Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 10 de outubro de 1997 Páx. 9.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 24 de setembro de 1997 pola que se regula a limitación de paso para os vehículos que circulan polo parque natural do Monte Aloia (Pontevedra).

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

A Lei 4/1989, do 28 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da fauna e flora silvestres, así como a lexislación autonómica concordante outórganlle a competencia para a administración do parque natural do Monte Aloia á Xunta de Galicia, exercida pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

En consecuencia, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ten competencia para establecer limitacións á circulación de vehículos co fin de garanti-la protección do parque natural do Monte Aloia ante o tránsito continuado de vehículos con

peso inadecuado ás características das pistas que discorren dentro do seu ámbito territorial; sen prexuízo das competencias que, con relación ós tramos das estradas ou pistas situados fóra do devandito ámbito territorial, ten (segundo a Lei 4/1994 de estradas de Galicia), a administración titular destas para impoñe-las limitacións temporais ou permanentes á circulación, así como para sinaliza-las correspondentes ordenacións resultantes da circulación.

En virtude da citada competencia, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPÓN:

Artigo 1º

Queda limitado a 20 toneladas o peso máximo autorizado por vehículo, considerándose como tal o peso deste maila carga que transporte.

Artigo 2º

Esta limitación estenderase a tódalas pistas e estradas con excepción da estrada principal Tui-Gondomar no seu percorrido por este (Pazos de Rei-Frinxo- límite co termo municipal de Gondomar).

Artigo 3º

As infraccións contra a presente orde sancionaranse de conformidade co disposto na Lei 4/1989, do 28 de marzo, sen prexuízo das competencias sancionadoras que ostente a administración titular das estradas de acordo co establecido na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

7595