Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 08 de outubro de 1997 Páx. 9.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia da Coruña, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-8-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscales e Empresarios da Provincia da Coruña e, da parte social por CC.OO., UGT e CIG o día 27-7-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 12 de agosto de 1997.

Carlos Martul Álvarez de Neyra

Delegado provincial accidental da Coruña

Convenio colectivo para o sector de oficinas

e despachos da provincia da Coruña.

Ano 1997-1998

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada por parte empresarial: pola Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da provincia da Coruña (AGS), e por parte dos traballadores: as centrais sindicais, Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ámbalas partes, despois de analizada a documentación que presentan como constancia da súa representatividade, recoñécense como interlocutores válidos, con lexitimación suficiente para a negociación do presente convenio, de conformidade co establecido no título III do vixente Estatuto dos traballadores, modificado pola Lei 32/1984, do 2 de agosto.

Capítulo II

Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Rexerase polo presente convenio a totalidade dos traballadores que na actualidade, ou no sucesivo, presten os seus servicios nas empresas reguladas polo ámbito funcional e situadas dentro do ámbito provincial.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O convenio será de aplicación a tódalas empresas encadradas, ou que no futuro se integren, en actividades reguladas pola ordenanza laboral para oficinas e despachos con data do 31 de outubro de 1972.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As normas do presente convenio serán de aplicación en toda a provincia da Coruña.

Artigo 5º.-Ámbito temporal. Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos, o día 1 de xaneiro de 1997, con independencia da data da súa publicación no BOP.

A súa duración será ata o 31 de decembro de 1998, e entenderase prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 6º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia deste á outra parte e á autoridade laboral competente; como mínimo terá que realizala con dous meses de antelación á data de expiración da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada, logo do acordo das partes, polas representacións empresariais e sociais que deliberaron neste.

Para os sós efectos de notificacións, sinálanse os seguintes domicilios:

-Pola representación empresarial:

Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais, Empresarios da provincia da Coruña.

r/ Rafael Alberti, 8 ppal., 15008 A Coruña.

-Pola representación social:

Unión sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.).

r/ Isaac Peral, 42-3º Esq., 15008 A Coruña.

Unión Xeral de Traballadores (UGT).

r/ Fernández Latorre, 27, 15006 A Coruña.

Confederación Intersindical Galega (CIG).

r/ Ronda de Nelle, 11 bis, baixo 1º e 2º, 15007 A Coruña.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase da seguinte forma:

I. a) Xornada de inverno: 40 horas efectivas semanais, traballadas de luns a venres, en réxime de xornada partida.

I. b) Xornada de verán: 35 horas efectivas semanais, traballadas de luns a venres, en réxime de xornada intensiva ou continuada. Este réxime de xornada levarase a cabo desde o día 21 de xuño ó día 21 de setembro, ambos inclusive.

Os traballadores en xornada continuada desfrutarán de 15 minutos de descanso diario.

As tardes dos días 24 e 31 de decembro de cada ano non serán laborables.

Aquelas empresas que teñan establecida unha xornada continuada todo o ano, respectarana como condición máis beneficiosa.

II. Horas extraordinarias: as horas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de

traballo terán a consideración de horas extraordinarias. As ditas horas poderán ser compensadas por tempos equivalentes de descanso retribuído, ou ben aboadas cunha recarga do 75%.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Ós traballadores interesados concederáselles, necesariamente, os seguintes permisos retribuídos:

a) Matrimonio do traballador: 15 días.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 5 días naturais.

c) Parto de esposa: 4 días naturais. No suposto de non concidiren, polo menos, dous días hábiles no cómputo dos 4 días naturais, ampliarase o permiso como garantía mínima dos días hábiles.

d) Morte do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos ou irmáns: 5 días naturais, que se ampliarán ata 8 días naturais, se o óbito ocorrese fóra da Comunidade Autónoma.

e) Morte de avós, tíos ou cuñados: 2 días naturais.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo que sexa necesario para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade.

g) Licencia a representantes sindicais: observarase o lexislado nesta materia.

Artigo 10º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado polo presente convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais, que se desfrutarán preferentemente nos meses de verán, de acordo coas necesidades da empresa.

As quendas de vacacións serán fixadas pola empresa e os delegados de persoal ou comité de empresa, ou no seu defecto, polas persoas que designen os traballadores.

A data de comezo do desfrute farase coincidir cun luns laborable.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión

Artigo 11º.-Salario base.

