centros de Atención Primaria, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, polo interesado, os seus representantes legais ou polos seus herdeiros.

1.1.1. Datos mínimos que deben figurar na solicitude:

a) Nome, apelidos e DNI do prexudicado e, se é o caso, do reclamante.

b) Profesión e número de afiliación á Seguridade Social.

c) Domicilio do reclamante para efectos de notificacións.

d) Centro e dependencia no que se prestou a asistencia sanitaria e data da prestación.

e) Descrición dos danos ou lesións producidas, así como a presunta relación de causalidade entre estas e o funcionamento do servicio público.

f) Avaliación económica da responsabilidade patrimonial, se fose posible, e momento en que a lesión efectivamente se produciu.

g) Proposición de proba, concretando os medios de que pretenda valerse o reclamante.

h) Lugar, data e sinatura do solicitante.

1.1.2. Documentos que deben achegarse coa solicitude:

a) Documentos nos que o reclamante funde a súa pretensión.

b) No caso de non se-lo propio afectado quen reclame a indemnización por danos, aqueles documentos que xustifiquen o carácter de representante legal ou de herdeiro do reclamante.

1.1.3. Cando as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas teñan un contido ou fundamento idéntico ou substancialmente similar, poderá acordarse a tramitación das reclamacións como única solicitude.

1.2. De conformidade co artigo 5 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, o expediente poderá iniciarse de oficio por acordo do secretario xeral do Servicio Galego de Saúde ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de orde superior, petición razonada doutros órganos ou denuncia. Nestes casos o acordo de iniciación do procedemento notificaráselles ós particulares presuntamente lesionados, concedéndolles un prazo de 7 días para que ache

guen cantas alegacións, documentos ou información coiden conveniente ó seu dereito e propoñan cantas probas sexan pertinentes para o seu recoñecemento.

2. Instrucción do expediente.

2.1. Recibidas as solicitudes nas dependencias sinaladas no punto 1.1 darase traslado destas á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde.

2.2. O director provincial do Servicio Galego de Saúde nomeará instructor a un inspector médico pertencente ó Servicio de Inspección e Asistencia Sanitaria que coordinará as distintas actuacións que realizarán os diferentes servicios e dependencias que, en cada caso, deban participar no procedemento. En concreto o instructor procederá a:

a) Remitir á Secretaría Xeral do Sergas, ó xefe de Servicio de Xestión, Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda e ó servicio contra o que se presente a reclamación, copia desta.

b) Examina-las solicitudes e, se estas non reunisen os requisitos sinalados, requirirá ó interesado para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.

c) Solicitar copia da documentación relacionada coa reclamación existente nas dependencias do Servicio Galego de Saúde sobre o paciente asistido.

d) Solicitar informe do servicio a que se refire o artigo 10.1 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, o cal deberá evacuarse no prazo sinalado neste.

e) Acorda-la admisión ou inadmisión dos medios de proba propostos polo reclamante e, cando proceda, practicar ou ordenar, se é o caso, a práctica das probas admitidas. Cando se acorde a inadmisión dun medio de proba deberá quedar constancia no expediente de responsabilidade dos motivos que determinan a inadmisión.

No prazo de 30 días practicaranse as probas que fosen declaradas pertinentes.

f) Solicitar informe á Asesoría Xurídica Provincial sobre a existencia ou non de relación de causalidade entre o funcionamento do servicio público e a lesión producida e sobre a valoración económica do dano, para estes efectos remitiráselle a documentación e informes referidos nos apartados anteriores.

g) Propoñerlle á Secretaría Xeral do Sergas a tramitación do expediente ben polo procedemento abreviado, ben polo procedemento ordinario ou a terminación convencional prevista no Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

h) No caso de continuación do procedemento ordinario, porá de manifesto ós interesados o expediente para que no prazo de 15 días alegue o que ó seu dereito conveña, facilitándolles unha relación dos documentos existentes no procedemento, co fin de que poidan obter copia dos que consideren convenientes. No dito trámite os interesados poderán ache

ga-los documentos e xustificantes que coiden pertinentes.

2.3. As anteriores actuacións deberán realizarse no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de presentación da reclamación.

2.4. Rematado o expediente o instructor formulará proposta de resolución, remitíndose o actuado á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde.

2.5. De consideralo conveniente, a Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, poderá solicitar informe á comisión territorial ou central á que se refire a instrucción do 6 de setembro de 1995.

2.3. Resolución do expediente.

2.3.1. Da proposta de resolución, xunto co resto do actuado daráselle traslado ó Consello Consultivo de Galicia co fin de que, no prazo previsto no Decreto 287/1996, do 12 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, se emita o dictame previsto no art. 12 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

2.3.2. No prazo de 20 días desde a recepción do dictame do Consello Consultivo e unha vez que o presidente do Servicio Galego de Saúde dicte resolución, ou o órgano en quen delegue, que de acordo co establecido no art. 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro e 13.2 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, se pronunciará, necesariamente, sobre a existencia ou non da relación de causalidade entre o funcionamento do servicio público e a lesión producida e, se é o caso, sobre a valoración do dano causado e a contía da indemnización, explicando os criterios utilizados para o seu cálculo, caberá recurso contencioso-administrativo, logo da comunicación da intención de interpoñelo, nos termos da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

2.3.3. Transcorridos 6 meses desde que se iniciou o procedemento ou o prazo que resulte de engadirlles un período extraordinario de proba, sen que recaese resolución expresa ou, se é o caso, se formalizase acordo, poderá entenderse desestimada a indemnización ó particular.

3. Procedemento abreviado.

3.1. Cando, de acordo co establecido no punto 2.2º f) a Secretaría Xeral do Sergas considere que son inequívocas a relación de causalidade entre a lesión e o funcionamento do servicio público, a valoración do dano e o cálculo da contía da indemnización, continuarase o procedemento polos trámites do procedemento abreviado.

3.2. A partir dese momento o expediente tramitarase de acordo co establecido nos arts. 15, 16 e 17 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 1997.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde

7623