Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 27 de agosto de 1997 Páx. 8.242

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de panaderías de Ourense para o ano 1997.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de panaderías (código número 3200265) de Ourense para o ano 1997, con entrada nesta delegación provincial o día 26-6-1997, subscrito en representación da parte económica, pola Asociación de Empresarios de Panaderías de Ourense, e, da parte social, pola central sindical CIG, con lexitimidade suficiente para sinalo, en xuntanza celebrada o día 23-6-1997, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Convenios Colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións enconómica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 2 de xullo de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio de panaderías

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

No aspecto territorial o presente convenio afectará a todas as empresas situadas na provincia de Ourense, rexidas pola regulamentación nacional de panaderías, sen outra excepción que aquelas que se rixan por convenios colectivos de ámbito de empresa, sempre e cando estes sexan superiores globalmente ás do presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a totalidade do persoal que presta os seus servicios nas empresas encadradas na industria de panadería coa excepción seguinte:

o persoal que efectúe traballos de alta dirección ou alta xestión na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día do seu asinamento e os efectos enconómicos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 4º.-Duración.

A duración do presente convenio será ata o trinta e un de decembro de mil novecentos noventa e sete, prorrogado pola tácita reconducción sempre que non sexa denunciado de acordo cos preceptos legais, cun previo aviso de tres meses (artigo 85.2º.e, segundo o Estatuto dos traballadores). Á finalización deste convenio manterán a súa vixencia tódalas súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Serán 40 horas semanais, dispoñendo de 15 minutos durante a xornada de traballo para toma-lo bocadillo, que se contabilizarán como traballo efectivo.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 7º.-Táboa de retribucións que se aplicará desde o 1º de xaneiro ó 31 de decembro de 1997.

-Oficial de pa: 2.946 ptas. diarias.

-Oficial de masa: 2.869 ptas. diarias.

-Oficial de mesa: 2.816 ptas. diarias.

-Axudante: 2.742 ptas. diarias.

-Mordomo: 2.868 ptas. diarias.

-Portador de pan a despachos: 2.816 ptas. diarias.

-Repartidor de pan a domicilio: 2.647 ptas. diarias.

-Oficial administrativo: 91.366 ptas. mes.

-Chofer repartidor. 2.946 ptas. diarias (1).

(1) Enténdese por chofer repartidor aquel que se despraza a distintas poboacións.

(A) Aboaranse 5.275 ptas. nos meses traballados en concepto de servicio nocturno, sendo proporcional ós días traballados durante o mes.

(B) Aboaranse a cantidade de 1.715 ptas. nos meses traballados en concepto de gratificación de horarios. (Os apartados A e B son para efectos de persoal de elaboración).

(C) Os traballadores terán dereito a percibir 1 kg de pan diario, incluído os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidentes. O valor do kg de pan para efectos de cotización á Seguridade Social serán de 100 ptas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

De vencemento superior ó mes. As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo, así como a de San Honorato, serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cos seguintes conceptos: salario base, beneficios e antigüidade. Cada gratificación será o salario real que para cada categoría se establece no presente convenio.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos productores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións ó ano, cunha contía dunha mensualidade, a salario real.

As vacacións desfrutaranse 15 días continuos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro; os restantes días desfrutaranse segundo o disposto no Estatuto dos traballadores, artigo 38. As vacacións serán comunicadas con dous meses de antelación.

Artigo 10º.-Retribucións día de S. Honorato.

Aboaránselle a cada traballador-a 3.350 ptas. polo día de S. Honorato (16 de maio).

Non se considerará festivo o dito día a excepción de se o fose pola natureza do día.

Capítulo III

Outras disposicións

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

As empresas dotarán o seu persoal de roupa adecuada ó posto de traballo que desempeñen, a cal só poderá ser usada durante a xornada laboral.

As pezas de roupa serán entregadas unhas cando sexa asinado o convenio e as outras ós seis meses.

Se non fora entregada a roupa de traballo, aboaranse a razón de 500 ptas. mensuais, se ben será preceptivo a reclamación previa da roupa de traballo ante o SMAC.

Artigo 12º.-Período de proba.

Observarase o disposto na lexislación xeral vixente sobre esta materia.

Artigo 13º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base do presente convenio.

Artigo 14º.-Revisión salarial.

Os salarios que figuran no artigo 7º do presente convenio serán revisados anualmente conforme o índice de custo da vida publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

Nos supostos taxativamente previstos no artigo 37 do Estatuto dos traballadores e regulamentación nacional de traballo na panadería, o traballador percibirá durante a súa ausencia, dentro da marxe que para esta sinalan os ditos preceptos, o soldo real,

conforme a súa categoría no presente convenio. Os permisos por falecemento serán de catro días no caso de cónxuxe de tres días no caso de pais e fillos: no resto observarase o disposto na ordenanza.

Artigo 16º.-Atrasos.

Os atrasos pagaranse nunha mensualidade, que se fará efectiva no mes seguinte ó asinamento do convenio.

Artigo 17º.-Festivos.

