Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 27 de agosto de 1997 Páx. 8.237

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 8 de xullo de 1997 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a mellora da competitividade do sector téxtil e da confección, así como para a súa diversificación.

Durante os últimos anos, o escenario económico internacional relacionado co sector téxtil sufriu profundas alteracións, principalmente pola intensificación da competencia, o incremento no coñecemento e esixencias dos consumidores e a necesidade de incrementar mercados, o que induciu a unha mellora de competitividade constante nas empresas do sector, ou a unha diversificación das actividades deste, tanto desde o punto de vista da empresa como social e económico no caso de zonas de alta dependencia.

Criterios tales como a cooperación interempresarial, a modernización da xestión, a calidade e o servicio marcan, principalmente, o grao de diferenciación nos mercados actuais, que se caracterizan por seren tremendamente competitivos.

En tal sentido, a Comisión Europea impulsou a iniciativa RETEX, ó observar que o sector téxtil e da confección da Comunidade debía afronta-los rigores desta competencia urxente co obxecto de acelera-la adaptación daquel á nova conxuntura.

Así, RETEX intervén onde pode satisface-las necesidades, sobre todo no ámbito dos coñecementos específicos e os recursos humanos, é dicir, o soporte lóxico, do cal o desenvolvemento leva consigo a asistencia ás empresas co fin de optimiza-los métodos organizativos, a cooperación e as tecnoloxías.

Galicia é unha das rexións encadradas dentro das rexións-obxectivo que poden beneficiarse desta iniciativa para facilita-la adaptación e a diversificación da actividade económica, e así poder competir con garantías dentro do novo contexto económico globalizado.

Coa intención de continuar co desenvolvemento desta iniciativa, é obxecto da presente orde regular aquelas actuacións levadas a cabo polas empresas que contribúan dunha forma máis eficaz á consecución dos obxectivos fixados por esa iniciativa.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria, 08.02.731-A.771.0 plan RETEX, integrado por fondos propios da Comunidade Autónoma que cofinancia fondos FEDER extramarco, convócanse axudas para a realización de proxectos ou actuacións vinculadas ó sector téxtil e da confección, así como das destinadas á diversificación daquel en zonas de alta dependencia.

Artigo 2º

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas por esta orde as empresas individuais, agrupacións de empresas baixo calquera fórmula de colaboración empresarial, asociacións empresariais ou entidades sen ánimo de lucro, que teñan radicado o seu centro de actividade ou algún centro de traballo en zona elixible segundo a normativa reguladora do RETEX. Para tal obxecto, terán a consideración de zonas elixibles as seguintes:

-Provincia da Coruña.

-Provincia de Ourense.

-Na provincia de Pontevedra os seguintes Concellos: Vila de Cruces, Agolada, Lalín, Silleda, A Estrada, Pontecesures, Valga, Cuntis, Catoira, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Portas, Barro, Ribadumia, Cambados, Meis, Poio, Pontevedra, Meaño, Sanxenxo, Marín, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas, Suotomaior, Redondela, Vigo, Mos e O Porriño.

Artigo 3º

Dada a tipoloxía específica dos proxectos ou actuacións e a planificación temporal para o seu desenvolvemento, no caso de proxectos ou actuacións plurianuais (que de acordo co seu prazo de execución abranguen as anualidades de 1997 e 1998) poderán establecerse os correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 4º

As axudas van destinadas a aqueles proxectos que teñan como finalidade algunha das accións indicadas nos puntos seguintes:

a) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a mellora dos coñecementos técnicos. A título orientativo, o asesoramento poderá referirse á realización de:

-Estudios de coñecemento e análise prospectiva de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking).

-Estudios e implantación de técnicas de xestión empresarial encamiñadas a aumenta-la eficacia nos procesos xa implantados.

-Implantación de sistemas de estratexia empresarial das empresas ou para o fortalecemento da estructura de talleres (mellora do potencial de xestión, aumento da flexibilidade e eficacia, consecución de niveis de fiabilidade en calidade e servicio, etc.).

-Realización de diagnósticos e auditorías de deseño, proxectos encamiñados á incorporación, desenvolvemento e integración das tecnoloxías de deseño nas actividades empresariais e de deseño gráfico (contido no ámbito de creación dunha imaxe corporativa da empresa).

-Actuacións vinculadas á mellora dos sistemas de xestión de calidade ou dos seus procedementos, den

tro de procesos sistemáticos de mellora continua, así como de procesos de certificación de empresas.

