Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 06 de outubro de 1997 Páx. 9.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 271/1997, do 18 de setembro, polo que se desafecta do dominio público a casa de legoeiro sita no concello de Verín, afecta ó servicio público de estradas.

O Concello de Verín solicitou perante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a cesión gratuíta do uso da casa de legoeiro, sita no parque de maquinaria, na Avda. dos Balnearios, concello de Verín, afecta á estrada OR-310 de Verín a Soutochao, para dedicala a equipamentos culturais competencia do concello.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda informou favorablemente a cesión solicitada, o que leva consigo, segundo o disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do devandito inmoble, de acordo coa súa non utilización e a previsión de non ser necesario nun futuro próximo.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo o antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta, logo da instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben inmoble que a continuación se describe:

1º. Casa de legoeiro, sita no parque de maquinaria, na Avda. dos Balnearios, concello de Verín, afecta á estrada OR-310 de Verín a Soutochao.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7554