Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 11 de setembro de 1997 Páx. 9.000

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de agosto de 1997 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ó Parlamento de Galicia que se celebrarán o día 19 de outubro de 1997.

O Decreto 225/1997, do 25 de agosto, polo que se convocan eleccións ó Parlamento de Galicia, establece no seu artigo 2º a convocatoria dos ditos comicios para o próximo día 19 de outubro.

Por outra parte, a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, refírese no seu artigo 44 ás subvencións da Comunidade Autó

noma para gastos electorais, determinando no apartado número 4: «As cantidades mencionadas nos apartados anteriores refírense a pesetas constantes. A Consellería de Economía e Facenda fixará as cantidades actualizadas nos cinco días seguintes ó da convocatoria de eleccións».

Na súa virtude,

DISPOÑO:

As cantidades ás que se refire o artigo 44 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvencións de 2.304.000 pesetas por cada escano obtido.

2. Subvencións de 86 pesetas por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura, se un, polo menos, dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das subvencións ás que se refiren os apartados anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionaralles ós partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores os gastos ocasionados polo envío directo e persoal ós electores de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral a razón de 23 pesetas, por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ó Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por 69 pesetas o número de habitantes correspondente á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Non se incluirán dentro dos límites dos gastos electorais as candidaturas subvencionadas de acordo co disposto no apartado 3 anterior.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6816