Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 01 de outubro de 1997 Páx. 9.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 25 de setembro de 1997 pola que se establecen medidas complementarias de apoio ás rendas dos productores do sector da carne de vacún.

Como consecuencia da aparición da enfermidade coñecida como encefalite esponxiforme bovina (EEB) ou vacas tolas, produciuse unha grande perturbación nos mercados de carne de vacún da Unión Europea, o que fai necesario, por parte das autoridades comunitarias, a adopción de medidas correctoras destas anomalías.

Neste sentido publicáronse os regulamentos (CE) 1357/1996, do Consello, do 8 de xullo, e o 1504/1996, da Comisión, do 29 de xullo, que dispoñían primas complementarias ás recollidas no Regulamento (CEE) 805/1968. Co mesmo obxectivo publicouse o Regulamento (CE) 2443/1996, do Consello, do 17 de decembro, que establece medidas complementarias para palia-los efectos negativos da aparición da mencionada enfermidade sobre os mercados de carne de vacún para o ano 1997.

Por último, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 29 de maio de 1997, recolle os criterios básicos para a realización do pagamento de 28.52 millóns de ECU atribuídos a España polo devandito Regulamento 2443/1996.

Por todo o exposto e sen prexuízo da aplicabilidade directa dos regulamentos comunitarios, resulta conveniente regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a xestión das axudas establecidas na normativa citada, que se transcribe parcialmente para unha mellor divulgación desta, e dentro das competencias atribuídas a esta Comunidade Autónoma.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde establece os criterios para realiza-los pagamentos complementarios a que se refire o Regulamento (CE) 2443/1996, do Consello, ós productores do sector da carne de vacún.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios dos pagamentos adicionais a que se refire a presente orde, os productores que solicitasen a prima por vacas nutrices ou a prima especial ós productores de carne de vacún correspondentes á campaña 1996, ó abeiro da orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 23 de novembro de 1995, pola que se regula o pro

cedemento para a solicitude, tramitación e concesión de axudas ós productores de determinados cultivos herbáceos na campaña de comercialización 1996/1997 e das primas en beneficio dos productores de carne de vacún e dos que manteñan vacas nutrices para 1996.

Artigo 3º.-Animais con dereito a prima.

O número de animais polo que se concederá a axuda adicional a cada productor será aquel polo que solicitaron as axudas ás vacas nutrices ou ós bovinos machos na campaña 1996, limitado, no caso dos bovinos machos, a un máximo de 90 animais por cada explotación e tramo de idade, segundo o disposto no apartado 2º do artigo 12 da orde do MAPA do 23-11-1995 á que se fai referencia no artigo 2º.

Non obstante, no caso de que como consecuencia da realización dos controis administrativos ou sobre o terreo, de acordo co descrito na orde do MAPA do 23-11-1995, se teña comprobado que o número de animais declarado nunha solicitude é superior ó número de animais correctamente comprobados no control, o número de animais con dereito ás axudas adicionais será o comprobado no control, excepto en caso de que a diferencia se deba a unha causa de forza maior debidamente notificada polo productor.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe unitario da axuda adicional que se lles aboará os productores que manteñan vacas nutrices será de 2.400 pesetas por vaca con dereito a axuda, segundo o artigo 3º.

O importe unitario da axuda adicional que se lles aboará ós productores de bovinos machos será de 1.550 pesetas por bovino con dereito a esta, segundo o artigo 3º.

Artigo 5º.-Importes percibidos indebidamente.

Cando os productores teñan que devolver importes percibidos indebidamente, deberán efectua-lo seu reembolso xunto cos xuros correspondentes ó tempo transcorrido entre o pagamento e o devandito reembolso. Os xuros calcularanse de acordo co tipo de xuro de demora establecido na correspondente Lei de presupostos xerais do Estado vixente en 1997, e ó que fai referencia o artigo 58.2º da Lei xeral tributaria.

Non obstante, cando o pagamento indebido se efectuase por erro da Administración competente, non se aplicará xuro ningún.

Disposicións adicionais

Primeira.-Financiamento.

O financiamento das axudas recollidas na presente orde realizarase para o exercicio 1997, con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A 779 axudas comunitarias a productores, derivadas da nova PAC, do orzamento da Consellería de Agricultura, Gan

dería e Montes para 1997, dotado con 400 milóns de pesetas para este programa.

Segunda.-Resolución e pagamento.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, como organismo pagador de gastos do FEOGA-garantía, en virtude do Decreto 359/1996, do 13 de setembro, procederá á aprobación e pagamento das axudas adicionais ós productores, a máis tardar, o 15 de outubro de 1997. Transcorrido este prazo, entenderase sen dereito a axuda toda solicitude que non fose aboada.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA) actuará, dentro das súas competencias, como organismo xestor das axudas previstas na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do ILGGA, no ámbito das súas competencias, para dicta-las normas precisas para un mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1997.

P.D. (Orde 13-12-1993)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

6425