Descansarase os domingos e festivos a excepción de dous, como máximo, que coincidan con festas locais ou tradicionais, sendo estes de elección da empresa, que llo comunicará ó traballador con dez días de antelación, tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 10/1988 (Lei de comercio de Galicia). Queda establecida neste convenio a total prohibición de venda, fabricación, distribución de pan, pans especiais e doces, quedando a obriga de peche dos seus establecementos ós domingos e días sinalados. Tanto a parte social como a económica teñen formada unha comisión de vixilancia que, a través dos seus representantes acreditados, denunciarán a todos aqueles industriais que infrinxan os acordos deste convenio á Consellería de Traballo, por medio das súas delegacións provinciais.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Co fin de fomenta-la vinculación coa respectiva empresa persoal que actúe na industria panadeira, establécense aumentos periódicos por tempo de servicio dentro da propia empresa para todo o persoal afectado polo convenio, nas seguintes proporcións: dous bienios do 5% e catro quinquenios do 10% sobre o salario base.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta composta por un presidente, dous vocais pola parte empresarial e dous pola parte social, cos seus respectivos suplentes. Serán elixidos os vocais entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 20º

A comisión á que se alude no artigo anterior impulsará de forma inmediata ante os organismos competentes a creación de cursos de formación profesional orientados á especialización dos traballadores do sector.

Artigo 21º.-ILT.

Os traballadores afectados polo presente convenio, no caso de accidente laboral ou enfermidade con hospitalización, serán remunerados normalmente ó 100% do seu salario normal desde o día da súa hospitalización, sendo por conta da empresa a diferencia entre a cantidade cobrada, segundo as disposicións da Seguridade Social, e o salario en situación de alta.

Tamén aboará a empresa o 100% do salario real no caso de enfermidade desde o 40 ao 300 día de baixa.

Artigo 22º.-Póliza de accidentes.

As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de falecemento ou incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo, incluídos os in itínere, que garante ó traballador accidentado ou ós seus habestes causa a percepción das seguintes indemnizacións:

-1.500.000 pesetas en caso de morte.

-1.500.000 pesetas en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

A referida póliza só abarcará os procesos iniciados a partir da súa vixencia e validez.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío.

Non obstante o exposto anteriormente, a indemnización que sexa percibida con cargo a contrato de seguro de accidente que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez exista resolución definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Os traballadores terán dereito a unha revisión médica anual.

Artigo 23º.-Premio de xubilación.

Todo traballador que se xubile antes dos 65 anos percibirá en concepto de gratificacións unha remuneración que se establece de acordo coas seguintes normas:

-De 10 a 15 anos de antigüidade: 20% da seguinte táboa.

-De 15 a 20 anos de antigüidade: 30% da seguinte táboa.

-De 20 a 25 anos de antigüidade: 40% da seguinte táboa.

Táboa.

Ós 60 anos: 6 mensualidades.

Ós 61 anos: 4 mensualidades.

Ós 62 anos: 3 mensualidades.

Ós 63 anos: 2 mensualidades.

Ós 64 anos: 1 mensualidade.

Artigo 24º

Interromperanse as vacacións cando, por causa de enfermidade ou accidente, sexa necesaria a hospitalización do traballador, sendo a súa interrupción polo tempo que dure a hospitalización.

Artigo 25º.-Definición de categorías profesionais.

A.-Oficial de pa: será aquel traballador que verificará as funcións inherentes á cocción, comezando

pola posta a punto do forno para o afornamento do pan, a realización deste, coidado dos aparellos necesarios para o labor forneiro así como o funcionamento das caldeiras de vapor e contidos necesarios.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de pa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos oito anos.

B.-Oficial de masa: é o traballador que ten o seu cargo os traballos de amasado e preparación de levaduras, coidando así mesmo de vixia-lo bo funcionamento e estado das amasadoras, efectuando a limpeza ou encargando de que o verifiquen axudantes ou aprendices baixo a súa vixilancia.

Adquirirán a categoría profesional de oficiais de mesa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos seis anos.

C.-Oficial de mesa: e o traballador que ten como función primordial o tinxido ou confección de pezas de pan, entabado delas, así como a división cando se utilicen ou non procedementos mecánicos de división.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de mesa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos tres anos.

D.-Axudante: é o traballador que acredita a súa suficiencia, pasados dous anos como mínimo de aprendiz na industria, e ten o cometido de auxiliar indistintamento o oficial de pa, o de mesa ou nos labores de confección de pezas, para alcanzar unha perfección nos seus coñecementos que lle permitan ocupar postos de categoría superior.

Os traballadores anteriormente mencionados no momento en que os seus cometidos propios llelo permitan, axudarán os traballadores encargados da confección das pezas de pan, entabado destes e aseo da panadería.

Adquirirán a condición de axudantes os traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos dous anos.

E.-Peón: é o traballador maior de 20 anos encargado de efectua-las labores para os que se require predominantemente a achega de esforzo físico, como traslado e carrexo de fariña, amoreado desta, leña, carbón e ocupacións similares.

Artigo 26º.-Mobilidade funcional.

Con independencia da adquisición da categoría profesional polo transcurso do tempo sinalado no artigo anterior, todo traballador terá dereito ó ascenso a unha categoría superior, se como consecuencia da mobilidade funcional, este viñese realizando funcións de categoría superior ás da súa categoría profesional, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos; neste caso, o traballador ascenderá automaticamente á categoría profesional correspondente ó traballo que viñese realizando no dito período, tal e como sinala o artigo 39 do texto refundido da Lei do Estatuto

dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

A empresa poderá encomendarlles ós seus traballadores a realización de cometidos de categoría profesional inferior á súa por razóns técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa realización, tal e como se sinala igualmente no artigo 39 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Disposición transitoria

Será nulo calquera pacto producido no ámbito de aplicación deste convenio que non respecte os mínimos garantidos con carácter xeral no seu réxime salarial.

Disposición derradeira

No non previsto neste convenio, observarase o disposto na disposicións de xeral aplicación.

6566