Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 23 de setembro de 1997 Páx. 9.414

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 255/1997, do 10 de setembro, polo que se crea na Subdirección Xeral de Orzamentos do Servicio Galego de Saúde o Servicio de Aprovisionamento.

A actual estructura do Servicio Galego de Saúde (en adiante Sergas) establécese no Decreto 64/1996, do 15 de febreiro (DOG nº 41, do 27 de febreiro), no seu artigo 1 sinala que para o desenvolvemento das súas competencias e cumprimento dos seus fins se estructura en diversos órganos e unidades; entre os de dirección e xestión figura a Dirección Xeral de Recursos Económicos encargada con carácter xeral da execución, ordenación e avaliación da xestión económica e orzamentaria do Sergas, así como da proposta e execución dos programas de investimentos de obras, instalacións e subministracións do organismo.

No artigo 17 deste decreto, sinálase a Subdirección Xeral de Orzamentos como a unidade á que lle corresponden actuacións relativas á execución e seguimento da xestión orzamentaria, así como realizar estudios e propostas alternativas dirixidas a mellora-la eficacia e control do gasto.

As funcións que se veñen desempeñando na Subdirección Xeral de Orzamentos e a necesidade de levar a cabo as actuacións que permitan a obtención de

economías de escala nos centros do Sergas, dada a amplitude e diversidade, así como a importancia económica dos materiais sanitarios, de laboratorio, implantes cirúrxicos e resto de productos consumidos polos centros do Sergas, tanto en atención especializada como en atención primaria, fan aconsellable a creación dun Servicio de Aprovisionamento ó que lle correspondería o apoio na realización das liñas comúns de actuación en materia de aprovisionamento dos centros do Sergas.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e cos informes previos das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noveta e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Créase na Subdirección Xeral de Orzamentos da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas o Servicio de Aprovisionamento adscrito á devandita subdirección xeral.

Segundo.-As funcións que desenvolverá este servicio de aprovisionamento son as seguintes:

a) Coordinación cos centros de xestión e cos provedores de materiais levando a cabo actuacións que optimicen os recursos humanos e económicos destinados á xestión de materiais.

b) Servir de apoio ó funcionamento da Comisión Técnica de Subministracións do Servicio Galego de Saúde.

c) A coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servicio Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que permitan a adquisición centralizada de productos para os centros do Sergas.

d) Proceder á elaboración, implantación e mantemento do catálogo de productos consumidos nos centros do Sergas, con codificación única, de acordo coa distribución en grupos, subgrupos e familias.

e) Propoñer, logo da elaboración das comisións técnicas, as oportunas instruccións sobre homologación de productos de uso xeral, estea centralizada ou non a súa adquisición, así como dos provedores.

f) Avaliar e garanti-lo seguimento en tempo real das compras e consumos de materiais en tódolos centros do Sergas.

g) Realizar de forma sistemática estudios de mercado e comparativos de productos / prezos / provedores, os resultados dos cales serán dados a coñecer en todo o ámbito do Sergas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan

necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

97-7323