Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 1997 Páx. 9.090

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 1997, do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural de Pontevedra, pola que se anuncia a toma de posesión dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Santiso (Lalín-Pontevedra).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Santiso (Lalín-Pontevedra) e resoltos e notificados tódolos recursos de alzada interpostos contra o mencionado acordo, a Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisional dos novos predios, establecendo como data límite para esta o día 30 de setembro de 1997. A dita toma de posesión é obrigatoria para tódolos interesados e no caso de que algún propietario non permita, no prazo indicado, a toma de posesión dos novos predios, será obxecto, logo de apercibimento, de compulsión directa tal e como establece o artigo 45 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Os interesados poderán reclamar ante esta xefatura, sita na rúa Benito Corbal, 47-7º de Pontevedra, acompañando dictame pericial, sobre diferencias superiores ó dous por cento entre a cabida real dos novos predios e a que conste no expediente de concentración, no prazo de 30 días contados desde o día 1 de outubro de 1997 (artigo 46 de la Lei de concentración parcelaria de Galicia).

Para os efectos oportunos establécense os seguintes prazos de toma de posesión:

a) Labradío sen colleita pendente, prados e pastos: o día 30 de setembro de 1997.

b) Os restantes predios: no momento de seren retiradas as colleitas que estivesen pendentes de recolección no día antes citado.

c) En relación cos árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre contribuínte e adxudicatario. En caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de contribución no prazo de seis meses contados a partir do día 1 de outubro de 1997, logo de petición, á Xefatura do Servicio de Montes e Industrias Forestais, do preceptivo permiso e o informe favorable do Servicio de Medio Ambiente Natural, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no caso de ser especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo, enténdese que pertencen ó propietario do novo predio.

Pontevedra, 12 de agosto de 1997.

Miguel Ángel Pérez Dubois

Xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural de Pontevedra

6651