Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 22 de setembro de 1997 Páx. 9.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 9 de setembro de 1997 pola que se declara a alienabilidade do inmoble coñecido como complexo de turismo náutico/club fluvial de Castrelo de Miño, termo municipal de Castrelo de Miño (Ourense).

O Concello de Castrelo de Miño, mediante acordo do Pleno con data do 30 de maio de 1996, solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión do uso das instalacións do complexo de turismo náutico sito no seu termo municipal, co fin de dedicalas a actividades náutico-turísticas.

Mediante o Decreto 210/1997, do 30 de xullo (DOG nº 152, do 8 de agosto), procedeuse á desafectación do inmoble.

Unha vez obtida a inscrición no correspondente Rexistro da Propiedade do devandito ben a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede

declara-la súa alienabilidade conforme o disposto nos artigos 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-la cesión do dereito de uso deste.

En virtude do anteriormente exposto, á vista da solicitude presentada, tendo en conta a proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, e logo do informe favorable da Secretaría Xeral para o Turismo,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declárase a alienabilidade do seguinte ben inmoble que se describe a continuación:

Parcela de terreo denominada Regocha ou O Fontenlo, sita no termo municipal de Castrelo de Miño (Ourense), dunha extensión superficial de trinta e dous mil trescentos metros cadrados, que linda ó norte, co encoro de Castrelo; ó sur, terreos do concello, de Carlos Alonso Montero, José Álvarez Castiñeiras, Antonio Rodríguez Villar, María Esther Viso González, Francisco Guitián González, Camilo Fernández Lafuente, Alfonso Bande González, Fernando Pérez Viso, Manuel Rodríguez Rodríguez, Carlos Alonso Montero, José González Bangueses, Florencio Regueiro Rey, Tomás Sobrino Trabazos e José González Bangueses; ó leste, camiño e ó oeste, terreos municipais e Unión Eléctrica-Fenosa, S.A.. Sobre a dita parcela construíuse un edificio de planta baixa e primeira planta, coas características constructivas reflectidas no proxecto de obra e que linda por tódolos seus ventos coa parcela antes descrita. A planta baixa ten unha superficie construída de 730,02 m e unha superficie útil de 441,07 m e

alberga as seguintes dependencias: almacén, cociña, restaurante, cafetería, cuarto de instalacións, sala de xogos, caixa de urxencias e sala de estar. Na planta primeira, cunha superficie de 642,35 m e útil de 563,24 m, encóntrase unha sala de estar, unha zona de comunicación e unha terraza cuberta.

Atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadavia no tomo 471, libro 77 de Castrelo de Miño, folio 43, predio número 10.104, inscrición 2ª.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7051