Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 30 de setembro de 1997 Páx. 9.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 266/1997, do 18 de setembro, polo que se aproban os estatutos da sociedade anónima Servicios Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

Unha das funcións previstas na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), é a da creación de sociedades de servicios ou comerciais, coa finalidade de mellora-la competividade do sector lácteo e gandeiro nesta Comunidade Autónoma.

A posibilidade da constitución de empresas públicas como medio de execución de funcións competencia da Administración autonómica prevese no artigo 55.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. No mesmo sentido incide o artigo 45 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, admitindo a posibilidade de creación indirecta a través de organismos autónomos, ó mesmo tempo que fixa unhas normas de carácter xeral, con independencia doutras específicas que resulten de aplicación. Entre as de carácter xeral, que se establecen no apartado 3d) do citado artigo, están as relativas á esixencia de que os estatutos das empresas sexan aprobados polo Consello da Xunta, estatutos que deberán determina-la composición, competencia, funcionamento e forma de designación da Xunta Xeral e do Consello de Administración; débense observar criterios de proporcionalidade no reparto de postos nos órganos de xestión en relación coa participación no capital social.

A creación da sociedade foi acordada polo Consello de Dirección do Ilgga, na reunión celebrada o 16 de abril de 1997, conforme o disposto nos artigos 5.d) da Lei 7/1994, de 29 de decembro e o artigo 8.2d) do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a anterior.

O seu obxecto social circunscríbese á prestación de toda clase de asesoramento e servicios relacionados cos sectores agrícola, gandeiro e forestal, tanto a persoas físicas como xurídicas, de dereito público ou privado, ben a través de contratos suxeitos ó dereito administrativo como civil ou mercantil, ou a través de convenios de colaboración.

Xa que logo, consonte todo o exposto, cómpre agora aproba-los estatutos da devandita sociedade.

Na súa virtude, despois dos informes preceptivos e de acordo coa normativa vixente, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 45.3 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 2.2g) da Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Ilgga, apróbanse os estatutos da sociedade anónima Servicios Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

Servicios Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), terá o carácter de sociedade pública autonómica, ó abeiro do establecido no artigo 12-1-a) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o presidente do Ilgga para a realización de tódolos actos precisos para a posta en práctica do establecido no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

6426