Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 01 de setembro de 1997 Páx. 8.405

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 1997 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na súa escala auxiliar administrativa.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por Resolución do 16 de

setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade,

Este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co seu artigo 3 e), resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo, consonte as seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase concurso-oposición para cubrir 53 prazas, ás que se acumularán aqueloutras que a Xunta de Goberno desta universidade aprobe antes de que remate o proceso selectivo, polo sistema de promoción interna e sistema xeral de acceso libre, de acordo coa seguinte distribución:

a) O número total de vacantes reservadas a promoción interna ascende a 2 prazas.

b) O número total de vacantes reservadas ó sistema xeral de acceso libre ascende a 51 prazas.

c) Do total de prazas convocadas reservarase un 3 por 100, para seren cubertas por persoas con minusvalía cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33 por 100, de acordo coa disposición adicional décimo novena da Lei 23/1988, do 28 de xullo (BOE do 29), de modificación da Lei de medidas para a reforma da función pública.

d) As prazas sen cubrir das reservadas para promoción interna e para persoas con minusvalía, acumularanse ás de sistema xeral de acceso libre.

1.2. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.3. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre o resto de aspirantes para cubriren os postos que se ofertan.

1.4. As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto na presente convocatoria.

1.5. O proceso selectivo constará das seguintes fases: concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.6. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuaranse de acordo coa puntuación total obtida, sumadas ámbalas dúas fases.

1.7. As prazas convocadas sitúanse nas localidades de Ourense, Pontevedra e Vigo.

1.8. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán posuí-los seguintes

requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondente funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario de calquera das administración públicas, nin inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. No caso de nacionais dun estado estranxeiro non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu estado o acceso á función pública.

2.2. Os aspirantes concorrentes pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario de carreira dalgún dos corpos ou escalas do grupo E que, consonte o previsto no artigo 49.1º da Lei de reforma universitaria, presten servicios na Universidade de Vigo.

b) Estar destinado con carácter definitivo na Universidade de Vigo e acreditar unha antigüidade de, polo menos, dous anos de servicios efectivos prestados en corpos ou escalas do grupo E.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE).

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 5.735 ptas. e ingresaranse na conta corrente nº 2080-0000-74-0040225994, Universidade de

Vigo. Outros ingresos. (Caixavigo, O.P. de Vigo). Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 2, destinado a sistema de provisión, os aspirantes que participen polo sistema de promoción interna sinalarán a letra P. Os aspirantes que participen polo sistema xeral de acceso libre sinalarán a letra L.

b) Os aspirantes con minusvalidez, que desexen participar nas probas selectivas pola quenda de reserva de discapacitados, deberán indicalo no recadro nº 7 da solicitude, e expresando no recadro nº 8, as adaptacións de tempos e medios que, para a realización das probas, consideren necesarias.

c) No recadro nº 25, sinalarase o procesador de textos elixido para realiza-la primeira parte do terceiro exercicio.

3.6. Os erros de feito que puidesen advertirse, poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeran constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, publicada no rectorado, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio. Contra esta resolución, logo da comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa

emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

4.4. Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubrirán os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría cuarta das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da Universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusar ós membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros titulares ou suplentes. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicarse ó rector da Universidade de Vigo e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos aprobados pola orde do Ministerio da Presidencia do 18 de febreiro de 1985 (BOE do 22), ou calquera outro equivalente. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Oporto nº 1, teléfono 81 36 36.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra H, de conformidade coa resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 5 de maio de 1997 (DOG do 16).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrara o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de celebración deles e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superaran, o servicio de persoal expedirá, de oficio, certificacións acreditativas do tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase

de concurso, que, en ningún caso, poderán sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, de se-lo caso, na fase de concurso.

No caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisiti-lo empate, dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación no primeiro exercicio, e finalmente, o que obtivese a maior puntuación no segundo exercicio.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso, se é o caso, e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

b) Os aspirantes que accedan polo sistema de acceso xeral libre, declaración xurada ou promesa de non ter sido separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio da función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Os aspirantes que fixeran vale-la súa condición de minusválidos deberán presentar certificación dos órganos competentes da Comunidade Autónoma ou, de se-lo caso, do Ministerio de Asuntos Sociais, que acredite tal condición e igualmente deberán presentar certificación acreditativa da compatibilidade da minusvalidez co desempeño das funcións correspondentes.

8.2. Quen tivese a condición de funcionario de carreira estará exento de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento; deberán presentar

certificación do organismo do que dependan para acreditar tal condición.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser nomeados funcionarios de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento.

9.1. Concluído o proceso selectivo, aqueles que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira da escala auxiliar da Universidade de Vigo, con especificación do destino adxudicado, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión dos aspirantes que aprobasen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da data de publicación da devandita resolución de nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo,1 de agosto de 1997.

José Antonio Rodríguez Vázquez

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

EXERCICIOS E VALORACIÓN

A/ Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

1º exercicio.

Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido do programa que figura como anexo II.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Cada resposta errónea descontará 0,50 puntos.

Cualificarase de 0 a 100 puntos, sendo necesario obter 60 puntos para superalo.

Os aspirantes por promoción interna estarán exentos da realización deste exercicio.

2º exercicio.

Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 50 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, sobre un ou varios supostos teórico-prácticos, relacionados cos temas que figuran no anexo II, baixo os epígrafes:

-Procedemento administrativo.

-Xestión de persoal.

-Xestión universitaria.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Cada resposta errónea descontará 1 punto.

Cualificarase de 0 a 100 puntos, sendo necesario obter 50 puntos para superalo.

3º exercicio.

1ª parte: consistirá nunha proba práctica dirixida a apreciar e valora-la capacidade dos aspirantes para elaborar un documento escrito en idioma galego, mediante un de entre os seguintes procesadores de textos para Windows:

-Word 6.0.

