Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 01 de outubro de 1997 Páx. 9.656

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 1377/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso de funcións e servicios á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo.

A Constitución española resérvalle ó Estado, no artigo 149.1.20ª, a competencia exclusiva en materia de mariña mercante.

Mediante os reais decretos 4189/1982, do 29 de decembro, e 1283/1987, do 2 de outubro, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios da Administración do Estado en materia de ensinanzas náuticas. Por este acordo, procede completa-los traspasos efectuados cos relativos ó mergullo.

Finalmente, o Real decreto 581/1982, do 26 de xullo, determina as normas e o procedemento ó que terán que axustarse os traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no Real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

esta comisión adoptou, na súa reunión do día 31 de xullo de 1997, o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo da deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vintenove de agosto de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado polo Pleno con data do 31 de xullo de 1997, polo que se traspasan as funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo, e que se transcribe como anexo do presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os medios persoais e os créditos orzamentarios correspondentes, nos termos que resultan do propio acordo e das relacións anexas.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º

Os créditos orzamentarios que se determinen, de conformidade coa relación número 2 do anexo, serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financia-lo custo dos servicios asumidos polas comunidades autónomas, unha vez se remitan ó departamento citado, por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, os respectivos certificados de retención de crédito, para darlle cumprimento ó disposto na vixente Lei 12/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais do Estado para 1997.

Disposición derradeira única

O presente Real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario

Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Palma de Mallorca, vintenove de agosto de mil novecentos noventa e sete.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

Xoán Carlos R.

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta de Transferencias, celebrada o día 31 de xullo de 1997, se adoptou un acordo sobre traspaso das funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo, nos termos que a continuación se expresan:

A) Competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución, no artigo 149.1.20ª, establece que o Estado ten competencia exclusiva en materia de mariña mercante.

Mediante os reais decretos 4189/1982, do 29 de decembro, e 1283/1987, do 2 de outubro, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de ensinanzas náuticas.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de xullo, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións ás que teñen que axustarse os traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á dita Comunidade Autónoma.

En consecuencia, procédese por este acordo a completa-los traspasos efectuados cos relativos ó mergullo.

B) Servicios e institucións que se traspasan.

A Comunidade Autónoma de Galicia, para o ámbito do seu territorio, asume as funcións e servicios da Administración do Estado correspondentes á autorización e apertura de centros de ensinanzas de mergullo profesional, a realización e control de exames para o acceso a titulacións de mergullo profesional, así como a expedición de títulos e tarxetas de identidade profesional que habiliten o exercicio dese tipo de mergullo.

O exercicio destas funcións desenvolverase de conformidade cos criterios da normativa que, se é o caso, estableza o Estado no ámbito das súas competencias.

C) Bens, dereitos e obrigas da Administración do Estado obxecto de traspaso.

Non existen bens, dereitos e obrigas neste traspaso.

D) Persoal que se traspasa.

1. Os medios persoais obxecto de traspaso referéncianse nominalmente na relación anexa número 1, e pasarán a depender da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos legalmente previstos polo Estatuto de Autonomía e demais normas en cada caso aplicables, e nas mesmas circunstancias que se especifican nos seus expedientes de persoal.

2. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación notificaralles ós interesados o traspaso, tan axiña como o Goberno aprobe o presente acordo por real decreto.

Así mesmo, remitiraseselles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de tódolos expedientes deste persoal traspasado, así como dos certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 1997.

E) Valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios que se traspasan.

1. A valoración definitiva do custo efectivo que, en pesetas de 1996 lles corresponde ós medios adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia, elévase a 3.190.087 pesetas.

2. O financiamento, en pesetas de 1997 que corresponde ó custo efectivo anual dos medios que se traspasan, detállase na relación número 2.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 2, financiarase do seguinte xeito:

Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da

Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o custo total financiarase mediante a consolidación nas sección 32, dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio, a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento dos servicios transferidos, serán obxecto de regularización ó peche do exercicio económico, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes perante unha comisión de liquidación, que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

F) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos servicios traspasados realizarase no prazo dun mes desde a entrada en vigor do real decreto polo que se aprobe este acordo, subscribíndose para tal efecto a correspondente acta de entrega e recepción.

G) Data de efectividade do traspaso.

O traspaso de funcións e servicios obxecto do presente acordo terá efectividade a partir do día 30 de setembro de 1997.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 31 de xullo de 1997.

Secretarios da comisión mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín

Relación número 1

Persoal funcionario

Provincia

Posto de traballo e corpo

Nome e apelidos e NRP

Retribucións

básicas-

pesetas

Retribucións

complementarias-

pesetas

Total-

pesetas

Seguridade

Social-

pesetas

A Coruña (sede

Santiago de Compostela).

Xefe negociado N-14. Xeral

Auxiliar Admón. Estado.

Auxiliar de oficina N-12. Xeral

Auxiliar Admón. Estado.

Manuel Fernández Carbajales

7671640535 A1146

Ana Durán González

3490820646 A1146

1.166.634

1.166.634

571.632

497.328

1.738.266

1.663.962

Total2.333.2681.068.9603.402.2280

Relación número 2

Custo do traspaso da expedición dos títulos de ensino de mergullo profesional á Comunidade Autónoma de Galicia

Pesetas

Custos directos

Capítulo I. Gastos de persoal:

Servicio 02. Programa 126F. Artigo 12 1.738.266

Servicio 11. Programa 712H. Artigo 12 1.663.962

Total traspaso 3.402.228

7288