Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 1997 Páx. 9.091

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 1997, do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural de Pontevedra, pola que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Tabeirós (A Estrada-Pontevedra).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Tabeirós (A Estrada-Pontevedra) e non excedendo o número de recursos presentados e pendentes de resolver do seis por cento dos titulares das explotacións, nin representando os reclamantes máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisional dos novos predios, establecendo como data límite para esta o día 30 de setembro de 1997. A dita toma de posesión é obrigatoria para tódolos interesados e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei de concentración parcelaria para Galicia). No caso de que algún propietario non permita, no prazo indicado, a toma de posesión dos novos predios, será obxecto, logo de apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da devandita lei.

Os interesados poderán reclamar ante esta xefatura, sita na rúa Benito Corbal, 47-7º de Pontevedra, acompañando dictame pericial, sobre diferencias superiores ó dous por cento entre a cabida real dos novos predios e a que conste no expediente de concentración, no prazo de 30 días contados desde o día 1 de outubro de 1997 (artigo 46 de la Lei de concentración parcelaria de Galicia).

Para os efectos oportunos establécense os seguintes prazos de toma de posesión:

a) Labradío sen colleita pendente, prados e pastos: ata o día 30 de setembro de 1997.

b) Os restantes predios: no momento de seren retiradas as colleitas que estivesen pendentes de recolección no día antes citado.

c) En relación cos árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre contribuínte e adxudicatario. En caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de contribución no prazo de seis meses contados a partir do día 1 de outubro de 1997, logo de petición, á Xefatura do Servicio de Montes e Industrias Forestais, do preceptivo permiso e o informe favorable do Servicio de Medio Ambiente Natural, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no caso de ser especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo, enténdese que pertencen ó propietario do novo predio.

Pontevedra, 12 de agosto de 1997.

Miguel Ángel Pérez Dubois

Xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural de Pontevedra

6652