Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 1997 Páx. 9.089

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproban definitivamente os proxectos sectoriais dos parques eólicos Paxareiras I, Paxareiras II a e Coriscada, de incidencia supramunicipal.

En cumprimento do acordado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 5 de xuño de 1997, na que se declarou a incidencia supramunicipal dos proxectos de referencia e se designou a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente para a tramitación do expediente, esta Dirección Xeral de Industria, por Resolución do 10 de xuño de 1997 iniciou o trámite de información pública do acordo no Diario Oficial de Galicia, do 20 de xuño de 1997, cumprindo así mesmo o trámite de audiencia ás entidades locais mediante escrito

do 10 de xuño de 1997, achegando un exemplar do proxecto sectorial correspondente.

Analizadas as alegacións presentadas e considerando que un dos obxectivos prioritarios da política enerxética da Xunta de Galicia é a utilización racional da enerxía, en particular, o aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, de acordo tanto coas directrices da Unión Europea como do Plan Enerxético Nacional 1991-2000, é necesario o exercicio da competencia atribuída de forma exclusiva no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, de ordenación territorial, co obxecto de poder implanta-los parques eólicos mencionados de Paxareiras I, Paxareiras II a e Coriscada, utilizando para iso o mecanismo de proxecto sectorial de incidencia supramunicipal a que habilita a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Por iso, o Consello da Xunta de Galicia, ó abeiro do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete, adoptou o acordo do que se ordena a súa publicación.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

De acordo co establecido, o Consello da Xunta,

ACORDA:

Primeiro.-Aprobar definitivamente os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal seguintes:

-Parque eólico de Coriscada, nos concellos de Mañón e Ortigueira.

-Parque eólico Paxareiras I, nos concellos de Carnota, Mazaricos e Muros.

-Parque eólico Paxareiras II a, nos concellos de Carnota e Muros.

Segundo.-O planeamento dos concellos afectados queda vinculado ás determinacións contidas nos ditos proxectos sectoriais.

Terceiro.-Para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as obras necesarias para a execución dos proxectos.

6650