Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 23 de setembro de 1997 Páx. 9.413

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación e adscrición do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

A Xunta de Galicia, consciente do problema humano, socio-sanitario e económico que supón na nosa Comunidade Autónoma a drogodependencia e a oferta e demanda de drogas, vén traballando desde o ano 1986 co obxecto de reducir e, na medida do posible, elimina-los problemas derivados do consumo de drogas.

Trala creación do Plan Nacional sobre Drogas en 1985 e en coordinación con el, a Xunta de Galicia poñía en marcha en 1986 o Plan Autonómico sobre Drogodependencias. Baixo esta denominación integrábanse tres elementos:

-Un documento marco de planificación de accións.

-Un conxunto de recursos sanitario-asistenciais dedicados a prestar servicios públicos de prevención, tratamento e reincorporación social de drogodependencias.

-Un órgano administrativo integrado na consellería competente en materia sanitaria.

A través do Decreto 33/1993, do 19 de febreiro (DOG nº 39, do 26 de febreiro), formalizábase a creación do denominado Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, como órgano administrativo aglutinador de tódalas actuacións da Administración autonómica no eido da loita contra as drogas, cunha adscrición orgánica á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e unha dependencia funcional da mesma consellería.

Como complemento dese Decreto 33/1993, do 19 de febreiro, mediante o Decreto 86/1994, do 14 de abril (DOG nº 77, do 22 de abril), procedíase a establece-la estructura e funcións da Oficina do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias que, en virtude do Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se regulaba a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, quedaba adscrita á citada consellería, dependendo organicamente da secretaría xeral desta.

Posteriormente, o Parlamento de Galicia procedía á aprobación da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, publicada no DOG nº 100, do 22 de maio, pretendéndose con esta norma establecer un marco normativo que, entre outras cousas, permitise unha revisión do Plan Aútonómico sobre Drogodependencias que viña funcionando desde 1986.

A citada Lei 2/1996, do 8 de maio, establece no apartado primeiro do seu artigo 23 que a planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na

Comunidade Autónoma se preverá nun Plan de Galicia sobre Drogas. Así mesmo, prevé no seu artigo 30 a creación dun órgano coordinador do devandito plan.

Toda vez que o pasado 23-1-1997 o Consello da Xunta de Galicia aprobaba o Plan de Galicia sobre Drogas 1997-2000, cómpre agora identifica-lo órgano administrativo coordinador deste e proceder á súa adscrición orgánica e funcional.

Unha vez creado e identificado o citado órgano coordinador, será necesario, nun paso posterior, darlle cumprimento ó disposto polo apartado segundo do artigo 30 da Lei 2/1996, do 8 de maio, no sentido de que, por un decreto da Xunta de Galicia se deberá determina-lo nivel orgánico e ámbito competencial do órgano administrativo coordinador do Plan de Galicia sobre Drogas.

Por todo o sinalado, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Polo presente decreto créase o Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, como órgano unipersoal coordinador do Plan de Galicia sobre Drogas ó que se refire a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que quedará adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Conforme dispón o apartado primeiro do artigo 30 da mencionada lei, o Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas será o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisa-las directrices e accións que, respecto da materia obxecto da lei, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a coordinación e supervisión dos programas, orzamentos e recursos que, en relación co Plan de Galicia sobre Drogas, teña asignada a Administración autonómica.

Artigo 2º

O desenvolvemento das estructuras orgánica, competencial e funcional do comisionado, así como as da súa oficina, virá determinado por decreto segundo proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tódalas referencias e alusións ó comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias contidas en normativa vixente e anterior á presente norma, entenderanse feitas ó comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, creado polo presente decreto.

Disposición transitoria

Mentres non se aprobe a norma a que se refire o artigo 2º deste decreto e non se proceda ó nomeamento do comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, o actual comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias continuará no desempeño das fun

cións previstas no Decreto 33/1993, do 19 de febreiro, e a Oficina do Comisionado manterá a estructura e funcións previstas no Decreto 86/1994, do 14 de abril.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto e en particular:

-O Decreto 33/1993, do 19 de febreiro (DOG nº 39, do 26 de febreiro), de creación do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

-O Decreto 86/1994, do 14 de abril (DOG nº 77, do 22 de abril), polo que se establecía a estructura e funcións da Oficina do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para a execución e desenvolvemento do disposto no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novencentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

7184