-Wordperfect 6.0 a.

-Amipro 3.1.

O tribunal fixará antes de comeza-lo exercicio o tempo de realización.

Nesta proba valoraranse dous apartados:

a) Os coñecementos e capacidade dos aspirantes para a redacción e elaboración dun documento administrativo.

b) A habilidade no manexo do procesador de texto elixido.

Cada un dos apartados cualificarase de 0 a 50 puntos, sendo necesario para superar esta primeira parte, obter un total de 50 puntos entre os dous apartados.

2ª parte: consistirá na traducción sen diccionario dun texto de castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

Esta proba será cualificada de 0 a 50 puntos. Terá carácter obrigatorio e non eliminatorio.

B/ Fase de concurso.

Valorarase a razón de 1,4 puntos por mes completo, ata un máximo de 84 puntos o tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo como funcionario de carreira de corpos ou escalas do grupo de clasificación E, funcionario de emprego interino da escala auxiliar da Universidade de Vigo, e como persoal laboral contratado en postos de administración equivalentes á escala auxiliar, en tódolos casos sempre que percibiran as súas retribucións con cargo ás correspondentes consignacións orzamentarias do capítulo I do orzamento de gastos.

ANEXO II

PROGRAMA

-Organización administrativa.

1. Concepto de documento, rexistro e arquivo. Funcións do rexistro e do arquivo. Clases de arquivo. Especial consideración do arquivo de xestión. Análise documental: documentos oficiais. Formación do expediente. Documentación de apoio informático. Criterios de ordenación do arquivo. O arquivo como fonte de información: servicios de arquivo.

2. O concepto de informática. Desenvolvemento histórico. A información e o ordenador electrónico. Nocións sobre microordenadores. Elementos físicos. Sistema operativo. Programas de aplicación. A automatización de oficinas. Concepto e aplicacións. Sistemas físicos e lóxicos. O tratamento de textos. Arquivo e axenda electrónica. A folla electrónica de cálculo. Os gráficos de oficina e correo electrónico.

-Organización do estado.

3. A Constitución española de 1978: estructura e contido. Dereitos e deberes fundamentais. A súa garantía e suspensión. O Tribunal Constitucional. O Defensor do Pobo. A Coroa.

4. As Cortes Xerais: composición, atribucións e funcionamento. A elaboración das leis. Os tratados internacionais.

5. O Goberno e a Administración. O presidente do Goberno. O Consello de Ministros. Os ministros, secretarios de Estado e subsecretarios. Directores xerais. Órganos da Administración periférica.

6. A Comunidade Autónoma de Galicia (I). O Estatuto de Autonomía. As competencias da comunidade. O Parlamento. A Xunta de Galicia e o seu presidente.

7. A Comunidade Autónoma de Galicia (II). A Administración autonómica: organización e estructura das consellerías. A Función Pública de Galicia. Réxime xurídico do persoal funcionario. Acceso, provisión de postos de traballo, promoción, situacións administrativas.

-Procedemento administrativo.

8. As administracións públicas e as súas relacións. Órganos das administracións públicas, principios xerais e competencias. Órganos colexiados. Abstención e recusación. Normas xerais da actividade administrativa. Termos e prazos. Disposicións e actos administrativos. Dereitos dos cidadáns.

9. O procedemento administrativo: idea xeral da iniciación, ordenación, instrucción e remate. Os actos administrativos: concepto, elementos e clases. Requisitos de eficacia: nulidade, anulabilidade. O silencio administrativo. A revisión dos actos administrativos. Os recursos administrativos: concepto e clases.

-Xestión de persoal.

10. Réxime xurídico do persoal ó servicio das administracións públicas. Os funcionarios públicos: adquisición e perda da condición de funcionario. Situacións administrativas. Dereitos e deberes.

Incompatibilidades. Réxime disciplinario. O sistema de dereitos pasivos.

11. Clases e réxime xurídico do profesorado universitario. A Lei de incompatibilidades con especial referencia ó profesorado universitario.

12. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios. Réxime de Seguridade Social aplicable.

-Xestión universitaria.

13. As universidades: natureza xurídica. Os estatutos das universidades. Organización e estructura: centros, departamentos, institutos e colexios universitarios.

14. Órganos de goberno: rector, vicerrectores e secretario xeral. Decanos e directores. O xerente. Órganos colexiados. O Consello Social.

15. Os Estatutos da Universidade de Vigo. Natureza, fin e estructura da Universidade de Vigo.

16. Réxime do alumnado. Acceso e réxime académico. Expedición de títulos universitarios.

17. Réxime económico e financeiro da Universidade de Vigo: patrimonio, programación plurianual, orzamentos, xestión e control orzamentario nos estatutos da Universidade de Vigo.

ANEXO III

TRIBUNAL

-Titular.

Presidente: Andrés Ramón Trillo García, funcionario do corpo de letrados da Administración da Seguridade Social, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais: Juan Jesús García Coalla, funcionario da escala administrativa da Universidade de Vigo; María del Carmen Prieto Tobío, funcionaria da escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo, en representación da xunta de persoal funcionario de administración e servicios; José Ángel Veiro García, funcionario da escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo, en representación da xunta de persoal funcionario de administración e servicios.

Secretario: José Manuel Fernández Viña, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

-Suplente.

Presidente: Augusto Viso Alonso, funcionario da escala de economistas do AISS.

Vocais: Amalia Pérez Canabal, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Vigo; Horacio Antonio Villar Suárez, funcionario da escala auxiliar administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal funcionario de administración e servicios; Julio Fernández Cid, funcionario da escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo, en representación da xunta de persoal funcionario de administración e servicios.

Secretario: Jesús Bello Condide, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

6206