En concepto de salario base mensual, para cada categoría profesional, será o que se detalla na táboa salarial anexa, tendo efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 1997.

Os salarios do ano 1997 representan un incremento do 3,5% sobre os salarios vixentes ó 31 de decembro de 1996.

Para o ano 1998 páctase un incremento do 3% sobre os salarios vixentes ó 31 de decembro de 1997.

Artigo 12º.-Remuneración anual.

En cumprimento do que dispón o artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna das táboas salariais anexas os salarios en cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente convenio.

Artigo 13º.-Revisión económica.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC), establecido polo INE, rexistrase ó 31 de decembro de 1997 un incremento superior ó IPC previsto máis 0,5%, calcularase o exceso dos sumandos sobre os salarios vixentes ó 31 de decembro de 1996 e aboaranse con efectos do 1 de xaneiro de 1997.

Para o segundo ano de vixencia, no caso de que o IPC ó 31 de decembro de 1998 rexistrase un incremento superior ó 0,5% por encima do IPC previsto para ese ano, regularizarase o salario bruto anual para 1998, aplicándolle o exceso dos sumandos resultante, ó salario vixente o 31-12-1997. Esta regularización levarase a cabo e aboarase antes do 1-3-1999.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Desde o día 1 de xaneiro de 1989 establécese un complemento persoal de antigüidade para tódalas categorías, consistente en cuadrienios do 5% do salario base, que se devengará desde o día 1 do mes en que se cumpra.

Os traballadores que o 31 de decembro de 1989 estivesen percibindo algún bienio do 5% seguirán devengando o complemento de antigüidade consolidado na dita data pola mesma porcentaxe. Os sucesivos e posteriores períodos de antigüidade devengaranse, a partir do día 1 de xaneiro de 1989, en cuadrienios ó 5% do salario base.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supoñer máis do 10% ós 5 anos, do 25% ós 15 anos, do 40% ós 20 anos e do 60%, como máximo, ós 25 ou máis anos.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores ó servicio das empresas afectadas por este convenio percibirán 2 gratificacións extraordinarias cada ano, unha no mes de xullo e outra no mes de decembro. O importe de cada unha delas será dunha mensualidade do salario base máis antigüidade.

O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso do ano, percibirá as gratificacións extraordinarias en proporción ó tempo traballado.

Aqueles traballadores que polos conceptos anteriores veñan percibindo das empresas o importe correspondente a unha mensualidade do seu salario real, seguirán excepcionalmente as mesmas condicións por teren carácter máis beneficioso.

Artigo 16º.-Contratos eventuais.

1. En atención ás especiais características do sector que supón frecuentes e irregulares períodos nos que se acumulan as tarefas, as empresas poderán concertar contratos eventuais, ó abeiro do establecido neste convenio colectivo e no artigo 15 b) do Estatuto dos traballadores, por un tempo non superior a trece meses dentro dun período de dezaoito meses.

2. Cando se concerten estes contratos por un prazo inferior ó máximo establecido, poderán prorrogarse

por acordo das partes, unha ou máis veces, ata o referido prazo máximo de trece meses.

3. Naqueles casos en que o contrato se concertase por un prazo inferior ó máximo establecido e chegado o seu termo non existise denuncia previa de ningunha das dúas partes, nin existise acordo expreso de prórroga, pero se continuase realizando a prestación laboral, entenderase prorrogado tacitamente ata o prazo mázimo de trece meses.

4. Os contratos desta natureza xa existentes na data de entrada en vigor do presente convenio, poderán acollerse á duración máxima de trece meses.

5. Co obxectivo de fomenta-la estabilidade no emprego, ámbalas partes conveñen adherirse ós acordos asinados polos axentes sociais o 16-5-1997 e ó seu desenvolvemento normativo.

Artigo 17º.-Incapacidade temporal.

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, as empresas afectadas por este convenio garantiranlle ó traballador o 100% do salario que lle corresponda percibir no momento de producirse a baixa.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 18º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón dos métodos de organización das empresas, deba efectuar saídas fóra do municipio onde radica o centro de traballo, quedan establecidas da seguinte maneira:

Axuda de custo completa: fixarase na contía de 8.000 ptas. para tódalas categorías.

Media axuda de custo: será de 3.000 ptas. para tódalas categorías.

Capítulo VII

Acordos sociais

Artigo 19º.-Cadros de persoal.

