Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 22 de setembro de 1997 Páx. 9.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 5 de setembro de 1997 pola que se declara a alienabilidade de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Aranga, Arteixo, Boqueixón, Fisterra, O Pino, Val do Dubra, Samos e Cotobade.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres, establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles para os fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Polo Decreto 140/1997, do 5 de xuño (DOG nº 115, do 17 de xuño), desafectáronse, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Aranga, Arteixo, Boqueixón, Fisterra, O Pino, Val do Dubra, Samos e Cotobade.

Unha vez obtida a inscrición nos correspondentes rexistros da Propiedade dos ditos bens inmobles a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade conforme o disposto nos artigos 24 da citada Lei 3/1985 e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu

regulamento, co obxecto de posibilita-la cesión do dereito de uso destes.

En virtude do anteriormente exposto, á vista das solicitudes de cesión de uso presentadas, tendo en conta a proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, e logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen a continuación:

1. Urbano. edificio sen número no sitio de Arriba do Prado do Arrequento, no lugar de Gomil, parroquia e municipio de Aranga (A Coruña), composto de planta baixa, distribuída en arquivo, secretaría, sala de xuntas e oficinas, dunha superficie construída aproximada de 63 m. Rodeada por tódolos seus aires por un terreo destinado a chousa de 9 áreas e 18 centiáreas. Forma todo un só predio de dous ferrados e cuarto, ou 9 áreas e 81 centiáreas. Linda: norte, regato de Foxo, que o separa do campo de José Grañas e Ángel Vázquez; sur, o seu cerrado de monte da herdanza e dos herdeiros de Francisco García; leste, prado ó que lle chaman Longo, de Ángel Vázquez Roca, e máis camiño; e oeste, o seu cerrado de monte da herdanza e dos herdeiros de Francisco García.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos no tomo 1.431, libro 42, folio 134, predio nº 3.257, inscrición 4ª.

2. Rústico: terreo ó que lle chaman Horta de Baiuca, no lugar de Baiuca, parroquia e municipio de Arteixo (A Coruña), que mide seis áreas e vinteoito centiáreas, ou un ferrado e dez cuartillos. Linda: norte, casa, cortes e horta dos de Enrique Sánchez Vázquez; sur, herdeiros de Santiago Astray, valo da súa propiedade no medio; leste, labradío dos mesmos herdeiros de Astray, valo no medio; e oeste, estrada da Coruña a Carballo, tamén valo no medio. Sobre este soar construíuse unha casa de aproximadamente 120 m de planta baixa e alta.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 3 da Coruña no libro 352, folio 126, predio nº 12.133, inscrición 2ª.

3. Rústico: predio número 9 do plano xeral da zona de concentración parcelaria de San Vicente de Boqueixón, no sitio de Fonte Blanca, concello de Boqueixón (A Coruña), sobre a que hai construído un edificio dunha soa planta, que ocupa a extensión de 100 m, que forma co terreo sobrante un só predio.

Linda: norte, con José Carrillo; sur, estrada da Susana a Ponte Ledesma; este, con Consuelo Novo Mareque; e oeste, con Pedro Gómez Ferreiro.

Inscrita no Rexistro da Propiedade nº1 de Santiago de Compostela no tomo 1.215, libro 86, folio 219, predio nº 8.216, inscrición 3ª.

4. Rústico: terreo secaño, no sitio de Hermedesujo de Abajo, número 417 da zona de concentración parcelaria de San Martiño e San Vicente de Duio, municipio de Fisterra (A Coruña), de 37 áreas e 85 centiáreas. Linda: norte, con camiño público; sur, con masa común (421), saída a camiño público e Manuel Castreje Leis; leste, con Fernando Ínsua Trillo (418); e oeste, con Ramón Senlle Santos (416). Sobre o terreo atópase construída unha casa de planta baixa, dunha superficie de 115 m; ten dúas entradas pola súa fronte norte, unha para almacén e outra para oficinas. Linda por tódolos seus ventos co predio no que está enclavada.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Corcubión no tomo 544, libro 53, folio 84, predio nº 6.029, inscrición 3ª.

5. Urbano: soar na parroquia de Arca, municipio do Pino (A Coruña), de 918 m. Linda: norte, dereita entrando, por onde ten 37 m de Iglesias Viñas; sur, esquerda entrando, por onde ten 35 m, terreo que pertence ó Concello do Pino; leste ou fronte, por onde ten 31 m, a estrada de Lugo a Santiago de Compostela; e oeste ou fondo, por onde ten 20 m, valo de Josefa Chico Lareo. Sobre parte deste predio, cara á súa fronte ou leste, construíuse unha casa de planta baixa, cunha extensión de 136 m, que linda por tódolos seus ventos con máis terreo sen edificar.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 412, libro 50, folio 99, predio nº 2.044, inscrición 4ª.

6. Rústico: terreo ó que chaman Freán, no lugar e parroquia de Bembibre, municipio de Buxán, hoxe Val do Dubra (A Coruña), dunha superficie de 222 m. Linda: norte, camiño; sur, camiño; leste, terreo de Pablo Casais; oeste, Campo da Feira de Bembibre. Sobre este predio, cara ó noroeste, construíuse un edificio composto de dúas plantas, unha baixa e outra alta, de 100 m cada unha; linda polo norte coa beirarrúa do edificio e camiño, sur, leste e oeste, co terreo propio.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 625, libro 78, folio 155, predio 1.416, inscrición 4ª.

7. Urbano: soar na rúa Xeneral Franco, s/n, do municipio de Samos (Lugo), cunha superficie de 200 m, sobre o que se construíu unha casa, de planta baixa e alta, que ocupa a extensión total do terreo. Linda: norte e sur, vías públicas; leste, herdeiros de José Gómez Pereira, parede que fai de medianil; oeste, José Valdés Grandío, parede medianil.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria no tomo 380, libro 50, folio 87, predio nº 4.695, inscrición 3ª.

8. Rústico: terreo ó que chaman Nabal e Malvariña, no lugar de Chan, parroquia de Carballedo, municipio de Cotobade (Pontevedra), que ocupa unha extensión de dezanove áreas e cinco centiáreas. Linda: norte, herdeiros de Emilia García e estrada de Caroi; sur, estrada de Augasantas; leste, herdeiros de Francisco Blanco; oeste, estrada de Caroi e concello de Cotobade. Sobre a parcela descrita atópase construído un edificio de baixo e planta alta de 140 m que linda por tódolos seus aires co seu soar.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ponte-Caldelas no tomo 133, libro 57, folio 161, predio 5.238, inscrición 2ª.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7146