-Realización de auditorías tecnolóxicas e estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial.

b) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a realización de actuacións desenvolvidas por asociacións empresariais ou de execución de proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres empresas) coa finalidade de:

-Mellora dos coñecementos técnicos nos devanditos epígrafes da letra a).

-Difusión acelerada de métodos de producción innovadores e novas formas de organización.

-Fortalecemento dos vínculos entre as empresas e os seus subministradores e clientes, co obxecto de responder ás novas esixencias de flexibilidade e calidade.

-Mellora da información sobre as tendencias do mercado en relación coas medidas de apoio ó deseño, á calidade e á comercialización.

-Creación, por asociacións empresariais, de redes de contacto con outros lugares do Estado e coa Comunidade Europea en relación coas medidas antes ditas.

-Accións de formación profesional mediante a execución de programas globais.

-Análise e implantación de estratexias de exportación.

-Análise do mercado para a estructuración de coleccións.

-Diagnósticos e implantación de melloras da competitividade e custos.

-Análise e implantación de estratexias de aprovisionamento competitivo.

c) Custo de adquisición de hardware e software para o seu emprego específico no deseño asistido por ordenador (CAD).

Artigo 5º

As axudas poderán alcanzar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable.

Artigo 6º

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas terase en conta a súa contribución ó desenvolvento local, o seu efecto multiplicador e a tipoloxía específica do proxecto ou actuación contida no artigo 4º da presente orde (sendo preferentes, en caso de concordancia, a execución de proxectos concertados). Non obstante, non serán subvencionables aqueles proxectos ou actuacións que, a xuízo da Consellería de Industria e Comercio, teñan un nivel técnico insuficiente.

Artigo 7º

As solicitudes, dirixidas ó Conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das dele

gacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e ata o día 15 de setembro de 1997, ambos inclusive.

Artigo 8º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo modelo que figura no anexo I desta orde, xuntando a seguinte documentación:

-Memoria-presentación da empresa.

-Memoria técnica explicativa do alcance do proxecto e/ou actuación que se vai desenvolver.

-Orzamento detallado do investimento.

-Prazo de execución do investimento, de acordo coas anualidades previstas para a súa execución.

-Certificado expedido pola delegación provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

-Copia compulsada do NIF/CIF e de estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de que non ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e declaración de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Así mesmo, e co fin de poder face-la Consellería de Industria e Comercio o control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse debidamente o anexo II da presente orde segundo o tipo de actuación que se vaia desenvolver e presentarase o devandito anexo por triplicado exemplar xunto coa solicitude.

Artigo 9º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 10º

Examinada a documentación, e tralo informe técnico correspondente, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión

de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de corenta e cinco días desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 11º

Para xustifica-lo investimento subvencionado, a empresa ou entidade beneficiaria deberá achega-la documentación acreditativa da realización dos proxectos ou actuacións previstas para a presente anualidade antes do día 15 de novembro de 1997 e, antes do 15 de novembro de 1998 a correspondente ós compromisos plurianuais xustificando os gastos que se leven a cabo durante o ano 1998.

A presentación da devandita documentación realizarase na respectiva delegación provincial ou nos Servicios Centrais da Consellería de Industria e Comercio, consistente nunha memoria na que se detallen os investimentos realizados xuntando os respectivos xustificantes, así como cualquera outros incluídos na resolución particular de concesión.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección que se realizou o investimento, o proxecto ou actuación correspondente.

Artigo 12º

Para o libramento e posterior pagamento da subvención, unirase a documentación que se sinala no artigo anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma y de estar ó corrente no imposto sobre actividades económicas. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Industria co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións desenvolvidas.

Artigo 13º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda poderá reducirse proporcionalmente.

Artigo 14º

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do proxecto ou a súa implicación

con outros procesos e procedementos realizados ou que se vaian realizar, se varíe o contido específico da tipoloxía de investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá previamente comunica-los correspondentes cambios solicitando a conformidade coa Consellería de Industria e Comercio. Para tal efecto, facúltase a Dirección Xeral de Industria para a súa aceptación expresa se as devanditas modificacións non alteran significativamente o obxectivo inicial do proxecto.

Artigo 15º

Cando, por concorrencia de subvencións e axudas, o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995 do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 16º

No caso de que o beneficiario da subvención incumplirse algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá, tralo correspondente expediente, o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos sopostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ganancias de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 17º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 18º

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1996, de 30 do decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 e Lei 30/1992, do 26 do novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación específica do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5518