As empresas reguladas por este convenio axustarán os seus cadros de persoal ás seguintes normas:

a) Os empregados que teñan directamente baixo a súa responsabilidade a quince ou máis traballadores dos grupos titulados administrativos ou técnicos, serán clasificados como xefes superiores.

b) En dependencias con dez ou máis traballadores dos grupos citados no apartado anterior, o empregado que se encontre á fronte destes terá a categoría de xefe de primeira.

c) Nos centros de traballo onde preste os seus servicios un número de sete traballadores dos grupos xa citados anteriormente ou, no suposto de que sendo menos de sete, exista un mínimo de tres traballadores clasificados como oficiais ou asimilados, estará á fronte destes un xefe de segunda.

Artigo 20º.-Ascensos.

Tódalas empresas reguladas polo presente convenio están obrigadas a dispoñer nos seus cadros de persoal, como mínimo, dun número de oficiais de primeira igual ó 20% do cadro de persoal total de oficiais.

A elección dos novos oficiais de primeira é facultade exclusiva do empresario. Para o seu cómputo, non se terán en conta as fraccións decimais.

Os auxiliares administrativos con cinco anos de servicio nesta categoría dentro da empresa, pasarán automaticamente á categoría de oficial de segunda administrativo.

Os auxiliares administrativos ós tres anos de antigüidade en categoría dentro da empresa, pasarán a percibi-las remuneracións que fixa para estes casos a táboa salarial anexa.

O auxiliar especialista de oficina con máis de tres anos de antigüidade na súa categoría dentro da empresa, será ascendido automaticamente á categoría de calcador.

Os cobradores, ó cumpriren dez anos de antigüidade na súa categoría dentro da empresa, asimilaranse, exclusivamente para efectos económicos, ós oficiais administrativos de segunda.

Os mozos dos recados, ó cumpri-los dezaoito anos, pasarán automaticamente á categoría de ordenanza.

Artigo 21º.-Póliza de accidentes.

As empresas afectadas polo presente convenio colectivo estarán obrigadas a subscribir no prazo de 20 días desde a data de publicación no BOP, unha póliza de accidentes que garanta a tódolos traballadores un capital de 2.000.000 de ptas. para morte e 3.000.000 de ptas. para invalidez permanente, derivada, en ámbolos casos, de accidente de traballo.

As empresas de nova creación disporán dun prazo de 30 días, desde a alta do primeiro productor, para formaliza-la dita póliza.

Artigo 22º.-Premio de xubilación.

Todo traballador que, cunha antigüidade mínima de quince anos ó servicio da empresa, se acolla á xubilación anticipada, cobrará en concepto de premio á vinculación as seguintes cantidades:

Ós 60 anos, 6 meses de salario.

Ós 61 anos, 5 meses de salario.

Ós 62 anos, 4 meses de salario.

Ós 63 anos, 3 meses de salario.

Ós 64 anos, 2 meses de salario.

Capítulo VIII

Acción sindical

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais dentro e fóra das empresas, haberá que aterse ó que sobre

esta materia dispón o vixente Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 24º.-Revisións médicas.

Tódalas empresas vinculadas ó presente convenio colectivo estarán obrigadas a solicitar do Centro Provincial do Servicio Social de Hixiene e Seguridade no Traballo, ou a mutua patronal que cubra o risco de accidente de traballo, un recoñecemento médico anual para todo o persoal.

O tempo empregado para o dito recoñecemento será aboado pola empresa.

Capítulo IX

Cómputos e vinculacións

Artigo 25º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio formarán un todo orgánico e indivisible e, consecuentemente, absorberán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera tipo que viñeran anteriormente satisfacendo as empresas, ben sexa por imperativo legal, convenio colectivo, etc.

Artigo 26º.-Vinculación á totalidade.

Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas no presente convenio e pactadas polas partes deliberantes nel, forman un todo orgánico e indivisible; en consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con olvido das restantes senón que, para tódolos efectos, o presente convenio deberá ser aplicado e observado na súa integridade.

No suposto de que a autoridade laboral ou xurisdicción competente, no exercicio das súas facultades, declarase nulo, total ou parcialmente, algún artigo, o presente convenio quedará invalidado na súa totalidade e levarase a cabo unha nova negociación.

Artigo 27º.-Cláusula de desvinculación salarial.

Os compromisos en materia aslarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula reguladora no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

a) Comisión paritaria do convenio.

b) Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegarase a documentación seguinte:

I. Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios, nos que se demostre que durante estes se produciron perdas reais.

II. Plan de viabilidade para o período que se pretenda a aplicación da dita cláusula de exención, xustificación económica e repercusión real na mellora global dos resultados da empresa.

Disposición derradeira

No non establecido de maneira expresa no presente convenio e mentres non sexa publicada outra disposición que substitúa a hoxe derrogada ordenanza

laboral para oficinas e despachos do 31 de outubro de 1972, seguirase aplicando esta como norma supletoria, así como o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, sobre o Estatuto dos traballadores.

TÁBOA SALARIAL

Categorías19971998

MesAnoMesAno

Grupo I. Titulados
Titulado G. superior146.9602.057.435151.3692.119.163
Titulado G. medio 132.6451.857.024136.6241.912.741

Grupo II. Administrativo
Xefe superior132.6451.857.024136.6241.912.741
Xefe de primeira130.7481.830.478134.6701.885.392
Xefe de segunda, caixeiro con sinatura, xefe de reporteiros, traductor e intérprete xurado de máis dun idioma126.6611.773.257130.4611.826.455
Oficial primeira, caixeiro sen sinatura, intérprete xurado dun idioma, operador de máquinas contables, taquimecanógrafo, telefonista ou recepcionista con dous ou máis idiomas, inspector de zona116.1311.625.836119.6151.674.611
Oficial segunda, telefonista ou recepcionista cun idioma, reporteiro de axencias de información, traductor e intérprete non xurado, xefe de visitadores110.6061.548.488113.9241.594.943
Auxiliar con antigüidade superior a tres anos100.5141.407.196103.5291.449.412
Auxiliar, telefonista, visitador-cobrador, pagador96.4161.349.83099.3081.390.325
Aspirante67.653947.13969.683975.553

Grupo III. Técnicos de oficina
Xefe superior132.6451.857.024136.6241.912.741
Xefe de primeira, xefe de equipo de informática, analista, programador de ordenadores130.7481.830.478134.6701.885.392
Xefe de segunda, xefe de delineación, xefe de explotación, programador de máquinas auxiliares, administrador de tratamentos de cuestionarios126.6611.773.257130.4611.826.455
Xefe de equipo de enquisas, coordinador de estudios124.6181.744.654128.3571.796.994
Delineante proxectista118.6221.660.713122.1811.710.534
Debuxante proxectista, controlador. Oper. ordenadores116.1311.625.836119.6151.674.611
Delineante110.6061.548.488113.9241.594.943

Grupo IV. Especialistas oficina
Xefe de máquinas básicas126.6611.773.257130.4611.826.455
Operador de tabuladores, inspector de entrevistadores, encargado Depart. de reprografía116.1311.625.836119.6151.674.611
Operador de máquinas básicas, entrevistador-enquisador, debuxante110.6061.548.488113.9241.594.943
Calcador, perforista, verificador, clasificador102.1311.429.830105.1951.472.729
Auxiliar96.4161.349.83099.3081.390.325
Aspirante67.653947.13969.683975.556

Grupo V. Subalternos
Conserxe maior102.1311.429.829105.1951.472.729
Conserxe98.1681.374.348101.1131.415.583
Ordenanza, vixilante96.4161.349.83099.3081.390.325
Botóns 17 anos65.598918.37667.556945.927
Botóns 16 anos59.130827.82060.905852.670

Grupo VI. Oficios varios
Encargado almaceneiro110.6061.548.488113.9241.594.943
Oficial primeira, conductor primeira106.4981.490.978109.6931.535.707
Oficial segunda, conductor segunda102.1311.429.830105.1951.472.729
Axudante, operador de reproductoras de planos, operador de multicopistas ou fotocopias91.9141.286.79994.6711.325.403
Peón, mozo, limpador/a, a xornada completa96.4161.349.83099.3081.390.325

Por representación empresarial:

Jesús Vázquez Vázquez (AGS)

José Ramón Briones Varela (AGS)

Eladio Ferrero Fernández (AGS)

Isidro Pousada Vales (AGS)

Por representación social:

José Luis Paz Pena (CC.OO.)

Gerardo Mariño Castro (CC.OO.)

Julián Roberto Mayo Corzo (UGT)

J. Enrique Baamonde Rodríguez (UGT)

Mª Xosé García Roca (CIG)

José A. Vijande Parapar (CIG)

7659